Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128-Bis Martes, 30 de xuño de 2020 Páx. 25939

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 30 de xuño de 2020 pola que se restablece a actividade dos centros de lecer infantil e se aproba o Protocolo en materia de lecer infantil para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

Por Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración de situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto quinto do acordo, as medidas previstas nel poderán ser completadas por plans específicos de seguridade, protocolos organizativos e guías adaptados a cada sector de actividade, aprobados polas administracións competentes e, de acordo co punto sexto, as medidas deben ser obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de sanidade. Así mesmo, a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do presente acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas neste acordo que sexan necesarias.

Xunto a isto, e de xeito máis concreto, no punto cuarto do dito acordo previuse que, sempre que a evolución da situación epidemiolóxica así o aconsellase, a Administración autonómica podería permitir o restablecemento, a partir do 1 de xullo, das actividades dos establecementos que se destinen a ofrecer xogos e atraccións recreativas deseñados especificamente para público de idade igual ou inferior a 12 anos, espazos de xogo e entretemento, así como a celebración de festas infantís. Na mesma liña se pronuncia o número 3.19 do anexo do acordo.

A evolución da situación epidemiolóxica permite que se restableza a actividade dos ditos establecementos a partir do 1 de xullo de 2020, ben que tal restablecemento debe ir acompañado da aprobación dun protocolo que recolla medidas preventivas específicas aplicables a tales establecementos, así como á actividade de lecer infantil que se leve a cabo en establecementos distintos dos centros de lecer infantil e en domicilios particulares.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, a persoa titular da consellería de sanidade ten a condición de autoridade sanitaria.

Na súa virtude, en aplicación dos puntos cuarto, quinto e sexto e do número 3.19 do anexo do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, e na condición de autoridade sanitaria conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Restablecemento da actividade dos centros de lecer infantil

Os centros de lecer infantil poderán restablecer a súa actividade o 1 de xullo de 2020.

Segundo. Aprobación do Protocolo en materia de lecer infantil para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19

Apróbase o Protocolo en materia de lecer infantil para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, que figura como anexo.

Terceiro. Eficacia do protocolo

O protocolo que é obxecto de aprobación por medio da presente orde terá efectos desde o 1 de xullo de 2020 ata o levantamento da declaración de situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta do 13 de marzo de 2020.

Non obstante o anterior, o protocolo será obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderá ser obxecto de modificación ou poderá deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2020

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Protocolo en materia de lecer infantil para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19

1. Obxecto.

O presente protocolo ten por obxecto establecer medidas preventivas específicas en materia de lecer infantil.

2. Medidas preventivas específicas dos centros de lecer infantil.

Para os efectos deste protocolo, enténdese por centros de lecer infantil os establecementos abertos ao público que se destinen a ofrecer xogos e atraccións recreativas deseñados especificamente para público de idade igual ou inferior a 12 anos, espazos de xogo e entretemento, así como á celebración de festas infantís.

Nos centros de lecer infantil deberán seguirse as seguintes medidas preventivas:

a) De conformidade co disposto no artigo 7 do Real decreto lei 21/2020, do 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, as persoas traballadoras en ningún caso acudirán ao seu posto de traballo se presentan síntomas compatibles con infección por SARS-CoV-2, ou están en illamento domiciliario debido a un diagnóstico por COVID-19 ou se atopan en período de corentena domiciliaria por ter estado en contacto estreito con algunha persoa con COVID-19.

No caso de que a persoa traballadora empezase a ter síntomas compatibles coa enfermidade no seu posto de traballo, colocará de maneira inmediata unha máscara (de non levala), porase en contacto co servizo de saúde e seguirá as recomendacións que se lle indiquen.

b) A calquera neno ou nena con síntomas de infección respiratoria aguda de vías respiratorias ou febre non se lle permitirá a entrada no establecemento. Os acompañantes dos menores deberán cumprir as medidas de hixiene respiratorias (uso de máscara cirúrxica ou hixiénica) e de mans establecidas para o conxunto da poboación.

c) Extremaranse as medidas hixiénicas necesarias que permitan unha adecuada hixiene das superficies, retirando aqueles obxectos prescindibles como alfombras ou peluches, así como calquera outro de difícil desinfección.

d) Sinalaranse de forma específica e ben visible as medidas de hixiene e de seguridade necesarias; deberán sinalizarse as entradas e saídas do establecemento e indicarse a distancia de seguridade interpersoal con carteis ou outra sinaléctica en paredes ou chan.

e) Utilizaranse calcetíns con sola de goma para o seu uso dentro do recinto.

f) Procurarase que os nenos ou nenas estean acompañados por un máximo dun adulto.

g) A capacidade máxima será do 75 %.

h) Para os nenos e nenas de 6 ou máis anos, será necesaria a utilización de máscara de protección respiratoria de enganche na orella de forma obrigatoria.

i) Quedarán inutilizadas as piscinas de bólas e gomaespuma e quedará vedado o acceso a areeiros, inchables e similares.

j) Será obrigatoria a realización, polo menos dúas veces no día, dunha hixiene completa dos lugares de ocio.

k) Ao longo do horario diario de apertura fixarase un período libre de uso dunha hora como mínimo para garantir a ventilación adecuada do espazo.

l) Utilizarase enxoval dun só uso.

m) Darase prioridade ás actividades lúdicas que refusen o contacto físico.

n) No caso de se realizaren no establecemento actividades de animación infantil, biblioteca, culturais, recreativas ou deportivas, serán de aplicación, ademais, as medidas preventivas especificamente previstas para tales actividades.

o) Co fin de posibilitar o seguimento de posibles contactos nos supostos de descubrimento posterior de presenza de casos de COVID-19 nos centros de lecer infantil, os ditos establecementos deberán levar un rexistro para permitir que as persoas acompañantes dos/as nenos/as poidan achegar, en todo caso voluntariamente, un número de teléfono para facilitar a súa localización polas autoridades sanitarias, cumprindo en todo caso as exixencias derivadas da normativa en materia de protección de datos de carácter persoal. Neste sentido:

1º) No rexistro soamente constarán o número de teléfono subministrado voluntariamente pola persoa acompañante do/a neno/a e a data e a hora de acceso ao establecemento. Deberá, pois, existir un consentimento da dita persoa mediante a clara acción afirmativa consistente en proporcionar o número de teléfono de contacto.

2º) O responsable do tratamento relacionado co rexistro será o/a titular do establecemento.

3º) Informarase, a través de cartelaría visible localizada na entrada do establecemento e noutros lugares do interior do local, dos aspectos exixidos na normativa en materia de protección de datos respecto ao tratamento de datos de carácter persoal. Co fin de garantir que a persoa interesada coñeza a dita información antes de prestar o seu consentimento, esta deberá ser advertida da existencia de tales carteis coa información indicada con carácter previo á recollida dos datos. O anterior enténdese sen prexuízo do posible emprego doutros medios adicionais de subministración de información.

4º) O establecemento deberá conservar os datos coas debidas garantías durante o prazo de 28 días naturais, que se considera o estritamente indispensable para cumprir coa finalidade do rexistro. Transcorrido o dito prazo, deberá procederse á supresión dos datos persoais.

5º) Os datos soamente poderán ser tratados para os fins indicados. Só poderán ser cedidos ás autoridades sanitarias no caso de detectarse un caso de COVID-19 e coa única finalidade de seguimento de posibles contactos.

6º) Aplicaranse as medidas técnicas e organizativas apropiadas para garantir un nivel de seguridade adecuado e cumpriranse as restantes obrigas impostas pola normativa de protección de datos.

p) As restantes medidas previstas no Acordo do Consello da Xunta do 12 de xuño de 2020 sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, que resulten aplicables aos centros de lecer infantil.

3. Medidas preventivas específicas das actividades de lecer infantil desenvolvidas en establecementos distintos dos centros de lecer infantil e en domicilios particulares.

No caso de actividades de lecer infantil que se desenvolvan en establecementos distintos dos centros de lecer infantil e en domicilios particulares, a empresa ou persoa contratada para o desenvolvemento de tales actividades deberá cumprir as seguintes medidas preventivas:

a) Deberá respectarse a ratio de 1 monitor/a por cada 10 nenos ou nenas, cun máximo de 15 nenos/as por actividade que se vaia realizar.

b) Non estará permitido o servizo de coidado de nenos ou nenas en eventos durante a comida.

c) Realizaranse xogos con distanciamento e evitando o uso de material compartido. En actividades en que non se poida garantir en todo momento a distancia de seguridade interpersoal de 1,5 metros será obrigatorio o uso de máscara para persoas de 6 ou máis anos, sobre todo en espazos pechados. No caso de menores de 6 anos deberá manterse a distancia de seguridade interpersoal indicada en todo caso.

d) Permitirase a utilización de inchables para eventos privados ao aire libre nas seguintes condicións:

1ª) Non estará permitido o uso de inchables de salto.

2ª) Só se poden usar aqueles inchables onde os nenos e nenas suban de 1 en 1.

3ª) Previamente ao inicio da súa utilización, os inchables deben ser hixienizados e desinfectados en profundidade, sendo obrigatoria a entrega dun certificado ou declaración responsable de hixienización no mesmo día do evento á persoa que contratase o servizo. Ademais, deberán desinfectarse 1 vez durante o seu uso.

4ª) Deberá poñerse á disposición dos nenos e das nenas auga xabonosa ou hidroxel para o seu uso cando entren na área de xogos.

5ª) No posible definirase un circuíto de entrada e outro de saída.

6ª) Os inchables non poderán ser compartidos por outros nenos ou nenas que participen en eventos distintos.

e) No caso de ramplas de auga ou atraccións como o touro mecánico ou a varredora, organizarase a actividade por quendas e asegurando que se cumpra a distancia de seguridade interpersoal.

f) Poderanse realizarse festas da escuma cun máximo de 15 nenos ou nenas participantes, mantendo a distancia de seguridade interpersoal entre eles.

g) Darase prioridade ás actividades lúdicas que refusen o contacto físico.

h) No caso de realización, ademais de actividades propias de biblioteca, culturais, recreativas ou deportivas, serán de aplicación tamén as medidas preventivas especificamente previstas para tales actividades.

i) Co fin de posibilitar o seguimento de posibles contactos nos supostos de detección de casos de COVID-19, as empresas que desenvolvan actividades de lecer infantil en establecementos distintos dos centros de lecer infantil ou en domicilios particulares deberán levar un rexistro para permitir que as persoas adultas responsables dos/as nenos/as que desenvolvan as ditas actividades poidan achegar, en todo caso voluntariamente, un número de teléfono para facilitar a súa localización polas autoridades sanitarias, cumprindo en todo caso as exixencias derivadas da normativa en materia de protección de datos de carácter persoal. Neste sentido:

1º) No rexistro soamente constarán o número de teléfono subministrado voluntariamente pola persoa adulta responsable do/a neno/a e a data da actividade de lecer infantil en que participou o neno ou a nena. Deberá, pois, existir un consentimento da dita persoa mediante a clara acción afirmativa consistente en proporcionar o número de teléfono de contacto.

2º) O responsable do tratamento relacionado co rexistro será o/a titular da empresa que desenvolva as actividades de lecer infantil.

3º) No momento da recollida dos datos deberá subministrarse a información exixida pola normativa en materia de protección de datos.

4º) Deberán conservarse os datos coas debidas garantías durante o prazo de 28 días naturais, que se considera o estritamente indispensable para cumprir coa finalidade do rexistro. Transcorrido o dito prazo, deberá procederse á supresión dos datos persoais.

5º) Os datos soamente poderán ser tratados para os fins indicados. Só poderán ser cedidos ás autoridades sanitarias no caso de detectarse un caso de COVID-19 e coa única finalidade de seguimento de posibles contactos.

6ª) Aplicaranse as medidas técnicas e organizativas apropiadas para garantir un nivel de seguridade adecuado e cumpriranse as restantes obrigas impostas pola normativa de protección de datos.

j) As restantes medidas previstas no Acordo do Consello da Xunta do 12 de xuño de 2020 sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, que resulten aplicables ás actividades de lecer infantil.