Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207-Bis Mércores, 14 de outubro de 2020 Páx. 39939

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 14 de outubro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos de Pontevedra, Poio e Marín.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do devandito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e en vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación de medidas concretas contidas no anexo.

En aplicación do previsto no punto sexto citado, unha vez atendida a evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na comarca de Pontevedra, sobre a base do indicado no informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública o 9 de setembro de 2020 e logo de escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, ditouse a Orde do 9 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Pontevedra.

Tal e como se indicou na orde, o fundamento normativo das medidas atópase na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

No que atinxe á eficacia das medidas, no punto quinto da orde indicouse que terían efectos desde as 00.00 horas do 10 de setembro de 2020 e que serían obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderían ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderían deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

As medidas restritivas de dereitos fundamentais contidas na orde foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto número 70/2020, do 11 de setembro, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Pontevedra.

Por outra banda, de acordo co informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública sobre a comarca de Pontevedra, do 11 de setembro de 2020, e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, tendo en conta a situación dos concellos de Poio e de Vilaboa e a interrelación destes concellos entre eles e co concello de Pontevedra, ditouse a Orde do 11 de setembro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos de Poio e Vilaboa, en que se acordou estender a aplicación das medidas de prevención previstas na Orde do 9 de setembro de 2020, antes citada, a estes dous concellos, e engadir, ademais, medidas específicas respecto das praias destes concellos.

Neste caso, no que atinxe á eficacia das medidas, no punto segundo da orde indicouse que terían efectos desde as 00.00 horas do 12 de setembro de 2020 e que serían obxecto de seguimento e avaliación continua, en todo caso, nun período non superior a cinco días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

As medidas restritivas de dereitos fundamentais foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto do 12 de setembro de 2020, do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Pontevedra, respecto do concello de Poio, e polo Auto do 13 de setembro de 2020, do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Cangas, respecto do concello de Vilaboa.

En cumprimento do disposto no punto quinto da Orde do 9 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Pontevedra, e no punto segundo da Orde do 11 de setembro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos de Poio e Vilaboa, procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria existente. Tendo en conta o indicado nos informes da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 16 de setembro de 2020, sobre as comarcas de Pontevedra e do Morrazo, e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, na Orde do 16 de setembro de 2020 dispúxose, unha vez atendida a situación epidemiolóxica e sanitaria, o mantemento das medidas de prevención nos termos previstos nas ordes do 9 e do 11 de setembro de 2020 nos concellos de Pontevedra, Poio e Vilaboa, e a extensión da aplicación das mesmas medidas ao concello de Marín.

O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Pontevedra, no Auto número 103/2020, do 18 de setembro, pronunciouse sobre a ratificación das medidas restritivas de dereitos fundamentais.

De conformidade co punto segundo da Orde do 16 de setembro de 2020, procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas adoptadas para adecualas á evolución epidemiolóxica. Así, tendo en conta o disposto nos informes da Dirección Xeral de Saúde Pública do 23 de setembro de 2020 sobre as comarcas de Pontevedra e O Morrazo e logo de escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, por Orde do 23 de setembro de 2020 dispúxose o mantemento, nos concellos de Pontevedra, Poio, Vilaboa e Marín, das medidas de prevención previstas nas ordes do 9 e do 11 de setembro de 2020.

Posteriormente, á vista do indicado nos informes da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 30 de setembro de 2020, sobre as comarcas de Pontevedra e O Morrazo, e logo de escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, mediante a Orde do 30 de setembro de 2020 dispúxose o mantemento, nos concellos de Pontevedra, Poio e Marín, das medidas de prevención previstas nas ordes do 9 e do 11 de setembro de 2020, e deixáronse sen efecto estas medidas no concello de Vilaboa.

De conformidade co punto terceiro da Orde do 30 de setembro de 2020, procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas adoptadas para adecualas á evolución epidemiolóxica e sanitaria. Así, tendo en conta o disposto nos informes da Dirección Xeral de Saúde Pública sobre as comarcas de Pontevedra e O Morrazo, do 7 de outubro de 2020, e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, pola Orde do 7 de outubro de 2020 dispúxose o mantemento das medidas acordadas respecto dos concellos de Pontevedra, Poio e Marín que se estaban aplicando nos ditos concellos.

Conforme o punto segundo da Orde do 7 de outubro de 2020 procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas. Así, por unha banda, no informe Dirección Xeral de Saúde Pública do 14 de outubro de 2020 sobre a comarca de Pontevedra indícase que a taxa de incidencia global nos últimos 14 días na comarca é menor que a observada na semana anterior. Por concellos, Pontevedra e Poio son os concellos que amosan o maior número de casos. No relativo aos indicadores de risco, na comarca obsérvanse indicadores de alto risco tales como a incidencia acumulada a tres días na área e período de investigación do brote e a porcentaxe de PCR positivas entre os contactos estreitos dun caso confirmado na área e período de investigación do brote; tamén se observa algún indicador de risco medio como a porcentaxe de probas PCR positivas na área e período de investigación do brote. En consecuencia, aínda que a situación actual amosa certa estabilidade tras observarse unha mellora, a presenza de indicadores de alto e medio risco, o feito de que tanto en Pontevedra coma en Poio se teñan identificado casos nos últimos 3 días, xunto con que en Pontevedra se teñan identificado casos diarios nos últimos 14 días e que o número reprodutivo instantáneo volve acadar valores superiores ao 1, determinan que no informe se recomende o mantemento das medidas xa establecidas nos concellos de Pontevedra e Poio.

E no informe da Dirección Xeral de Saúde Pública sobre a comarca do Morrazo, da mesma data, sinálase que na dita comarca destaca a taxa acumulada rexistrada en Marín, moi similar á taxa a 14 días do conxunto de Galicia. De feito, Marín é o concello en que se rexistrou un maior número de casos nos últimos 14 días. Os grupos de idade máis afectados, que son idades moi novas, poderían favorecer a transmisión da enfermidade dada a alta proporción de infectados sen síntomas ou paucisintomáticos. No que se refire aos indicadores de risco, obsérvase algún de risco como a porcentaxe de PCR positivas entre os contactos estreitos dun caso confirmado na área e período de investigación do brote e indicadores en nivel de risco medio tales como a porcentaxe de probas PCR positivas na área e período de investigación do brote e o número de contactos con PCR positiva relacionados cun caso na área e período de investigación do brote. Dado que este brote, a expensas do concello de Marín, onde as taxas observadas, aínda que parecen evolucionar adecuadamente, se manteñen altas, segue a ter características de risco, no informe recoméndase manter as medidas restritivas establecidas no concello de Marín.

Tendo en conta o indicado nos ditos informes, e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria impón, como consecuencia, o mantemento, nos concellos de Pontevedra, Poio e Marín, das medidas de prevención previstas nas ordes do 9 e do 11 de setembro de 2020.

Polo demais, as medidas deben seguir sendo obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

En atención ao exposto, en aplicación do punto segundo da Orde do 7 de outubro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos de Pontevedra, Poio e Marín, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Mantemento de medidas de prevención específicas nos concellos de Pontevedra, Poio e Marín

Unha vez atendida a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria, mantense, nos concellos de Pontevedra e Poio, a eficacia das medidas previstas na Orde do 9 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Pontevedra, e na Orde do 11 de setembro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos de Poio e Vilaboa, así como a eficacia das mesmas medidas no concello de Marín.

Segundo. Eficacia, seguimento e avaliación

Esta orde terá efectos desde as 00.00 horas do 15 de outubro de 2020.

As medidas cuxa eficacia se mantén nos concellos de Pontevedra, Poio e Marín serán obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Para estes efectos, poderán ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderán deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2020

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade