Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200-Bis Venres, 2 de outubro de 2020 Páx. 38326

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 2 de outubro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Ourense.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión, mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación de medidas concretas contidas no anexo.

En aplicación do previsto no punto sexto citado, atendida a evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Ourense sobre a base do indicado no informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública, do 2 de setembro de 2020, e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, ditouse a Orde do 2 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Ourense.

Tal e como se indicou na orde, o fundamento normativo das medidas atópase na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

No que atinxe á eficacia das medidas, no punto sexto da orde indicouse que terían efectos desde as 00.00 horas do 3 de setembro de 2020, e que serían obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderían ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderían deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

As medidas limitativas de dereitos fundamentais recollidas na orde foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto 54/2020, do 14 de setembro, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Ourense.

En virtude da Orde do 9 de setembro de 2020 acordouse, sobre a base do sinalado no informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da mesma data e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, o mantemento das medidas de prevención e das recomendacións existentes no concello de Ourense, ben que, respecto das terrazas dos establecementos de hostalaría e restauración, se fixou no setenta e cinco por cento a limitación da capacidade e se suprimiu, como medida específica, a relativa ao uso de máscara no caso de actividade física ou deportiva en ximnasios ou espazos pechados, ao ser aplicable, en relación con este último aspecto, a modificación operada no número 1.3 do anexo do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020 pola orde da mesma data do 9 de setembro de 2020.

As medidas limitativas de dereitos fundamentais recollidas na orde foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto 55/2020, do 14 de setembro, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Ourense.

Posteriormente, a Orde do 16 de setembro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Ourense mantivo, no concello de Ourense, as medidas de prevención nos termos previstos na Orde do 2 de setembro de 2020, na súa redacción vixente, é dicir, tendo en conta as modificacións introducidas pola Orde do 9 de setembro de 2020.

As medidas limitativas de dereitos fundamentais foron ratificadas xudicialmente polo Auto 59/2020, do 21 de setembro, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Ourense.

Sobre a base do indicado no informe emitido pola Dirección Xeral de Saúde Pública sobre a comarca de Ourense, do 18 de setembro de 2020, e tras escoitar as recomendacións do Subcomité Clínico reunido para estes efectos, a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria determinou a adopción, mediante a Orde do 18 de setembro de 2020, de medidas de prevención máis restritivas para as rúas Antonio Puga, Doutor Fleming, Jesús Soria e avenida de Portugal, desde o cruzamento coa rúa Ervedelo ao cruzamento coa rúa Irmáns Xesta, da cidade de Ourense, as cales deberían ser obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a cinco días naturais desde a publicación da dita orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria, e proceder, segundo o caso, ao seu mantemento, modificación ou a deixalas sen efecto.

As medidas limitativas de dereitos fundamentais foron ratificadas xudicialmente polo Auto 84/2020, do 23 de setembro, da Sala do Contencioso-Administrativo (Sección 3ª) do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

En cumprimento do disposto no punto segundo da Orde do 16 de setembro de 2020 e do punto quinto da Orde do 18 de setembro de 2020, citadas, procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas. Neste sentido, atendido o disposto no informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 23 de setembro de 2020 e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, mediante a Orde do 23 de setembro de 2020 dispúxose o mantemento, no concello de Ourense, das medidas de prevención nos termos previstos na Orde do 2 de setembro de 2020, na súa redacción vixente, é dicir, tendo en conta as modificacións introducidas pola Orde do 9 de setembro de 2020, así como o mantemento das medidas máis restritivas previstas na Orde do 18 de setembro de 2020 nas zonas da cidade de Ourense en que se estaban a aplicar e a súa extensión a outras zonas do mesmo concello especialmente afectadas.

As medidas limitativas de dereitos fundamentais foron ratificadas xudicialmente polo Auto 89/2020, do 25 de setembro, da Sala do Contencioso-Administrativo (Sección 3ª) do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Posteriormente, en cumprimento do disposto no punto segundo da Orde do 23 de setembro, procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas. Tendo en conta o indicado no informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 30 de setembro de 2020 e tras escoitar tamén as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, mediante a Orde do 30 de setembro de 2020 dispúxose o mantemento das medidas máis restritivas contidas na Orde do 18 de setembro de 2020 nas mesmas zonas da cidade de Ourense en que se veñen aplicando. E, no resto do concello, acordouse manter as medidas previstas na Orde do 2 de setembro de 2020, na súa redacción vixente, isto é, coas modificacións introducidas pola Orde do 9 de setembro, agás no relativo ao número máximo de agrupacións de persoas, que se restrinxiu a 5 persoas, atendida a evolución desfavorable da situación.

Conforme o punto segundo da Orde do 30 de setembro de 2020, as medidas debían ser obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria e proceder ao seu mantemento, modificación ou a deixalas sen efecto.

En cumprimento desta previsión, procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria do concello de Ourense. Neste sentido, no informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 2 de outubro de 2020, sobre a comarca de Ourense, indícase que a taxa de incidencia na comarca segue en aumento, especialmente a 7 días. Este aumento da taxa é especialmente destacable no concello de Ourense (casos por 100.000 habitantes a 7 días), xa que os casos diarios seguen a aparecer de xeito continuo, feito que non acontece noutros concellos da área. Esta taxa de incidencia a 7 días triplica a taxa do conxunto de Galicia calculada para estes mesmos 7 días. Ademais, o concello de Ourense segue en constante aumento e da investigación epidemiolóxica dedúcese que se debe especialmente ás reunións familiares de persoas que non conviven de xeito habitual e con extensión ás amizades. Ademais, estes gromos familiares tamén provocan a aparición de casos nos colexios. A estimación puntual do número reprodutivo instantáneo amosa un valor por riba do 1, o que indica que existe unha transmisión que pode ser relevante. O informe destaca que o brote no concello de Ourense está a evolucionar claramente en sentido negativo, xa que a incidencia segue a aumentar e hai un alto número de ingresos e de traslados a unidades de críticos, feito que se pode ir agravando de non cortar canto antes a transmisión, xa que tanto os ingresos como os ingresos en UCI tenden a levar un certo atraso respecto dos incrementos na incidencia. Ademais, os grupos de maior idade están moi afectados, o que pode implicar un serio risco para estas persoas. No momento actual, o concello de Ourense está suxeito a restricións, con delimitacións de zonas da cidade onde se detectaba una maior agrupación dos casos e nas cales se establecían medidas aínda máis restritivas. No marco da investigación epidemiolóxica, obsérvase que a distribución dos casos dentro do concello segue a non ser uniforme, detectándose agrupacións de casos en determinadas zonas da cidade. Este gromo segue a ter características de alto risco como é a taxa de incidencia nos últimos 3 días, a cal aumentou respecto ao informe anterior do día 28 de setembro, a porcentaxe de positividade de probas PCR realizadas na zona do brote, que sitúa este indicador no nivel de risco alto, e a porcentaxe de positividade das probas PCR realizadas aos contactos dos casos detectados, que sitúa este indicador no nivel de risco medio. Como se ten indicado, as características epidemiolóxicas dos gromos fan ver que son brotes familiares, isto é, que se producen en gran parte en reunións familiares entre persoas que non conviven habitualmente.

O aumento da incidencia que se segue a observar determina que o informe recomende tomar medidas adicionais, non só na zona de agrupamento de casos, senón en todo o concello. O informe destaca que é preciso actuar dun xeito máis estrito en canto a restricións se refire, xa que as medidas postas en marcha ata o de agora non acaban de frear o aumento da incidencia. Deste modo, á vista da evolución da situación epidemiolóxica e coa finalidade de controlar a transmisión da enfermidade, recoméndase, en todo o ámbito territorial do concello de Ourense, de modo temporal, a adopción da medida de limitar os grupos para o desenvolvemento de actividades ou eventos de carácter familiar ou social conectados co maior risco de xeración de brotes na vía pública, espazos de uso público ou espazos privados aos constituídos exclusivamente por persoas conviventes. Este incremento de restricións non impedirá a reunión con persoas non conviventes que se produzan por motivos de asistencia e coidado a maiores, dependentes ou persoas con discapacidade, ou por causa de forza maior ou situación de necesidade. Así mesmo, esta limitación non será aplicable no caso de actividades laborais, empresariais, profesionais e administrativas, actividades en centros universitarios, educativos, de formación e ocupacionais, sempre que se adopten as medidas previstas nos correspondentes protocolos de funcionamento.

Atendido, pois, o indicado no dito informe, e tras escoitar as recomendacións do Subcomité Clínico reunido para estes efectos, a situación epidemiolóxica e sanitaria no concello de Ourense impón, en consecuencia, manter as medidas previstas nas Ordes do 2 e do 18 de setembro citadas ben que, respecto das limitacións ás agrupacións de persoas, é necesario restrinxir os grupos exclusivamente aos constituídos polas persoas conviventes para o desenvolvemento de actividades de carácter familiar e social conectadas co maior risco de xeración de abrochos.

Polo demais, as medidas deben seguir sendo obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria, e proceder, segundo o caso, ao seu mantemento, modificación ou a deixalas sen efecto.

Na súa virtude, en aplicación do punto segundo da Orde do 30 de setembro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Ourense, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Medidas de prevención no concello de Ourense

1. Atendida a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria, serán de aplicación no concello de Ourense as medidas de prevención previstas na Orde do 2 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Ourense, coas modificacións introducidas pola Orde do 9 de setembro de 2020 e polo punto segundo da presente orde.

Exceptúanse as zonas previstas no número seguinte deste artigo, en que será de aplicación o disposto no dito número.

2. Nas rúas Antonio Puga, Doutor Fleming, Jesús Soria e avenida de Portugal, desde o cruzamento coa rúa Ervedelo ao cruzamento coa rúa Irmáns Xesta, así como na zona delimitada pola rúa Progreso (desde a Ponte Romana ata o cruzamento coa rúa Praza de Abastos), rúa Irmáns Xesta, avenida de Portugal (ata o cruzamento coa rúa Irmáns Xesta), Camiño Lobisome, rúa Salto do Can, rúa Carballo, rúa Sobreira, nacional 525 (desde o cruzamento coa rúa Sobreira ata o cruzamento coa avenida Ribeira Sacra) e avenida Ribeira Sacra ata a Ponte Romana, incluídas estas rúas nos tramos sinalados, da cidade de Ourense, serán de aplicación as medidas previstas na Orde do 18 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 en determinadas rúas do concello de Ourense, coas modificacións introducidas polo punto terceiro da presente orde.

Segundo. Modificación da Orde do 2 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Ourense

A Orde do 2 de setembro de 2020, pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Ourense, queda modificada como segue:

Un. O punto segundo queda redactado como segue:

«Segundo. Restricións ás agrupacións de persoas para a protección da saúde ante a existencia dun risco de carácter transmisible

1. Á vista da evolución da situación epidemiolóxica e coa finalidade de controlar a transmisión da enfermidade, adóptase, en todo o ámbito territorial do concello de Ourense, de modo temporal, durante o período ao cal se estenda a eficacia das medidas previstas na presente orde, a medida de limitar os grupos para o desenvolvemento de calquera actividade ou evento de carácter familiar ou social na vía pública, espazos de uso público ou espazos privados, aos constituídos exclusivamente por persoas conviventes.

Esta limitación non impedirá a reunión con persoas non conviventes que se produzan por motivos de asistencia e coidado a maiores, dependentes ou persoas con discapacidade, ou por causa de forza maior ou situación de necesidade.

Así mesmo, esta limitación non será aplicable no caso de actividades laborais, empresariais, profesionais e administrativas, actividades en centros universitarios, educativos, de formación e ocupacionais, sempre que se adopten as medidas previstas nos correspondentes protocolos de funcionamento. Tampouco resultará de aplicación naquelas actividades previstas no anexo respecto das cales se prevexa a posibilidade de grupos de persoas que non sexan conviventes.

2. O incumprimento da medida de prevención establecida neste punto poderá dar lugar á imposición de sancións e a outras responsabilidades previstas no ordenamento xurídico.

3. En particular, para os efectos da execución e control desta medida de prevención, no marco da situación de emerxencia sanitaria declarada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, solicitarase a colaboración das forzas e corpos de seguridade.

4. Solicitarase a ratificación xudicial da medida prevista neste punto, de acordo co previsto na redacción vixente do número 8 do artigo 10 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa».

Dous. O número 3.1 do anexo queda coa seguinte redacción:

«3.1. Velorios e enterros.

1. Os velorios poderán realizarse en todo tipo de instalacións, públicas ou privadas, debidamente habilitadas, cun límite máximo, en cada momento, de vinte e cinco persoas en espazos ao aire libre ou de cinco persoas en espazos pechados, sexan ou non conviventes.

2. A participación na comitiva para o enterramento ou despedida para cremación da persoa falecida restrínxese a un máximo de vinte e cinco persoas, entre familiares e achegados, sexan ou non conviventes, ademais, de ser o caso, do ministro de culto ou persoa asimilada da confesión respectiva para a práctica dos ritos funerarios de despedida do defunto».

Tres. O número 3.7 do anexo queda redactado como segue:

«3.7. Actividades en academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado e centros de formación e actividade formativa xestionada ou financiada pola Administración autonómica en centros e entidades de formación.

A actividade que se realice nestes centros poderá impartirse dun modo presencial sempre que non se supere unha capacidade do cincuenta por cento respecto do máximo permitido, e cun máximo de cinco persoas por grupo, sexan ou non conviventes».

Catro. O número 3.8.4 do anexo queda coa seguinte redacción:

«4. En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser o caso, agrupacións de mesas. A ocupación máxima será de cinco persoas por mesa ou agrupación de mesas, e deberán ser todas elas conviventes. A mesa ou agrupación de mesas que se utilice para este fin deberá ser acorde co número de persoas e permitir que se respecte a distancia mínima de seguridade interpersoal entre elas».

Cinco. O número 3.9.2 do anexo queda modificado como segue:

«2. As actividades de animación ou clases grupais deberán deseñarse e planificarse cunha capacidade máxima de cinco persoas, sexan ou non conviventes e incluídos os monitores, e deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade, excepto no caso de persoas conviventes».

Seis. O número 3.11.2 do anexo queda coa seguinte redacción:

«2. Este límite de ocupación será aplicable tamén á realización de actividades culturais nestes espazos e cun máximo de ata cinco persoas nas actividades de grupos, sexan ou non conviventes, e incluído o monitor ou guía, e deberán establecerse as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade, excepto no caso de persoas conviventes».

Sete. O número 3.14 do anexo queda redactado como segue:

«3.14. Actividades e instalacións deportivas.

A práctica da actividade física e deportiva non federada, ao aire libre, poderá realizarse de forma individual ou colectiva, sen contacto físico, sempre que, no caso de práctica colectiva, todas as persoas do grupo sexan conviventes.

Nas instalacións e centros deportivos poderase realizar actividade deportiva en grupos de ata cinco persoas, sexan ou non conviventes, sen contacto físico, e sempre que non se supere o cincuenta por cento da capacidade máxima permitida, e deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade.

A práctica da actividade deportiva federada de competencia autonómica poderá realizarse de forma individual ou colectiva, sen contacto físico, e cun máximo de cinco persoas simultaneamente no caso dos adestramentos, sexan ou non conviventes. Non se aplicará este límite nas competicións onde as regras federativas garantan espazos diferenciados para cada equipo. No caso de realizarse en instalacións deportivas, a práctica axustarase ademais aos termos establecidos no parágrafo anterior».

Oito. O número 3.16.2 do anexo quedan coa seguinte redacción:

«2. Nas zonas de estadía das piscinas establecerase unha distribución espacial para manter a distancia de seguridade interpersoal entre os usuarios e os grupos deberán estar constituídos só por persoas conviventes».

Nove. O número 3.17 do anexo queda redactado como segue:

«3.17. Especificidades para determinadas actividades turísticas.

Poderán realizarse actividades de turismo, organizadas por empresas habilitadas para iso, e a actividade de guía turístico, para grupos de ata un máximo de cinco persoas, sexan ou non conviventes, e deberán establecerse as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade, excepto no caso de persoas conviventes».

Dez. O número 3.18 do anexo queda coa seguinte redacción:

«3.18. Centros de información, casetas e puntos de información.

Nos centros de información, casetas e puntos de información e espazos similares non se poderá exceder o cincuenta por cento da súa capacidade e deberá respectarse o máximo de cinco persoas nas actividades de grupos, sexan ou non conviventes e incluído o monitor ou guía. Ademais, deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade, excepto no caso de persoas conviventes».

Once. O número 3.19.2 do anexo queda redactado como segue:

«2. As actividades deberán realizarse en grupos de ata cinco persoas participantes, sexan ou non conviventes e incluídos os monitores correspondentes, que deberán traballar sen contacto entre os demais grupos».

Doce. O número 3.20.1 do anexo queda coa seguinte redacción:

«1. Os centros cívicos e sociais poderán realizar a súa actividade sempre que se limite a súa capacidade total ao cincuenta por cento e que se extremen as medidas de protección nas actividades socioculturais de tipo grupal que se realizan neles, cun máximo de cinco persoas, sexan ou non conviventes e incluído o monitor ou guía para as actividades grupais».

Trece. O número 3.21.2 do anexo queda modificado como segue:

«2. As visitas de grupos serán dun máximo de cinco persoas, sexan ou non conviventes e incluído o monitor ou guía, e deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade, excepto no caso de persoas conviventes».

Catorce. O número 3.24.2 do anexo queda coa seguinte redacción:

«2. En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser o caso, agrupacións de mesas. A ocupación máxima será de cinco persoas por mesa ou agrupación de mesas, e deberán ser todas elas conviventes. En calquera caso, deberase respectar un máximo de cen persoas en espazos ao aire libre ou de cincuenta persoas en espazos pechados».

Quince. O número 3.25.2 do anexo queda redactado como segue:

«2. As actividades en grupos deberán realizarse cun máximo de cinco persoas participantes, sexan ou non conviventes e incluídos os monitores, guías ou encargados correspondentes, e deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade, excepto no caso de persoas conviventes».

Terceiro. Modificación da Orde do 18 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 en determinadas rúas do concello de Ourense

A Orde do 18 de setembro de 2020, pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 en determinadas rúas do concello de Ourense, queda modificada como segue:

Un. O punto segundo queda redactado como segue:

«Segundo. Restricións ás agrupacións de persoas para a protección da saúde ante a existencia dun risco de carácter transmisible

1. Á vista da evolución da situación epidemiolóxica e coa finalidade de controlar a transmisión da enfermidade, adóptase, de modo temporal, durante o período ao cal se estenda a eficacia das medidas previstas na presente orde, a medida de limitar os grupos para o desenvolvemento de calquera actividade ou evento de carácter familiar ou social na vía pública, espazos de uso público ou espazos privados, aos constituídos exclusivamente por persoas conviventes, no seguinte ámbito territorial: rúas Antonio Puga, Doutor Fleming, Jesús Soria e avenida de Portugal, desde o cruzamento coa rúa Ervedelo ao cruzamento coa rúa Irmáns Xesta, así como na zona delimitada pola rúa Progreso (desde a Ponte Romana ata o cruzamento coa rúa Praza de Abastos), rúa Irmáns Xesta, avenida de Portugal (ata o cruzamento coa rúa Irmáns Xesta), Camiño Lobisome, rúa Salto do Can, rúa Carballo, rúa Sobreira, nacional 525 (desde o cruzamento coa rúa Sobreira ata o cruzamento coa avenida Ribeira Sacra) e avenida Ribeira Sacra ata a Ponte Romana, incluídas estas rúas nos tramos sinalados, da cidade de Ourense.

Esta limitación non impedirá a reunión con persoas non conviventes que se produzan por motivos de asistencia e coidado a maiores, dependentes ou persoas con discapacidade, ou por causa de forza maior ou situación de necesidade.

Así mesmo, esta limitación non será aplicable no caso de actividades laborais, empresariais, profesionais e administrativas, actividades en centros universitarios, educativos, de formación e ocupacionais, sempre que se adopten as medidas previstas nos correspondentes protocolos de funcionamento. Tampouco resultará de aplicación naquelas actividades previstas no anexo respecto das cales se recolla a posibilidade de grupos de persoas que non sexan conviventes.

2. O incumprimento da medida de prevención establecida neste punto poderá dar lugar á imposición de sancións e a outras responsabilidades previstas no ordenamento xurídico.

3. En particular, para os efectos da execución e control desta medida de prevención, no marco da situación de emerxencia sanitaria declarada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, solicitarase a colaboración das forzas e corpos de seguridade.

4. Solicitarase a ratificación xudicial da medida prevista neste punto, de acordo co previsto na redacción vixente do número 8 do artigo 10 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa».

Dous. O número 2 do anexo queda coa seguinte redacción:

«2. Actividades en academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado e centros de formación e actividade formativa xestionada ou financiada pola Administración autonómica en centros e entidades de formación.

A actividade que se realice nestes centros poderá impartirse dun modo presencial sempre que non se supere unha capacidade do cincuenta por cento respecto da máxima permitida, e cun máximo de cinco persoas por grupo, sexan ou non conviventes».

Tres. O número 3.4 do anexo queda redactado como segue:

«3.4. En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser o caso, agrupacións de mesas. A ocupación máxima será de cinco persoas por mesa ou agrupación de mesas, e deberán ser todas elas conviventes. A mesa ou agrupación de mesas que se utilice para este fin deberá ser acorde co número de persoas e permitir que se respecte a distancia mínima de seguridade interpersoal entre elas».

Catro. O número 4 do anexo queda redactado como segue:

«4. Condicións para ocupación de zonas comúns de hoteis e aloxamentos turísticos.

As actividades de animación ou clases grupais deberán deseñarse e planificarse cunha capacidade máxima de cinco persoas, sexan ou non conviventes e incluídos os monitores, e deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade, excepto no caso de persoas conviventes».

Cinco. O número 5 do anexo queda coa seguinte redacción:

«5. Bibliotecas, arquivos, museos e salas de exposicións, monumentos e outros equipamentos culturais.

Na realización de actividades culturais nestes espazos aplicarase un máximo de ata cinco persoas nas actividades de grupos, sexan ou non conviventes e incluído o monitor ou guía, e deberán establecerse as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade, excepto no caso de persoas conviventes».

Seis. O número 7 do anexo queda redactado como segue:

«7. Actividades e instalacións deportivas.

A práctica da actividade física e deportiva non federada, ao aire libre, poderá realizarse de forma individual ou colectiva, sen contacto físico, sempre que, neste último caso, todas as persoas do grupo sexan conviventes.

Nas instalacións e centros deportivos poderase realizar actividade deportiva en grupos de ata cinco persoas, sexan ou non conviventes, sen contacto físico, e sempre que non se supere o cincuenta por cento da capacidade máxima permitida, e deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade.

A práctica da actividade deportiva federada de competencia autonómica poderá realizarse de forma individual ou colectiva, sen contacto físico, e ata un máximo de cinco persoas simultaneamente no caso dos adestramentos, sexan ou non conviventes. Non se aplicará este límite nas competicións onde as regras federativas garantan espazos diferenciados para cada equipo. No caso de realizarse en instalacións deportivas, a práctica axustarase, ademais, aos termos establecidos no parágrafo anterior.

Sete O número 9 do anexo queda redactado do seguinte modo:

«9. Piscinas.

Nas zonas de estadía das piscinas establecerase unha distribución espacial para manter a distancia de seguridade interpersoal entre os usuarios e os grupos deberán estar constituídos só por persoas conviventes».

Oito. O número 10 do anexo queda coa seguinte redacción:

«10. Especificidades para determinadas actividades turísticas.

Poderán realizarse actividades de turismo, organizadas por empresas habilitadas para iso, e a actividade de guía turístico, para grupos de ata un máximo de cinco persoas, sexan ou non conviventes, e deberán establecerse as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade excepto no caso de persoas conviventes».

Nove. O número 11 do anexo queda coa seguinte redacción:

«11. Centros de información, casetas e puntos de información.

Nos centros de información, casetas e puntos de información e espazos similares non se poderá exceder o cincuenta por cento da súa capacidade e deberá respectarse o máximo de cinco persoas nas actividades de grupos, sexan ou non conviventes e incluído o monitor ou guía. Ademais, deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade excepto no caso de persoas conviventes».

Dez. O número 12.2 do anexo queda modificado como segue:

«12.2. As actividades deberán realizarse en grupos de ata cinco persoas participantes, sexa ou non conviventes e incluíndo os monitores correspondentes, que deberán traballar sen contacto entre os demais grupos».

Once. O número 13 do anexo queda coa seguinte redacción:

« 13. Uso de espazos públicos.

Os centros cívicos e sociais poderán realizar a súa actividade sempre que se limite a súa capacidade total ao cincuenta por cento e que se extremen as medidas de protección nas actividades socioculturais de tipo grupal que se realizan neles cun máximo de cinco persoas, sexan ou non conviventes e incluído o monitor ou guía para as actividades grupais».

Doce. O número 14 do anexo queda redactado como segue:

«14. Centros recreativos turísticos ou similares.

As visitas de grupos serán dun máximo de cinco persoas, sexan ou non conviventes, incluído o monitor ou guía, e deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade, excepto no caso de persoas conviventes».

Trece. O número 16 do anexo queda redactado como segue:

«16. Establecementos e locais de xogo e apostas.

En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser o caso, agrupacións de mesas. A ocupación máxima será de cinco persoas por mesa ou agrupación de mesas, e deberán ser todas elas conviventes. En calquera caso, deberase respectar un máximo de cincuenta persoas en espazos ao aire libre ou de vinte e cinco persoas en espazos pechados. En caso de dispoñer tamén de servizos de hostalaría, seralles aplicable a prohibición do consumo no interior do local establecido para os ditos establecementos».

Catorce. O número 17.2 do anexo queda coa seguinte redacción:

«17.2. As actividades en grupos deberán realizarse cun máximo de cinco persoas participantes, sexan ou non conviventes e incluídos os monitores, guías ou encargados correspondentes, e deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade, excepto no caso de persoas conviventes».

Cuarto. Eficacia, seguimento e avaliación

Esta orde terá efectos desde as 00.00 horas do 3 de outubro de 2020.

Non obstante, as medidas serán obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Para estes efectos, poderán ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderán deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

No caso das celebracións e eventos en establecementos de restauración para os días 3 a 4 de outubro que xa estivesen concertados con carácter previo ao día 2 de outubro, non serán aplicables as limitacións previstas nos puntos segundo e terceiro da presente orde respecto das limitacións de grupos de persoas aos constituídos só por conviventes, ben que deberán ser comunicados polos titulares dos establecementos á Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade, para que se poidan adoptar as medidas ou efectuar as recomendacións pertinentes.

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2020

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade