Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178-Bis Mércores, 2 de setembro de 2020 Páx. 34928

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 2 de setembro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade. Neste sentido, mediante sucesivos acordos do Consello da Xunta de Galicia, do 25 de xuño, do 17, do 24 e do 30 de xullo de 2020, introducíronse determinadas modificacións nas medidas de prevención previstas no Acordo do 12 de xuño de 2020.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación de medidas concretas contidas no anexo. Deste modo, mediante as ordes da Consellería de Sanidade do 12, 15, 25 e 27 de agosto de 2020 introducíronse determinadas modificacións no anexo.

En aplicación do previsto no punto sexto citado, atendida a evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na comarca da Coruña, sobre a base do indicado no informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública, do 7 de agosto de 2020, e tras escoitar as recomendacións do subcomité clínico reunido para eses efectos, ditouse a Orde do 7 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada.

Tal e como se indicou na orde, o fundamento normativo das medidas atópase na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

No que atinxe á eficacia das medidas, no punto sexto da orde indicouse que terían efectos desde as 00.00 horas do 8 de agosto de 2020, e que serían obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a cinco días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderían ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderían deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Ademais, as medidas foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto do Xulgado de Instrución número 1 da Coruña, do 8 de agosto de 2020.

Na Orde do 12 de agosto de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada mantivéronse as restricións existentes na Orde do 7 de agosto de 2020 e estableceuse como medida de prevención adicional que os establecementos e locais comerciais deberán prestar un servizo de atención preferente a maiores de 75 anos, o cal deberá concretarse en medidas como control de accesos ou caixas de pagamento específicos, e/ou horarios determinados que aseguren a dita preferencia na atención. A existencia do servizo de atención preferente deberá sinalarse de forma visible nos ditos establecementos e locais.

Así mesmo, incorporouse unha recomendación de autoprotección ás persoas maiores de 75 anos, ás persoas vulnerables ao COVID-19 e a aquelas que presenten algún tipo de enfermidade ou dificultade respiratoria que se poida ver agravada polo uso da máscara ou que presenten algunha alteración que faga inviable a súa utilización, para que eviten na súa actividade diaria as saídas nas horas de previsible afluencia ou concentración de persoas na vía pública e en espazos ou establecementos abertos ao público, co fin de reducir os riscos derivados da coincidencia con outras persoas.

Por outra banda, insistiuse no ditado das instrucións oportunas para a limitación das visitas aos centros sanitarios da área da Coruña, establecendo, no caso de enfermos hospitalizados, a limitación dunha persoa por paciente, preferiblemente menor de 70 anos e que non padeza enfermidades crónicas e que, no caso da atención ambulatoria, soamente se permitirá un acompañante no caso de que a persoa atendida sexa dependente ou menor de idade.

As medidas limitativas de dereitos fundamentais recollidas na Orde do 12 de agosto foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto 54/2020, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 4 da Coruña, do 14 de agosto de 2020.

A Orde do 19 de agosto de 2020 mantivo as medidas de prevención e recomendación de autoprotección existentes, e modificou o anexo da Orde do 7 de agosto de 2020, tendo en conta o disposto na Orde do 15 de agosto de 2020 pola que se modifican determinadas medidas previstas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

As medidas limitativas de dereitos fundamentais recollidas na Orde do 19 de agosto foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto 40/2020, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 da Coruña, do 21 de agosto de 2020.

A Orde do 26 de agosto mantivo as medidas de prevención e recomendación de autoprotección anteriores e formulou unha serie de recomendacións dirixidas aos concellos da comarca. As medidas limitativas de dereitos fundamentais recollidas nesta orde foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto 63/2020, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 3 da Coruña, do 28 de agosto de 2020.

De acordo co punto terceiro desta orde, as medidas e recomendación adicional cuxa eficacia se mantén e a recomendación prevista na orde serán obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Para estes efectos, poderán ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderán deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

A Orde do 28 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Arteixo revisou as medidas de prevención aplicables. Esta orde estableceu restricións adicionais ás agrupacións de persoas e medidas de capacidade e de prevención específicas no ámbito do concello. As medidas limitativas de dereitos fundamentais recollidas nesta orde foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto do Xulgado de Instrución número 4 da Coruña, do 29 de agosto de 2020.

De acordo co informe emitido pola Dirección Xeral de Saúde Pública o 2 de setembro de 2020, a taxa de incidencia na comarca da Coruña está a diminuír, inda que lentamente. Os concellos da Coruña, Culleredo e Arteixo, seguen a ser os que manteñen as taxas acumuladas a 3 días máis elevadas. Sen embargo, os concellos de Abegondo, Bergondo, Carral e Sada presentan unha boa evolución coas taxas máis baixas. O número reprodutivo instantáneo e a porcentaxe de positividade tamén están a baixar. Seguen a manterse as taxas máis altas nas idades dende os 15 anos e nas intermedias da vida. Igualmente, a taxa nas persoas de 0 a 14 anos tamén é salientable. O informe recomenda que nos Concellos de A Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros, se continúe coas medidas restritivas postas en marcha o día 7 de agosto. En particular, dado que as taxas do concello de Arteixo son especialmente altas, considérase convinte manter as medidas específicas e máis restritivas respecto aos grupos e aforos postas en marcha neste concello. Polo contrario, en atención á mellor situación epidemiolóxica dos concellos de Abegondo, Bergondo, Carral e Sada, non existe inconveniente en levantar as restricións vixentes.

Así, tras escoitar as recomendacións do comité clínico reunido para estes efectos, a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria impón, como consecuencia, o mantemento das medidas de prevención e das recomendación existentes nos concellos da Coruña, Cambre, Culleredo, Oleiros e Arteixo, coas adaptacións que se efectúan nesta orde, para precisar o ámbito das restricións ás agrupacións de persoas, número de asistentes máximo a celebracións e o uso de máscaras para a práctica deportiva en ximnasios ou espazos pechados, e deixalas sen efecto nos concellos da Abegondo, Bergondo, Carral e Sada. As ditas medidas e recomendacións deberán seguir sendo obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria, e proceder, segundo o caso, ao seu mantemento, modificación ou a deixalas sen efecto.

En atención ao exposto, en aplicación do punto terceiro da Orde do 26 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada, do punto quinto da Orde do 28 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Arteixo, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Mantemento nos concellos da Coruña, Cambre, Culleredo e Oleiros das medidas de prevención e das recomendacións previstas na Orde do 26 de agosto de 2020

Atendida a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria, mantense nos concellos da Coruña, Cambre, Culleredo e Oleiros a eficacia das medidas de prevención e das recomendacións previstas na Orde do 26 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada, sen prexuízo do indicado nesta orde.

Segundo. Modificación da Orde do 7 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada

O número 1 do punto segundo da Orde do 7 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada queda modificado como segue:

«1. Á vista da evolución da situación epidemiolóxica e coa finalidade de controlar a transmisión da enfermidade, adóptase, en todo o ámbito territorial incluído no punto primeiro, de modo temporal, durante o período ao cal se estenda a eficacia das medidas previstas na presente orde de acordo co seu punto sexto, a medida de limitar os grupos para o desenvolvemento de calquera actividade ou evento de carácter familiar ou social na vía pública, espazos de uso público ou espazos privados a un máximo de dez persoas, excepto no caso de persoas conviventes, en que non se aplicará esta limitación.

Tampouco será aplicable esta limitación no caso de actividades laborais e administrativas, actividades en centros educativos, de formación e ocupacionais, sempre que se adopten as medidas previstas nos correspondentes protocolos de funcionamento».

Terceiro. Modificación do anexo da Orde do 7 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada

Un. Engádese un número 3.3.3 no anexo da Orde do 7 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada, coa seguinte redacción:

«3. En calquera caso, deberase respectar un máximo de cen persoas en espazos ao aire libre ou de cincuenta persoas en espazos pechados».

Dous. O número 3.14.1 do anexo da Orde do 7 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada queda modificado como segue:

«1. A práctica da actividade física e deportiva non federada, ao aire libre, poderá realizarse de forma individual ou colectiva, sen contacto físico, e cun máximo de dez persoas de forma simultánea.

Nas instalacións e centros deportivos poderase realizar actividade deportiva en grupos de ata dez persoas, sen contacto físico, e sempre que non se supere o cincuenta por cento da capacidade máxima permitida, e deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade. Así mesmo, no caso da práctica de actividade física e deportiva de forma individual ou en grupo en ximnasios ou espazos pechados, será obrigatorio o uso da máscara, aínda que se poida garantir o mantemento da distancia de seguridade interpersoal.

A práctica da actividade deportiva federada de competencia autonómica poderá realizarse de forma individual ou colectiva, sen contacto físico, e cun máximo de dez persoas simultaneamente no caso dos adestramentos. Non se aplicará este límite nas competicións onde as regras federativas garantan espazos diferenciados para cada equipo. No caso de realizarse en instalacións deportivas, a práctica axustarase, ademais, aos termos establecidos no parágrafo anterior.»

Cuarto. Mantemento nos concello de Arteixo das medidas de prevención e das recomendacións previstas na Orde do 28 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Arteixo

Atendida a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria, mantense no concello de Arteixo a eficacia das medidas de prevención e das recomendacións previstas na Orde do 28 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Arteixo, sen prexuízo do establecido nesta orde.

Quinto. Modificación da Orde do 28 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Arteixo

O número 1 do punto segundo da Orde do 28 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Arteixo queda modificado como segue:

«1. Á vista da evolución da situación epidemiolóxica e coa finalidade de controlar a transmisión da enfermidade adóptase, en todo o ámbito territorial do concello de Arteixo, de modo temporal, durante o período ao cal se estenda a eficacia das medidas previstas na presente orde de acordo co seu punto sexto, a medida de limitar os grupos para o desenvolvemento de calquera actividade ou evento de carácter familiar ou social na vía pública, espazos de uso público ou espazos privados, a un máximo de cinco persoas, excepto no caso de persoas conviventes, en que non se aplicará esta limitación.

Tampouco será aplicable esta limitación no caso de actividades laborais e administrativas, actividades en centros educativos, de formación e ocupacionais, sempre que se adopten as medidas previstas nos correspondentes protocolos de funcionamento».

Sexto. Modificación do anexo da Orde do 28 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Arteixo

O número 7 do anexo da Orde do 28 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Arteixo queda modificado como segue:

«1. A práctica da actividade física e deportiva non federada, ao aire libre, poderá realizarse de forma individual ou colectiva, sen contacto físico, e cun máximo de cinco persoas de forma simultánea.

Nas instalacións e centros deportivos poderase realizar actividade deportiva en grupos de ata cinco persoas, sen contacto físico, e sempre que non se supere o cincuenta por cento da capacidade máxima permitida, e deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade. Así mesmo, no caso da práctica de actividade física e deportiva de forma individual ou en grupo en ximnasios ou espazos pechados, será obrigatorio o uso da máscara, aínda que se poida garantir o mantemento da distancia de seguridade interpersoal.

A práctica da actividade deportiva federada de competencia autonómica poderá realizarse de forma individual ou colectiva, sen contacto físico, e cun máximo de cinco persoas simultaneamente no caso dos adestramentos. Non se aplicará este límite nas competicións onde as regras federativas garantan espazos diferenciados para cada equipo. No caso de realizarse en instalacións deportivas, a práctica axustarase, ademais, aos termos establecidos no parágrafo anterior».

Sétimo. Perda de efecto nos concellos de Abegondo, Bergondo, Carral e Sada das medidas de prevención previstas na Orde do 26 de agosto de 2020

1. Déixanse sen efecto nos concellos de Abegondo, Bergondo, Carral e Sada as medidas de prevención previstas no punto segundo da Orde do 26 de agosto de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada.

2. Serán de aplicación nos concellos de Abegondo, Bergondo, Carral e Sada as medidas que con carácter xeral se establecen no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente.

Oitavo. Eficacia

Esta orde terá efectos desde as 00.00 horas do 3 de setembro de 2020.

As medidas e recomendacións cuxa eficacia se mantén serán obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Para estes efectos, poderán ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderán deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

No caso das celebracións e eventos en establecementos de restauración para os días 3 a 6 de setembro, que xa estivesen concertados con carácter previo ao día 2 de setembro, non será aplicable a limitación que se recolle no número un do punto terceiro desta orde, ben que deberán ser comunicados polos titulares dos establecementos á Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade, para que se poidan adoptar as medidas ou efectuar as recomendacións pertinentes.

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2020

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade