Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185-Bis Venres, 11 de setembro de 2020 Páx. 35924

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 11 de setembro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos de Poio e Vilaboa.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación de medidas concretas contidas no anexo.

En aplicación do previsto no punto sexto citado, atendida a evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Pontevedra, sobre a base do indicado no informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública o 9 de setembro de 2020 e tras escoitar as recomendacións do comité clínico reunido para estes efectos, ditouse a Orde do 9 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Pontevedra.

Tal e como se indicou na orde, o fundamento normativo das medidas atópase na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

No que atinxe á eficacia das medidas, no punto quinto da orde indicouse que terían efectos desde as 00.00 horas do 10 de setembro de 2020, e que serían obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderían ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderían deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Ademais, as medidas limitativas de dereitos fundamentais foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto 70/2020, do 11 de setembro de 2020, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Pontevedra.

De acordo co informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública sobre a comarca de Pontevedra, do 11 de setembro de 2020, a incidencia na comarca leva en ascenso desde o 22 de agosto, mais esta incidencia aumenta máis rápido a partir do 30 de agosto. A taxa de incidencia tanto a 3 como a 7 días aumenta máis do dobre. O número reprodutivo instantáneo nos últimos días volveu ascender e atópase a estimación puntual preto do 1’5 e o intervalo de confianza superior xa o supera, polo que pode asegurarse que continúa a transmisión. Nesta comarca existen restricións no concello de Pontevedra. Neste momento Pontevedra ten unha incidencia acumulada a 3 días que baixa respecto aos datos anteriores, polo que podería dicirse que as medidas adoptadas neste concello están a funcionar. Non obstante, os concellos de Poio e Vilaboa están a aumentar os seus casos e, polo tanto, as súas incidencias. A interrelación entre os concellos de Pontevedra, Poio e Vilaboa fan que a extensión da infección desde o concello de Pontevedra cara a Poio e Vilaboa, ou viceversa, poida ser importante. As taxas de positividade son máis altas nas persoas de 15 a 34 anos e este é tamén o grupo de idade máis afectado, o que significa que é posible a existencia dunha proporción importante de casos asintomáticos, ou con síntomas moi leves, que poden seguir transmitindo a infección de forma solapada. Tendo en conta a situación dos concellos de Poio e de Vilaboa, e a interrelación destes concellos entre eles e co concello de Pontevedra, o informe recomenda estender as medidas que afectan o concello de Pontevedra a estes dous novos concellos.

De acordo co informe, polo tanto, a situación dos concellos de Poio e Vilaboa fai recomendable establecer nestes concellos as mesmas medidas que se tomaron e se manteñen, sen prexuízo do seguimento e da avaliación continua a que antes se aludiu, para o concello de Pontevedra, na mesma comarca de Pontevedra.

Así, tras escoitar as recomendacións do comité clínico reunido para estes efectos, a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria nos concellos de Poio e Vilaboa impón a necesidade de estender a aplicación das medidas previstas na Orde do 9 de setembro de 2020 antes citada aos ditos concellos, engadindo, ademais, medidas específicas respecto das praias.

As medidas cuxa aplicación se prevé para os concellos de Poio e Vilaboa serán obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a cinco días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria, e proceder, segundo o caso, ao seu mantemento, modificación ou a deixalas sen efecto.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Medidas de prevención nos concellos de Poio e de Vilaboa

1. Atendida a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria nos concellos de Poio e de Vilaboa, serán de aplicación nos ditos concellos as medidas de prevención previstas na Orde do 9 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Pontevedra.

2. Ademais, o correspondente concello deberá establecer limitacións tanto de acceso como de capacidade das praias co fin de asegurar que se poida respectar a distancia interpersoal de seguridade entre usuarios. Para os efectos de calcular a capacidade máxima permitida por cada praia, considerarase que a superficie de praia que vai ocupar cada usuario será de, polo menos, catro metros cadrados. Serán, así mesmo, de aplicación nas praias, no que proceda, as medidas previstas para as piscinas no número 3.16 do anexo da Orde do 9 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Pontevedra.

Segundo. Eficacia

Esta orde terá efectos desde as 00.00 horas do 12 de setembro de 2020.

As medidas de prevención que esta orde prevé aplicables nos concellos de Poio e Vilaboa serán obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a cinco días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria dos ditos concellos.

Para estes efectos, poderán ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderán deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

No caso das celebracións e eventos en establecementos de restauración nos concellos de Poio e Vilaboa para os días 12 e 13 de setembro, que xa estivesen concertados con carácter previo ao día 11 de setembro, non serán aplicables as limitacións que se recollen no anexo da Orde do 9 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Pontevedra, ben que deberán ser comunicados polos titulares dos establecementos á Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade, para que se poidan adoptar as medidas ou efectuar as recomendacións pertinentes.

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2020

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade