Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161-Bis Mércores, 12 de agosto de 2020 Páx. 32200

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 12 de agosto de 2020 sobre mantemento das medidas de prevención nos concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove, como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020. Mediante sucesivos acordos do Consello da Xunta, do 25 de xuño, do 17, do 24 e do 30 de xullo de 2020, introducíronse determinadas modificacións nas medidas de prevención previstas no Acordo do 12 de xuño de 2020.

Ademais, mediante a Orde do 30 de xuño de 2020 demorouse o restablecemento das actividades dos locais de discotecas e demais establecementos de lecer nocturno, e das festas, verbenas e outros eventos populares, así como das atraccións de feiras, nos concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove, como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de sanidade. Así mesmo, a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas neste acordo que sexan necesarias.

En aplicación do previsto no punto sexto citado, atendida a evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19, e sobre a base do indicado no informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública, do 4 de xullo de 2020, ditouse a Orde do 5 de xullo de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención nos concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove, como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19.

Tal e como se indicou na orde, o fundamento normativo das medidas atópase na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

No que atinxe á eficacia das medidas, estas tiveron efectos desde as 00.00 horas do 6 de xullo de 2020, e as relativas ás restricións á mobilidade e ás agrupacións de persoas foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto 40/2020, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Lugo, do 8 de xullo de 2020.

Froito do seguimento e da avaliación continua das medidas co fin de adaptalas á situación epidemiolóxica e sanitaria, ditáronse sucesivas ordes.

Así, en virtude da Orde do 10 de xullo de 2020 mantivéronse as medidas previstas na Orde do 5 de xullo de 2020 coa única modificación consistente no levantamento parcial das restricións da mobilidade que se limitaron partindo de dous ámbitos diferentes: por un lado, o concello de Burela, por concentrar a maior incidencia do abrocho, e por outro, un cinto exterior a Burela, formado polos concellos de Viveiro, Xove, Cervo, Foz, Barreiros e Ribadeo, ámbito cunhas condicións epidemiolóxicas similares e diferentes do resto do ámbito territorial, polo número de casos confirmados e de contactos estreitos deles. As restricións á mobilidade no resto dos concellos incluídos no ámbito territorial ao cal se estenden as medidas de prevención quedaron levantadas. As medidas restritivas da mobilidade e das agrupacións de persoas foron ratificadas polo Auto 66/2020, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Lugo, do 15 de xullo de 2020.

Posteriormente, en virtude da Orde do 15 de xullo de 2020, mantivéronse as medidas de prevención contidas naquela orde, con efectos desde as 00.00 horas do 16 de xullo de 2020, agás as relativas ás restricións á mobilidade, que se mantiveron só no concello de Burela, por concentrar a maior parte dos casos do abrocho. As medidas restritivas de dereitos fundamentais foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto 69/2020, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Lugo, do 17 de xullo de 2020.

Mediante a Orde do 22 de xullo de 2020 mantivéronse, con efectos desde as 00.00 horas do 23 de xullo de 2020, as medidas de prevención existentes en todos os concellos da Mariña, agás as relativas ás restricións á mobilidade en Burela, que foron levantadas. Ademais, dada a evolución positiva da situación, tamén se modificou a restrición establecida respecto do horario de apertura da hostalaría e restauración, que se aumentou nunha hora. Así mesmo, modificáronse determinados números do anexo da Orde do 5 de xullo de 2020, relativos ao uso de máscaras, para adaptalos ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 17 de xullo de 2020, polo que se introducen determinadas modificacións nas medidas de prevención previstas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. As medidas restritivas de dereitos fundamentais foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Lugo, do 27 de xullo de 2020.

E na Orde do 29 de xullo de 2020 mantivéronse, como medidas de prevención específicas aplicables nos concellos da Mariña, as relativas ás restricións ás agrupacións de persoas, ao lecer nocturno e ás festas, verbenas e outros eventos populares, así como ás atraccións de feiras, e levantáronse as demais medidas de prevención específicas adoptadas con anterioridade, de xeito que, agás aquelas medidas específicas, rexerían as medidas de prevención xerais de aplicación na Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, singularmente as contidas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, antes citado. As medidas restritivas de dereitos fundamentais foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Lugo, do 31 de xullo de 2020.

Finalmente, en virtude da Orde do 5 de agosto de 2020, levantáronse as medidas de prevención específicas relacionadas coas festas, verbenas e outros eventos populares e as atraccións de feira, así como a relativa ás agrupacións de persoas, sen prexuízo de atender á recomendación xeral sobre reunións de grupos de persoas contida na letra e) do número 1.3 do anexo do Acordo do Consello da Xunta, do 12 de xuño de 2020. En cambio, respecto do lecer nocturno, dado o maior risco que supón para a transmisión do COVID-19, previuse unha volta gradual e progresiva, mantendo como medida específica aplicable a limitación da capacidade no interior dos locais de lecer nocturno do cincuenta por cento.

Conforme o punto quinto da dita orde, esta tivo efectos desde as 00.00 horas do 6 de agosto de 2020, ben que as medidas previstas nela debían ser obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderían ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderán deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Neste sentido, no informe da Dirección Xeral de Saúde Pública indícase que a presenza de casos activos e contactos en seguimento da zona fai que non se poida falar aínda de normalización epidemiolóxica, polo que recomenda, polo momento, continuar coas restricións vixentes que afectan a capacidade dos locais do ocio nocturno.

Así, tras escoitar as recomendacións do comité clínico reunido para estes efectos, a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria impón, en consecuencia, o mantemento das medidas de prevención nos termos previstos na Orde do 5 de agosto de 2020, sen prexuízo de que as ditas medidas deban seguir sendo obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria, e proceder, segundo o caso, ao seu mantemento, modificación ou a deixalas sen efecto.

En atención ao exposto, en aplicación do punto quinto da Orde do 5 de agosto de 2020 sobre medidas de prevención nos concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove, como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Mantemento das medidas de prevención

Atendida a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria, mantense a eficacia das medidas de prevención previstas na Orde do 5 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención nos concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove, como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19.

Segundo. Seguimento e avaliación

As medidas serán obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Para estes efectos, poderán ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderán deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2020

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade