Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128-Bis Martes, 30 de xuño de 2020 Páx. 25917

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 30 de xuño de 2020 pola que se aproba o Protocolo en materia de lecer nocturno, festas, verbenas e outros eventos populares e atraccións de feiras para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

Por Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración de situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto quinto do acordo, as medidas previstas nel poderán ser completadas por plans específicos de seguridade, protocolos organizativos e guías adaptados a cada sector de actividade, aprobados polas administracións competentes, e, de acordo co punto sexto, as medidas deben ser obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade. Así mesmo, a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do presente acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas neste acordo que sexan necesarias.

Xunto a isto, e de xeito máis concreto, no punto cuarto do dito acordo previuse que, sempre que a evolución da situación epidemiolóxica así o aconsellase, a Administración autonómica podería permitir o restablecemento, a partir do 1 de xullo, das actividades dos locais de discotecas e demais establecementos de lecer nocturno, e das festas, verbenas e outros eventos populares, así como as atraccións de feiras.

Por Resolución do 25 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 25 de xuño de 2020, polo que se introducen determinadas modificacións nas medidas de prevención previstas no Acordo do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. Entre outras modificacións, deuse nova redacción aos números 3.34 e 3.35 do anexo do Acordo do 12 de xuño de 2020, en materia de establecementos de lecer nocturno e de festas, verbenas e outros eventos populares, e engadiuse un novo número 3.40 sobre atraccións de feiras. Nos ditos números recóllense as medidas que hai que adoptar en relación coas actividades indicadas, as cales terán efectos desde o 1 de xullo de 2020, sen prexuízo de que estas medidas deberán entenderse en todo caso subordinadas á evolución da situación epidemiolóxica, polo que a súa eficacia podería demorarse se a situación non for a adecuada, logo da correspondente valoración e decisión das autoridades sanitarias da Administración autonómica. Ademais, especificamente para o lecer nocturno, o número 3.34 do anexo do acordo citado prevé a aprobación dun protocolo na materia.

Procede, pois, aprobar un protocolo específico no ámbito do lecer nocturno. Ademais, atendidas as especificidades das festas, verbenas e doutros eventos populares, así como das atraccións de feira, considérase necesario aprobar tamén un protocolo nestes ámbitos. Todo iso co fin de permitir a adecuada aplicación das medidas preventivas previstas no acordo do Consello da Xunta citado e de complementar tales medidas con outras tendo en conta as especiais características dos ditos sectores de actividade.

O protocolo que é obxecto de aprobación está baseado no Plan de reactivación no ámbito do ocio nocturno, verbenas e festas populares en relación coa infección polo virus SARS-CoV-2, elaborado polo grupo de traballo constituído para tal fin e consensuado no seo da Comisión clínica para a xestión da crise sanitaria do COVID-19.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, a persoa titular da consellería de sanidade ten a condición de autoridade sanitaria.

Na súa virtude, en aplicación dos puntos quinto e sexto e do número 3.34 do anexo do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, e na condición de autoridade sanitaria conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Aprobación do Protocolo en materia de lecer nocturno, festas, verbenas e outros eventos populares e atraccións de feiras para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19

Apróbase o Protocolo en materia de lecer nocturno, festas, verbenas e outros eventos populares e atraccións de feiras para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, que figura como anexo.

Segundo. Eficacia

O protocolo que é obxecto de aprobación pola presente orde terá efectos desde o 1 de xullo de 2020 ata o levantamento da declaración de situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta do 13 de marzo de 2020.

Non obstante o anterior, o protocolo será obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderá ser obxecto de modificación ou poderá deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2020

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Protocolo en materia de lecer nocturno, festas, verbenas e outros eventos populares e atraccións de feiras para facer fronte á crise sanitaria ocasionada
polo COVID-19

Índice

1. Introdución

2. Obxectivos

3. Marco teórico

4. Marco de actuación

4.1. Criterios epidemiolóxicos

4.2. Criterios asistenciais

5. Liñas de actuación

5.1. Vixilancia da infección polo SARS-CoV-2

5.2. Prevención da infección polo SARS-CoV-2

5.3. Control da infección polo SARS-CoV-2

6. Etapas da reactivación

6.1. Etapa I

6.2. Etapa II

1. Introdución.

O COVID-19 é unha infección respiratoria emerxente causada polo SARS-CoV-2 (severe acute respiratory syndrome coronavirus 2), un coronavirus que se detectou por primeira vez en decembro de 2019 na cidade de Wuhan, China. Este abrocho inicial en Wuhan propagouse rapidamente, afectou outras áreas da China e, posteriormente, outros países, o que levou a Organización Mundial da Saúde (OMS) a declarar a pandemia internacional o día 11 de marzo.

En España, o primeiro caso de COVID-19 foi detectado a finais do mes de xaneiro e desde entón o número de contaxios aumentou de maneira progresiva e a gran velocidade, o que deu orixe a unha crise sanitaria sen precedentes que requiriu a adopción de medidas excepcionais co obxectivo de protexer a saúde e a seguridade da cidadanía, conter o progreso da enfermidade e mitigar o impacto sanitario. Con esta finalidade, aprobouse o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declarou o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, con importantes medidas restritivas da mobilidade e a actividade económica. O estado de alarma, previsto cunha duración inicial de quince días naturais, foi prorrogado ata en seis ocasións, a última delas ata o 21 de xuño.

Un día antes da declaración do estado de alarma, o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020 declaraba a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, o que obrigou a adoptar unha serie de medidas.

Ben que as medidas de restrición da mobilidade e do contacto social das fases de contención e mitigación se mostran efectivas no control da epidemia, ocasionan un importante impacto sobre a actividade económica global, polo que o seu establecemento e mantemento deben obedecer á excepcionalidade da situación vivida durante a primeira onda epidémica.

Neste sentido, xa durante a vixencia do estado de alarma, e tras a aprobación polo Consello de Ministros, o 28 de abril de 2020, do Plan de transición cara a unha nova normalidade, iniciouse un proceso de redución gradual das medidas extraordinarias establecidas mediante o citado Real decreto 463/2020, do 14 de marzo. Conforme o disposto no dito plan, Galicia foi transitando con éxito polas diferentes fases establecidas nel, ata ser a primeira comunidade autónoma en chegar á denominada «nova normalidade» o día 15 de xuño, conforme o disposto no Decreto 90/2020, do 13 de xuño, polo que se declara a superación da fase III do Plan para a desescalada das medidas extraordinarias adoptadas para facer fronte á pandemia do COVID-19, aprobado mediante o Acordo do Consello de Ministros do 28 de abril de 2020 e, polo tanto, a entrada na nova normalidade, con efectos desde as 00.00 horas do día 15 de xuño de 2020.

Con todo, ben que nesta nova etapa se pon fin ás medidas de contención, é necesario manter a vixilancia epidemiolóxica, a capacidade reforzada do sistema sanitario e as medidas de autoprotección da cidadanía, sendo de grande importancia interiorizar as actuacións relativas á hixiene das mans e respiratoria e o mantemento da distancia interpersoal de seguridade. Así se desprende do disposto no Real decreto lei 21/2020, do 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, e no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade (feito público por Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, DOG número 115, do 13 de xuño), modificado polo Acordo do 25 de xuño de 2020 (feito público por Resolución do 25 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, DOG número 126, do 27 de xuño), entre outros aspectos, co fin de prever o posible restablecemento das actividades relacionadas co lecer nocturno, coas festas, verbenas e outros eventos populares e coas atraccións de feiras a partir do 1 de xullo de 2020.

Neste sentido, o contexto epidemiolóxico e sanitario actual, e o establecemento dun sistema de vixilancia que permite a detección precoz de casos de infección activa polo SARS-CoV-2 e a identificación e o seguimento dos seus contactos a través da Central de seguimento creada para tal efecto, permiten cumprir coas garantías necesarias para a reactivación de actividades económicas non incluídas nas etapas anteriores, como é o caso do ámbito do ocio nocturno, das festas, verbenas e outros eventos populares e das atraccións de feiras.

2. Obxectivos.

a) Establecer o marco de actuación para a toma de decisións durante o proceso de reactivación da actividade dos establecementos de lecer nocturno, festas, verbenas e outros eventos populares e atraccións de feiras.

b) Definir as medidas específicas para este proceso de reactivación.

3. Marco teórico.

Na dinámica de propagación das enfermidades infecciosas dentro dunha poboación existen catro factores determinantes:

a) A existencia dun número determinado de individuos susceptibles que, no caso da infección polo SARS-CoV-2, ao non existir inmunidade previa fronte ao virus nin vacina posible, implicaba a totalidade da poboación.

b) A existencia de poboación infectada con capacidade de contaxiar cuxa estimación real presenta dificultades debido en parte á heteroxeneidade da vixilancia epidemiolóxica e á existencia de casos leves e/ou asintomáticos que non se detectan.

c) O patrón de contactos que se dá entre os individuos dunha sociedade e a propia estrutura da poboación.

d) A probabilidade de que se produza un contacto efectivo entre un individuo infeccioso e un susceptible.

As principais medidas de intervención nas fases de contención e mitigación da pandemia focalizáronse nestes dous últimos factores, é dicir, en diminuír o número de contactos diarios (confinamento da poboación e outras medidas de distanciamento social) e na probabilidade de contacto efectivo (emprego de equipamentos de protección individual e máscaras cirúrxicas).

Aínda que estas intervencións de saúde pública non conseguiron erradicar a epidemia de COVID-19, constitúen unha ferramenta fundamental para atrasar a propagación do virus e así dispoñer de tempo para poñer en marcha as medidas necesarias para garantir a capacidade do sistema sanitario para facer fronte á demanda asistencial e outras que melloren a capacidade de controlar a epidemia (dispoñibilidade de vacina ou de tratamento efectivo).

Co obxectivo de establecer un marco técnico que permita a reactivación da actividade e a reavaliación destas medidas categorizáronse 3 liñas de actuación (vixilancia, prevención e control) no ámbito do lecer nocturno, festas, verbenas e outros eventos populares e atraccións de feiras.

4. Marco de actuación.

Ben que na toma de decisións ante riscos non coñecidos se aplica o principio de precaución, como supuxo o peche dos establecementos de lecer nocturno e a suspensión da celebración de festas, verbenas e outros eventos populares e de atraccións de feiras, na actualidade disponse de información cada vez máis sólida acerca da incidencia da enfermidade, os requirimentos asistenciais e a dinámica de transmisión do virus, o que permite a planificación da transición a un novo escenario.

Dado que a reactivación debe ser un proceso seguro, gradual e de carácter dinámico é preciso, para a planificación dunha resposta adaptativa, ter en conta os seguintes criterios:

4.1. Criterios epidemiolóxicos.

Para iniciar a reactivación da actividade neste sector é necesario valorar que a situación epidemiolóxica segue sen cambios respecto á situación actual, en que se dan casos esporádicos e localizados, sen transmisión comunitaria sostida xeneralizada en ningún territorio de Galicia.

Para valorar a necesidade de interromper o proceso de reactivación ou incluso a posibilidade de retroceder neste, teranse en conta os indicadores e directrices establecidos no Plan de control e vixilancia ante posibles rebrotes da infección polo virus SARS-CoV-2.

4.2. Criterios asistenciais.

En relación co sistema sanitario débense cumprir os criterios:

a) A atención a pacientes COVID-19 nos servizos de urxencias hospitalarias supón <50 % da actividade asistencial destes servizos.

b) Taxa de hospitalización de pacientes COVID-19 <30 % da ocupación total.

c) A ocupación das camas nas unidades de coidados intensivos (UCI) por pacientes COVID-19 é <50 %.

Durante esta etapa de normalización é imprescindible a avaliación continua do estado do sistema sanitario atendendo aos criterios descritos anteriormente. Así mesmo, é preciso ter en conta os seguintes parámetros relativos á demanda asistencial e á capacidade dos servizos sanitarios para xestionar un posible incremento destas:

a) Valorar a capacidade estrutural e de recursos humanos en activo para a atención de pacientes COVID-19 nos servizos de urxencias hospitalarias, así como na hospitalización convencional e nas unidades de coidados intensivos/reanimación. Neste sentido, é necesario dispor de protocolos organizativos que garantan o acollemento e illamento de novos casos sospeitosos ou confirmados de infección polo SARS-CoV-2.

b) Garantir a atención hospitalaria habitual ante un eventual incremento de casos de COVID-19.

c) Valorar a capacidade de recursos materiais (equipamentos de protección individual, máscaras cirúrxicas, test diagnósticos) para facer fronte a un posible aumento de pacientes COVID-19.

d) Avaliar a proporción de pacientes hospitalizados COVID-19 (en hospitalización convencional e nas unidades de coidados críticos (UCC) fronte ao total de hospitalizados.

5. Liñas de actuación.

A continuación descríbense as liñas de actuación específicas para o ámbito do lecer nocturno, festas, verbenas e outros eventos populares e atraccións de feiras, no tocante á vixilancia, prevención e control da infección polo SARS-CoV-2.

5.1. Vixilancia da infección polo SARS-CoV-2.

Para deter a transmisión da infección polo SARS-CoV-2 e evitar a aparición de novos abrochos é necesario un labor de vixilancia e monitorización continuas, tanto para a detección precoz de novos casos de COVID-19 e dos seus contactos como para o seu seguimento.

Para iso deben cumprirse as seguintes medidas:

a) A empresa debe elaborar e aplicar un plan de continxencia en que se recolla o protocolo de actuación en caso de detección de posibles traballadores infectados ou que estivesen en contacto cun caso confirmado de COVID-19. Así mesmo, o dito plan de continxencia debe recoller os aspectos indicados no número 5.2.

b) De conformidade co disposto no artigo 7 do Real decreto lei 21/2020, do 9 de xuño, en ningún caso un traballador acudirá ao seu posto de traballo se presenta síntomas compatibles con infección por SARS-CoV-2 ou se está en illamento domiciliario debido a un diagnóstico por COVID-19 ou se se atopa en período de corentena domiciliaria por ter estado en contacto estreito con algunha persoa con COVID-19.

No caso de que a persoa traballadora empezase a ter síntomas compatibles coa enfermidade no seu posto de traballo, colocará de maneira inmediata unha máscara cirúrxica ou hixiénica (de non levala), retirarase do seu posto de traballo ao seu domicilio e contactará co seu centro de saúde. Se existen conviventes no domicilio, deberá evitar o contacto con eles e, se é posible, usar un cuarto de forma exclusiva ata recibir instrucións do seu servizo sanitario.

5.2. Prevención da infección polo SARS-CoV-2.

A estratexia desta liña de actuación baséase na aplicación de medidas dirixidas a protexer os traballadores e clientes/asistentes, reducindo a probabilidade de contaxio da infección polo SARS-CoV-2.

Con tal fin, e sobre a base da realización da avaliación do risco, nos plans de continxencia que deben elaborar as empresas responsables deberán detallarse as medidas concretas que se van adoptar para diminuír os riscos de contaxio do COVID-19 (circuítos de entrada e saída do establecemento, limitación da capacidade, emprego de barreiras físicas como anteparos, medidas de protección do persoal, etc.).

Os eixes principais da estratexia de prevención serían: a información e formación dos traballadores, a información da poboación, a aplicación de medidas de protección persoal e a adaptación da organización laboral á situación epidemiolóxica existente.

5.2.1. Medidas en materia de formación e información.

Un dos piares básicos da prevención da infección é a adecuada información e formación dos traballadores. Así, faise necesario garantir a comunicación adecuada e continua da información actualizada sobre as características da enfermidade (mecanismo de transmisión, sintomatoloxía, etc.), medidas de prevención da transmisión da infección polo
SARS-CoV-2 e protocolos de actuación. Esta información será complementada con actividades formativas que incidan no uso correcto e mantemento dos equipamentos de protección individual (EPI) que empreguen (máscaras e, se é o caso, luvas), facendo fincapé na hixiene das mans e na limpeza e desinfección de superficies.

No que respecta aos cidadáns, informarase das medidas de prevención da infección polo SARS-CoV-2 mediante o emprego de cartelaría situada en lugares estratéxicos (entrada principal do recinto, lugares de tránsito, aseos, etc.). Incidirase na importancia da hixiene das mans e respiratoria, uso de máscaras cirúrxicas/hixiénicas, así como no mantemento das medidas de distanciamento interpersoal.

5.2.2. Medidas de protección persoal.

O persoal debe coñecer o plan de continxencia elaborado e, de maneira específica, as súas responsabilidades no marco da xestión do risco.

Con respecto ás medidas de protección persoal deberán manterse e reforzarse en todos os ámbitos de traballo as seguintes medidas preventivas:

a) O persoal debe evitar o contacto físico e respectar a distancia de seguridade interpersoal de 1,5 metros sempre que sexa posible.

b) Deberanse empregar os equipamentos de protección individual de maneira adecuada e proporcional ao risco fronte ao que debe ofrecer protección. En todo caso, o persoal deberá portar máscara.

c) O persoal realizará unha adecuada hixiene de mans: lavado frecuente (antes, durante e despois da xornada laboral) e meticuloso das mans, con auga e xabón, con solucións/xeles hidroalcohólicos ou antisépticos con capacidade viricida.

d) Evitar tocar os ollos, o nariz e a boca para evitar a transmisión a través das mans.

e) Hixiene respiratoria - Etiqueta respiratoria:

1ª) Usar panos dun só uso ao tusir ou esbirrar e desbotalos nunha papeleira (preferentemente de accionamento non manual) tras o seu uso. De non dispoñer de panos dun só uso, cubrir a boca e o nariz coa flexura do cóbado.

2ª) Despois de tocar secrecións respiratorias (esbirrar, tusir, uso de panos) e/ou obxectos que puidesen estar contaminados, deberase realizar unha hixiene minuciosa das mans.

f) Desinfectar frecuentemente, ao longo de toda a xornada laboral, os obxectos de uso persoal (lentes, móbiles, etc.) con auga e xabón cando sexa factible ou cunha solución desinfectante. Non obstante, deberase limitar o número de obxectos persoais no posto de traballo. No cambio de quenda, deberanse desinfectar os elementos do posto de traballo (pantallas, tabletas, teclados, ratos, etc.).

g) No caso de empregar uniforme de traballo, gardarase a roupa utilizada na rúa en bolsas de plástico (e dentro dun armario, se houber) para evitar o contacto desta coa roupa de traballo. Para o lavado da roupa de traballo, cando o establecemento non se faga cargo da súa limpeza, proporcionará ao persoal unha bolsa pechada para o seu transporte aos domicilios particulares, así como instrucións para o seu lavado (a máis de 60 ºC), e frecuencia deste en función do tipo de uniforme. No caso de que non se poida lavar a esa temperatura, procederase a realizar unha adecuada desinfección.

5.2.3. Medidas organizativas.

En relación coas medidas organizativas deberanse manter ou establecer aquelas que diminúen o risco de infección polo SARS-CoV-2, adaptándoas ao escenario epidemiolóxico existente en cada momento.

Os establecementos e/ou empresas deben levar a cabo as accións necesarias para aprovisionarse dos recursos necesarios para garantir a protección individual dos traballadores e clientes (solucións/xeles hidroalcohólicos, anteparos de protección, máscaras, pantallas faciais, luvas, se é o caso, etc.).

Así mesmo, deberán planificar as tarefas e procesos de traballo de tal maneira que se garanta a distancia de seguridade nos seguintes termos:

a) Adecuar a disposición dos postos de traballo. No caso de existiren quendas de traballo, estas deben planificarse, sempre que sexa posible, de maneira que sempre se concentren os mesmos empregados nas mesmas quendas.

b) Cumprir as limitacións de capacidade existentes en cada momento establecendo para tal fin un sistema para o seu control.

c) Organizar a circulación de persoas establecendo circuítos diferenciados de entrada e saída.

d) Establecer, de ser necesario, mecanismos de distanciamento como poden ser as cintas de seguridade ou a instalación de barreiras físicas (anteparos).

e) Organizar a distribución dos espazos garantindo a separación de seguridade entre mesas, sofás, barra, etc.

5.3. Control da infección polo SARS-CoV-2.

Esta liña estratéxica recolle o conxunto de intervencións que tratan de evitar que as persoas infectadas diseminen a enfermidade. Para iso, débese incidir tanto nas medidas de detección precoz de casos e do seu illamento, como na identificación dos seus contactos.

Neste sentido, co fin de posibilitar o seguimento de posibles contactos nos supostos de descubrimento posterior de presenza nos establecementos de lecer nocturno de casos de COVID-19, os ditos establecementos deberán levar un rexistro conforme o indicado no número 6 deste protocolo.

6. Etapas para a reactivación no ámbito do lecer nocturno, festas, verbenas e outros eventos populares e atraccións de feiras.

A reactivación da actividade dos establecementos de lecer nocturno, festas, verbenas e outros eventos populares e atraccións de feiras constará de dúas etapas, que se desenvolverán en función de que se manteñan os criterios epidemiolóxicos e sanitarios descritos anteriormente neste protocolo. Ademais, avaliarase de maneira continua cada unha das etapas da reactivación co fin de constatar a necesidade de interromper este proceso de normalización ou incluso a necesidade de retroceder ou avanzar con maior celeridade nel.

Polo tanto, a reactivación será gradual, dinámica e reversible, en función da evolución dos contaxios, a capacidade asistencial e a posible aparición de abrochos a nivel local. En todo caso, deberá permitir a normalización e recuperación da actividade sen incrementar o risco de aparición dunha nova onda epidémica.

Os concellos, no ámbito das súas competencias en materia de control sanitario, deberán vixiar o cumprimento das medidas que se recollen neste protocolo.

Así mesmo, os órganos de inspección da Administración autonómica, no ámbito das súas competencias, poderán realizar as actividades de inspección e control oportunas para a vixilancia e comprobación do cumprimento das medidas de prevención aplicables.

En calquera caso, poderá suspenderse a actividade de calquera establecemento que, a xuízo da autoridade competente, poida supoñer un risco de contaxio polas condicións en que se estea desenvolvendo.

6.1. Etapa I (do 1 ao 31 de xullo).

A etapa I dará comezo o día 1 de xullo e a súa duración será de 15 días, que se prorrogarán de maneira automática ata o 31 de xullo, sempre que se constate o cumprimento das medidas establecidas neste protocolo e o permita a situación epidemiolóxica, sanitaria e de saúde pública.

6.1.1. Medidas específicas para os establecementos de lecer nocturno.

As medidas reflectidas a continuación son de aplicación aos establecementos de lecer nocturno. Entenderase por establecementos de lecer nocturno, para os efectos do establecido neste protocolo, as discotecas, pubs, cafés-espectáculo, salas de festas, así como as salas de concertos que desenvolvan as súas actividades de forma análoga aos anteriores.

Previamente á súa reapertura, o establecemento de lecer nocturno, sobre a base da realización da avaliación de riscos, elaborará un plan de continxencia que deberá detallar as medidas concretas que vai adoptar para diminuír os riscos de contaxio de COVID-19, incluído o protocolo de actuación en caso de detección de posibles traballadores infectados ou que estivesen en contacto cun caso confirmado de COVID-19, conforme o indicado no número 5 deste protocolo.

Para a reactivación da súa actividade, o establecemento de lecer nocturno deberá cumprir as seguintes medidas preventivas en todas as súas instalacións e equipamentos, con maior incidencia nas zonas de atención e presenza de público:

a) Medidas relativas á capacidade dos establecementos:

1ª) O número de persoas dentro do establecemento non poderá superar os dous terzos da súa capacidade.

2ª) As terrazas ao aire libre destes establecementos limitarán a súa capacidade, para consumo sentado en mesa, ata o setenta e cinco por cento das mesas permitidas no ano inmediatamente anterior con base na correspondente licenza municipal ou o que sexa autorizado para este ano, no caso de que a licenza sexa concedida por primeira vez. Consideraranse terrazas ao aire libre todo espazo exterior ao local non cuberto ou todo espazo que, estando cuberto, estea rodeado lateralmente por un máximo de dúas paredes, muros ou paramentos. O consumo nas terrazas deberá realizarse sentado e facendo uso das mesas dispoñibles. En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, se é o caso, agrupacións de mesas. A ocupación máxima será de vinte e cinco persoas por mesa ou agrupación de mesas.

3ª) No caso de existir zona de baile, permitirase o seu uso cunha ocupación que en ningún caso será superior á que resulte da asignación de tres metros cadrados da pista por cada usuario.

4ª) As restricións relativas á capacidade poderán flexibilizarse se se constata un cumprimento xeneralizado das medidas reflectidas neste protocolo e se o contexto epidemiolóxico, sanitario e de saúde pública así o permiten, antes da data establecida para o paso á etapa II.

b) Medidas relativas ao mantemento da distancia de seguridade interpersoal (1,5 metros):

Os establecementos deberán:

1ª) Establecer normas de uso das instalacións en que se desenvolve o traballo e dos espazos compartidos polos traballadores para manter a distancia de seguridade (zonas comúns, vestiarios, etc.).

2ª) Implantar as medidas necesarias que garantan a distancia de seguridade entre os clientes e os traballadores e, de non ser posible, empregaranse barreiras físicas de protección (anteparos, pantallas faciais, etc.) co fin de asegurar a protección do persoal.

3ª) Establecer circuítos diferenciados para a entrada e saída dos clientes co fin de evitar aglomeracións tanto no exterior como no interior do local, e nas entradas e saídas, cun control estrito do cumprimento da distancia interpersoal empregando, de ser necesario, marcas que indiquen os 1,5 metros de seguridade. Así mesmo, os fluxos de entrada e saída deben permitir manter os niveis de ocupación baixo control.

4ª) O consumo dentro do local poderá realizarse na barra ou sentado en mesa ou agrupacións de mesas, debendo asegurarse o mantemento da debida distancia de seguridade interpersoal entre clientes ou, se é o caso, grupos de clientes situados na barra ou nas mesas ou, se é o caso, agrupacións de mesas. A ocupación máxima será de vinte e cinco persoas por mesa ou agrupación de mesas. A mesa ou agrupación de mesas que se utilice para este fin deberán ser acordes co número de persoas, permitindo que se respecte a distancia mínima de seguridade interpersoal.

5ª) Acoutar ou sectorizar zonas no local, terraza, pista de baile, etc. para garantir o cumprimento da distancia interpersoal de 1,5 metros.

6ª) A ocupación máxima para o uso dos aseos será dunha persoa para espazos de ata 4 metros cadrados, salvo naqueles supostos de persoas que poidan precisar asistencia. Nese caso, tamén se permitirá a utilización por parte do seu acompañante. Para aseos de máis de catro metros cadrados que conten con máis dunha cabina ou urinario, a ocupación máxima será do 50 % do número de cabinas e urinarios que teña a estancia e deberá manterse durante o seu uso a distancia de seguridade interpersoal. Deberanse establecer sistemas para controlar a afluencia dos clientes a esa zona.

7ª) Nos establecementos que ofrezan espectáculos musicais ou de animación, establecerase un espazo de seguridade entre o escenario e o público de polo menos 3 metros. Así mesmo, as medidas do escenario determinarán o número de membros máximo que pode conformar o grupo artístico, ao ter que manter estes membros entre eles a distancia de seguridade de 1,5 metros. Ademais, no caso de espectáculos musicais serán de aplicación as medidas de prevención específicas para a actuación e os ensaios de orquestras, bandas e outras agrupacións musicais.

c) Medidas relativas á protección e hixiene de clientes e persoal, limpeza e desinfección de superficies:

1ª) Mostrarase cartelaría informando ao cliente das medidas de prevención da infección polo SARS-CoV-2. Incidirase na importancia da hixiene das mans e respiratoria, uso de máscaras cirúrxicas/hixiénicas, así como no mantemento das medidas de distanciamento interpersoal.

2ª) Tanto os clientes coma os traballadores do establecemento deberán portar máscara cirúrxica ou hixiénica. Non deberá permitirse a presenza no establecemento daquelas persoas que incumpran esta obriga.

3ª) Debe asegurarse a dispoñibilidade de dispensadores de solución/xel hidroalcohólico ou desinfectantes con actividade viricida debidamente autorizados e rexistrados para uso dos clientes en distintos puntos do local, fundamentalmente nos de maior concorrencia de clientes (como mínimo nos accesos, servizo de gardarroupa, barras e terrazas) e para uso dos traballadores (como mínimo na barra, zona de admisión, servizo de gardarroupa, vestiarios).

4ª) O persoal do servizo de gardarroupa desinfectará as mans de forma frecuente. As pezas de roupa dos clientes deberán protexerse con fundas dun só uso para evitar o contacto directo entre elas e asegurar a súa hixiene. Será o propio cliente o que introduza as súas pezas de roupa na bolsa e a entregue posteriormente ao persoal.

5ª) Os aseos deberán contar con dispensador de xabón e papel de secado (asegurándose a reposición de consumibles en todo momento) e papeleira con apertura de accionamento non manual e dobre bolsa interior. En todo caso, evitaranse as toallas, incluso as de uso individual. Os aseos limparanse polo menos 6 veces por xornada e aumentarase a periodicidade de ser necesario. Ademais, fóra do aseo deberá instalarse un dispensador de xel hidroalcohólico ou desinfectante con actividade viricida para a hixiene das mans.

6ª) Nas tarefas de limpeza prestarase especial atención ás zonas de uso común e ás superficies de contacto máis frecuentes como pomos de portas, mesas e outro mobiliario, pasamáns, billas, teléfonos, etc.

7ª) As mesas e cadeiras deberán desinfectarse entre un cliente e outro. Evitarase que o cliente faga uso arbitrario do mobiliario co fin de garantir que se realiza a desinfección.

8ª) O persoal desinfectará frecuentemente, ao longo de toda a xornada laboral, os obxectos de uso persoal (lentes, móbiles, etc.) con auga e xabón cando sexa factible ou cunha solución desinfectante. Non obstante, deberase limitar o número de obxectos persoais no posto de traballo. No cambio de quenda, deberanse desinfectar os elementos do posto de traballo (pantallas, tabletas, teclados, ratos, etc.).

9ª) Nos establecementos que ofrezan espectáculos musicais ou de animación, procederase á limpeza e desinfección dos equipamentos de son e microfonía despois de cada actuación, de ser propiedade do local.

10ª) Promoverase o pagamento con tarxeta ou outros medios que non supoñan o contacto físico entre dispositivos, evitando, na medida do posible, o emprego de cartos en efectivo. Limparase e desinfectarase o datáfono tras cada uso, así como o terminal TPV se o empregado que o usa non é sempre o mesmo.

11ª) Procederase á ventilación, diariamente, coa maior frecuencia sempre que sexa posible, dos distintos espazos do establecemento de lecer nocturno. Deberase asegurar unha correcta renovación do aire do local. De non ser posible unha correcta ventilación natural, deberanse axustar os sistemas de climatización/ventilación e extracción de aire dos locais para aumentar o número de renovacións por hora ou a porcentaxe de aire limpo exterior (28 m3/s), de forma que se evite no posible a recirculación do aire (traballando coa máxima porcentaxe de aire limpo exterior que sexa posible).

12ª) Se os aseos dispoñen de extractor, este deberá manterse en funcionamento continuo, de ser posible.

d) Medidas relativas ao control epidemiolóxico:

Co fin de posibilitar o seguimento de posibles contactos nos supostos de descubrimento posterior de presenza nos establecementos de lecer nocturno de casos de COVID-19, os ditos establecementos deberán levar un rexistro para permitir que os clientes poidan achegar, en todo caso voluntariamente, un número de teléfono para facilitar a súa localización polas autoridades sanitarias, cumprindo en todo caso as exixencias derivadas da normativa en materia de protección de datos de carácter persoal. Neste sentido:

1º) No rexistro soamente constarán o número de teléfono subministrado voluntariamente polo cliente e a data e hora de acceso ao local. Deberá, pois, existir un consentimento do cliente mediante a clara acción afirmativa consistente en proporcionar o número de teléfono de contacto.

2º) O responsable do tratamento relacionado co rexistro será o/a titular do establecemento.

3º) Informaranse os clientes, a través de cartelaría visible localizada na entrada do establecemento e noutros lugares do interior do local, dos aspectos exixidos na normativa en materia de protección de datos respecto ao tratamento de datos de carácter persoal. Co fin de garantir o coñecemento da dita información por parte do cliente antes de prestar o seu consentimento, deberá advertirse a cada cliente da existencia de tales carteis coa información indicada con carácter previo á recollida dos datos. O anterior enténdese sen prexuízo do posible emprego doutros medios adicionais de subministración da información.

4º) O establecemento deberá conservar os datos coas debidas garantías durante o prazo de 28 días naturais, que se considera o estritamente indispensable para cumprir coa finalidade do rexistro. Transcorrido o dito prazo, deberá procederse á supresión dos datos persoais.

5º) Os datos soamente poderán ser tratados para os fins indicados. Só poderán ser cedidos ás autoridades sanitarias no caso de detectarse un caso de COVID-19 e coa única finalidade de seguimento de posibles contactos.

6º) Aplicaranse as medidas técnicas e organizativas apropiadas para garantir un nivel de seguridade adecuado e cumpriranse as restantes obrigas impostas pola normativa de protección de datos.

e) As restantes medidas previstas no número 5 deste protocolo, así como no Acordo do Consello da Xunta do 12 de xuño de 2020 que resulten aplicables aos establecementos de lecer nocturno.

6.1.2. Medidas específicas para festas, verbenas e outros eventos populares.

Dada a peculiaridade, popularidade e tradición deste tipo de celebracións, as festas, verbenas e outros eventos populares poderán iniciar a súa actividade cumprindo coas seguintes medidas:

a) Deberase acoutar o espazo destinado ao evento de tal maneira que se facilite o establecemento de puntos diferenciados para a entrada e saída do recinto, que deberán estar identificados con claridade

b) Respectarase unha capacidade máxima dunha persoa por cada tres metros cadrados da superficie útil do recinto, ata un máximo de 1.000 persoas para os espazos cunha superficie útil menor ou igual a 8.000 metros cadrados. No caso de que a superficie útil do recinto sexa superior aos 8.000 metros cadrados, o límite máximo será de 2.000 persoas, sempre que se manteña unha persoa por cada tres metros cadrados de superficie. Poderanse empregar métodos como subministrar pulseiras ou entradas para facilitar o control da capacidade.

c) Estableceranse controis da capacidade nas entradas e saídas do recinto e adoptaranse as medidas necesarias para evitar aglomeracións nestes puntos.

d) Deberanse establecer as medidas necesarias para manter a distancia de seguridade interpersoal no interior e no exterior do recinto e para evitar aglomeracións (recoméndase acoutar ou sectorizar zonas), tendo en conta, en calquera caso, a normativa de seguridade que sexa de aplicación.

e) No caso de festas, verbenas ou outros eventos populares en que exista un escenario, deberase establecer un perímetro cercado con 4 metros de distancia entre o escenario e o público. En ningún caso se permitirá o acceso de persoas do público ao escenario.

f) Tanto os asistentes como o persoal de organización deberán portar máscara cirúrxica ou hixiénica de maneira obrigatoria. A organización non deberá permitir a presenza no recinto daquelas persoas que incumpran esta obriga.

g) Lembraranse aos asistentes, por medio de cartelaría visible e mensaxes de megafonía, as normas de hixiene e prevención que hai que observar, así como a obrigatoriedade de portar máscaras cirúrxicas ou hixiénicas.

h) Disporanse dispensadores de solución/xel hidroalcohólico ou antisépticos con actividade viricida debidamente autorizados e rexistrados nos puntos de entrada e saída do recinto, así como en diferentes puntos dentro do recinto (tales como establecementos de restauración, aseos e postos de venda de produtos).

i) Os traballadores dos distintos establecementos ou postos instalados desinfectarán as mans de forma frecuente.

j) Ademais do cumprimento xeral das medidas de hixiene e prevención establecidas, no caso de que se preste algún tipo de servizo de hostalaría e restauración, deberase axustar ao previsto nas condicións para a prestación do servizo nos establecementos de hostalaría e restauración, así como os protocolos ou as guías que poidan ser aprobados pola Administración autonómica para estas actividades. No caso de espectáculos musicais serán de aplicación as medidas de prevención específicas para a actuación e os ensaios de orquestras, bandas e outras agrupacións musicais.

k) Garantirase a seguridade dos traballadores mediante o uso de medidas de protección física (anteparos, cintas de seguridade, etc.) no caso de que non se poida manter a distancia de seguridade.

l) Promoverase o pagamento con tarxeta ou outros medios que non supoñan o contacto físico entre dispositivos, evitando, na medida do posible, o emprego de cartos en efectivo. Limparase e desinfectarase o datáfono tras cada uso, así como o terminal TPV se o empregado que o usa non é sempre o mesmo.

m) A celebración de romarías, desfiles, exhibicións de música ou baile ou actividades similares en espazos abertos e con acompañamento de público na vía pública deberá desenvolverse nas condicións que deberá determinar a autoridade municipal correspondente. Nestes casos, con carácter previo á celebración, delimitarase o espazo ou o itinerario e a asistencia de público estará limitada a un máximo de 1.000 persoas. Procurarase manter a distancia de seguridade interpersoal entre os participantes entre si e co público asistente, e o uso de máscara será obrigatorio para os participantes e para o público asistente.

n) As restantes medidas previstas no número 5 deste protocolo, así como no Acordo do Consello da Xunta do 12 de xuño de 2020 que resulten aplicables ás festas, verbenas e demais eventos populares.

6.1.3. Medidas específicas para as atraccións de feira.

No caso das atraccións de feira poderán iniciar a súa actividade cumprindo coas seguintes medidas:

a) Deberase acoutar o espazo destinado ao recinto en que se desenvolvan as atraccións de tal maneira que se facilite o establecemento de puntos diferenciados para a entrada e saída do recinto, que deberán estar identificados con claridade.

b) Respectarase unha capacidade máxima dunha persoa por cada tres metros cadrados de superficie útil do recinto, ata un máximo de 700 persoas para os espazos cunha superficie útil menor ou igual a 8.000 metros cadrados. No caso de que a superficie do recinto sexa superior aos 8.000 metros cadrados, o límite máximo será de 2.000 persoas, sempre que se manteña a capacidade dunha persoa por cada tres metros cadrados de superficie. Para o cálculo da superficie útil do recinto non se terá en conta a superficie ocupada por todas as estruturas instaladas. Poderanse empregar métodos como subministrar pulseiras ou entradas para facilitar o control da capacidade.

c) Estableceranse controis da capacidade nas entradas e saídas do recinto e adoptaranse as medidas necesarias para evitar aglomeracións nestes puntos.

d) Deberanse establecer as medidas necesarias para manter a distancia de seguridade interpersoal no interior e no exterior do recinto e para evitar aglomeracións (recoméndase acoutar ou sectorizar zonas), tendo en conta, en calquera caso, a normativa de seguridade que sexa de aplicación.

e) No caso das atraccións que dispoñan de asentos, poderá ocuparse ata un máximo que permita manter a distancia de seguridade interpersoal entre os ocupantes e reducirase ao cincuenta por cento o número de asentos de cada fila que se poidan ocupar en caso de que esta distancia non se poida asegurar. Esta limitación non será de aplicación no caso de persoas conviventes. No caso de atraccións que non teñan asentos incorporados, a súa capacidade máxima será do cincuenta por cento da capacidade máxima da atracción.

f) Lembraranse aos asistentes, por medio de cartelaría visible e mensaxes de megafonía, as normas de hixiene e prevención que hai que observar, así como a obrigatoriedade de portar máscaras cirúrxicas ou hixiénicas.

g) Disporanse dispensadores de solución/xel hidroalcohólico ou antisépticos con actividade viricida debidamente autorizados e rexistrados nos puntos de entrada e saída do recinto e de cada unha das atraccións, e noutros puntos dentro do recinto tales como establecementos de restauración, aseos ou postos de venda de produtos.

h) Os traballadores dos distintos establecementos, postos e atraccións instaladas desinfectarán as mans de forma frecuente.

i) O uso de máscara cirúrxica ou hixiénica será obrigatorio tanto para os traballadores como para os clientes. A organización non deberá permitir a presenza no recinto daquelas persoas que incumpran esta obriga.

j) Os usuarios das atraccións obrigatoriamente deberán realizar unha adecuada hixiene das mans mediante solución/xel hidroalcohólico ou cun antiséptico con actividade viricida, antes e despois de facer uso da atracción.

k) Deberán establecerse as medidas necesarias para garantir a protección dos traballadores: emprego de máscara cirúrxica/hixiénica, mantemento da distancia de seguridade interpersoal ou, na súa falta, a utilización de medidas alternativas de protección física como anteparos ou cintas de seguridade.

l) Garantirase a hixienización frecuente de obxectos que empreguen os usuarios e traballadores e evitarase, na medida do posible, o emprego de calquera material de uso compartido. De non ser posible, realizarase a adecuada desinfección tras cada uso.

m) Ademais do cumprimento xeral das medidas de hixiene e prevención establecidas, deberán aplicarse as condicións previstas especificamente para a prestación do servizo nos establecementos de hostalaría e restauración, no caso de que se preste algún tipo de servizo deste tipo, así como os protocolos ou as guías aprobados pola Consellería de Sanidade para estas actividades.

n) As medidas previstas nas alíneas e) a m) serán de aplicación a aquelas atraccións que se sitúen dentro dos propios recintos de festas, verbenas e outros eventos populares.

ñ) Debido á dificultade para realizar a súa adecuada desinfección, non estarán permitidas as piscinas de bólas e atraccións inchables.

o) As restantes medidas previstas no número 5 deste protocolo, así como no Acordo do Consello da Xunta do 12 de xuño de 2020 que resulten aplicables ás atraccións de feiras.

6.2. Etapa II (do 1 agosto en adiante).

6.2.1. Medidas específicas para os establecementos de lecer nocturno.

a) A capacidade do establecemento determinarase en función dos resultados obtidos da avaliación da etapa I.

b) Manteranse o resto de medidas establecidas na etapa I.

6.2.2. Medidas específicas para festas, verbenas e outros eventos populares.

a) A capacidade do recinto determinarase en función dos resultados obtidos da avaliación da etapa I.

b) Manteranse o resto de medidas establecidas na etapa I.

6.2.3. Medidas específicas para as atraccións de feira.

a) A capacidade do recinto e das atraccións determinarase en función dos resultados obtidos da avaliación da etapa I.

b) Manteranse o resto de medidas establecidas na etapa I.