Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249-Bis Mércores, 29 de decembro de 2021 Páx. 64820

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 29 de decembro de 2021 pola que se modifican a Orde do 22 de outubro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia e a Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia.

I

Mediante a Resolución do 21 de outubro de 2021, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, dáse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 21 de outubro de 2021, polo que se declara a finalización da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, declarada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

A finalización da aplicación dos mecanismos extraordinarios derivados da lexislación de protección civil debe entenderse, naturalmente, sen prexuízo de que continúen sendo necesarias, mentres permaneza a pandemia, medidas de prevención de acordo coa lexislación sanitaria en vigor.

Neste sentido, a Lei estatal 2/2021, do 29 de marzo, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, prevé no seu artigo 2.3 que as medidas contidas nos seus capítulos II, III, IV, V, VI e VII e na disposición adicional quinta serán de aplicación en todo o territorio nacional ata que o Goberno declare de maneira motivada e de acordo coa evidencia científica dispoñible, logo do informe do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, a finalización da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19. O Goberno consultará as comunidades autónomas no seo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde con carácter previo á finalización da situación de crise sanitaria a que se refire o parágrafo anterior.

Na actualidade, como se deduce do informe da Dirección Xeral de Saúde Pública que se cita posteriormente, segue existindo unha situación de crise sanitaria que determina, por exemplo, que siga sendo de aplicación o deber de cautela e de protección establecido no artigo 4 da lei, de tal xeito que todos os cidadáns deberán adoptar as medidas necesarias para evitar a xeración de riscos de propagación da enfermidade COVID-19, así como a propia exposición a eses riscos, conforme o que se establece nesta lei. Tal deber de cautela e protección será igualmente exixible aos titulares de calquera actividade regulada nesta lei.

Deste xeito, seguen sendo de aplicación as previsións desta lei sobre o uso obrigatorio de máscaras, a regulación das distintas actividades e a distancia de seguridade interpersoal mínima.

En particular, debe terse en conta que seguirán sendo de aplicación os mecanismos de tutela previstos na lexislación sanitaria. A Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública, conforma, xunto coa Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; a Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema nacional de saúde, e a Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, o corpo normativo fundamental da acción de tutela da saúde pública a nivel estatal, ao cal se debe unir a lexislación autonómica reguladora da protección da saúde pública no marco de competencias autonómico, como é o caso, na Comunidade Autónoma galega, da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia. En efecto, recóllense na devandita normativa medidas que as autoridades sanitarias poderán acordar para tutelar a saúde pública en situacións de risco, co fin de cumprir o mandato contido no artigo 43 da Constitución española que, despois de proclamar o dereito á protección da saúde, dispón que lles compete aos poderes públicos organizar e tutelar a saúde pública, a través de medidas preventivas e das prestacións e servizos necesarios, e que a lei establecerá os dereitos e deberes de todos ao respecto. Este marco normativo débese completar, unha vez atendida a posible afectación que tales medidas poden ter sobre os dereitos fundamentais, coa necesidade de intervención xudicial.

Malia o anterior, a crise da COVID-19 puxo de manifesto a necesidade de contar cunha maior densidade normativa no que respecta á articulación dos mecanismos extraordinarios que recolle a lexislación sanitaria para tutelar a saúde pública ante crises sanitarias.

Neste sentido, a Lei de saúde autonómica foi modificada pola Lei 8/2021, do 25 de febreiro, no exercicio da competencia autonómica en materia de sanidade interior, recollida no artigo 33 do Estatuto de autonomía de Galicia, para introducir na lei as modificacións necesarias co fin de facer fronte á necesidade de contar cun marco normativo claro na materia que ofreza a necesaria seguridade xurídica, tanto para quen debe intervir na adopción das medidas e na súa inspección, vixilancia, control e sanción como para as persoas destinatarias destas. En particular, unha das principais finalidades desta lei é, así, concretar as medidas que, tendo en conta o disposto na lexislación sanitaria estatal, de rango orgánico e ordinario, poden ser adoptadas polas autoridades sanitarias galegas para a protección da saúde pública, así como regular os requisitos que se deben cumprir para a súa correcta adopción, con especial atención ás exixencias de motivación e de proporcionalidade.

Resulta necesario un comportamento social de cautela e autoprotección asentado fundamentalmente nas premisas de hixiene frecuente das mans, de distancia interpersoal mínima, uso de máscaras cando non sexa posible manter a distancia mínima interpersoal, así como cando se estea en contornos con moita xente, especialmente en espazos pechados; de limpeza, hixiene e ventilación dos espazos utilizados e, especialmente, de adopción de medidas de illamento e comunicación cos servizos de saúde tan axiña como se teñan síntomas compatibles coa COVID-19.

II

Unha vez sentado o anterior, a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia fai necesario que as autoridades sanitarias autonómicas sigan adoptando determinadas medidas de prevención orientadas a conter a propagación da infección e dirixidas a facer fronte á crise sanitaria derivada da COVID-19.

De acordo co exposto, a persoa titular da Consellería de Sanidade, como autoridade sanitaria, debe continuar establecendo as intervencións públicas necesarias para garantir os dereitos e deberes sanitarios da cidadanía e, en particular, adoptar as medidas previstas no artigo 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, que sexan necesarias atendendo á evolución da pandemia.

Así, mediante a Orde do 22 de outubro de 2021, establecéronse medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia. Estas medidas consisten, en moitos casos, na fixación de capacidades máximas e na determinación de regras que se deben observar para o desenvolvemento das distintas actividades recollidas no seu anexo, xa que as evidencias científicas apoian as políticas de control de limitación e capacidades e a súa eficacia fronte a outras políticas sen esta limitación, pero con redución xeneralizada da mobilidade. Todo isto ampara a efectividade e a eficiencia das medidas de control focalizadas nos sectores de maior risco. A isto únese que a maior parte dos gromos se producen nun contexto social, como consecuencia de exposicións prolongadas ás secrecións respiratorias que se emiten en forma de aerosois que conteñen o virus. Nesta liña hai estudos que proban que, dentro das intervencións non farmacolóxicas, as relacionadas coa diminución dos contactos sociais no interior de establecementos teñen a capacidade de minorar a velocidade de transmisión.

A Orde do 26 de outubro de 2021 modificou a Orde do 22 de outubro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se modifica a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia. A finalidade desta modificación era a de adaptar á evolución da situación epidemiolóxica as medidas contidas nela que regulaban as actividades desenvolvidas en cines, teatros, auditorios e espazos similares, así como en establecementos destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas. Tamén foron obxecto de modificación mediante a citada orde as regras sanitarias aplicables á realización de procesos selectivos por parte das administracións públicas e das entidades do sector público.

Así mesmo, mediante a Orde do 26 de outubro de 2021 pola que se prorroga e se modifica a Orde do 6 de outubro de 2021 pola que se aproba a exixencia de determinadas medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia no que se refire á actividade dos albergues turísticos, introducíase unha nova modificación na Orde do 22 de outubro, coa finalidade de adaptar a regulación dos albergues contida nela ás modificacións introducidas na referida orde, que permitían que a ocupación chegase ao 100 % no caso do cumprimento da medida preventiva de seguridade sanitaria consistente na exhibición de documentación que acredite o cumprimento de determinados requisitos para a ampliación ata un 100 % das prazas nos espazos de aloxamento compartido nos albergues turísticos.

Posteriormente, a Orde do 22 de outubro prorrogouse e modificouse pola Orde do 25 de novembro de 2021 e pola Orde do 15 de decembro de 2021, que estende a eficacia das medidas contidas nela ata as 00.00 horas do día 18 de xaneiro de 2022.

Polo que atinxe ás actividades de hostalaría, restauración e lecer nocturno, debe salientarse que a regulación destas, que se contén na Orde do 22 de outubro, complétase coa recollida na Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia e na Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia. Ambas as dúas ordes foron obxecto de sucesivas modificacións coa finalidade de adaptar o seu contido á evolución da situación epidemiolóxica na Comunidade Autónoma.

III

De conformidade co exposto, a adopción das medidas contidas na presente orde vén determinada pola evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria da Comunidade Autónoma.

Así, do informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 29 de decembro de 2021, destácanse os seguintes datos:

A taxa de incidencia a 7 días, no global de Galicia, está nos 604,26 casos por 100.000 habitantes, cunha razón de taxas a 7 días de 1,94 e unha porcentaxe de positividade do 12,75 %.

Por grupos de idade, a incidencia a 7 días, nos de 65 e máis anos é do 124,01 casos por 100.000 habitantes. Neste grupo de idade, a razón de taxas a 7 días é de 1,27 e a porcentaxe de positividade é do 4,57 %. Obsérvase un incremento no conxunto de Galicia para todos os grupos de idade, excepto para o grupo de 60 a 69 anos. Non obstante, nos maiores de 70 anos este incremento non é tan acusado como nos menores de 60 anos, o que podería vir explicado pola priorización na administración da terceira dose de vacina.

Segundo os datos reflectidos neste informe, a taxa de incidencia segue a aumentar. A tendencia amosa un aumento a partir do 19 de outubro cunha porcentaxe de cambio diaria do 7,3 %. A información do modelo de predición indica que a incidencia, acumulada a 7 e 14 días, aumentaría.

En canto á hospitalización, a taxa de ingresos por 100.000 habitantes a 7 días en unidades de agudos e críticos, respectivamente é de 7,62 e 1,22. A porcentaxe de ingresos en unidade de agudos dos casos dos últimos 7 días é de 1,1 % e nas unidade de críticos do 0,2 %.

A taxa de ingresos por 100.000 habitantes nos últimos 7 días, no grupo de 65 e máis anos de idade, é de 15,85 ingresos por 100.000 habitantes en agudos, e de 2,33 ingresos por 100.000 habitantes nas unidades de críticos. A porcentaxe de casos que ingresaron en planta e en unidades de críticos neste grupo de idade é de 11,7 % e 1,6 % respectivamente para os últimos 7 días.

Ao comparar os datos da terceira e quinta ondas cos datos actuais da sexta onda, obsérvase para o total de Galicia un descenso progresivo das porcentaxes de hospitalización en planta (9,5 %, 3,8 % e 1,4 %, respectivamente); nas UCI (1,5 %, 0,5 % e 0,2 % na terceira, quinta e sexta onda), así como das defuncións (1,7 %, 0,4 % e 0,1 %, respectivamente), o cal pode reflectir a efectividade da vacina na prevención de casos graves de enfermidade e falecemento pola COVID-19.

En canto á porcentaxe de casos orfos (complementario dos casos con vínculo epidemiolóxico) é do 40,8 %.

Na semana epidemiolóxica 50 (do 13 ao 19 de decembro) a variante Delta seguiu a ser a predominante co 77 % dos casos atribuídos. Non obstante, espérase que a variante Ómicron, que durante a semana 50 supuxo o 21 % das mostras analizadas ( e o 43 % das secuenciadas), superase xa o 50 % dos casos durante a semana 51 (do 20 ao 26 de decembro), e que durante a presente semana supere o 75 %.

Nos centros socio-sanitarios de persoas maiores a administración da vacina supuxo un descenso importante no número de casos da COVID-19. Así, ao cabo dun mes da administración da segunda dose de vacina nestes centros, a taxa de incidencia a 7 días descendeu de preto de 2.000 casos por 100.000 habitantes a 100.

Estes valores mantivéronse estables ata a quinta onda na que, no seu cumio, a taxa chegou a 700 casos por 100.000 habitantes. Coa administración da dose de reforzo, que principiou o 21 de setembro, antes do inicio da sexta onda, conseguiuse que a taxa de incidencia a 7 días non experimentase o aumento que se produciu no conxunto da poboación. A taxa de incidencia a 7 días en centros socio-sanitarios de persoas maiores é na actualidade un terzo da observada na poboación global. O efecto da vacinación apréciase tamén na taxa de ingresos e de mortalidade a 7 días. Así, ao inicio da administración da segunda dose, o día 17 de xaneiro de 2021, a taxa de ingresos e de mortalidade nestes centros era de 225 ingresos e 200 falecementos por 100.000 habitantes.

Tras a administración da dose de reforzo, a taxa de ingreso hospitalario e a taxa de mortalidade a 7 días descenderon ata acadar valores próximos a 0.

Entre o 13 e o 19 de decembro, realizáronse 106.748 probas diagnósticas de infección activa polo virus SARS-CoV-2 (77.108 PCR e 29.640 test de antíxeno) cunha porcentaxe de positividade a sete días do 12,89 %.

A incidencia acumulada a 7 e 14 días é de 604,26 e 915,98 casos por cen mil habitantes, respectivamente, valores superiores aos observados hai unha semana, en que eran de 311,72 e 558,2 casos por cen mil habitantes, respectivamente. A razón de taxas a 7 e 14 días foi de 1,94 % e 1,64 %, respectivamente.

No que atinxe ás áreas sanitarias, as taxas a 7 días das áreas están entre os 436,35 casos por 100.000 habitantes de Lugo e os 759,22 de Vigo.

As taxas a 14 días das áreas están entre os 623,88 casos por 100.000 habitantes de Lugo e os 1.242,77 de Vigo.

Por áreas sanitarias, e igual que no global de Galicia, a incidencia a 7 e 14 días aumenta en todas as áreas con respecto á semana previa.

A razón de taxas a 7 e 14 días é de 1,94 e 1,64 respectivamente, variando a de 7 días entre o 1,42 de Ourense e o 4,14 de Ferrol, mentres que a de 14 días está entre o 1,07 de Ourense e o 2,56 de Ferrol.

Por grupos de idade, a incidencia acumulada a 7 días no grupo de 20 a 29 anos é o que presenta a incidencia máis elevada, seguido do de 30 a 39 anos, observándose un incremento no conxunto de Galicia para todos os grupos de idade excepto para o grupo de 60 a 69 anos. Non obstante, nos maiores de 70 anos este incremento non é tan acusado como nos menores de 60, o que podería vir explicado pola priorización na administración da terceira dose de vacina.

Se temos en conta todas as persoas de 65 e máis anos a incidencia é de 124,01 casos por 100.000 habitantes.

En canto á incidencia acumulada a 14 días por grupos de idade, obsérvase o mesmo comportamento que para a de 7 días. Aumenta en todos os grupos, agás no de 60 a 69 anos no que se aprecia un descenso. No que se refire ás persoas de 65 e máis anos a incidencia é de 221,57 casos por 100.000 habitantes, lixeiramente superior á da semana previa, que era de 211,97 casos por 100.000 habitantes.

No grupo de 20 a 29 anos obsérvase un importante incremento en todas as áreas sanitarias, tanto a 7 como a 14 días.

A tendencia diaria mostra, desde o 21 de xullo, catro tramos con diferente tendencia; o primeiro deles ata o 25 de agosto, cunha porcentaxe de cambio diario (PCD) de -3,2 %; séguelle outro tramo cunha velocidade de decrecemento máis rápida, cunha PCD do -7,7 % e identifica outro punto de cambio o 26 de setembro, en sentido decrecente, cunha PCD do -2,5 %. Desde o 19 de outubro obsérvase un claro cambio na tendencia que pasa a ser crecente cunha PCD do 7,3 %.

Segundo a predición do modelo vectorial autorregresivo espérase un aumento continuado, tanto para as taxas acumuladas a 7 días e a 14 días.

Ademais, no conxunto de Galicia a taxa de ingresos en planta nos últimos 7 días aumentou con respecto á semana previa (de 7,0 a 7,62 ingresos por 100.000 habitantes. Nas UCI a taxa de ingresos tamén presenta un aumento pasando de 0,89 ingresos por 100.000 habitantes o 19 de decembro a 1,22 ingresos por 100.000 habitantes na actualidade.

A taxa de ingresos por 100.000 habitantes nos últimos 14 días foi 14,88 en planta (14,29 ingresos por 100.000 habitantes na semana previa) e de 2,18 nas UCI (1,81 ingresos por 100.000 habitantes hai unha semana).

Nas persoas de 65 e máis anos, a taxa de ingresos a 7 días nas unidades de agudos aumentou con respecto á da semana anterior de 13,08 a 15,85 ingresos por 100.000 habitantes. Nas UCI tamén aumentou pasando de 1,74 a 2,33 ingresos por 100.000 habitantes no mesmo período.

A taxa de ingreso a 14 días en maiores de 65 anos foi de 29,80 ingresos por 100.000 habitantes nas unidades de hospitalización de agudos e de 4,22 nas unidades de críticos, valores superiores aos da semana anterior.

O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 29 de decembro de 2021, efectúa unha serie de recomendacións, que podemos resumir do seguinte xeito:

Propón a limitación do horario de apertura dos establecementos de hostalaría e restauración que deberán pechar ás 24.00 horas todos os días, agás venres e sábados no que o horario de apertura poderá ampliarse ata as 1.00 horas. Durante a celebración da noite do 31 de decembro os establecementos de hostalaría e restauración deberán pechar ás 1.00 horas e non poderán abrir antes das 10.00 horas da mañá do día 1 de xaneiro de 2022.

Tamén se propón a limitación do horario de apertura dos establecementos de lecer nocturno, que deberán pechar ás 3.00 horas.

Outra das medidas propostas é establecer a prohibición do consumo en barra nos establecementos de hostalaría, restauración e lecer nocturno.

Os eventos musicais masivos deberán realizarse con público sentado, tanto no interior coma no exterior.

En canto á celebración das cabalgatas de reis, recoméndase que estas sexan estáticas e, en todo caso, que se eviten aglomeracións e se asegure o mantemento da distancia interpersoal de seguridade.

Adicionalmente, tendo en conta a idade da poboación máis afectada, o risco de que a limitación no horario dos establecementos de hostalaría, restauración e lecer nocturno poida provocar un aumento de aglomeracións de persoas neste horario nocturno fóra dos establecementos, recoméndase a limitación na agrupación de persoas en espazos públicos entre as 3.00 e as 6.00 horas. A agrupación de persoas permitirase unicamente en caso de que pertenzan á mesma unidade de convivencia. Esta limitación non impedirá a reunión con persoas non conviventes que se produzan por motivos de asistencia e coidado a maiores, dependentes ou persoas con discapacidade, ou por causa de forza maior ou situación de necesidade.

Finalmente, recoméndase o mantemento das medidas referidas á limitación na agrupación de persoas nos locais de hostalaría en vigor na actualidade (8 persoas non conviventes no interior e 10 no exterior) e estender a obrigatoriedade de presentación do certificado COVID previsto na Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, na súa redacción vixente, durante todo o horario de apertura dos establecementos de hostalaría e restauración, así como nos establecementos de xogo e apostas que teñan servizo de hostalaría ou restauración.

IV

Segundo o exposto, e tendo en conta que nas datas de Nadal en que nos atopamos se producen moitos desprazamentos de persoas, así como numerosas reunións e actos de celebración, acométense na presente orde modificacións que veñen impostas non só pola situación epidemiolóxica, senón pola necesidade de establecer mecanismos e regras que contribúan a controlar esta situación epidémica tan explosiva que estamos vivindo, partindo da experiencia previa adquirida ao abeiro das medidas adoptadas no Nadal do pasado ano, como antecedente inmediato.

Ademais, o Real decreto lei 30/2021, do 23 de decembro, polo que se adoptan medidas urxentes de prevención e contención para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, modifica o artigo 6 da Lei 2/2021, do 29 de marzo, de modo que establece o uso obrigatorio de máscaras en persoas de seis anos en diante na vía pública, en espazos ao aire libre e en espazos pechados de uso público ou que se atopen abertos ao público, así como nos transportes. Con todo, exceptúase o uso da máscara en exteriores durante a práctica de deporte individual, e tamén durante a realización de actividades que non sexan de carácter deportivo, pero que se realizan en espazos naturais, sempre que en ambos os casos se manteña a distancia mínima de 1,5 metros con outras persoas que non sexan conviventes.

Coa finalidade de adaptar a regulación relativa ao uso de máscaras ao disposto no citado Real Decreto lei 30/2021, do 23 de decembro, mediante a presente orde modifícase a Orde do 22 de outubro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, e se modifica a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia. Tamén se aclara o concepto de espazos naturais para os efectos da aplicación da Orde do 22 de outubro, coa finalidade de acadar unha maior seguridade xurídica.

Por outra banda, tamén se establece que o público deberá permanecer sentado nas actividades desenvolvidas en cines, teatros, auditorios e espazos similares, así como en establecementos destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas. A mesma regra será de aplicación aos espectáculos musicais e artísticos desenvolvidos ao aire libre. Tamén se reduce a dez persoas por mesa ou agrupación de mesas o número máximo de persoas que poderán permanecer nas terrazas dos establecementos de hostalaría, restauración e lecer nocturno .

Tamén se modifica a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia coa finalidade de reducir o horario límite de peche ao público nos establecementos de hostalaría e restauración, que será ás 00.00 horas, agás a noite do venres ao sábado e do sábado ao domingo, que será á 1.00 horas e aclárase que o día 1 de xaneiro de 2022 non se poderán prestar servizos a clientes entre a 1.00 e as 9.00 horas da mañá. Prohíbese, ademais, o consumo en barra.

Na mesma liña, modifícase a Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia co obxecto de reducir o horario límite de peche ao público dos establecementos de lecer nocturno, que pasa a ser ás 3.00 horas.

Finalmente, adóptanse mediante esta orde, unha serie de medidas e recomendacións que serán de aplicación durante o período de comprendido entre o 31 de decembro de 2021 e o 18 de xaneiro de 2022.

Así, por unha banda, para garantir o uso seguro de lugares e espazos públicos, recoméndase aos concellos que prohiban o acceso aos parques, xardíns públicos e lugares similares, así como ás praias, a partir das 3.00 ata as 6.00 horas. Recoméndase, así mesmo, a adopción desta medida nas prazas públicas que sexan punto de concentración habitual para a realización das indicadas actividades. Tamén se recomenda que os eventos e celebracións en lugares e espazos públicos, como as cabalgatas de reis, se efectúen de forma estática en lugares onde se poida controlar o acceso. Establécese, ademais, que as carreiras populares desenvolvidas no mesmo período en espazos públicos, se deberán realizar sen asistencia de público.

Pola súa banda, adóptanse medidas especiais relativas ás actividades recreativas de carácter extraordinario que se celebren en establecementos abertos ao público, de tal xeito que durante o período indicado non se poderán celebrar actividades recreativas de carácter extraordinario, definidas no artigo 3.c da Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, en establecementos abertos ao público, cando se ofrezan aos participantes servizos de bebidas e restauración propios da actividade da hostalaría e restauración e do lecer nocturno, como cotillóns ou festas; se estes establecementos non contan co correspondente título habilitante propio das actividades de hostalaría e restauración e de lecer nocturno reguladas nesta orde, así como na Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, e na Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo a actividade que se realice. 

Por outra parte, recóllese nesta orde a recomendación de que as celebracións de carácter privado ou familiar que non se efectúen en establecementos abertos ao público se limiten a un máximo de dúas unidades de convivencia e se realicen procurando o uso da máscara nos momentos en que non se consuman alimentos e bebidas, así como o mantemento da distancia de seguridade interpersoal e a aplicación de medidas de ventilación e hixiene.

A presente orde recolle así mesmo un réxime optativo de peche dos establecementos de lecer nocturno desde as 0.00 horas do día 31 de decembro de 2021 ata as 3.00 horas do día 3 de xaneiro de 2022.

Finalmente, recóllese a limitación temporal de festas, celebracións ou eventos específicos nos establecementos de lecer nocturno no período comprendido entre as 0.00 horas do día 31 de decembro de 2021 e as 0.00 horas do día 18 de xaneiro de 2022.

Cómpre salientar que, en cumprimento do disposto no artigo 38.ter.4 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, as medidas recollidas nesta orde teñen unha duración que se estende ata as 00.00 horas do día 18 de xaneiro de 2022 e que, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, serán obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser prorrogadas, modificadas ou levantadas por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

As medidas recollidas nela seguen a resultar necesarias, adecuadas e proporcionadas para o fin perseguido, que non é outro que controlar e evitar a maior difusión dunha enfermidade altamente contaxiosa, respecto da cal a diferenza entre persoas enfermas e sas resulta difusa, dada a posible asintomatoloxía ou levidade dos síntomas e a existencia dun período no cal non hai indicios externos da enfermidade. Tamén se introducen modificacións que teñen por obxecto adaptar as medidas recollidas na devandita orde á realidade actual.

V

As medidas que se adoptan nesta orde teñen o seu fundamento normativo no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 a 38.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificación do anexo da Orde do 22 de outubro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se modifica a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia

Un. Modifícase o punto 1.4 do anexo da Orde do 22 de outubro de 2021, que queda redactado como segue:

«1.4. Obrigatoriedade do uso de máscaras.

Será obrigatorio o uso da máscara nas seguintes condicións:

a) Regras xerais.

Para as persoas de seis ou máis anos, será obrigatorio o uso da máscara en todo momento, nos seguintes supostos:

1º) Cando estean en espazos pechados de uso público ou que se encontren abertos ao público.

2º) Cando estean na vía pública e en espazos ao aire libre.

3º) Nos medios de transporte aéreo, marítimo, en autobús e por ferrocarril, incluídas as estacións de viaxeiros e as súas plataformas, así como nos transportes públicos e privados complementarios de viaxeiros en vehículos de ata 9 prazas, incluído o condutor.

b) Regras específicas.

1ª) Na realización de adestramentos e na celebración de competicións dentro da actividade deportiva federada de competencia autonómica aplicarase, respecto do uso da máscara, o recollido especificamente no protocolo das federacións deportivas respectivas.

2ª) Nos centros docentes observarase, respecto do uso da máscara, o recollido especificamente no correspondente protocolo.

3ª) Co obxecto de evitar a propagación de contaxios e asegurar o mantemento dos servizos, na prestación de asistencia ou axuda no fogar a persoas dependentes será obrigatorio o uso de máscara tanto por parte do persoal prestador do servizo como por parte das persoas dependentes e daquelas que se encontren no seu domicilio. A dita obriga non será exixible cando se trate de persoas dependentes que presenten algún tipo de enfermidade ou dificultade respiratoria que se poida ver agravada polo uso da máscara ou que, pola súa situación de discapacidade ou dependencia, non dispoñan de autonomía para quitar a máscara, ou ben presenten alteracións de conduta que fagan inviable a súa utilización.

4ª) Nas actividades no ámbito laboral desenvolvidas en espazos comúns ou de uso colectivo ou en calquera outra dependencia en que estean varios traballadores/as ou traballadores/as e/ou clientes será obrigatorio o uso da máscara.

5ª) Non será exixible o uso de máscara naqueles lugares ou espazos pechados de uso público que formen parte do lugar de residencia dos colectivos que alí se reúnan, como son as institucións para a atención de persoas maiores ou con diversidade funcional, as dependencias destinadas a residencia colectiva de traballadores esenciais ou outros colectivos que reúnan características similares, sempre e cando os ditos colectivos e os traballadores que alí exerzan as súas funcións teñan coberturas de vacinación contra o SARS-CoV-2 superiores ao 80 % con pauta completa e da dose de reforzo, acreditada pola autoridade sanitaria competente.

Esta última excepción non será de aplicación aos visitantes externos nin aos traballadores dos centros residenciais de persoas maiores ou con diversidade funcional, xa que neste caso si é obrigatorio o uso da máscara.

c) Condicións de uso da máscara.

Deberá darse un uso axeitado á máscara, é dicir, esta deberá cubrir desde parte do tabique nasal ata o queixo, incluído.

Ademais, a máscara que se debe empregar non deberá estar provista de válvula exhalatoria, agás nos usos profesionais para os cales este tipo de máscara poida estar recomendada.

d) Excepcións á obriga de uso da máscara.

A obriga de uso de máscara non será exixible nos seguintes supostos:

1º) Cando se trate de persoas que presenten algún tipo de enfermidade ou dificultade respiratoria que se poida ver agravada polo uso da máscara ou que, pola súa situación de discapacidade ou dependencia, non dispoñan de autonomía para quitar a máscara, ou ben presenten alteracións de conduta que fagan inviable a súa utilización.

2º) Nos vehículos de turismo, cando todas as persoas ocupantes convivan no mesmo domicilio.

3º) No exterior en espazos naturais sempre que se poida garantir o respecto da distancia de seguridade interpersoal entre as persoas non conviventes.

Para os efectos do establecido neste punto, teñen a consideración de espazos naturais aqueles diferentes dos espazos urbanos ou transformados pola urbanización, como o campo, os montes e terreos forestais e agrícolas, e as praias. En particular, non se considerarán espazos naturais as vías públicas, rúas, avenidas, paseos, parques e xardíns, prazas e camiños de tránsito público ou outros lugares que sexan lugar de circulación habitual de viandantes.

En calquera caso, será obrigatorio o uso de máscara nos espazos naturais, cando non se poida manter a distancia de seguridade interpersoal de 1,5 metros entre persoas non conviventes.

Para os efectos do indicado no parágrafo anterior, entenderase que non é posible garantir o mantemento dunha distancia de seguridade interpersoal de, polo menos, 1,5 metros e, polo tanto, será obrigatorio o uso da máscara sempre que se transite ou se estea en movemento polos espazos indicados e, pola concorrencia doutras persoas, non se poida garantir, atendendo ao número de persoas e ás dimensións do lugar, o mantemento da distancia de seguridade.

4º) No mar e piscinas, no exterior ou cubertas, lagos, encoros, ríos ou noutras zonas de baño, durante o baño.

Non obstante, será obrigatorio o uso de máscara nos vestiarios de piscinas públicas ou comunitarias, salvo nas duchas.

Entenderase por actividades incompatibles co uso da máscara as actividades de socorrismo ou rescate cando requiran acceder ao medio acuático.

5º) Nos establecementos de hostalaría e restauración, por parte dos clientes do establecemento exclusivamente nos momentos estritamente necesarios de comer ou beber.

6º) No interior dos cuartos de establecementos de aloxamento turístico e outros espazos similares, cando unicamente se encontren neles persoas que se aloxen no cuarto.

7º) Nos buques e embarcacións de transporte de competencia autonómica, no interior dos camarotes, cando unicamente se encontren neles persoas que se aloxen no camarote.

8º) No caso do exercicio de deporte individual no exterior, exclusivamente durante a realización da práctica deportiva, sempre que, tendo en conta a posible concorrencia de persoas e as dimensións do lugar, se poida garantir o mantemento da distancia de 1,5 metros con outras persoas ou deportistas non conviventes.

Seralles de aplicación o establecido no parágrafo anterior ás actividades que supoñan un esforzo físico de carácter non deportivo equiparable a este, ao aire libre e de forma individual.

9º) En supostos de forza maior ou situación de necesidade ou cando, pola propia natureza das actividades, o uso da máscara resulte incompatible, conforme as indicacións das autoridades sanitarias.

10º) No caso particular de consumo de tabaco ou de cigarros electrónicos, ou alimentos e bebidas, na vía pública ou en espazos ao aire libre, só se poderá exceptuar o uso de máscara, e exclusivamente durante o indicado consumo, sempre que a persoa o efectúe parada e fóra dos lugares habituais de circulación dos viandantes, de tal xeito que, tendo en conta a posible concorrencia de persoas e as dimensións do lugar, se poida garantir o mantemento, en todo momento, da distancia de dous metros con outras persoas. O anterior será aplicable tamén para o uso de calquera dispositivo de inhalación de tabaco, pipas de auga, cachimbas e asimilados.

11º) Na práctica de deporte no medio acuático, sexa este natural ou artificial.

e) Recomendacións sobre reunións de grupos de persoas en espazos privados.

Nos espazos privados, abertos ou pechados, de uso privado, recoméndase o uso de máscara, no caso de reunións ou de posible confluencia de persoas non conviventes, así como o mantemento da distancia de seguridade interpersoal e a aplicación de medidas de ventilación e hixiene».

Dous. Modifícase o punto 2 do punto 3.21 do anexo da Orde do 22 de outubro de 2021, que queda redactado como segue:

«2. As actividades en cines, teatros, auditorios e espazos similares, e en establecementos destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas, poderán desenvolverse co 100 % da capacidade máxima permitida, e o público deberá permanecer sentado.

En todo caso, deberán establecerse as medidas necesarias para procurar manter a distancia de seguridade interpersoal nas instalacións, de acordo co establecido no punto 1.3. O uso de máscara será obrigatorio nos termos previstos no número 1.4».

Tres. Modifícase o punto 4 do punto 3.21 do anexo da Orde do 22 de outubro de 2021, que queda redactado como segue:

«4. Os espectáculos musicais/artísticos ao aire libre poderán desenvolverse co 100 % da ocupación máxima permitida e o público deberá permanecer sentado. En todo caso, sen prexuízo do indicado, resultarán de aplicación as medidas sanitarias previstas nos protocolos publicados no seguinte enderezo electrónico:

https://coronavirus.sergas.gal/Contidos/Espectaculos-musicais-aire-libre».

Catro. Modifícase o punto 1 do punto 3.22 do anexo da Orde do 22 de outubro de 2021, que queda redactado como segue:

«1. A prestación de servizos de hostalaría e restauración nos bares, nas cafetarías e nos restaurantes axustarase ás regras previstas na Orde do 14 de setembro pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, a ocupación máxima será de oito persoas no interior e de dez persoas na terraza, por mesa ou agrupación de mesas».

Cinco. Modifícase o punto 3.34 do anexo da Orde do 22 de outubro de 2021, que queda redactado como segue:

«Os establecementos de lecer nocturno, tales como discotecas, pubs, cafés-espectáculo, salas de festas, así como as salas de concertos que desenvolvan as súas actividades de forma análoga aos anteriores, axustaranse ao establecido pola Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, a ocupación máxima será de 8 persoas no interior e 10 persoas na terraza, por mesa ou agrupación de mesas».

Segundo. Modificación da Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia

Un. Modifícase o punto 3 do punto 3.1 do anexo I da Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«3. O horario límite de peche ao público será ás 00.00 horas, agás a noite do venres ao sábado e do sábado ao domingo, que será á 1:00 horas.

O día 1 de xaneiro de 2022 non se poderán prestar servizos a clientes entre a 1.00 e as 09.00 da mañá».

Dous. Modifícase o punto 6 do punto 3.1 do anexo I da Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«6. Non se permitirá o consumo en barra».

Tres. Modifícase o punto 3 do punto 3.2 do anexo I da Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«3. Non se permitirá o consumo en barra».

Catro. Modifícase o punto 4 do punto 3.2 do anexo I da Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«4. O horario límite de peche ao público será ás 00.00 horas, agás a noite do venres ao sábado e do sábado ao domingo, que será á 1:00 horas.

O día 1 de xaneiro de 2022 non se poderá prestar servizos a clientes entre a 1.00 e as 9.00 da mañá».

Terceiro. Modificación da Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia

Un. Modificación do punto 3 do punto 4.1. do anexo da Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia, quedando redactado como segue:

«3. O horario límite de peche ao público será ás 3.00 horas».

Dous. Modificación do punto 3 do punto 4.2. do anexo da Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia, quedando redactado como segue:

«3. O horario límite de peche ao público será ás 3.00 horas».

Cuarto. Uso seguro de lugares e espazos públicos

1. Como medida especial no período comprendido entre o 31 de decembro de 2021 e o 18 de xaneiro de 2022, e de acordo co establecido na letra f) do número 1 do artigo 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, coa finalidade de coadxuvar no control das aglomeracións de persoas en lugares e espazos públicos en que non se respecten as medidas de seguridade e de distanciamento persoal, e das actividades prohibidas relacionadas co consumo de bebidas alcohólicas, recoméndase que os concellos prohiban o acceso aos parques e xardíns públicos e aos lugares similares, así como ás praias, a partir das 3.00 horas ata as 6.00 horas. Recoméndase, así mesmo, a adopción desta medida nas prazas públicas que sexan punto de concentración habitual para a realización das indicadas actividades.

2. Así mesmo, como medida especial no período comprendido entre o 31 de decembro de 2021 e o 18 de xaneiro de 2022, recoméndanse que os eventos e celebracións en lugares e espazos públicos, como as cabalgatas de reis, se efectúen de forma estática en lugares onde se poida controlar o acceso. En todo caso, deberán cumprirse as medidas de prevención e hixiene aplicables, con uso de máscara e control polos organizadores das aglomeracións de persoas.

3. Como medida especial no período comprendido entre o 31 de decembro de 2021 e o 18 de xaneiro de 2022, as carreiras populares en espazos públicos deberán realizarse sen asistencia de público.

Quinto. Medidas especiais relativas ás actividades recreativas de carácter extraordinario que se celebren en establecementos abertos ao público

De acordo co establecido na letra f) do número 1 do artigo 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, como medida especial no período comprendido entre o 31 de decembro de 2021  e o 18 de xaneiro de 2022, non se poderán celebrar actividades recreativas de carácter extraordinario, definidas no artigo 3.c da Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia,  en establecementos abertos ao público, cando se ofrezan aos participantes servizos de bebidas e restauración propios da actividade da hostalaría e restauración e do lecer nocturno, como cotillóns ou festas, se estes establecementos non contan co correspondente título habilitante propio das actividades de hostalaría e restauración e de lecer nocturno reguladas nesta orde, así como na Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia e na Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo a actividade que se realice. 

Sexto. Recomendacións para as celebracións de carácter privado ou familiar que non se efectúen en establecementos abertos ao público

Como medida especial no período comprendido entre o 31 de decembro de 2021 e o 18 de xaneiro de 2022, recoméndase que as celebracións de carácter privado ou familiar que non se efectúen en establecementos abertos ao público se limiten a un máximo de dúas unidades de convivencia e se realicen procurando o uso da máscara nos momentos nos que non se consuman alimentos e bebidas, así como mantemento da distancia de seguridade interpersoal e a aplicación de medidas de ventilación e hixiene.

Sétimo. Réxime optativo de peche dos establecementos de lecer nocturno

Sen prexuízo do previsto nos puntos 1 e 2 do punto terceiro desta orde, os establecementos de lecer nocturno poderán acollerse ao réxime optativo de peche regulado no presente punto. Neste sentido, os ditos establecementos poderán optar polo peche desde as 0.00 horas do día 31 de decembro de 2021 ata as 3.00 horas do día 3 de xaneiro de 2022.

Para os efectos de acollerse a este réxime de peche, os titulares dos establecementos deberán remitir unha comunicación previa en forma de correo electrónico ao seguinte enderezo pechelecernocturno@xunta.gal, antes das 00.00 horas do día 31 de decembro de 2021. No correo electrónico deberán figurar os seguintes datos: nome do establecemento e enderezo, nome completo ou razón social do titular e CIF.

Aqueles establecementos de lecer nocturno que non efectuasen a comunicación previa á que se refire este punto quedarán excluídos da axudas ou subvencións que a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia poida establecer para estes supostos de peche de acordo co establecido nas correspondentes bases reguladoras. Tamén estarán excluídos da axudas ou subvencións indicadas aqueles establecementos que adianten ou atrasen a outras datas as festas ou eventos previstos nos días indicados no primeiro parágrafo deste punto.

Oitavo. Limitación temporal de festas, celebracións ou eventos específicos nos establecementos de lecer nocturno

No período comprendido entre as 0.00 horas do día 31 de decembro de 2021 e as 0.00 do día 18 de xaneiro de 2022, os establecementos de lecer nocturno poderán realizar a súa actividade ordinaria, pero non poderán organizar festas, celebracións ou eventos específicos, independentes ou extraordinarios, como cotillóns, festas de fin de ano, festas de reis, ou con calquera outra denominación similar ou que produza un efecto equivalente, en particular con motivo das datas de Nadal ou outras datas en substitución delas, nin realizar promoción, anuncios ou publicidade dos indicados eventos a través de redes sociais, mensaxes de difusión, ou cartelaría tradicional.

Noveno. Eficacia

1. As medidas previstas nesta orde terán efectos desde as 00.00 horas do 31 de decembro de 2021 ata as 00.00 horas do día 18 de xaneiro de 2022.

2. En cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas cuxa eficacia se prorroga serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser prorrogadas, modificadas ou levantadas por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2021

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade