Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205-Bis Venres, 9 de outubro de 2020 Páx. 39529

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 9 de outubro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Ortigueira.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación de medidas concretas contidas no anexo.

En aplicación do dito punto sexto, sobre a base do informe sobre a situación epidemiolóxica da comarca de Ortegal, elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública o 2 de outubro de 2020, e tras escoitar as recomendacións do Subcomité Clínico reunido para estes efectos, ditouse a Orde do 2 de outubro de 2020 pola que se estableceron determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Ortigueira.

Tal e como se indicou na orde, o fundamento normativo das medidas atópase na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

No que atinxe á eficacia das medidas, no punto quinto da orde indicouse que terían efectos desde as 00.00 horas do 3 de outubro de 2020 e que serían obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderían ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderían deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

As medidas limitativas de dereitos fundamentais foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto 99/2020, do 5 de outubro, da Sala do Contencioso-Administrativo (Sección 3ª) do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

En cumprimento do punto quinto da Orde do 2 de outubro de 2020 citada, procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas.

Neste sentido, no informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 9 de outubro de 2020 indícase que, aínda que a incidencia a 3 e 7 días amosa unha tendencia descendente, o valor da taxa acumulada a 14 días para o total da comarca é un valor próximo pero máis alto que o observado para o conxunto de Galicia. Dentro da comarca, destaca claramente Ortigueira cunha taxa acumulada a 7 días superior á taxa acumulada para Galicia para ese mesmo intervalo temporal, en concreto 1,2 veces máis, e unha taxa acumulada a 14 días 2,1 veces superior á observada para o total de Galicia. Ademais, na semana anterior a investigación epidemiolóxica dos casos declarados identificou a existencia de dous brotes posiblemente aínda activos. Por outro lado, os indicadores de risco da comarca, con datos referidos a 14 días, seguen a amosar algún indicador de risco medio tales como a porcentaxe de PCR positivas entre os contactos estreitos dun caso confirmado e a porcentaxe de probas PCR positivas na área e período de investigación do brote. A situación no concello de Ortigueira, con base nos datos das taxas acumuladas a 7 e 14 días, xunto co feito de que na semana anterior a investigación epidemiolóxica identificou a existencia de dous brotes posiblemente aínda activos e que aínda existan algúns indicadores de risco medio, determina que o informe recomende continuar mantendo as medidas restritivas xa establecidas no concello de Ortigueira.

Así, atendido o disposto no informe emitido pola Dirección Xeral de Saúde Pública, do 9 de outubro de 2020, e logo de escoitar as recomendacións do Subcomité Clínico reunido para estes efectos, a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria no concello de Ortigueira impón, como consecuencia, o mantemento das medidas de prevención nos termos previstos na Orde do 2 de outubro de 2020.

Polo demais, as medidas deben seguir sendo obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria, e proceder, segundo o caso, ao seu mantemento, modificación ou a deixalas sen efecto.

En atención ao exposto, en aplicación do punto quinto da Orde do 2 de outubro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Ortigueira, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Mantemento das medidas de prevención no concello de Ortigueira

Unha vez atendida a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria no concello de Ortigueira, mantense a eficacia das medidas de prevención previstas na Orde do 2 de outubro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Ortigueira.

Segundo. Eficacia, seguimento e avaliación

Esta orde terá efectos desde as 00.00 horas do 10 de outubro de 2020.

As medidas cuxa eficacia se mantén no concello de Ortigueira serán obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria no concello.

Para estes efectos, poderán ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderán deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2020

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade