Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128-Bis Martes, 30 de xuño de 2020 Páx. 25947

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 30 de xuño de 2020 pola que se demora o restablecemento das actividades dos locais de discotecas e demais establecementos de lecer nocturno, e das festas, verbenas e outros eventos populares, así como das atraccións de feiras, nos concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove, como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19.

Por Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración de situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto cuarto do acordo, sempre que a evolución da situación epidemiolóxica así o aconselle, a Administración autonómica poderá permitir o restablecemento, a partir do 1 de xullo, nas condicións que previamente ela estableza, dunha serie de actividades, entre as que se atopan «os locais de discotecas e demais establecementos de lecer nocturno, sen prexuízo da apertura das terrazas ao aire libre regulada no punto 3.34 do anexo» do acordo (letra b do punto cuarto), e «as festas, verbenas e outros eventos populares, así como as atraccións de feiras» (letra c do punto cuarto).

Así mesmo, de acordo co punto sexto, as medidas deben ser obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de sanidade. Así mesmo, a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do presente acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas neste acordo que sexan necesarias.

Por Resolución do 25 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 25 de xuño de 2020, polo que se introducen determinadas modificacións nas medidas de prevención previstas no Acordo do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. Entre outras modificacións, deuse nova redacción aos números 3.34 e 3.35 do anexo do Acordo do 12 de xuño de 2020, en materia de establecementos de lecer nocturno e de festas, verbenas e outros eventos populares, e engadiuse un novo número 3.40 sobre atraccións de feiras. Nos ditos números prevense as medidas que se adoptarán en relación coas actividades indicadas, as cales terán efectos desde o 1 de xullo de 2020, sen prexuízo de que estas medidas deberán entenderse en todo caso subordinadas á evolución da situación epidemiolóxica, polo que a súa eficacia podería demorarse se a situación non for a adecuada, logo da correspondente valoración e decisión das autoridades sanitarias da Administración autonómica.

De acordo co informe sobre a situación epidemiolóxica no distrito sanitario da Mariña a raíz do abrocho de COVID-19 elaborado polo subdirector xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía, do 30 de xuño de 2020, existen no día de hoxe diversos casos relacionados cun abrocho de COVID-19 que se está a desenvolver no distrito sanitario da Mariña. Todos os casos do abrocho están directa ou indirectamente relacionados uns con outros, pero non se pode afirmar nestes momentos que sexa como resultado da progresión dunha única cadea de transmisión e non se pode descartar que sexan froito da confluencia de máis dunha cadea, situación que suxeriría un nivel superior de transmisión previa do virus. Este dato, xunto ao número de persoas en corentena, que aumenta a probabilidade de que unha infección asintomática ou paucisintomática pase desapercibida, a pesar de facerlles probas e ao feito de que na zona haxa casos recentes que non se poden relacionar aínda co abrocho, fan pensar que pode persistir unha certa transmisión comunitaria.

Nesta situación, esta transmisión, aínda que fose de moi pouca intensidade (é dicir, que haxa moi poucos infectados) podería verse notablemente ampliada se unha persoa infectada entrase en contacto con numerosas persoas, como podería ocorrer en locais de lecer nocturno, festas, verbenas e outros eventos populares como romarías ou procesións.

En concreto, a experiencia indica que no lecer nocturno aumentan as posibilidades de exposicións de riscos por varios motivos, algúns intrínsecos ás propias características deste tipo de lecer, e outros do contorno, locais moitas veces pequenos, con ventilación que nalgúns momentos pode non ser suficiente, con música que obriga aumentar o volume de voz, o que aumenta as distancias que percorren as gotiñas expulsadas ao falar, e do consumo de bebidas alcohólicas ou outros produtos, que fan diminuír a sensación de risco e, polo tanto, poden levar a un relaxamento das medidas de protección.

Tamén se aplica isto ás festas e verbenas populares e ás atraccións de feiras, a pesar de celebrárense en espazos abertos.

Nas procesións e romarías os riscos poden considerarse algo menores pero segue existindo unha posibilidade de contacto a un nivel claramente superior ao doutras actividades da vida diaria.

Polo tanto, deben adoptarse medidas de prevención para que no distrito sanitario da Mariña, formado polos concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove, se demore o restablecemento das actividades, actualmente suspendidas, citadas nas alíneas b) e c) do punto cuarto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

Esta medida será reavaliada nun período non superior a sete días naturais dende a publicación desta orde en función da evolución da situación epidemiolóxica na zona.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, e do punto segundo do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 25 de xuño de 2020, polo que se introducen determinadas modificacións nas medidas de prevención previstas no anterior acordo, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Demora do restablecemento das actividades dos locais de discotecas e demais establecementos de lecer nocturno, e das festas, verbenas e outros eventos populares, así como das atraccións de feiras, nos concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove, como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19.

Demórase o restablecemento das actividades, citadas nas alíneas b), locais de discotecas e demais establecementos de lecer nocturno, e c), festas, verbenas e outros eventos populares, así como as atraccións de feiras, do punto cuarto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, nos concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove, como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19.

Esta medida entenderase sen prexuízo da apertura das terrazas ao aire libre dos locais de discotecas e demais establecementos de lecer nocturno prevista no punto 3.34 do anexo do acordo citado.

Segundo. Eficacia

Esta orde terá efectos desde o 1 de xullo de 2020. Non obstante, a medida de demora do restablecemento das actividades será obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a 7 días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderá ser obxecto de modificación ou poderá deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2020

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade