Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114-Bis Venres, 12 de xuño de 2020 Páx. 23422

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 11 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas económicas para gastos de funcionamento a entidades privadas titulares de recursos de atención á infancia durante a situación de suspensión destes servizos como consecuencia do COVID-19 (código de procedemento BS900D).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece, no seu artigo 3, os obxectivos do sistema galego de servizos sociais, incluíndo entre estes o de proporcionar oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral, así como o de garantir o apoio ás familias como marco de referencia en que se desenvolven as persoas.

Así mesmo, a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, recolle, entre os seus ámbitos de actuación, que a Xunta de Galicia promoverá actuacións conducentes a facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, como a ampliación da rede de centros de atención á infancia.

Tendo en conta o Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia e de conformidade co Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, atribúese á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica o exercicio das políticas públicas de apoio á familia e á infancia, así como a promoción e adopción das medidas de conciliación que garanten un ambiente favorable para o libre desenvolvemento das familias.

A atención á infancia e o apoio ás familias é unha das liñas estratéxicas de actuación da Xunta de Galicia, quen, a través do Programa de Apoio á Natalidade (PAN), un programa integral cuxo obxectivo principal é aumentar o benestar das familias galegas mediante diferentes actuacións que se estruturan en tres eixos principais: axudas, servizos e recursos de conciliación.

Neste sentido, o obxectivo da área de conciliación do Programa PAN (PAN-Concilia) é crear un ambiente social favorable no que non entren en conflito as responsabilidades parentais de coidado co acceso e permanencia no mercado de traballo, tanto mediante a posta a disposición das familias de recursos que lles permitan compatibilizar o desempeño profesional cos labores de atención e coidado das fillas e fillos, como mediante o fomento da corresponsabilidade no fogar e da implicación empresarial.

Unha das liñas de acción do PAN-Concilia diríxese á constitución dunha rede galega de recursos de atención á infancia articulada e de calidade, como recursos de prestación de servizos ás familias galegas, na que o papel das entidades privadas é fundamental.

O 11 de marzo de 2020, a Organización Mundial da Saúde elevou a situación de emerxencia de saúde pública ocasionada polo COVID-19 á categoría de pandemia internacional.

Na Comunidade Autónoma de Galicia, por Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de marzo de 2020, adoptáronse medidas preventivas en materia de saúde pública que foron seguidas da declaración, polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020, da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e de activación do Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

Mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, publicado no BOE número 67, do 14 de marzo, declarouse o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

No que se refire especificamente ao ámbito de atención á infancia, o punto 1.b) do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de marzo de 2020 prevé a adopción, entre outras, da medida de suspensión de toda a actividade das escolas infantís 0-3, ludotecas e outros espazos infantís.

Así mesmo, o 21 de maio de 2020, o Consello da Xunta, tras escoitar tanto ás persoas representantes do sector como á comunidade médica, tomou a decisión de que estes recursos de atención á infancia non retomen a súa actividade ata setembro de 2020, dado que, polo momento, existen dúbidas na comunidade médica de que haxa a seguridade suficiente para que as nenas e nenos compartan espazos durante un tempo tan prolongado en centros onde é imposible manter a distancia social.

Estas medidas son sen dúbida necesarias para protexer a saúde da cidadanía e frear a propagación da doenza, pero que teñen consecuencias inevitables na actividade económica do sector de atención á infancia, que sufriu unha caída do 100 % dos ingresos que xeraba pola prestación de servizos e está nunha difícil situación que compromete a súa viabilidade económica e polo tanto a súa subsistencia no mercado, ao non poder facer fronte aos gastos xerais de mantemento nos que están a incorrer, pese a non estar en funcionamento, moitos dos cales non se reducen pese á suspensión da actividade. Isto suporía unha redución de recursos de atención á infancia, que prexudicaría especialmente ás persoas usuarias e ás súas familias, ademais de ás propias entidades titulares destes centros e á sociedade galega en xeral.

Ante esta situación excepcional, é unha obriga dos poderes públicos procurar que as medidas adoptadas non produzan danos irreversibles neste sector do tecido produtivo, impulsando as actuacións de fomento que sexan necesarias para paliar os efectos negativos da suspensión da súa actividade económica.

Esta orde, que se tramitará en réxime de concorrencia non competitiva, por non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, adáptase ao disposto na dita lei, así como ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño e demais normativa de desenvolvemento; á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como ao seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; tendo en conta en todo caso os principios de: publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación e eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia, e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, ás entidades privadas titulares de ludotecas e/ou espazos infantís para contribuír ao seu sostemento, toda vez que a súa actividade está suspendida pola situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 (código de procedemento BS900D).

2. Poderán beneficiarse igualmente das axudas previstas nesta orde as entidades privadas e as de iniciativa social titulares dunha ou máis escolas infantís 0-3 que resultaran beneficiarias dunha axuda por importe inferior a 36.000 € ao abeiro da Orde do 13 de marzo de 2020 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o fomento da gratuidade da atención educativa para segundos fillos ou fillas e sucesivos/as en escolas infantís 0-3 de titularidade privada, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020, sempre que acrediten que con este importe non cobren os custos fixos de mantemento dos centros.

Artigo 2. Financiamento

1. Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de 800.000 euros, que se imputarán ás aplicacións orzamentarias seguintes:

Aplicación orzamentaria

Importe

2020.13.02.312B.471.1

625.000 euros

2020.13.02.312B.481.4

175.0000 euros

No suposto de que non se esgote o importe máximo de calquera das dúas partidas orzamentarias tras resolver todas as solicitudes presentadas, o remanente de crédito, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda, destinarase ao financiamento das solicitudes non atendidas da outra partida, se as houber.

2. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

Poderán optar a estas axudas as entidades privadas titulares de ludotecas ou espazos infantís, así como entidades privadas e de iniciativa social titulares de escolas infantís 0-3 nos supostos previstos no artigo 1.2, que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia e cumpran os seguintes requisitos:

a) Que o recurso para o que se solicitan as axudas cumpra os requisitos establecidos na normativa que lle sexa de aplicación: Decreto 254/2011, do 23 de decembro, e mais no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, así como na normativa de desenvolvemento, ou Decreto 354/2003, do 16 de setembro, polo que se regulan as ludotecas como centros de servizos sociais e se establecen os seus requisitos.

b) Estar debidamente inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) da Consellería de Política Social, de acordo co disposto no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.

Artigo 4. Gastos subvencionables

1. Poderán ser obxecto destas axudas os seguintes gastos fixos de carácter xeral nos que incorra a entidade para o mantemento do centro entre o 16 de marzo e o 31 de agosto de 2020:

a) Gastos de alugueiro ou pagamentos de préstamos hipotecarios.

b) Gastos de subministración eléctrica, de combustible, de servizos de comunicación como internet ou telefonía, de gas ou de auga.

c) Cotas da Seguridade Social do persoal do centro suxeito a ERTE no suposto de que os ERTE por forza maior derivados do COVID-19 non estendan os seus efectos durante a totalidade do período subvencionable.

d) Primas de seguros vinculados ao desenvolvemento da actividade.

e) Servizos profesionais independentes de asesoría, xestoría e similares.

f) Outros gastos xerais derivados do mantemento e funcionamento do centro, como xardinería, limpeza ou similares.

No suposto de entidades privadas e de iniciativa social titulares de escolas infantís 0-3 os anteriores gastos serán subvencionables sempre que o seu importe sexa superior ao da axuda percibida ao abeiro da Orde do 13 de marzo de 2020.

Os ditos gastos especificaranse na solicitude (anexo I) e deberán estar efectivamente pagados dentro do período establecido no artigo 16.

2. Non serán en ningún caso subvencionables os intereses debedores nin outros gastos financeiros, tampouco o imposto sobre o valor engadido (IVE) que sexa recuperable.

Artigo 5. Tipos de axuda e contías

As axudas consistirán nunha subvención, que pode acadar ata o 100 % do custo total subvencionable, cun límite máximo global por empresa beneficiaria de 22.000 euros para todo o período, a razón de 4.000 €/mes.

Artigo 6. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado.

2. No caso de percibírense outras axudas, deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente á execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

3. En ningún caso o importe das axudas concedidas ao amparo desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere os custos fixos mensuais en que incorra a entidade.

4. As empresas solicitantes deberán presentar, xunto coa solicitude, unha declaración comprensiva de todas as axudas e subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma finalidade, usando o formulario establecido para o efecto nesta orde, o cal terán que volver achegar actualizado no suposto de variar as circunstancias inicialmente declaradas.

Artigo 7. Lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

Se algunha das empresas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación das solicitudes será de dous meses contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. De acordo co previsto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

3. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos esixidos nestas bases reguladoras, o órgano responsable da tramitación requirirá ás empresas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, teranse por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos previstos no artigo 21 da mesma lei.

Artigo 8. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Documento público acreditativo de poder suficiente da persoa física que actúe en nome e representación da entidade solicitante.

b) Relación da totalidade dos gastos xerais de funcionamento nos que incorre a entidade no período subvencionable indicando aqueles para os que solicita a axuda (anexo II).

2. Ademais, no apartado correspondente do anexo I faranse constar as seguintes declaracións:

a) O conxunto de todas as axudas concedidas, para a mesma finalidade polas distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados.

b) En relación coas axudas de minimis, as solicitadas e concedidas.

c) Que todos os datos que figuran na solicitude, nos seus anexos e demais documentos son certos.

d) Que coñece e admite as condicións da convocatoria e cumpre os requisitos establecidos nela.

e) Que a entidade non está incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme ao artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Que se compromete a comunicar inmediatamente cantas axudas solicite e/ou obteña en réxime de minimis doutras administracións públicas ou de outros entes públicos, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

3. A documentación complementaria deberá presentarse de forma electrónica. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria de xeito presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que vai presentar a entidade solicitante de forma electrónica supere os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a entidade interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

6. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados de forma electrónica accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

7. Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados con anterioridade. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. De conformidade coa normativa reguladora da protección de datos, para a tramitación deste procedemento consultaranse os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa solicitante.

c) DNI/ NIE da persoa representante.

d) Inhabilitación para obter subvencións ou axudas.

e) Concesións de subvencións e axudas.

f) Concesións pola regra de minimis.

g) Certificación de estar ao día das obrigas tributarias emitida pola Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

h) Certificación de estar ao día das obrigas coa Seguridade Social.

i) Certificación de estar ao día das obrigas tributarias coa facenda da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio (anexo I) e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Procedemento e réxime de concesión

1. O procedemento de concesión da axuda é o de concorrencia non competitiva, por non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. En consecuencia, o órgano competente para a tramitación do procedemento comezará a instrución dos expedientes seguindo a orde de presentación das solicitudes de acordo co disposto no artigo 71.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e concederá a subvención en actos sucesivos ata o esgotamento do crédito.

2. Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro).

Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que, no caso de axudas a empresas, de recibir a persoa ou entidade beneficiaria outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecido no artigo 2 do Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro. Esta circunstancia farase constar expresamente na resolución de concesión.

Artigo 11. Instrución do procedemento

1. A instrución do procedemento correspóndelle á subdirección con competencias en materia de demografía e conciliación quen realizará as correspondentes propostas de resolución.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano instrutor requirirá as entidades interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles dende o día seguinte á notificación do dito requirimento, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se terán por desistidas da súa petición, logo da resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 21 da mesma lei.

3. Sen prexuízo do disposto no número anterior, o órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución e poderá requirir á entidade solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, para aquelas que reúnan todos os requisitos e acheguen a documentación necesaria solicitarase un informe á Subdirección con competencias en materia de autorización e inspección de servizos sociais da Consellería de Política Social para os efectos de comprobación de que os centros susceptibles de subvención non foran obxecto de sanción en materia de servizos sociais que impida a súa percepción.

5. As solicitudes que recollan os datos e a documentación necesaria tramitaranse por un procedemento abreviado no que o órgano instrutor formularalle ao órgano concedente a proposta de resolución tras comprobar a concorrencia dos requisitos requiridos para a súa concesión.

Instruído o procedemento e inmediatamente antes de ditar proposta de resolución, poñerase de manifesto ás entidades interesadas, tendo en conta as limitacións previstas, de ser o caso, na Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, para que no prazo de dez días poidan alegar e presentar os documentos e xustificacións pertinentes. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polas entidades interesadas.

6. Respecto dos expedientes nos que concorran causas de inadmisión así como de declaración ou aceptación de desistencia, o órgano instrutor formulará a correspondente proposta. En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase a ditar a resolución de inadmisión e ao arquivo, sen posibilidade de emenda, das solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na convocatoria.

Artigo 12. Resolución

1. A resolución dos expedientes de axuda, logo da fiscalización da proposta, facendo uso das facultades conferidas no artigo 7.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, correspóndelle á directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social.

Con anterioridade a ditarse a resolución de concesión deberá quedar acreditado que a entidade beneficiaria está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O prazo máximo para resolver e notificar é de dous meses contado a partir do día seguinte ao da data en que a solicitude teña entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa, as solicitudes poderanse entender desestimadas.

3. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, aos efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

6. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

7. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao abeiro desta orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación se esta fose expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, ou ben directamente recurso contencioso administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa notificación, se esta fose expresa, ou seis meses a partir do día seguinte ao que se produza o acto presunto.

Artigo 14. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 15. Anticipos de pagamento

1. De acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 63.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita lei, unha vez notificada a concesión da axuda realizarase un pagamento de ata o 80 % da totalidade da subvención en concepto de anticipo.

2. 2. En base ao disposto na letra i) do artigo 65.4 do dito decreto, as empresas beneficiarias quedan exoneradas da constitución de garantía posto que o pagamento en concepto de anticipo é en todo caso inferior a 18.000 euros.

Artigo 16. Xustificación e pagamento

1. Con base no establecido no título III, artigo 48.3, do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e tendo en conta o obxecto e a natureza destas axudas, as empresas beneficiarias deberán xustificar con data límite do 30 de novembro de 2020 as actuacións realizadas. A xustificación realizarase mediante a presentación da solicitude de pagamento (anexo III) acompañada da seguinte documentación:

a) Unha relación clasificada de todos os gastos nos que incorreu a entidade durante o período subvencionado, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, data de emisión e de pago.

b) Facturas ou documentos de valor probatorio equivalente do total dos gastos realizados, xunto cos xustificantes bancarios que acrediten o seu pagamento. As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o regulamento que establece as obrigas de facturación.

c) Documentación acreditativa da situación de ERTE do persoal do centro, e dos seguros sociais a cargo da empresa xunto cos xustificantes bancarios que acrediten o seu pagamento no suposto previsto na letra c) do artigo 4.

c) Declaración de axudas actualizada, no suposto de que haxa variacións respecto da declaración de axudas realizada no anexo I da solicitude.

2. Para ter dereito ás subvencións obxecto desta orde deberase acreditar o pagamento da totalidade dos gastos declarados a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario de pagamento. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo. Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria.

3. Se a persoa beneficiaria denega expresamente ao órgano xestor a autorización para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, deberá achegar a documentación acreditativa de estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma.

4. No caso de que a xustificación fose incorrecta e/ou incompleta, requirirase a persoa beneficiaria para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, advertíndolle de que, de non facelo, se procederá, logo de resolución, á revogación da axuda e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de mora.

5. A liquidación do importe final das subvencións concedidas calcularase en función das facturas e demais xustificantes que se presenten ao respecto, de acordo co establecido nestas bases reguladoras e na resolución de concesión.

No caso de que os gastos totais xustificados e admitidos sexan inferiores ao importe da subvención concedida, practicarase a redución proporcional correspondente.

Artigo 17. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As entidades beneficiarias destas axudas obríganse a observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e mais no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e especificamente a:

a) Facilitar aos órganos competentes toda a información necesaria para asegurar o cumprimento da finalidade da axuda concedida, particularmente a que sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

b) Destinar a axuda á finalidade para a que se concede.

c) Comunicar calquera alteración das condicións que motivaron o seu outorgamento.

d) Manter a actividade do recurso subvencionado durante un período mínimo de 6 meses dende que se levante a suspensión da actividade, salvo causa de forza maior debidamente xustificada.

2. As entidades beneficiarias teñen a obriga de subministrar información nos termos previstos no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Artigo 18. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 á que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información necesaria de conformidade co disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 19. Incumprimento, revogación e reintegro de axudas

1. De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida calquera incumprimento das obrigas previstas no artigo 18 e concretamente:

a) O incumprimento da finalidade ou do obxectivo para a que se concedeu a subvención ou da obriga de xustificación.

b) A obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

c) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, ou incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos.

d) Non manter a actividade do recurso subvencionado durante un período mínimo de 6 meses desde que se levante a suspensión da actividade, salvo causa de forza maior debidamente xustificada.

2. Procederá o reintegro parcial da subvención concedida, nos seguintes supostos:

a) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas e os gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados, que suporá a perda dun 2 % da subvención concedida.

b) Non comunicar a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actuacións subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención, que suporá a perda dun 5 % da subvención concedida. Esta porcentaxe do 5 % aplicarase, de ser o caso, unha vez descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

No caso de condicións que constitúan obrigas que a entidade beneficiaria debe acreditar en fase de xustificación, tales como obrigas de comunicación doutras axudas, estas deberán xustificarse en todo caso para poder proceder ao pago da subvención, polo que a gradación fixada neste apartado só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso de que se detecte en controis posteriores ao pago algún incumprimento relativo ás ditas obrigas.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os puntos anteriores, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007,do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

4. Con anterioridade ao requirimento previo da Administración, as empresas beneficiarias poderán realizar con carácter voluntario a devolución do importe da axuda obxecto de reintegro.

Esta devolución efectuarase mediante ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia ES82-2080-0300-87-3110063172, segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación, e o importe incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 20. Infraccións e sancións

Ás empresas beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 21. Control e verificación

Todas as axudas concedidas ao abeiro desta orde estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa normativa de desenvolvemento e ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 22. Información básica sobre protección de datos persoais

1. Os datos persoais recabados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería de Política Social coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá. O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

2. Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que a cidadanía poida acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

3. A fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificadores das persoas interesadas serán publicados conforme ao descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais ou páxinas web ou taboleiros de anuncios.

4. As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Artigo 23. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das empresas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das empresas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 á que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información necesaria, de conformidade co previsto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 24. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código BS900D, poderase obter documentación normalizada ou información na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal ou do portal da Consellería de Política Social https://www.xunta.gal/politica-social, na Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, do teléfonos 012 ou no enderezo electrónico demografiaeconciliacion@xunta.gal.

Disposición adicional única. Delegación de competencias

Autorízase expresamente á persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica a actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o ditado de instrucións

Facúltase á persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións precisas para o desenvolvemento desta convocatoria, as cales serán obxecto de publicación no portal da Consellería de Política Social.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2020

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file