Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161-Bis Mércores, 12 de agosto de 2020 Páx. 32193

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 12 de agosto de 2020 sobre modificación de determinadas medidas previstas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

Mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020 adoptáronse medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

Conforme o punto sexto do dito acordo, as medidas preventivas previstas nel deben ser obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade. Neste sentido, por sucesivos acordos do Consello da Xunta, do 25 de xuño, do 17, do 24 e do 30 de xullo de 2020, introducíronse determinadas modificacións nas medidas de prevención previstas no Acordo do 12 de xuño de 2020.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación de medidas concretas contidas no anexo.

A evolución da situación sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia puxo de manifesto a necesidade de introducir unha modificación puntual nas excepcións á obriga xeral de uso de máscara, que recolle a letra d) do número 1.3 do anexo do Acordo do Consello da Xunta do 12 de xuño de 2020. En concreto, faise necesario precisar cando poderá exceptuarse de tal obriga por causa do consumo de tabaco e de cigarros electrónicos, de xeito que a aplicación da excepción se faga de modo responsable e co necesario respecto e protección da saúde das persoas. Cómpre salientar, neste sentido, que a Comisión de Saúde Pública do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde aprobou un Posicionamento en relación co consumo de tabaco e relacionados durante a pandemia polo COVID-19, en que se salienta que, segundo expresaron a Organización Mundial da Saúde e as sociedades científicas e entidades relacionadas, son riscos asociados ao acto de fumar e vapear a manipulación da máscara de protección e o contacto repetitivo dos dedos coa boca tras tocar produtos ou utensilios que poderían actuar como fomite (transmisor inanimado) do virus, a expulsión de gotiñas respiratorias que poden conter carga viral e ser altamente contaxiosas, e o factor de relaxación da distancia social de seguridade. En atención a estes riscos, no dito posicionamento recoméndase, en aplicación do principio de precaución, ademais do seguimento de medidas especiais de hixiene, evitar o consumo en ambientes comunitarios e sociais e, no caso de realizarse, que o consumo sexa en espazos separados abertos.

Procede, pois, precisar que a obriga xeral de uso de máscara prevista no número 1.3 do Acordo do Consello da Xunta do 12 de xuño de 2020 só poderá exceptuarse por causa do consumo de tabaco ou de cigarros electrónicos, exclusivamente durante o consumo na vía pública ou en espazos ao aire libre, incluídas as terrazas, e sempre que poida manterse en todo momento a distancia mínima de dous metros con outras persoas.

A modificación operada no acordo ten o seu fundamento normativo na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; na Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; na Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e na Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

En atención ao exposto, de acordo co disposto no punto sexto do Acordo do Consello da Xunta do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na redacción vixente dada polo Acordo do Consello da Xunta do 30 de xullo de 2020, e na condición de autoridade sanitaria conforme o previsto no artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificación do Acordo do Consello da Xunta do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade

Engádese un ordinal 10º na letra d) do número 1.3 do anexo do Acordo do Consello da Xunta do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, coa seguinte redacción:

«10º) No caso particular de consumo de tabaco ou de cigarros electrónicos na vía pública ou en espazos ao aire libre, incluídas as terrazas, só se poderá exceptuar a obriga de uso de máscara, e exclusivamente durante o indicado consumo, sempre que, tendo en conta a posible concorrencia de persoas e as dimensións do lugar, poida garantirse o mantemento, en todo momento, da distancia de dous metros con outras persoas».

Segundo. Eficacia

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2020

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade