Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114-Bis Venres, 12 de xuño de 2020 Páx. 23448

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da Orde do 11 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas económicas para gastos de funcionamento a entidades privadas titulares de recursos de atención á infancia durante a situación de suspensión destes servizos como consecuencia do COVID-19 (código de procedemento BS900D).

BDNS (Identif.): 510290.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán optar a estas axudas as entidades privadas titulares de ludotecas ou espazos infantís así como as entidades privadas e as de iniciativa social titulares dunha ou máis escolas infantís 0-3 que resultaran beneficiarias dunha axuda por importe inferior a 36.000 € ao abeiro da Orde do 13 de marzo de 2020 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o fomento da gratuidade da atención educativa para segundos fillos ou fillas e sucesivos/as en escolas infantís 0-3 de titularidade privada, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020, sempre que acrediten que con este importe non cobren os custos fixos de mantemento dos centros. Todas estas entidades deben cumprir os seguintes requisitos:

a) Desenvolver a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Que o recurso para o que se solicita as axudas cumpra os requisitos establecidos na normativa que lle sexa de aplicación: Decreto 254/2011, do 23 de decembro, e mais no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, así como na normativa de desenvolvemento, ou Decreto 354/2003, do 16 de setembro, polo que se regulan as ludotecas como centros de servizos sociais e se establecen os seus requisitos.

c) Estar debidamente inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) da Consellería de Política Social, de acordo co disposto no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.

Segundo. Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, ás entidades privadas titulares de ludotecas e/ou espazos infantís así como ás entidades privadas e de iniciativa social titulares de escolas infantís 0-3 nos supostos previstos no artigo 1.2, para contribuír ao seu sostemento, toda vez que a súa actividade está suspendida pola situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 (código de procedemento BS900D).

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 11 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas económicas para gastos de funcionamento a entidades privadas titulares de recursos de atención á infancia durante a situación de suspensión destes servizos como consecuencia do COVID-19 (código de procedemento BS900D).

Cuarto. Financiamento

1. Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de 800.000 euros, que se imputarán ás aplicacións orzamentarias seguintes:

Aplicación orzamentaria

Importe

2020.13.02.312B.471.1

625.000 euros

2020.13.02.312B.481.4

175.0000 euros

No suposto de que non se esgote o importe máximo de calquera das dúas partidas orzamentarias tras resolver todas as solicitudes presentadas, o remanente de crédito, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda, destinarase ao financiamento das solicitudes non atendidas da outra partida, se as houber.

2. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Quinto. Gastos subvencionables

1. Poderán ser obxecto destas axudas os seguintes gastos fixos de carácter xeral nos que incorra a entidade para o mantemento do centro entre o 16 de marzo e o 31 de agosto de 2020:

a) Gastos de alugueiro ou pagamentos de préstamos hipotecarios.

b) Gastos de subministración eléctrica, de combustible, de servizos de comunicación como internet ou telefonía, de gas ou de auga.

c) Cotas da Seguridade Social do persoal do centro suxeito a ERTE no suposto de que os ERTE por forza maior derivados do COVID-19 non estendan os seus efectos durante a totalidade do período subvencionable.

d) Primas de seguros vinculados ao desenvolvemento da actividade.

e) Servizos profesionais independentes de asesoría, xestoría e similares.

f) Outros gastos xerais derivados do mantemento e funcionamento do centro, como xardinería, limpeza ou similares.

No suposto de entidades privadas e de iniciativa social titulares de escolas infantís 0-3 os anteriores gastos serán subvencionables sempre que o seu importe sexa superior ao da axuda percibida ao abeiro da Orde do 13 de marzo de 2020.

Sexto. Tipos de axuda e contías

As axudas consistirán nunha subvención, que pode acadar ata o 100 % do custo total subvencionable, cun límite máximo global por empresa beneficiaria de 22.000 euros para todo o período, a razón de 4.000 €/mes.

Sétimo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será de dous meses contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. De acordo co previsto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas, se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2020

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social