Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81-Bis Venres, 30 de abril de 2021 Páx. 22018

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 30 de abril de 2021 pola que se modifica a Orde do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

I

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e en vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación das medidas concretas contidas no anexo.

Mediante o Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, declarouse o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. Esta declaración afectou todo o territorio nacional e a súa duración inicial estendeuse, conforme o disposto no seu artigo 4, ata as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020.

Conforme o artigo 2 dese real decreto, para os efectos do estado de alarma, a autoridade competente será o Goberno da Nación. En cada comunidade autónoma e cidade con estatuto de autonomía, a autoridade competente delegada será quen exerza a presidencia da comunidade autónoma ou cidade con estatuto de autonomía, nos termos establecidos no real decreto. As autoridades competentes delegadas quedan habilitadas para ditaren, por delegación do Goberno da Nación, as ordes, resolucións e disposicións para a aplicación do previsto nos artigos 5 a 11 do real decreto, sen que para iso sexa precisa a tramitación de ningún procedemento administrativo, nin será de aplicación o previsto no segundo parágrafo do artigo 8.6 e no artigo 10.8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

O 29 de outubro de 2020, o Congreso dos Deputados autorizou a prórroga do estado de alarma ata o día 9 de maio de 2021. Conforme o artigo 2 do Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, a prórroga establecida no dito real decreto estenderase desde as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020 ata as 00.00 horas do día 9 de maio de 2021, e someterase ás condicións establecidas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, e nos decretos que, se é o caso, se adopten en uso da habilitación conferida pola disposición derradeira primeira do citado Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, sen prexuízo do establecido nas disposicións que recolle o propio real decreto de prórroga.

En consecuencia, durante a vixencia do estado de alarma e da súa prórroga, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, deberán adoptarse, na condición de autoridade competente delegada, nos termos previstos no dito real decreto e no real decreto de prórroga.

Non obstante, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, non esgotan todas as que poden ser adoptadas para facer fronte á crise sanitaria. Neste sentido, como prevé expresamente o seu artigo 12, cada Administración conservará as competencias que lle outorga a lexislación vixente, así como a xestión dos seus servizos e do seu persoal, para adoptar as medidas que considere necesarias, sen prexuízo do establecido no real decreto.

Polo tanto, durante a vixencia do estado de alarma e das súas prórrogas, as medidas que sexa necesario adoptar para facer fronte, na Comunidade Autónoma, á crise sanitaria serán as que poida acordar, ao abeiro da normativa do estado de alarma, o presidente da Comunidade Autónoma, como autoridade competente delegada, e as complementarias que poidan adoptar, no exercicio das súas competencias propias, as autoridades sanitarias autonómicas e, entre elas, a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, ao abeiro do disposto no punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020 citado.

II

Sentado o anterior, no contexto normativo derivado do estado de alarma vixente e ante a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, ditouse o Decreto 31/2021, do 25 de febreiro, polo que se adoptaron medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

Esas medidas debían ser complementadas, como indica o propio decreto, con outras que procede que adopte a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade no exercicio das súas competencias propias como autoridade sanitaria autonómica.

Estas medidas complementarias establecéronse mediante a Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia. Esta orde prevía que as medidas serían obxecto de revisión constante co obxecto de avaliar a situación e adecualas á incidencia real da epidemia.

Posteriormente, revisáronse as medidas acordadas, co obxecto de adecualas á situación epidemiolóxica, e ditouse a Orde do 4 de marzo de 2021, que incluíu pequenas modificacións das medidas adoptadas e do anexo II da Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia; a Orde do 5 de marzo de 2021, por medio da cal se modificou o anexo II da Orde do 25 de febreiro de 2021; a Orde do 10 de marzo de 2021, coa cal se modificaron diversos puntos do anexo I e do anexo II da Orde do 25 de febreiro de 2021, e a Orde do 12 de marzo de 2021, que modificou unicamente o anexo II.

Paralelamente, estas modificacións tiveron reflexo tamén no Decreto 39/2021, do 5 de marzo, no Decreto 40/2001, do 10 de marzo, e no Decreto 41/2021, do 12 de marzo, polos que se modificou o Decreto 31/2021, do 25 de febreiro, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

En cumprimento do compromiso acadado en relación coa revisión das medidas acordadas, co obxecto de adecualas á situación epidemiolóxica, ditáronse o Decreto 45/2021, do 17 de marzo, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2 (modificado polo Decreto 49/2021, do 24 de marzo, polo Decreto 51/2021, do 26 de marzo, polo Decreto 54/2021, do 7 de abril, polo Decreto 58/2021, do 9 de abril, polo Decreto 59/2021, do 14 de abril, e polo Decreto 60/2021, do 16 de abril), e a Orde do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, modificada polas ordes do 24 de marzo de 2021, do 26 de marzo de 2021, do 31 de marzo de 2021, do 7 de abril de 2021, do 9 de abril de 2021, do 14 de abril de 2021, do 16 de abril de 2021, do 21 de abril de 2021 e do 23 de abril de 2021.

Posteriormente, realizouse unha nova revisión da situación epidemiolóxica dos concellos de Galicia, que tivo o oportuno reflexo na Orde do 28 de abril de 2021 pola que se modifica a Orde do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

III

De conformidade co compromiso acadado, procede realizar unha nova revisión da situación epidemiolóxica dos distintos concellos.

Así, no Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 30 de abril de 2021 establécese o seguinte:

No que se refire á situación epidemiolóxica de Galicia, o informe indica que o número reprodutivo instantáneo (Rt), que reflicte o número de contaxios orixinados por un caso activo, sitúase practicamente no 1, o que constata unha diminución da transmisión. Unicamente as áreas de Santiago e Lugo superan o número reprodutivo indicado.

Do total de concellos de Galicia, 140 non notificaron casos novos nos últimos 14 días. O número de concellos sen casos nos últimos 7 días foi de 169. Isto supón un aumento de 4 concellos na declaración de casos a 14 días e unha diminución de 9 concellos a 7 días. Porén, a semana precedente os casos declarados situáronse nos 136 e 178, a 14 e 7 días, respectivamente.

Entre o 18 e o 24 de abril realizáronse 67.269 probas diagnósticas de infección activa polo virus SARS-CoV-2 (53.248 PCR e 14.021 tests de antíxenos), cunha porcentaxe de positividade do 2,43%, que é practicamente a mesma que a constatada entre o 11 e o17 de abril (2,42 %).

Respecto da incidencia acumulada a 7 e 14 días, os valores situáronse en 49 e 98 casos por cada cen mil habitantes, respectivamente, sendo lixeiramente superiores a 14 días (3 % de aumento), respecto dos declarados na semana anterior.

Desde o 28 de decembro de 2020, a tendencia diaria mostra tres tramos: un deles crecente a un ritmo do 7,1 % ata o 22 de xaneiro, despois un tramo decrecente cunha porcentaxe de cambio diario de -6% e finalmente outro tramo cun aumento que semella máis unha estabilización (porcentaxe de cambio diario de 0,9).

No que atinxe á situación nas áreas sanitarias, as taxas a 14 días sitúanse entre os 42,05 casos por 100.000 habitantes de Ferrol e os 140,99 de Vigo.

As taxas de incidencia a 14 días presentan un lixeiro aumento respecto dos mesmos valores a 7 días, agás nas áreas sanitarias de Santiago, Ferrol e Ourense, en que diminuíron, mentres que as áreas da Coruña, Pontevedra e Vigo presentan taxas a 14 días superiores aos 100 casos por 100.000 habitantes.

No que respecta á hospitalización dos casos COVID-19, a media de pacientes con COVID-19 en hospitalización de agudos nos últimos 7 días foi de 155,1, o que indica un descenso de -0,5 % respecto dos valores de hai sete días. Así, a taxa de pacientes con COVID-19 en hospitalización de agudos é de 5,7 ingresados por 100.000 habitantes, cun descenso (-0,5 %) respecto dos datos de hai 7 días.

En canto aos ingresos COVID-19 nas unidades de críticos (UCI) nos últimos 7 días, a media foi de 40,9 e a taxa a 7 días é de 1,5 ingresados por 100.000 habitantes, o que supón un descenso dun 27,1 % respecto de hai sete días, tanto nos valores medios como na taxa total.

Sobre a situación epidemiolóxica, a nivel de concellos, daqueles con poboación igual ou superior a 10.000 habitantes (54), só Marín e Vilanova de Arousa presentan unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes.

No caso dos concellos de menos de 10.000 habitantes (259), 10 presentan unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes, o que supón 3 concellos menos que a semana precedente.

Por outra banda, acádanse taxas de incidencia iguais ou maiores a 500 casos por cen mil habitantes en 3 concellos deste tramo poboacional.

No que atinxe ás comarcas, atópanse no nivel medio as de Vigo, O Salnés, O Morrazo, Verín, Muros, Meira e A Baixa Limia, ás que se sumaron as de Sar, Terra de Melide e Bergantiños, mentres que a comarca da Barbanza baixou ao nivel medio baixo hai 4 días.

O informe conclúe que a tendencia a 14 días da taxa de incidencia está a ascender moi lentamente, ao tempo que o número reprodutivo instantáneo (Rt) no global de Galicia se mantén practicamente no 1. Ademais, constátase que a taxa de incidencia a 14 días no global de Galicia segue preto pero por debaixo dos 100 casos por cen mil habitantes, e unicamente as áreas sanitarias da Coruña, Pontevedra e Vigo presentan unha incidencia superior aos 100 casos por cen mil habitantes.

Ademais, o informe destaca que o feito de que a cepa que está a circular sexa, fundamentalmente, a cepa británica pode influír nun aumento da transmisión, ao que se suma a aparición de novas variantes como a P1 de Brasil e a de Suráfrica, que se amosan como máis transmisibles.

Así mesmo, a ocupación por pacientes con COVID-19 na hospitalización de agudos e unidades de coidados críticos segue a diminuír

Non se debe esquecer que nos encontramos nun contexto de desescalada que debe ser gradual, progresiva e segura, guiada polo principio de prudencia, para evitar así comprometer os logros acadados. Galicia conta cunha poboación especialmente envellecida e no noso territorio o virus circulou menos que noutros territorios do Estado, polo que existe un menor nivel de inmunidade natural, á espera de que o proceso de vacinación en marcha acade os resultados esperados. Resulta imprescindible ser cautelosos e consolidar no tempo as medidas adoptadas recentemente, de tal xeito que sexa posible ir analizando e reaccionando fronte aos efectos que delas deriven.

O criterio utilizado para aplicar os niveis de restrición aos concellos, ademais do da situación sanitaria, é o da taxa de incidencia segundo os casos por cada cen mil habitantes a 14 días, situando o nivel medio baixo por debaixo de 150; o medio, entre 150 e por debaixo de 250; o alto, entre 250 e por debaixo de 500, e o máximo, na cifra de 500. Así mesmo, co obxecto de reaccionar con rapidez e eficacia fronte aos gromos, utilízase tamén como criterio o da taxa de incidencia a 7 días. A análise da situación de cada concello prevese coa consideración de criterios demográficos, pois debe terse en conta que en concellos de escasa poboación poucos casos poden dar lugar a taxas moi elevadas, que deben ser postas no debido contexto, e co estudo polos servizos de saúde pública e polo comité e subcomité clínico das características específicas de cada gromo. Téñense en conta, ademais, outros criterios tales como a existencia de gromos non controlados ou de casos sen vínculo epidemiolóxico, así como o feito de que non se observe unha melloría clara na evolución da situación epidemiolóxica, unido a unha tendencia nas súas taxas que non vai claramente en descenso.

Por conseguinte, en vista do indicado no citado informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, e tras escoitar as recomendacións do subcomité clínico reunido para estes efectos, coa situación epidemiolóxica e sanitaria da Comunidade Autónoma de Galicia, formúlanse as seguintes propostas:

Proponse manter no nivel máximo de restricións o concello de Cualedro (Área Sanitaria de Ourense) debido ás súas taxas de incidencia a 7 e 14 días.

Aínda que as súas taxas de incidencia serían propias do nivel alto, proponse manter no nivel máximo de restrición o concello de Vilanova de Arousa (Área Sanitaria de Pontevedra), debido a que non leva o tempo suficiente neste nivel como para asegurar que a evolución da súa situación epidemiolóxica é a axeitada para garantir a diminución da transmisión da infección neste concello. Ademais, o concello atópase nunha comarca, a do Salnés, cunha situación epidemiolóxica desfavorable desde hai 3 semanas.

Igualmente, tamén se propón ascender ao nivel máximo o concello de Laza, da Área Sanitaria de Ourense, pola súa taxa a 7 días. Ademais, está a acontecer un abrocho asociado ao ámbito da hostalaría e que afecta persoas de idades novas.

Manteríanse no nivel alto, polas súas taxas a 7 e/ou 14 días, os concellos de Coristanco (Área Sanitaria da Coruña), A Merca e Petín (Área Sanitaria de Ourense), Marín (Área Sanitaria de Pontevedra) e Salceda de Caselas (Área Sanitaria de Vigo).

Tamén se propón manter neste nivel alto os concellos do Grove e Meaño, da Área Sanitaria de Pontevedra, por mor da súa situación xeográfica (comarca do Salnés) e por non levar o tempo suficiente neste nivel como para asegurar que a evolución da súa situación epidemiolóxica se estabilice.

Neste nivel alto tamén se mantería o concello de Ponteareas, dado que non leva o tempo suficiente neste nivel como para asegurar unha boa evolución da súa situación epidemiolóxica.

Igualmente, proponse manter no nivel alto o concello de Ribeira (Área Sanitaria de Santiago), debido a que nos últimos 7 días se notificaron 17 casos e aínda non se considera estabilizada a súa situación epidemiolóxica. Ademais, na comarca da Barbanza o descenso de casos está a ser moi lento e conflúen as cepas británica e surafricana, que son altamente transmisibles.

Tamén se mantería no nivel alto o concello de Mesía, en vez de aumentalo ao nivel máximo de acordo coas súas taxas, xa que os casos declarados forman parte do gromo que xa era coñecido.

Por outra banda, aumentarían a este nivel alto, tal como indican as súas taxas a 7 e/ou 14 días e por unha evolución da incidencia desfavorable desde hai unha semana, os concellos da Pastoriza, da Área Sanitaria de Lugo; Padrón, da Área Sanitaria de Santiago; Cambados, da Área Sanitaria de Pontevedra e Gondomar, da Área Sanitaria de Vigo.

No que atinxe ao nivel medio, proponse manter neste nivel medio os concellos da Laracha, Betanzos e Carballo (Área Sanitaria da Coruña); Ares (Área Sanitaria de Ferrol); Rianxo (Área Sanitaria de Santiago); Chantada (Área Sanitaria de Lugo); Cartelle, Lobios, Verín e Xinzo da Limia (Área Sanitaria de Ourense); Poio (Área Sanitaria de Ourense); Cangas, Nigrán, O Porriño, Tui e Vigo (Área Sanitaria de Vigo). Esta proposta fundaméntase nas taxas de incidencia a 7 e/ou 14 días, ou ben por non levar tempo suficiente neste nivel e para garantir a boa evolución da súa situación epidemiolóxica.

Tamén se propón manter neste nivel medio os concellos do Barco de Valdeorras, da Área Sanitaria de Ourense, e o concello de Vilagarcía de Arousa, da Área Sanitaria de Pontevedra, debido a que é necesario asegurar unha boa evolución da súa situación epidemiolóxica e dado que as comarcas onde están situados atravesan unha situación epidemiolóxica desfavorable, sendo ambos os concellos, ademais, cabeceira de comarca.

Ademais, proponse baixar ao nivel medio (desde o nivel alto actual) os concellos de Muíños e Verea, da Área Sanitaria de Ourense, debido a que a evolución dos casos detectados nestes concellos é boa e por tratarse de gromos xa controlados en concellos con baixa poboación.

Tamén se propón baixar a este nivel medio os concellos de Meira, da Área Sanitaria de Lugo, actualmente en nivel alto, e o concello de Carballeda de Valdeorras, actualmente no nivel máximo, posto que a evolución da súa incidencia é moi favorable, con taxas a 7 días propias do nivel medio-baixo, o que indica que a súa situación epidemiolóxica continuará a mellorar.

Por outra banda, baixarían ao nivel medio os concellos de Cambre (Área Sanitaria da Coruña), A Pobra do Caramiñal (Área Sanitaria de Santiago) e Ribadumia (Área Sanitaria de Pontevedra), xa que amosan unha evolución moi favorable nas súas taxas a 7 e/ou 14 días.

Proponse manter neste nivel medio o concello de Carnota, xa que o gromo declarado ten unha orixe coñecida, e porque xa leva neste nivel medio desde o 26 de abril e a súa incidencia está a mellorar.

Ademais, tamén se propón aumentar a este nivel medio o concello de Melide, porque o gromo detectado neste concello ten unha orixe coñecida, está controlado e se espera que o paso a este nivel medio sexa suficiente para o control da situación.

Finalmente, aumentarían a este nivel medio, tal como indican as súas taxas a 7 e/ou 14 días, os concellos de Lalín, Ordes e Silleda, da Área Sanitaria de Santiago, e o concello de Allariz, da Área Sanitaria de Ourense.

O resto dos concellos de Galicia permanece no nivel medio baixo de restricións, con base nos criterios reflectidos anteriormente ou á espera de comprobar a evolución da súa situación epidemiolóxica.

Debe insistirse, en particular, en que as medidas resultan adecuadas e eficaces de acordo cos datos expostos sobre a evolución da situación epidemiolóxica e, polo tanto, útiles para acadar o fin proposto de protección da saúde pública, na espera de que a campaña de vacinación acade os resultados que se perseguen. Debe ponderarse que aínda non estamos en niveis de transmisión que se poidan entender de risco baixo.

Así mesmo, debe manterse a protección do sistema sanitario. As medidas de limitación de determinadas actividades resultan necesarias, adecuadas e proporcionadas para o fin perseguido, que non é outro que controlar e evitar a maior difusión dunha enfermidade altamente contaxiosa respecto da cal a diferenza entre persoas enfermas e sas resulta difusa, dada a posible asintomatoloxía ou levidade dos síntomas e a existencia dun período no cal non hai indicios externos da enfermidade.

En concreto, trátase de evitar especialmente aglomeracións ou encontros entre persoas, co fin de garantir o mantemento da distancia de seguridade e reducir o risco de contacto físico ou proximidade en condicións favorecedoras do contaxio. Debe lembrarse, neste sentido, que o Auto 40/2020, do 30 de abril, do Tribunal Constitucional, no seu fundamento xurídico cuarto, ao ponderar a relevancia das especiais circunstancias derivadas da crise sanitaria creada pola pandemia no exercicio do dereito de reunión, salientou como, ante a incerteza sobre as formas de contaxio, sobre o impacto real da propagación do virus, así como sobre as consecuencias a medio e longo prazo para a saúde das persoas que se viron afectadas, as medidas de distanciamento social e de limitación extrema dos contactos e actividades grupais son as únicas que se demostraron eficaces para limitar os efectos dunha pandemia de dimensións descoñecidas ata a data. Deste modo, as medidas de limitación de determinadas actividades van dirixidas a limitar os contactos e a interacción social e, polo tanto, a transmisión da enfermidade en situacións nas cales cabe apreciar un maior risco polas circunstancias en que se realizan, especialmente en lugares pechados.

Tendo en conta o exposto, e tras escoitar as recomendacións do comité clínico reunido para estes efectos, e visto o informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, procede reiterar as medidas xa aprobadas coas modificacións previstas na presente orde.

IV

As medidas que se adoptan nesta orde teñen o seu fundamento normativo na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 a 38.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Modifícase o anexo II da Orde do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado segundo o anexo desta orde

Segundo. Eficacia

As medidas previstas nesta orde terán efectos desde as 00.00 horas do día 3 de maio de 2021. Non obstante o anterior, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, serán obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser modificadas ou levantadas mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2021

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO II

A) Concellos con nivel de restrición máxima.

Cualedro

Laza

Vilanova de Arousa

B) Concellos con nivel de restrición alta.

Cambados

Coristanco

Gondomar

Grove (O)

Marín

Meaño

Merca (A)

Mesía

Padrón

Pastoriza (A)

Petín

Ponteareas

Ribeira

Salceda de Caselas

C) Concellos con nivel de restrición media.

Allariz

Ares

Barco de Valdeorras (O)

Betanzos

Cambre

Cangas

Carballeda de Valdeorras

Carballo

Carnota

Cartelle

Chantada

Lalín

Laracha (A)

Lobios

Meira

Melide

Muíños

Nigrán

Ordes

Pobra do Caramiñal (A)

Poio

Porriño (O)

Rianxo

Ribadumia

Silleda

Tui

Verea

Verín

Vigo

Vilagarcía de Arousa

Xinzo de Limia

D) Concellos con nivel de restrición media baixa.

Abadín

Abegondo

Agolada

Alfoz

Ames

Amoeiro

Antas de Ulla

Aranga

Arbo

Arnoia (A)

Arteixo

Arzúa

Avión

Baiona

Baleira

Baltar

Bande

Baña (A)

Baños de Molgas

Baralla

Barbadás

Barreiros

Barro

Beade

Beariz

Becerreá

Begonte

Bergondo

Blancos (Os)

Boborás

Boiro

Bola (A)

Bolo (O)

Boqueixón

Bóveda

Boimorto

Brión

Bueu

Burela

Cabana de Bergantiños

Cabanas

Caldas de Reis

Calvos de Randín

Camariñas

Campo Lameiro

Cañiza (A)

Capela (A)

Carballeda de Avia

Carballedo

Carballiño (O)

Cariño

Carral

Castrelo de Miño

Castrelo do Val

Castro Caldelas

Castro de Rei

Castroverde

Catoira

Cedeira

Cee

Celanova

Cenlle

Cerceda

Cerdedo-Cotobade

Cerdido

Cervantes

Cervo

Chandrexa de Queixa

Coirós

Coles

Corcubión

Corgo (O)

Cortegada

Coruña (A)

Cospeito

Covelo

Crecente

Culleredo

Cuntis

Curtis

Dodro

Dozón

Dumbría

Entrimo

Esgos

Estrada (A)

Fene

Ferrol

Fisterra

Folgoso do Courel

Fonsagrada (A)

Forcarei

Fornelos de Montes

Foz

Frades

Friol

Gomesende

Guarda (A)

Gudiña (A)

Guitiriz

Guntín

Illa de Arousa (A)

Incio (O)

Irixo (O)

Irixoa

Lama (A)

Láncara

Larouco

Laxe

Leiro

Lobeira

Lourenzá

Lousame

Lugo

Maceda

Malpica de Bergantiños

Manzaneda

Mañón

Maside

Mazaricos

Meis

Melón

Mezquita (A)

Miño

Moaña

Moeche

Mondariz-Balneario

Mondariz

Mondoñedo

Monfero

Monforte de Lemos

Montederramo

Monterrei

Monterroso

Moraña

Mos

Mugardos

Muras

Muros

Muxía

Narón

Navia de Suarna

Neda

Negreira

Negueira de Muñiz

Neves (As)

Nogais (As)

Nogueira de Ramuín

Noia

Oia

Oímbra

Oleiros

Oroso

Ortigueira

Ourense

Ourol

Outeiro de Rei

Outes

Oza-Cesuras

Paderne de Allariz

Paderne

Padrenda

Palas de Rei

Pantón

Parada de Sil

Paradela

Páramo (O)

Pazos de Borbén

Pedrafita do Cebreiro

Pereiro de Aguiar (O)

Peroxa (A)

Pino (O)

Piñor

Pobra de Trives (A)

Pobra do Brollón (A)

Pol

Ponte Caldelas

Pontecesures

Ponteceso

Pontedeume

Pontedeva

Pontenova (A)

Pontes de García Rodríguez (As)

Pontevedra

Porqueira

Portas

Porto do Son

Portomarín

Punxín

Quintela de Leirado

Quiroga

Rábade

Rairiz de Veiga

Ramirás

Redondela

Ribadavia

Ribadeo

Ribas de Sil

Ribeira de Piquín

Riós

Riotorto

Rodeiro

Rois

Rosal (O)

Rúa (A)

Rubiá

Sada

Salvaterra de Miño

Samos

San Amaro

San Cibrao das Viñas

San Cristovo de Cea

San Sadurniño

Sanxenxo

San Xoán de Río

Sandiás

Santa Comba

Santiago de Compostela

Santiso

Sarreaus

Sarria

Saviñao (O)

Sober

Sobrado

Somozas (As)

Soutomaior

Taboada

Taboadela

Teixeira (A)

Teo

Toén

Tomiño

Toques

Tordoia

Touro

Trabada

Trasmiras

Trazo

Triacastela

Val do Dubra

Valadouro (O)

Valdoviño

Valga

Vedra

Veiga (A)

Viana do Bolo

Vicedo (O)

Vilaboa

Vila de Cruces

Vilalba

Vilamarín

Vilamartín de Valdeorras

Vilar de Barrio

Vilar de Santos

Vilardevós

Vilariño de Conso

Vilarmaior

Vilasantar

Vimianzo

Viveiro

Xermade

Xove

Xunqueira de Ambía

Xunqueira de Espadanedo

Zas