Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185-Bis Venres, 11 de setembro de 2020 Páx. 35919

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 11 de setembro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Laxe.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación de medidas concretas contidas no anexo.

En aplicación do previsto no punto sexto citado, atendida a evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na comarca de Bergantiños, sobre a base do indicado no informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública o 2 de setembro de 2020 e tras escoitar as recomendacións do comité clínico reunido para estes efectos, ditouse a Orde do 2 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos de Carballo e A Laracha.

Tal e como se indicou na orde, o fundamento normativo das medidas atópase na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

No que atinxe á eficacia das medidas, no punto sexto da orde indicouse que terían efectos desde as 00.00 horas do 3 de setembro de 2020, e que serían obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderían ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderían deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Ademais, as medidas foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto 66/2020, do 4 de setembro de 2020, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 4 da Coruña.

En cumprimento do disposto no punto sexto da Orde do 2 de setembro de 2020, procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas previstas nela co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria existente na comarca de Bergantiños. Sobre a base do indicado no informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 9 de setembro de 2020 e tras escoitar as recomendacións do comité clínico reunido para estes efectos, mediante a Orde do 9 de setembro de 2020 acordouse o mantemento, nos concellos de Carballo e A Laracha, das medidas de prevención previstas na Orde do 2 de setembro de 2020 e, por outra banda, a aplicación das mesmas medidas no concello de Ponteceso, ben que, nos tres casos, previuse, respecto das terrazas dos establecementos de hostalaría e restauración, fixar no setenta e cinco por cento a limitación da capacidade e suprimir, como medida específica, a relativa ao uso de máscara no caso de actividade física ou deportiva en ximnasios ou espazos pechados, ao ser aplicable, en relación con este último aspecto, a modificación operada no número 1.3 do anexo do Acordo do Consello da Xunta do 12 de xuño de 2020 por orde da mesma data do 9 de setembro de 2020.

Polo demais, as medidas deben seguir sendo obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria, e proceder, segundo o caso, ao seu mantemento, modificación ou a deixalas sen efecto.

De acordo co informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública sobre a comarca de Bergantiños, do 11 de setembro de 2020, a incidencia acumulada a 3 e 7 días está a descender nesta comarca e a media da taxa de incidencia tamén mostra a baixada aos 3 e 7 días. Deuse un aumento importante do número de probas PCR realizadas e apréciase unha importante baixada da porcentaxe de positividade acumulada a 3 días. O grupo de idade coa porcentaxe de positividade máis elevada é o de 20 a 24 anos. A taxa de incidencia a 14 días está a aumentar, debido sobre todo ao aumento da taxa, nestes últimos días, dos concellos de Laxe e Ponteceso que duplicaron a súa incidencia desde o 2 de setembro. Aínda que este brote parece que vai evolucionando ben, o problema céntrase agora no concello de Laxe. Neste momento existen medidas restritivas nesta comarca que afectan os concellos de Carballo, A Laracha e máis recentemente o concello de Ponteceso. A situación nestes concellos vai mellorando, polo que pode dicirse que as medidas impostas están a funcionar, pero é preciso mantelas ata confirmar que a situación de mellora se estabiliza. Por outra banda, o informe recomenda estender as medidas que afectan os concellos antes referidos (Carballo, A Laracha e Ponteceso) ao concello de Laxe.

De acordo co informe, polo tanto, a situación do concello de Laxe fai recomendable establecer neste concello as mesmas medidas que se tomaron e se manteñen, sen prexuízo do seguimento e da avaliación continua a que antes se aludiu, para os concellos de Carballo, A Laracha e Ponteceso, na mesma comarca de Bergantiños.

Así, tras escoitar as recomendacións do comité clínico reunido para estes efectos, a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria no concello de Laxe impón a necesidade de estender a aplicación das medidas previstas na Orde do 2 de setembro de 2020, na redacción vixente, isto é, coas modificacións introducidas pola Orde do 9 de setembro de 2020, tamén ao dito concello.

As medidas cuxa aplicación se prevé para o concello de Laxe serán obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a cinco días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria, e proceder, segundo o caso, ao seu mantemento, modificación ou a deixalas sen efecto.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Medidas de prevención no concello de Laxe

Atendida a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria no concello de Laxe, serán de aplicación no dito concello as medidas de prevención previstas na Orde do 2 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos de Carballo e A Laracha, na redacción vixente.

Segundo. Eficacia

Esta orde terá efectos desde as 00.00 horas do 12 de setembro de 2020.

As medidas de prevención que esta orde prevé aplicables no concello de Laxe serán obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a cinco días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria do dito concello.

Para estes efectos, poderán ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderán deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

No caso das celebracións e eventos en establecementos de restauración no concello de Laxe para os días 12 e 13 de setembro, que xa estivesen concertados con carácter previo ao día 11 de setembro, non serán aplicables as limitacións que se recollen no anexo da Orde do 2 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos de Carballo e A Laracha, na redacción vixente, ben que deberán ser comunicados polos titulares dos establecementos á Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade, para que se poidan adoptar as medidas ou efectuar as recomendacións pertinentes.

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2020

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade