Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178-Bis Mércores, 2 de setembro de 2020 Páx. 34937

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 2 de setembro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Lugo.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto dese acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020. Mediante sucesivos acordos do Consello da Xunta de Galicia, do 25 de xuño, 17, 24 e 30 de xullo de 2020, introducíronse determinadas modificacións nas medidas de prevención previstas no Acordo do 12 de xuño de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e en vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación de medidas concretas contidas no anexo. Deste modo, mediante ordes da Consellería de Sanidade, do 12, 15, 25 e 27 de agosto de 2020, introducíronse determinadas modificacións no anexo.

Mediante a Orde do 2 de setembro de 2020 establecéronse determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Lugo. As medidas limitativas de dereitos fundamentais recollidas nesta orde foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo do 29 de agosto de 2020.

De acordo co Informe sobre a situación epidemiolóxica na comarca de Lugo, elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública o 2 de setembro de 2020, a taxa de incidencia acumulada a 3 días está a subir desde a semana anterior, sendo no concello de Lugo onde se detecta o maior número de casos. A porcentaxe de positividade en diferentes grupos de idade amosa a extensión do gromo en diferentes cohortes de idade e, polo tanto, en distintos grupos poboacionais. No conxunto da comarca, o número instantáneo reprodutivo indica que o gromo non está controlado. O incremento da incidencia no concello de Lugo segue a concentrarse fundamentalmente nun barrio da cidade, A Milagrosa. O informe considera que este gromo ten características de alto risco, como a taxa de incidencia, o número de cadeas de transmisión e a porcentaxe de probas PCR positivas. Por outra banda, considérase que está bastante delimitado e, polo tanto, pode ser controlado se se toman as debidas medidas de restrición, en aplicación do principio de precaución. O informe considera que se deben manter as medidas adoptadas respecto do concello de Lugo, lugar onde se está a producir o maior incremento dos casos e, ademais, manter as máis restritivas para o barrio da Milagrosa deste concello, xa que é o barrio onde se está a concentrar a maior parte deste aumento.

Así, tras escoitar as recomendacións do comité clínico reunido para estes efectos, resulta necesario, en consecuencia, o mantemento das medidas de prevención e das recomendacións existentes no concello de Lugo, coas adaptacións que se efectúan nesta orde, para precisar o ámbito das restricións ás agrupacións de persoas e o uso de máscaras para a práctica deportiva en ximnasios ou espazos pechados.

Estas medidas teñen o seu fundamento normativo na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

En particular, cómpre salientar que a Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, prevé, no seu artigo primeiro, que co obxecto de protexer a saúde pública e previr a súa perda ou deterioración, as autoridades sanitarias das distintas administracións públicas poderán, dentro do ámbito das súas competencias, adoptar as medidas previstas na dita lei cando así o exixan razóns sanitarias de urxencia ou necesidade.

O artigo segundo habilita as autoridades sanitarias competentes para adoptaren medidas de recoñecemento, tratamento, hospitalización ou control cando se aprecien indicios racionais que permitan supor a existencia de perigo para a saúde da poboación debido á situación sanitaria concreta dunha persoa ou grupo de persoas ou polas condicións sanitarias en que se desenvolve unha actividade. E para o caso concreto de enfermidades transmisibles, o artigo terceiro dispón que, co fin de controlalas, a autoridade sanitaria, ademais de realizar as accións preventivas xerais, poderá adoptar as medidas oportunas para o control dos enfermos, das persoas que estean ou teñan estado en contacto con estes e do contorno inmediato, así como as que se consideren necesarias en caso de risco de carácter transmisible. E o artigo 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, prevé que as autoridades sanitarias poderán levar a cabo intervencións públicas nos supostos de riscos para a saúde de terceiras persoas, nos mesmos termos previstos nos artigos 2 e 3 da Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, antes citados.

Non se recolle, pois, unha lista pechada de medidas de prevención, senón que se poderán adoptar, de acordo cos principios de precaución e de proporcionalidade que deben rexer as actuacións en materia de saúde, as necesarias para facer fronte ao concreto risco sanitario de que se trate.

En todo caso, e en atención a tales principios, estas medidas serán reavaliadas nun período non superior a sete días naturais desde a publicación desta orde en función da evolución da situación epidemiolóxica no concello.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para a adopción das medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente no concello de Lugo, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Mantemento no concello de Lugo das medidas de prevención e das recomendacións previstas na Orde do 28 de agosto de 2020

Unha vez atendida a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria, mantense no concello de Lugo a eficacia das medidas de prevención e das recomendacións previstas na Orde do 28 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Lugo, sen prexuízo do indicado nesta orde.

Segundo. Modificación da Orde do 28 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Lugo

O número 1 do punto segundo da Orde do 28 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Lugo, queda modificado como segue:

«1. En vista da evolución da situación epidemiolóxica e coa finalidade de controlar a transmisión da enfermidade, adóptase, en todo o ámbito territorial do concello de Lugo, de modo temporal, durante o período ao cal se estenda a eficacia das medidas previstas na presente orde de acordo co seu punto sexto, a medida de limitar os grupos para o desenvolvemento de calquera actividade ou evento de carácter familiar ou social na vía pública, espazos de uso público ou espazos privados, a un máximo de dez persoas, excepto no caso de persoas conviventes, en que non se aplicará esta limitación. Tampouco serán aplicable esta limitación no caso de actividades laborais e administrativas, actividades en centros educativos, de formación e ocupacionais, sempre que se adopten as medidas previstas nos correspondentes protocolos de funcionamento.

No ámbito territorial delimitado pola avenida da Coruña e as rúas Pintor Tino Grandío, Camiño Real, Mar Cantábrico e Angelo Colocci, incluídas estas, a limitación de grupos prevista no parágrafo anterior será dun máximo de cinco persoas».

Terceiro. Modificación dos anexos da Orde do 28 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Lugo

Un. O número 3.14.1 do anexo I da Orde do 28 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Lugo, queda modificado como segue:

«1. A práctica da actividade física e deportiva non federada, ao aire libre, poderá realizarse de forma individual ou colectiva, sen contacto físico, e ata un máximo de dez persoas de forma simultánea.

Nas instalacións e centros deportivos poderase realizar actividade deportiva en grupos de ata dez persoas, sen contacto físico, e sempre que non se supere o cincuenta por cento da capacidade máxima permitida, e deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade. Así mesmo, no caso da práctica de actividade física e deportiva de forma individual ou en grupo en ximnasios ou espazos pechados, será obrigatorio o uso de máscara, aínda que se poida garantir o mantemento da distancia de seguridade interpersoal.

A práctica da actividade deportiva federada de competencia autonómica poderase realizar de forma individual ou colectiva, sen contacto físico, e ata un máximo de dez persoas simultaneamente no caso dos adestramentos. Non se aplicará este límite nas competicións onde as regras federativas garantan espazos diferenciados para cada equipo. No caso de realizarse en instalacións deportivas, a práctica axustarase, ademais, aos termos establecidos no parágrafo anterior».

Dous. O número 7.1 do anexo II da Orde do 28 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Lugo, queda modificado como segue:

«1. A práctica da actividade física e deportiva non federada, ao aire libre, poderase realizar de forma individual ou colectiva, sen contacto físico, e ata un máximo de cinco persoas de forma simultánea.

Nas instalacións e centros deportivos poderase realizar actividade deportiva en grupos de ata cinco persoas, sen contacto físico, e sempre que non se supere o cincuenta por cento da capacidade máxima permitida, e deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade. Así mesmo, no caso da práctica de actividade física e deportiva de forma individual ou en grupo en ximnasios ou espazos pechados, será obrigatorio o uso de máscara, aínda que se poida garantir o mantemento da distancia de seguridade interpersoal.

A práctica da actividade deportiva federada de competencia autonómica poderase realizar de forma individual ou colectiva, sen contacto físico, e ata un máximo de cinco persoas simultaneamente no caso dos adestramentos. Non se aplicará este límite nas competicións onde as regras federativas garantan espazos diferenciados para cada equipo. No caso de realizarse en instalacións deportivas, a práctica axustarase, ademais, aos termos establecidos no parágrafo anterior».

Cuarto. Eficacia

Esta orde terá efectos desde as 00.00 horas do 3 de setembro de 2020.

As medidas e recomendacións cuxa eficacia se mantén serán obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Para estes efectos, poderán ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderán deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2020

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade