Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161-Bis Mércores, 12 de agosto de 2020 Páx. 32196

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 12 de agosto de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de sanidade. Neste sentido, mediante sucesivos acordos do Consello da Xunta, do 25 de xuño, do 17, do 24 e do 30 de xullo de 2020, introducíronse determinadas modificacións nas medidas de prevención previstas no Acordo do 12 de xuño de 2020.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación de medidas concretas contidas no anexo.

En aplicación do previsto no punto sexto citado, atendida a evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na comarca da Coruña, sobre a base do indicado no informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública, do 7 de agosto de 2020, e tras escoitar as recomendacións do subcomité clínico reunido para eses efectos, ditouse a Orde do 7 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada.

Tal e como se indicou na orde, o fundamento normativo das medidas atópase na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

No que atinxe á eficacia das medidas, no punto sexto da orde indicouse que terían efectos desde as 00.00 horas do 8 de agosto de 2020, e que serían obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a cinco días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderían ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderían deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Ademais, as medidas foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto do Xulgado de Instrución número 1 de A Coruña, do 8 de agosto de 2020.

En cumprimento do disposto no punto sexto da Orde do 7 de agosto de 2020, procedeuse ao seguimento e a avaliación das medidas previstas nela co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria. Neste sentido, no informe da Dirección Xeral de Saúde Pública sobre a situación epidemiolóxica na comarca da Coruña (concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada), do 12 de agosto de 2020, despréndese o incremento dos casos e taxas de infección na comarca da Coruña, cun aumento de cadeas de transmisión independentes e cunha porcentaxe de casos orfos que indica que existe transmisión comunitaria aínda que de intensidade descoñecida. O informe recomenda continuar coas medidas restritivas postas en marcha o día 7 e indica que a situación epidemiolóxica debe revisarse tras outros sete días, xa que este tempo é necesario para poder avaliar a súa efectividade real en termos de mellora dos indicadores epidemiolóxicos. A situación determina, por outro lado, que se deba insistir coas instrucións oportunas na limitación das visitas aos centros sanitarios da área da Coruña, establecendo, no caso de enfermos hospitalizados, a limitación dunha persoa por paciente, preferiblemente menor de 70 anos e que non padeza enfermidades crónicas. No caso da atención ambulatoria, soamente se permitirá un acompañante no caso de que a persoa atendida sexa dependente ou menor de idade.

Así, tras escoitar as recomendacións do comité clínico reunido para estes efectos, a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria impón, como consecuencia, o mantemento das medidas de prevención nos termos previstos na Orde do 7 de agosto de 2020, ben que procede, ademais, engadir, nos concellos da comarca da Coruña, unha recomendación específica de autoprotección dirixida ás persoas vulnerables ou con afeccións incompatibles co cumprimento da obriga xeral de uso de máscara, así como unha medida de prevención específica sobre a existencia dun servizo de atención preferente para maiores de 75 anos en establecementos e locais comerciais co fin de evitar maiores riscos para esta poboación.

Polo demais, as medidas deben seguir sendo obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria, e proceder, segundo o caso, ao seu mantemento, modificación ou a deixalas sen efecto.

En atención ao exposto, en aplicación do punto sexto da Orde do 7 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Mantemento das medidas de prevención previstas na Orde do 7 de agosto de 2020

Atendida a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria, mantense a eficacia das medidas de prevención previstas na Orde do 7 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada.

Adicionalmente, será de aplicación a medida de prevención adicional e a recomendación previstas nos puntos seguintes.

Segundo. Medida de prevención adicional

Establécese como medida de prevención adicional nos concellos da comarca da Coruña (concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada) que os establecementos e locais comerciais deberán prestar un servizo de atención preferente a maiores de 75 anos, o cal deberá concretarse en medidas como control de accesos ou caixas de pago específicos, e/ou en horarios determinados que aseguren a dita preferencia na atención. A existencia do servizo de atención preferente deberá sinalarse de forma visible nos ditos establecementos e locais.

Terceiro. Recomendación de autoprotección

Nos concellos da comarca da Coruña (concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada), recoméndase ás persoas maiores de 75 anos, ás persoas vulnerables ao COVID-19 e a aquelas que presenten algún tipo de enfermidade ou dificultade respiratoria que se poida ver agravada polo uso da máscara ou que presenten algunha alteración que faga inviable a súa utilización, que eviten na súa actividade diaria as saídas nas horas de previsible afluencia ou concentración de persoas na vía pública e en espazos ou establecementos abertos ao público, co fin de reducir os riscos derivados da coincidencia con outras persoas.

Cuarta. Eficacia

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

As medidas cuxa eficacia se mantén, así como a medida e a recomendación adicionais introducidas serán obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Para estes efectos, poderán ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderán deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2020

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade