Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165-Bis Venres, 27 de agosto de 2021 Páx. 43113

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 27 de agosto de 2021 pola que se modifica o anexo II da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

I

A evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia fai necesario que as autoridades sanitarias autonómicas sigan adoptando determinadas medidas de prevención orientadas a conter a propagación da infección e dirixidas a facer fronte á crise sanitaria derivada da COVID-19.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto dese acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Con esta finalidade poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade. Establécese, ademais, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de conformidade coa normativa aplicable e en vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación das medidas concretas contidas no anexo do citado acordo.

Con base no disposto no citado punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, adoptáronse, mediante a Orde do 25 de xuño de 2021, unha serie de medidas que teñen por obxecto regular distintas actividades coa finalidade de que se poidan desenvolver en condicións de seguridade, minimizando ao máximo o risco de contaxio e a propagación da enfermidade.

Estas medidas específicas tradúcense, en moitos casos, no establecemento de capacidades máximas e na regulación destas, xa que se demostrou que para lograr o fin proposto resulta imprescindible evitar as aglomeracións e garantir o mantemento en todo momento da distancia de seguridade, reducindo o contacto físico ou a proximidade en condicións favorecedoras do contaxio. A evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma exixiu modificar determinados aspectos da orde coa finalidade de adaptar as medidas contidas nela á realidade actual, o que se fixo mediante a Orde do 1 de xullo de 2021.

Posteriormente, mediante a Orde do 8 de xullo de 2021 introducíronse novas modificacións e prorrogouse a eficacia da Orde do 25 de xuño ata as 00.00 horas do 24 de xullo de 2021, e mediante a Orde do 15 de xullo de 2021 modificáronse a Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, e a Orde do 1 de xullo de 2021 pola que se aproba o Protocolo para a reactivación do lecer nocturno no marco da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19. Neste marco, e coa finalidade de que as medidas de prevención fronte á COVID-19 sigan adaptándose á evolución da situación epidemiolóxica, mediante a Orde do 22 de xullo de 2021 acometeuse unha nova prórroga e modificación da Orde do 25 de xuño, de conformidade coa previsión contida no punto noveno da citada Orde do 25 de xuño de 2021, segundo a cal, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas previstas nela deben ser obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria, e modificouse a Orde do 1 de xullo de 2021 pola que se aproba o Protocolo para a reactivación do lecer nocturno no marco da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19.

Mediante a Orde do 29 de xullo de 2021 modificouse o anexo II da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, mediante a Orde do 5 de agosto de 2021 introducíronse novas modificacións e prorrogouse a Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, cuxa vixencia se estende ata as 00.00 horas do día 21 de agosto. O anexo II da Orde do 25 de xuño de 2021 foi novamente modificado coa mesma finalidade de adaptalo á evolución da situación epidemiolóxica mediante as ordes do 13 de agosto de 2021, do 16 de agosto de 2021, do 20 de agosto de 2021 e do 25 de agosto de 2021. Débese salientar, ademais, que mediante a Orde do 20 de agosto de 2021 tamén se prorrogou a eficacia da Orde do 25 de xuño ata as 00.00 horas do día 4 de setembro.

II

En particular, na Orde do 25 de agosto antes citada, logo de escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, e con base no Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 24 de agosto de 2021, acordouse que o concello de Santiago de Compostela descenda ao nivel medio-baixo de restricións.

Porén, á vista do empeoramento da situación epidemiolóxica do concello de Santiago de Compostela desde o día 24 de agosto (día en que tivo lugar a reunión do Comité) ata a data da elaboración desta orde, acórdase que o dito concello ascenda ao nivel medio de restricións desde o nivel medio-baixo que establecía a dita Orde do 25 de agosto de 2021.

Así se reflicte no Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 27 de agosto de 2021, no cal se constata un empeoramento da situación que afecta tanto o concello de Santiago de Compostela como a súa área sanitaria. Este empeoramento non se reflicte directamente nas súas taxas a sete ou catorce días (que son as propias do nivel medio-baixo), pero aconsella o mantemento do concello no nivel medio de restricións.

Destácase, no que respecta á situación epidemiolóxica da Área de Santiago de Compostela, que é a área en que se produciu un maior aumento dos casos na última semana, que se mantén unha tendencia ascendente. Concretamente, indícase que se produciron múltiples gromos en diferentes concellos próximos ao concello de Santiago de Compostela, posiblemente froito do aumento das interaccións sociais durante as festividades pasadas, que poden irradiar a este concello e mesmo terse producido nel. Existe risco de que estes gromos, por outra banda, repercutan sobre a situación epidemiolóxica deste concello.

Tamén se indica, no que atinxe ao Rt da área sanitaria, que a partir do día 22 de agosto de 2021 ascendeu por riba do 1, cun 1,3 exactamente, o que significa que por cada caso se producirán 1,3 casos, é dicir, unha persoa poderá contaxiar máis dunha persoa, o que indica claramente un aumento da transmisión. Este aumento de transmisión é, sobre todo, por conta do grupo de idade de 15 a 29 anos. Este grupo de idade presenta unha maior mobilidade e tendencia á socialización, polo que é máis doado que entre eles aumente a transmisión.

Pola súa banda, a situación na unidade de críticos do hospital de referencia (Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela) non mellora segundo o esperado, xa que pasou, en catro días, dunha ocupación dun 4 % a un 5 %.

Polo que respecta ao concello de Santiago de Compostela, o informe indica que a súa taxa a sete días está a empeorar, o que reflicte unha mala tendencia a curto prazo. Ademais, a porcentaxe de positividade deste concello aumentou en 4 días un punto porcentual, o que supón un dato adicional de empeoramento da súa situación epidemiolóxica.

Igualmente, a súa razón de taxas a 7 días está a aumentar de novo, ao pasar de 0,85 o día 21 de agosto a poñerse por riba do 1 (1,20) o día 25 de agosto, o que significa un aumento da transmisión a 7 días, cun incremento dun 20 % en só 4 días.

O informe conclúe que, á vista dos datos da situación epidemiolóxica da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e da propia evolución do concello de Santiago de Compostela, é necesario, con base no principio de precaución, manter unha vixilancia especial neste concello e deixalo no nivel medio de restricións mentres non se observe unha clara tendencia á mellora na súa situación epidemiolóxica.

Isto exixe a modificación do anexo II da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

A eficacia desta orde comezará ás 00.00 horas do día 28 de agosto de 2021 e estenderase durante o período en que se manteña a eficacia da Orde do 25 de xuño de 2021, sen prexuízo do seguimento e da avaliación continua a que están sometidas, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

III

As medidas que se adoptan nesta orde teñen o seu fundamento normativo no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 a 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificación do anexo II da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

Modifícase o anexo II da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, no sentido de excluír Santiago de Compostela do nivel medio-baixo de restricións e incluílo no nivel medio.

Segundo. Eficacia

As medidas previstas nesta orde terán efectos desde as 00.00 horas do día 28 de agosto de 2021.

Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2021

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade