Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114-Bis Venres, 12 de xuño de 2020 Páx. 23419

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da Orde do 11 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas económicas ás familias de persoas usuarias de centros de atención diúrna de persoas maiores e con discapacidade durante a situación de suspensión deste servizo como consecuencia do COVID-19, a través do Bono coidado extraordinario á dependencia (código de procedemento BS900B).

BDNS (Identif.): 510283.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

As persoas familiares que subscriban un contrato para a prestación do servizo de axuda no fogar ou un contrato ou ampliación doutro existente cunha persoa coidadora, ou que soliciten unha excedencia ou redución de xornada para atender ás persoas usuarias de centros de día de maiores e de centros de día específicos de alzheimer, e de centros de día ou ocupacionais de persoas con discapacidade, autorizados e inscritos no RUEPSS, cuxa actividade está suspendida segundo o disposto no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de marzo de 2020, polo que se adoptan as medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19; ou para a contratación de servizos de estimulación física e/ou cognitiva a estas persoas.

Segundo. Obxecto

Establecer as bases reguladoras para a concesión dunha liña de axudas económicas para os gastos derivados da contratación dun servizo de axuda no fogar, para a contratación ou ampliación de xornada de persoas coidadoras ou para paliar a diminución de ingresos por acollerse a unha excedencia ou redución de xornada para atender no domicilio ás persoas usuarias de centros de día de persoas maiores e de centros de día específicos de alzheimer, e de centros de día e ocupacionais de persoas con discapacidade, e para a contratación de servizos de estimulación física e/ou cognitiva a estas persoas, toda vez que a actividade destes centros está suspendida pola situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

O obxecto desta orde defínese a través da concesión de axudas económicas para os seguintes gastos:

a) Modalidade de contratación dun servizo de axuda no fogar, de gastos derivados da contratación ou ampliación de xornada de persoas coidadoras, e de compensación pola diminución de ingresos por acollerse a unha excedencia ou redución de xornada, nas condicións detalladas no artigo 3.1.

b) Modalidade de contratación de servizos de estimulación física e/ou cognitiva, nas condicións detalladas no artigo 3.2.

As dúas modalidades son compatibles, isto é, as persoas beneficiarias poden solicitar una delas ou as dúas.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 11 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas económicas ás familias de persoas usuarias de centros de atención diúrna de persoas maiores e con discapacidade durante a situación de suspensión deste servizo como consecuencia do COVID-19, a través do Bono coidado extraordinario á dependencia (código de procedemento BS900B).

Cuarto. Contía

A contía global destinada a estas axudas ascende a un total de 11.800.000,00 euros que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 13.04.312E.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, segundo o seguinte reparto:

• 10.800.000,00 euros para a modalidade de contratación dun servizo de axuda no fogar ou de contratación ou ampliación de xornada de persoas coidadoras.

• 1.000.000,00 euros para a modalidade de contratación de servizos de estimulación física e ou cognitiva.

As axudas económicas para a contratación dun servizo de axuda no fogar ou de contratación ou ampliación de xornada de persoas coidadoras, así como por acollerse a unha excedencia ou redución de xornada, consistirán nunha compensación polo custo derivado de dita contratación ou ampliación de xornada, durante o tempo de suspensión da actividade do centro de día ou ocupacional ao que viña acudindo a persoa usuaria como consecuencia das medidas adoptadas pola pandemia do COVID-19. A axuda terá un importe máximo de 500,00 euros mensuais para sufragar este custo.

As axudas económicas para a contratación de servizos de estimulación física e/ou cognitiva, consistirán nunha compensación polo custo derivado da dita contratación, durante o tempo de suspensión da actividade do centro de día ou ocupacional ao que acudía a persoa usuaria como consecuencia das medidas adoptadas pola pandemia do COVID-19. Entre estes servizos están os de rehabilitación funcional, fisioterapia, logopedia, terapia ocupacional, estimulación cognitiva, estimulación sensorial, atención psicomotriz, atención psicolóxica, atención neuropsicolóxica, atención psiquiátrica, rehabilitación psicosocial ou atención pedagóxica. A axuda terá un importe máximo de 100,00 euros mensuais para sufragar o custo dos servizos a prestar.

Quinto. Outros datos

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

A concesión da axuda tramítase en réxime de concorrencia non competitiva.

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2020

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social