Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61-Bis Venres, 27 de marzo de 2020 Páx. 17472

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 27 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 27 de marzo de 2020, sobre o mantemento da vixencia das medidas preventivas adoptadas na Comunidade Autónoma de Galicia en materia de saúde pública polos acordos do Consello da Xunta de Galicia do 12 e do 13 de marzo de 2020, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vinte e sete de marzo de dous mil vinte, adoptou o seguinte acordo:

«Acordo sobre o mantemento da vixencia das medidas preventivas adoptadas na Comunidade Autónoma de Galicia en materia de saúde pública polos acordos do Consello da Xunta de Galicia do 12 e do 13 de marzo de 2020, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

Mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de marzo de 2020, adóptanse medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

En concreto, neste acordo adóptanse, no seu punto primeiro, unha serie de medidas preventivas en relación con:

– Actividades deportivas.

– Servizos sociais.

– No eido educativo.

– No eido universitario.

– Prácticas nos centros sanitarios situados na Comunidade Autónoma de Galicia.

– Formación dependente doutros órganos da Administración autonómica.

– Medidas no eido do transporte público.

– Equipamentos culturais.

– Espectáculos públicos e actividades recreativas (actividades de lecer, culturais e similares).

– Albergues de peregrinos.

– En materia de emprego.

– Na área de comercio e consumo.

– En materia de espazos naturais e

– Outras medidas de carácter xeral e de protección de colectivos específicos.

No punto terceiro do dito acordo, relativo á súa vixencia, dispúxose que:

«As medidas previstas no punto primeiro do presente acordo terán unha vixencia de 14 días naturais, sen prexuízo da súa prórroga e revisión transcorrido o prazo inicialmente previsto».

Así mesmo, no Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020 declarouse a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e activouse o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

Neste acordo adoptáronse unha serie de medidas adicionais ás previstas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de marzo de 2020, tendo en conta a evolución da situación.

Entre estas medidas inclúese:

– A suspensión da actividade de todos os establecementos de espectáculos públicos e actividades recreativas incluídos no anexo do Decreto 124/2019, do 5 de setembro, polo que se aproba o Catálogo de espectáculos públicos e actividades recreativas e establecementos abertos ao público da Comunidade Autónoma de Galicia e se establecen determinadas disposicións xerais de aplicación na materia, con previsións específicas respecto do peche de establecementos de restauración, como cafetarías, bares e restaurantes.

– A suspensión da actividade comercial retallista en todo o territorio da Comunidade Autónoma, a excepción dos establecementos comerciais retallistas de alimentación e produtos e bens de primeira necesidade recollidos no acordo.

– A suspensión da actividade dos establecementos balnearios regulados na Lei 5/1995, do 7 de xuño, de regulación das augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia, así como a dos espazos termais e piscinas termais de uso lúdico, reguladas na Lei 8/2019, do 23 de decembro, de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia.

– A suspensión da actividade dos albergues de peregrinos da rede pública da Xunta de Galicia.

– Determinadas medidas en relación con edificios de culto, tanatorios ou calquera instalación asimilada, e cortexos fúnebres.

A duración inicial destas medidas era de 14 días naturais, contados desde a publicación do acordo no Diario Oficial de Galicia.

No punto cuarto do dito acordo habilitouse ao Centro de Coordinación Operativa (Cecop) previsto no propio acordo para revisar ou adaptar ás circunstancias as previsións establecidas nel. Con base nesta habilitación o Cecop adoptou acordos de revisión e adaptación das medidas acordadas.

Cómpre salientar que tales medidas teñen o seu fundamento, como se indica expresamente nos referidos acordos, na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; na Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; na Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública; na Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e na Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia.

O 14 de marzo de 2020 publicouse no Boletín Oficial del Estado o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. A dita declaración, que afecta todo o territorio nacional, ten unha duración inicial de 15 días naturais, ben que o Pleno do Congreso dos Deputados autorizou o mércores, 25 de marzo, a prórroga do estado de alarma ata as 00.00 horas do domingo 12 abril.

Entre as medidas que contén o dito real decreto recóllense moitas das adoptadas pola Comunidade Autónoma de Galicia nos acordos citados. Ademais, conforme a disposición derradeira primeira, mantense a vixencia das medidas adoptadas polas autoridades competentes das comunidades autónomas que resulten compatibles co disposto no dito real decreto.

Con posterioridade, foron ditadas, en desenvolvemento e aplicación do dito real decreto, diversas ordes e instrucións por parte da Administración estatal e tamén pola Administración autonómica.

Neste contexto, resulta conveniente, para a necesaria seguridade xurídica e co fin de evitar dúbidas interpretativas, declarar expresamente o mantemento da vixencia das medidas adoptadas, no ámbito de la Comunidade Autónoma, polos acordos do Consello da Xunta do 12 e do 13 de marzo de 2020, no que sexa compatible e non se opoña ao disposto no Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, e na normativa e actos, tanto estatais como autonómicos, ditados no seu desenvolvemento e aplicación.

En virtude do exposto,

ACÓRDASE:

O mantemento da vixencia das medidas preventivas adoptadas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de saúde pública polos acordos do Consello da Xunta de Galicia do 12 e do 13 de marzo de 2020, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19, mentres estea vixente a declaración do estado de alarma efectuada polo Goberno do Estado e a situación de emerxencia sanitaria declarada por acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020, no que resulte compatible e non se opoña ao previsto no Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, e na normativa e actos estatais e autonómicos ditados no desenvolvemento e aplicación do dito real decreto».

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2020

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza