Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114-Bis Venres, 12 de xuño de 2020 Páx. 23399

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 11 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas económicas ás familias de persoas usuarias de centros de atención diúrna de persoas maiores e con discapacidade durante a situación de suspensión deste servizo como consecuencia do COVID-19, a través do Bono coidado extraordinario á dependencia (código de procedemento BS900B).

O Estatuto de autonomía de Galicia declara no seu artigo 27 a competencia exclusiva da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de asistencia social.

Pola súa banda, o Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo (DOG núm. 182, do 24 de setembro), establece entre os servizos destinados ás persoas con dependencia o servizo de atención diúrna.

Segundo a Orde do 18 de abril de 1996 no relativo á regulación das condicións e requisitos específicos que deben cumprir centros de atención a persoas maiores, e a Orde do 25 de xuño de 2008 pola que se regulan os requisitos específicos que deben cumprir os centros de día e as unidades de atención social para persoas que padecen alzheimer e outras demencias, estes son equipamentos destinados á atención diúrna de persoas maiores con perda da súa autonomía que residindo nos seus propios fogares precisen dunha serie de coidados e atencións de carácter persoal, terapéutico ou social.

Pola súa banda, os centros de atención diúrna de discapacidade recóllense na Orde do 18 de agosto de 2000 pola que se aproba o Estatuto básico dos centros de servizos sociais da Comunidade Autónoma de Galicia, configurándose como aqueles centros que procuran servizos específicos de apoio preventivo, oferta especializada de recursos e actividades rehabilitadoras a persoas maiores de 16 anos con distintos grados de discapacidade.

Estas normas manteñen a súa vixencia tras a aprobación do Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo.

A implantación destes servizos obedeceu á necesidade de dar resposta ás situacións familiares nas que é preciso optar por servizos en establecementos especializados na atención a persoas maiores dependentes e/ou discapacidade, sen recorrer a outros equipamentos de carácter residencial. Estes servizos en establecementos de atención diúrna estanse configurando como recuso óptimo para as familias como medio básico na conciliación da vida laboral e familiar.

O 11 de marzo de 2020, a Organización Mundial da Saúde elevou a situación de emerxencia de saúde pública ocasionada polo COVID-19 á categoría de pandemia internacional.

Na Comunidade Autónoma de Galicia, por Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de marzo de 2020, adoptáronse medidas preventivas en materia de saúde pública que foron seguidas da declaración, polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020, da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e de activación do Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

Mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, publicado no BOE núm. 67, do 14 de marzo, declarouse o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

No que se refire especificamente ao ámbito social, o punto 1.b) do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de marzo de 2020 prevé a adopción, entre outras, da medida de suspensión de toda a actividade dos centros de día de persoas maiores e con discapacidade e dos centros ocupacionais.

Por Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 27 de marzo de 2020 mantense a vixencia das medidas preventivas adoptadas na Comunidade Autónoma de Galicia en materia de saúde pública polos acordos do Consello da Xunta de Galicia do 12 e do 13 de marzo de 2020, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus, mentres estea vixente a declaración do estado de alarma efectuada polo Goberno do Estado e a situación de emerxencia sanitaria.

Como consecuencia da devandita suspensión da actividade destes centros de atención diúrna, as persoas usuarias dos mesmos e as súas familias vense obrigadas a recorrer a outros recursos como é a contratación ou ampliación de xornada dunha persoa coidadora, o servizo de axuda no fogar, ou a solicitude dunha excedencia ou redución de xornada para poder coidar no domicilio á persoa usuaria do centro. Isto está a supoñer un importante custe económico derivado da contratación destes servizos, que se está a estender no tempo dada a duración da suspensión da actividade dos centros. Asemade cómpre ter en conta que as persoas usuarias destes centros son en moitos casos persoas con alto nivel de dependencia e/ou discapacidade que precisan a axuda de terceira persoa para a realización das actividades básicas da vida diaria, polo que son especialmente vulnerables ante o peche destes centros. Por outra banda e ante a suspensión das actividades destes centros, resulta de especial importancia que se lles sigan prestando terapias e servizos especializados de estimulación física e/ou cognitiva, co fin de evitar o deterioro físico e cognitivo que poden sufrir pola falta destes servizos que se lles prestan nos centros.

Polo exposto a través desta orde preténdese axudar ás familias con persoas usuarias de centros de atención diúrna para persoas maiores e/ou con discapacidade da Comunidade Autónoma de Galicia cuxas actividades están suspendidas por mor do COVID-19, a través da actividade de fomento e mediante o outorgamento de incentivos en forma de axudas económicas para a súa atención no domicilio, e para que se lle presten servizos especializados de estimulación física e/ou cognitiva para paliar os efectos adversos que poida causar a non asistencia aos centros.

Esta resolución axústase ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. A presente orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión dunha liña de axudas económicas para os gastos derivados da contratación dun servizo de axuda no fogar, para a contratación ou ampliación de xornada de persoas coidadoras ou para paliar a diminución de ingresos por acollerse a unha excedencia ou redución de xornada para atender no domicilio ás persoas usuarias de centros de día de persoas maiores e de centros de día específicos de alzheimer, e de centros de día e ocupacionais de persoas con discapacidade, e para a contratación de servizos de estimulación física e/ou cognitiva a estas persoas, toda vez que a actividade destes centros está suspendida pola situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 (código de procedemento BS900B).

2. Así pois, para facilitar a atención das persoas usuarias destes centros no seu domicilio e para a prestación dos servizos de estimulación física e cognitiva, o obxecto desta orde defínese a través da concesión de axudas económicas para os seguintes gastos:

a) Modalidade de contratación dun servizo de axuda no fogar, de gastos derivados da contratación ou ampliación de xornada de persoas coidadoras, e de compensación pola diminución de ingresos por acollerse a unha excedencia ou redución de xornada, nas condicións detalladas no artigo 3.1.

b) Modalidade de contratación de servizos de estimulación física e/ou cognitiva, nas condicións detalladas no artigo 3.2.

As dúas modalidades son compatibles, isto é, as persoas beneficiarias poden solicitar una delas ou as dúas.

3. O outorgamento das axudas a que se refire esta orde realízase baseándose nas previsións do artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e baixo os principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

Artigo 2. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas familiares que subscriban un contrato para a prestación do servizo de axuda no fogar ou un contrato ou ampliación doutro existente cunha persoa coidadora, ou que soliciten unha excedencia ou redución de xornada para atender ás persoas usuarias de centros de día de maiores e de centros de día específicos de alzheimer, e de centros de día ou ocupacionais de persoas con discapacidade, autorizados e inscritos no RUEPSS, cuxa actividade está suspendida segundo o disposto no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de marzo de 2020, polo que se adoptan as medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19; ou para a contratación de servizos de estimulación física e/ou cognitiva a estas persoas.

Artigo 3. Tipo e importe das axudas

1. As axudas económicas para a contratación dun servizo de axuda no fogar ou de contratación ou ampliación de xornada de persoas coidadoras, así como por acollerse a unha excedencia ou redución de xornada, consistirán nunha compensación polo custo derivado de dita contratación ou ampliación de xornada, durante o tempo de suspensión da actividade do centro de día ou ocupacional ao que viña acudindo a persoa usuaria como consecuencia das medidas adoptadas pola pandemia do COVID-19. A axuda terá un importe máximo de 500,00 euros mensuais para sufragar este custo.

A contratación dun servizo de axuda no fogar, deberá realizarse cunha entidade inscrita no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) que teña autorizado un programa de axuda no fogar.

2. As axudas económicas para a contratación de servizos de estimulación física e/ou cognitiva, consistirán nunha compensación polo custo derivado da dita contratación, durante o tempo de suspensión da actividade do centro de día ou ocupacional ao que acudía a persoa usuaria como consecuencia das medidas adoptadas pola pandemia do COVID-19. Entre estes servizos están os de rehabilitación funcional, fisioterapia, logopedia, terapia ocupacional, estimulación cognitiva, estimulación sensorial, atención psicomotriz, atención psicolóxica, atención neuropsicolóxica, atención psiquiátrica, rehabilitación psicosocial ou atención pedagóxica. A axuda terá un importe máximo de 100,00 euros mensuais para sufragar o custo dos servizos a prestar.

A entidade prestadora destes servizos deberá estar inscrita no RUEPSS.

3. A través desta orde compensarase o custo sinalado anteriormente dende a suspensión da actividade dos centros acordada polo Consello da Xunta de Galicia, que comezou o día 16 de marzo de 2020, e ata que se levante a devandita suspensión.

Artigo 4. Crédito orzamentario

1. Para a concesión das axudas establecidas nesta orde destinaranse un total de 11.800.000,00 euros que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 13.04.312E.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, segundo o seguinte reparto:

• 10.800.000,00 euros para a modalidade de contratación dun servizo de axuda no fogar, de contratación ou ampliación de xornada de persoas coidadoras, e de compensación por acollerse a unha excedencia ou redución de xornada.

• 1.000.000,00 euros para a modalidade de contratación de servizos de estimulación física e ou cognitiva.

2. O crédito final resultante destinado a estas axudas poderase incrementar no suposto de que sexa insuficiente para atender a todas as solicitudes recibidas que cumpran os requisitos establecidos nesta orde, de conformidade co disposto no artigo 31.2 e 4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e 32 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Este crédito poderá ser ampliado cando o aumento veña derivado dalgún dos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. O incremento de crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade deste como consecuencia das circunstancias sinaladas no antedito artigo.

3. Realizarase unha desconcentración inicial do 50 % do crédito dispoñible entre as xefaturas territoriais da Consellería de Política Social en función do número de centros de día e dos centros ocupacionais autorizados en cada provincia. O crédito restante será desconcentrado sucesivamente en función das solicitudes presentadas en cada provincia de modo que se garanta que, no caso de que o crédito se esgote, se respecte en todo caso a orde de presentación de solicitudes a nivel autonómico. A Consellería de Política Social publicará no Diario Oficial de Galicia e no portal da Consellería de Política Social o esgotamento da partida orzamentaria e non admitirá as posteriores solicitudes destinadas á subvención, salvo que se produza un incremento do crédito.

Artigo 5. Solicitudes. Lugar e prazo de presentación

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. De acordo co previsto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 6. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas solicitantes deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Copia do contrato de prestación de servizos ou pacto de asistencia asinado coa entidade titular do centro de día ou do centro ocupacional.

b) De ser o caso, contrato asinado coa entidade prestadora do servizo de axuda no fogar.

c) De ser o caso, contrato ou ampliación do contrato da persoa coidadora.

d) De ser o caso, documento da Tesouraría Xeral da Seguridade Social (IDC, facilitado pola empresa) no cal se acredite a situación de redución de xornada ou excedencia durante o período polo cal se solicita a axuda. No caso de pertencer a sistemas de previsión social distintos ao da Seguridade Social (Muface, Isfas, Mugeju etc.), certificación en que se acredite a referida situación en papel oficial do organismo que emite o certificado debidamente selado e coa identificación da persoa responsable que certifica.

e) De ser o caso, xustificante da contratación dos servizos de estimulación física e/ou cognitiva. No caso de non haberse realizado aínda a contratación, esta documentación deberá de achegarse no prazo de 10 días dende a notificación da resolución. No caso de non achegar esta documentación no prazo sinalado, perderase o dereito á axuda concedida.

f) Declaración de que non incorre en inhabilitación para a concesión de subvencións e axudas, e que a persoa a coidar no domicilio era usuaria do centro de día ou do centro ocupacional con anterioridade á suspensión da súa actividade como consecuencia do COVID-19, segundo se sinala no anexo I.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite as persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da Xunta de Galicia da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común

Artigo 8. Comprobación de datos

1. De conformidade co establecido na normativa de protección de datos, para a tramitación deste procedemento consultaranse os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento acreditativo da personalidade da persoa solicitante, consistente no DNI ou NIE.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Certificación de estar ao corrente das obrigas tributarias emitida pola Axencia estatal de Administración tributaria (AEAT).

d) Certificación de estar ao corrente das obrigas coa Seguridade Social.

e) Certificación de estar ao corrente das obrigas tributarias coa facenda da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Instrución do procedemento

1. As unidades administrativas instrutoras do procedemento son os servizos de Dependencia e Autonomía Persoal das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social.

Presentada a solicitude, a unidade administrativa instrutora realizará, de oficio, cantas actuacións consideren necesarias para determinar, coñecer e comprobar os datos en virtude dos que se deba pronunciar a resolución, conforme o establecido nesta orde, en particular a comprobación de que o contrato de prestación de servizos ou o pacto de asistencia achegado se corresponde cun centro de día ou centro ocupacional autorizado e inscrito no RUEPSS.

De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano instrutor requirirá ás persoas solicitantes para que, nun prazo de 10 días hábiles desde o día seguinte ao da notificación do dito requirimento, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se terán por desistidas da súa petición, logo de resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 21 da mesma lei.

2. De conformidade co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e tendo en conta o carácter compensatorio que presentan estas axudas, exceptúase expresamente o requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes que reúnan os requisitos establecidos nesta convocatoria.

3. As axudas reguladas nesta orde tramitaranse polo procedemento abreviado previsto no artigo 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. En consecuencia, unha vez realizadas as comprobacións anteriores e constatado o cumprimento dos requisitos, a unidade administrativa instrutora elevará unha proposta de resolución ao órgano competente para resolver.

Artigo 10. Resolución

1. A resolución, logo da fiscalización da proposta, facendo uso do previsto no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, corresponde, por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social, ás persoas titulares das xefaturas territoriais da dita consellería.

2. O prazo máximo para resolver e notificar será de 10 días hábiles dende o día seguinte á data de presentación da solicitude no rexistro do órgano competente. Transcorrido dito prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes teranse por desestimadas.

3. De acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, a alteración das condicións tidas en conta para a súa concesión e, en todo caso, a obtención de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de Notificación Electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Réxime de recursos

A resolución porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Política Social, no prazo dun mes a partir do día seguinte á notificación da resolución se esta fose expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, ou ben impugnala directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses a partir do día seguinte á notificación da resolución, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 13. Pagamento e xustificación

1. O pagamento das axudas realizarase con periodicidade mensual, dentro dos 5 primeiros días de cada mes.

As persoas beneficiarias das axudas percibirán ata o 80 % da cantidade concedida en concepto de pagamento anticipado, con anterioridade á súa xustificación, que se fará efectivo a partir da notificación da concesión. O 20 % restante librarase unha vez xustificados os gastos. A percepción destes pagamentos, en concepto de anticipo, queda exonerada da constitución de garantías.

De conformidade coa natureza das axudas, realizarase un primeiro aboamento correspondente ao período comprendido entre o 16 de marzo de 2020, data na que foi efectiva a suspensión da actividade dos centros de día e dos centros ocupacionais, e a data de resolución das axudas.

2. Para xustificar as axudas presentarase, no prazo de 10 días a contar dende o levantamento da suspensión da actividade dos centros de día e dos centros ocupacionais, o anexo II xunto coas facturas ou documentos de valor probatorio equivalente do total dos gastos realizados xunto cos xustificantes bancarios ou recibos que acrediten o seu pagamento, segundo o establecido no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen a ter presentado ante o órgano administrativo competente, este requirirá a persoa beneficiaria para que no prazo improrrogable de dez días a achegue debidamente.

A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito á subvención concedida e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 14. Obrigas das persoas beneficiarias

As entidades beneficiarias destas axudas obríganse a observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e especificamente a:

a) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios. Para este fin achegarase canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

b) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

c) Comunicar calquera variación que se produza que poida dar lugar a modificación ou perda da axuda.

Artigo 15. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería de Política Social publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 á que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de acordo co previsto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de Datos Nacional de Subvencións a información necesaria.

Artigo 16. Revogación e reintegro das axudas

Nos supostos establecidos no artigo 33.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, procederá o reintegro, total ou parcial, da axuda pública percibida, así como o aboamento dos xuros de demora devindicados desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

Artigo 17. Infraccións e sancións

No relativo a esta materia, serán de aplicación as disposicións recollidas no título IV, artigos 50 a 68, da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 18. Control e verificación

Todas as axudas concedidas ao abeiro desta orde estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa normativa de desenvolvemento e ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Asemade, as axudas están suxeitas ao réxime de inspección de servizos sociais, segundo o disposto no artigo 73 e) da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.

Artigo 19. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado.

2. No caso de se percibiren outras axudas, deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberase efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

3. En ningún caso o importe das axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas, supere o custo do servizo recibido.

4. O solicitante deberá presentar, xunto coa solicitude, unha declaración comprensiva de todas as axudas e subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma finalidade, usando o formulario establecido para o efecto nesta orde (anexo I), o cal terán que volver achegar actualizado sempre que varíe a situación inicialmente declarada.

Artigo 20. Normas de aplicación supletoria

No non previsto nas bases anteriores serán de aplicación directa as normas contidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e de aplicación supletoria as establecidas na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de competencias nas persoas titulares das xefaturas territoriais correspondentes da Consellería de Política Social para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar os gastos e ordenar os correspondentes pagamentos ao abeiro do establecido no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición adicional segunda. Información básica sobre a protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Política Social, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e dos contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha obriga legal dos poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, esta circunstancia reflectirase no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

A fin de darlle a publicidade esixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme ao descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explícita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde

Autorízase ao director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade para ditar as instrucións que sexan necesarias para desenvolver esta orde.

Disposición derradeira segunda. Recursos

Contra esta orde poderase interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Política Social no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2020

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file