Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61-Bis Venres, 27 de marzo de 2020 Páx. 17476

I. Disposicións xerais

Consellería de Facenda

ORDE do 27 de marzo de 2020 pola que se adoptan medidas excepcionais e temporais relativas á presentación de declaracións e autoliquidacións e ao pagamento de determinados impostos xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia.

Conforme os artigos 48.2, 49.2 e 50.2 da Lei 22/2009, do 18 de decembro, pola que se regula o sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con estatuto de autonomía e se modifican determinadas normas tributarias, así como o disposto na Lei 17/2010, do 16 de xullo, do réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia e de fixación do alcance e condicións da devandita cesión, a Comunidade Autónoma galega ten competencia normativa para regular os aspectos de xestión, liquidación e aplicación dos impostos sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, sobre sucesións e doazóns e dos tributos cedidos sobre o xogo. En coherencia co anterior e en relación con estes tributos cedidos, os artigos 21.4, 30 e 31 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, habilitan a consellería competente en materia de facenda para determinar, mediante orde, os prazos de presentación das declaracións, autoliquidacións e documentación complementaria, así como o ingreso da débeda tributaria autoliquidada. Dos ditos preceptos resulta que a competencia para a fixación de tales prazos, a través dunha regulación xeral de desenvolvemento dos preceptos citados, no eido da Comunidade Autónoma de Galicia, corresponde á persoa titular da consellería competente en materia de facenda. Non obstante, tal desenvolvemento normativo, no aspecto indicado, só se produciu na actualidade respecto de determinados tributos cedidos sobre o xogo, aplicándose, en consecuencia, e como regulación de carácter xeral para os restantes casos, a correspondente normativa estatal de cada tributo.

Como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19, o 13 de marzo de 2020, o Consello da Xunta de Galicia acordou a declaración de situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, e en virtude do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, o Estado declarou o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, por un período inicial de quince días naturais.

A incidencia do coronavirus COVID-19 obriga a adoptar determinadas medidas de continxencia dirixidas á prevención e á protección da saúde tanto do persoal ao servizo da Administración tributaria como dos contribuíntes, sendo necesario atopar un equilibrio entre a estrita atención ás medidas de protección da saúde pública e o cumprimento por parte da cidadanía das súas obrigacións tributarias.

Con esta finalidade, adóptanse a través desta orde medidas, de carácter excepcional e vixencia temporalmente limitada, en relación cos prazos de cumprimento das obrigacións tributarias relativas á presentación de declaracións ou autoliquidacións e ao ingreso da débeda tributaria autoliquidada dos impostos sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, sobre sucesións e doazóns e dos tributos cedidos sobre o xogo cuxa xestión compete á Comunidade Autónoma galega. En concreto, os prazos indicados que, conforme a normativa reguladora dos tributos, finalicen no período comprendido entre a data de entrada en vigor desta orde e a data en que se levante o estado de alarma declarado polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, veranse ampliados ata o 30 de xuño de 2020 ou, no caso de que nesta última data non se tivese levantado o estado de alarma, ata que transcorra un mes contado desde a data de finalización do estado de alarma. Neste último caso, se no mes de vencemento non existe día equivalente ao de finalización do estado de alarma, o prazo rematará o primeiro día hábil seguinte.

Xunto a iso, e tendo en conta que as dificultades de cumprimento das obrigacións tributarias que xustifican as medidas previstas nesta orde e que son alleas á vontade das persoas obrigadas tributarias existiron desde o comezo de vixencia da declaración de estado de alarma, prevese que, cando o día final do cómputo dos prazos de presentación das declaracións ou autoliquidacións e de ingreso da débeda autoliquidada, conforme a normativa do respectivo tributo, estea comprendido entre o 14 de marzo de 2020 e a data de entrada en vigor desta orde, as persoas obrigadas tributarias disporán ata o 30 de xuño de 2020 ou, no caso de que na dita data non tivese finalizado o estado de alarma, ata que transcorra un mes contado desde a data de finalización do estado de alarma, para cumprir coas ditas obrigas tributarias. Neste último caso, se no mes de vencemento non existe día equivalente ao de finalización do estado de alarma, o prazo rematará o primeiro día hábil seguinte.

A competencia para ditar esta orde deriva, por unha banda, da competencia normativa autonómica antes citada e, por outra banda, por ser a fixación dos prazos a que se refire unha materia de competencia material da persoa titular Consellería de Facenda, tal e como se infire dos preceptos do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos, aos cales antes se aludiu, pois se tales preceptos habilitan para o desenvolvemento normativo do texto refundido neste aspecto, cabe entender que a mesma competencia rexerá para o establecemento dunha regra, excepcional e temporal, relativa a tales prazos, así como do Decreto 30/2017, do 30 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda.

En canto á estrutura da orde, esta consta dun artigo único, no cal se recollen as medidas excepcionais necesarias, e unha disposición derradeira relativa á inmediata entrada en vigor da disposición, tendo en conta as razóns de urxencia concorrentes.

A tramitación da presente orde axustouse ás previsións da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, aínda que, tendo en conta a evidente urxencia e a concorrencia das graves razóns de interese público que demandan a adopción desta disposición, ante a situación de emerxencia creada pola evolución e expansión do coronavirus, prescindiuse dos trámites de consulta pública previa, audiencia e información pública, de conformidade co disposto no artigo 41.2 e 42.5 da devandita lei.

En atención ao exposto, a presente orde axústase aos principios de boa regulación do artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Así, en cumprimento dos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, transparencia e eficiencia, identificanse os obxectivos perseguidos e as razóns de interese xeral ás cales atende a regulación e establécense as medidas axeitadas para atender tales obxectivos e razóns sen impoñer novas obrigas ou medidas restritivas á cidadanía, sendo pola contra a finalidade da regulación a de posibilitar o cumprimento de determinas obrigas tributarias. Ademais, en cumprimento do principio de seguridade xurídica, configúrase unha regulación excepcional e de vixencia temporal necesaria para facer fronte á situación derivada da declaración do estado de alarma.

En consecuencia, de acordo coa competencia establecida no artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Medidas excepcionais e temporais en relación cos prazos para a presentación de declaracións e autoliquidacións e para o pagamento de determinados impostos

1. Os prazos para a presentación de declaracións e autoliquidacións e para o ingreso da débeda tributaria autoliquidada dos impostos sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, sobre sucesións e doazóns e dos tributos cedidos sobre o xogo, cuxa xestión corresponda á Comunidade Autónoma galega e que, conforme a normativa reguladora do correspondente tributo, finalicen no período comprendido entre a data de entrada en vigor desta orde e a data en que se levante o estado de alarma, declarado polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, amplíanse ata o 30 de xuño do 2020, ou, se o estado de alarma finaliza con posterioridade a esta última data, ata que transcorra un mes contado desde a data de finalización do dito estado de alarma. Neste último caso, se no mes de vencemento non existe día equivalente ao de finalización do estado de alarma, o prazo rematará o primeiro día hábil seguinte.

2. Cando o día final do cómputo dos prazos de presentación das declaracións ou autoliquidacións e de ingreso da débeda autoliquidada dos impostos citados no número anterior, conforme a normativa do respectivo tributo, estea comprendido entre o 14 de marzo de 2020 e a data de entrada en vigor desta orde, as persoas obrigadas tributarias poderán cumprir coas ditas obrigas ata o 30 de xuño do 2020, ou, se o estado de alarma finaliza con posterioridade a esta última data, ata que transcorra un mes contado desde a data de finalización do dito estado de alarma. Neste último caso, se no mes de vencemento non existe día equivalente ao de finalización do estado de alarma, o prazo rematará o primeiro día hábil seguinte.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entra en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2020

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda