Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207-Bis Mércores, 14 de outubro de 2020 Páx. 39933

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 14 de outubro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na comarca de Santiago.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do devandito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e en vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que modifiquen ou, de xeito puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación de medidas concretas contidas no anexo.

En aplicación do previsto no punto sexto citado, unha vez atendida a evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Santiago de Compostela, sobre a base do indicado no informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública o 2 de setembro de 2020 e logo de escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, ditouse a Orde do 2 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Santiago de Compostela.

Tal e como se indicou na orde, o fundamento normativo das medidas atópase na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

No que atinxe á eficacia das medidas, no punto sexto da orde indicouse que tería efectos desde as 00.00 horas do 3 de setembro de 2020 e que serían obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos poderían ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderían deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Ademais, as medidas limitativas de dereitos fundamentais foron obxecto de ratificación xudicial mediante o Auto 73/2020, do 4 de setembro, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Santiago de Compostela.

En cumprimento do disposto no punto sexto da Orde do 2 de setembro de 2020, procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas previstas nela co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria de Santiago de Compostela.

En virtude da Orde do 9 de setembro de 2020 acordouse, sobre a base do sinalado no informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da mesma data e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, o mantemento das medidas de prevención e das recomendacións existentes no concello de Santiago de Compostela, ben que, respecto das terrazas dos establecementos de hostalaría e restauración, se fixou no setenta e cinco por cento a limitación da capacidade e suprimiuse, como medida específica, a relativa ao uso de máscara no caso de actividade física ou deportiva en ximnasios ou espazos pechados, ao ser aplicable, en relación con este último punto, a modificación operada no número 1.3 do anexo do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020 pola Orde do 9 de setembro de 2020.

As medidas limitativas de dereitos fundamentais foron obxecto de ratificación xudicial mediante o Auto 145/2020, do 11 de setembro, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Santiago de Compostela.

En cumprimento do disposto no punto terceiro da Orde do 9 de setembro de 2020, procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria existente no concello de Santiago de Compostela. Así, atendido o disposto no informe da Dirección Xeral de Saúde pública, do 16 de setembro de 2020, e logo de escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, mediante a Orde do 16 de setembro de 2020 dispúxose o mantemento, no concello de Santiago de Compostela, das medidas de prevención nos termos previstos na Orde do 2 de setembro de 2020, na súa redacción vixente, é dicir, tendo en conta as modificacións introducidas pola Orde do 9 de setembro de 2020.

As medidas restritivas de dereitos fundamentais foron ratificadas polo Auto número 88/2020, do 17 de setembro, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Santiago de Compostela.

En cumprimento do previsto no punto segundo da Orde do 16 de setembro de 2020, procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas. Neste sentido, unha vez atendido o disposto no informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 23 de setembro de 2020 e logo de escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, mediante a Orde do 23 de setembro de 2020 acordouse o mantemento, no concello de Santiago de Compostela, das medidas de prevención nos termos previstos na Orde do 2 de setembro de 2020, na súa redacción vixente, é dicir, tendo en conta as modificacións introducidas pola Orde do 9 de setembro de 2020, así como estender a aplicación das mesmas medidas ao lugar do Milladoiro, parroquia de Santa María de Biduído, no concello de Ames. As medidas limitativas de dereitos fundamentais foron ratificadas xudicialmente polo Auto 86/2020, do 25 de setembro, da Sala do Contencioso-administrativo (Sección 3ª) do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

En cumprimento do previsto no punto segundo da Orde do 23 de setembro de 2020, procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas. Neste sentido, unha vez atendido o disposto no informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 30 de setembro de 2020 e logo de escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, mediante a Orde do 30 de setembro de 2020 acordouse o mantemento, no concello de Santiago de Compostela e no lugar do Milladoiro (parroquia de Santa María de Biduído, no concello de Ames), da eficacia das medidas de prevención previstas na Orde do 2 de setembro de 2020, na súa redacción vixente. As medidas limitativas de dereitos fundamentais foron ratificadas xudicialmente polo Auto 97/2020, do 5 de outubro, da Sala do Contencioso-Administrativo (Sección 3ª) do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

En cumprimento do previsto no punto segundo da Orde do 30 de setembro de 2020, procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas. Neste sentido, o informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 7 de outubro de 2020, recomendaba o mantemento das medidas acordadas, polo que atendido o indicado no devandito informe e logo de escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, mediante a Orde do 7 de outubro de 2020 acordouse o mantemento, no concello de Santiago de Compostela e no lugar do Milladoiro, parroquia de Santa María de Biduído, no concello de Ames, das medidas de prevención nos termos previstos na Orde do 2 de setembro de 2020, na súa redacción vixente, é dicir, tendo en conta as modificacións introducidas pola Orde do 9 de setembro de 2020. As medidas limitativas de dereitos fundamentais foron ratificadas xudicialmente polo Auto 103/2020, do 9 de outubro, da Sala do Contencioso-Administrativo (Sección 3ª) do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Conforme o punto segundo da Orde do 7 de outubro de 2020, as medidas debían ser obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

En cumprimento do previsto no punto segundo da Orde do 7 de outubro de 2020, procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas. Neste sentido, no informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 14 de outubro de 2020, indícase que a taxa de incidencia global dos últimos 14 días na comarca de Santiago acadou un valor superior ao descrito no informe anterior e superior ao observado para o total de Galicia. Destacan claramente as taxas acumuladas a 14 días dos concellos de Santiago de Compostela e Ames, ambos os dous cun goteo constante e diario de declaracións de casos. Así mesmo, tanto o concello de Ames coma o de Santiago de Compostela presentan taxas acumuladas a 3,7 e 14 días superiores ás recollidas para o total da comarca e o global de Galicia neses mesmos momentos temporais. Os datos de incidencia observados en Ames e en Santiago de Compostela, xunto co feito de que se manteñen en niveis de risco alto indicadores como a incidencia acumulada a tres días, en risco medio indicadores como a porcentaxe de PCR positivas entre os contactos estreitos dun caso confirmado e a porcentaxe de probas PCR positivas na área e no período de investigación do gromo, determinan que o informe recomende que se continúe coas medidas xa establecidas no concello de Santiago de Compostela e nas zonas máis afectadas do lugar do Milladoiro (parroquia de Santa María de Biduído) dentro do concello de Ames.

Así, tendo en conta o indicado no devandito informe e logo de escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, resulta necesario, en consecuencia, o mantemento no concello de Santiago de Compostela e no lugar do Milladoiro (parroquia de Santa María de Biduído, no concello de Ames) da eficacia das medidas de prevención previstas na Orde do 2 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Santiago de Compostela, na súa redacción vixente, é dicir, coas modificacións introducidas pola Orde do 9 de setembro de 2020.

Polo demais, as medidas deben seguir sendo obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria, e proceder, segundo o caso, ao seu mantemento, modificación ou a deixalas sen efecto.

En atención ao exposto, en aplicación do punto segundo da Orde do 7 de outubro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na comarca de Santiago, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Medidas de prevención na comarca de Santiago

Unha vez atendida a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na comarca de Santiago, mantense, no concello de Santiago de Compostela e no lugar do Milladoiro (parroquia de Santa María de Biduído, no concello de Ames), a eficacia das medidas de prevención previstas na Orde do 2 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Santiago de Compostela, na súa redacción vixente.

Segundo. Eficacia, seguimento e avaliación

Esta orde terá efectos desde as 00.00 horas do 15 de outubro de 2020.

As medidas cuxa eficacia se mantén serán obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Para estes efectos poderán ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderán deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2020

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade