Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29-Bis Venres, 11 de febreiro de 2022 Páx. 10885

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 9 de febreiro de 2022 pola que se prorrogan diversas ordes polas que se establecen medidas cualificadas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

I

Mediante a Resolución do 21 de outubro de 2021, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, dáse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 21 de outubro de 2021, polo que se declara a finalización da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, declarada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

A finalización da aplicación dos mecanismos extraordinarios derivados da lexislación de protección civil debe entenderse, naturalmente, sen prexuízo de que continúen sendo necesarias, mentres permaneza a pandemia, medidas de prevención de acordo coa lexislación sanitaria en vigor.

Neste sentido, a Lei  estatal 2/2021, do 29 de marzo, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, prevé no seu artigo 2.3 que as medidas contidas nos seus capítulos II, III, IV, V, VI e VII e na disposición adicional quinta serán de aplicación en todo o territorio nacional ata que o Goberno declare de maneira motivada e de acordo coa evidencia científica dispoñible, logo do informe do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, a finalización da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19. O Goberno consultará as comunidades autónomas no seo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde con carácter previo á finalización da situación de crise sanitaria a que se refire o parágrafo anterior.

Na actualidade, como se deduce do informe da Dirección Xeral de Saúde Pública que se cita posteriormente, segue existindo unha situación de crise sanitaria que determina, por exemplo, que continúe sendo de aplicación o deber de cautela e protección establecido no artigo 4 da lei, de tal xeito que todos os cidadáns deberán adoptar as medidas necesarias para evitar a xeración de riscos de propagación da enfermidade COVID-19, así como a propia exposición aos ditos riscos, conforme o que se establece nesta lei. O dito deber de cautela e protección seralles igualmente exixible aos titulares de calquera actividade regulada nesta lei.

Deste xeito, seguen a ser de aplicación as previsións desta lei sobre o uso obrigatorio de máscaras, a regulación das distintas actividades e a distancia de seguridade interpersoal mínima.

En particular, debe terse en conta que continuarán a ser aplicables os mecanismos de tutela previstos na lexislación sanitaria.

A Lei  orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública, conforma, xunto coa Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, a Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema nacional de saúde, e a Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, o corpo normativo fundamental da acción de tutela da saúde pública no ámbito estatal, ao cal se debe unir a lexislación autonómica reguladora da protección da saúde pública no marco de competencias autonómico, como é o caso, na Comunidade Autónoma galega, da Lei  8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia. En efecto, recóllense na dita normativa medidas que as autoridades sanitarias poderán acordar para tutelar a saúde pública en situacións de risco, co fin de cumprir o mandato contido no artigo 43 da Constitución española, que, despois de proclamar o dereito á protección da saúde, dispón que lles compete aos poderes públicos organizaren e tutelaren a saúde pública a través das medidas preventivas e das prestacións e dos servizos necesarios, e que a lei establecerá os dereitos e deberes de todos ao respecto. Este marco normativo débese completar, atendida a posible afectación que tales medidas poden ter sobre os dereitos fundamentais, coa necesidade da intervención xudicial.

Malia o anterior, a crise da COVID-19 puxo de manifesto a necesidade de contar cunha maior densidade normativa no que respecta á articulación dos mecanismos extraordinarios que recolle a lexislación sanitaria para tutelar a saúde pública ante crises sanitarias.

Neste sentido, a Lei de saúde autonómica foi modificada pola Lei 8/2021, do 25 de febreiro, no exercicio da competencia autonómica en materia de sanidade interior, recollida no artigo 33 do Estatuto de autonomía de Galicia, para introducir na lei as modificacións necesarias co fin de facer fronte á necesidade de contar cun marco normativo claro na materia que ofreza a necesaria seguridade xurídica, tanto para quen debe intervir na adopción das medidas e na súa inspección, vixilancia, control e sanción, como para as persoas destinatarias destas. En particular, unha das principais finalidades desta lei é, así, concretar as medidas que, tendo en conta o disposto na lexislación sanitaria estatal, de rango orgánico e ordinario, poden adoptar as autoridades sanitarias galegas para a protección da saúde pública, así como regular os requisitos que se deben cumprir para a súa correcta adopción, con especial atención ás exixencias de motivación e de proporcionalidade.

Resulta necesario un comportamento social de cautela e autoprotección asentado fundamentalmente nas premisas de hixiene frecuente das mans, distancia interpersoal mínima, uso de máscaras cando non sexa posible manter a distancia mínima interpersoal, así como cando se estea en ambientes con moita xente, especialmente en espazos pechados; de limpeza, hixiene e ventilación dos espazos utilizados e, especialmente, de adopción de medidas de illamento e comunicación cos servizos de saúde tan axiña como se teñan síntomas compatibles coa COVID-19.

II

Unha vez sentado o anterior, a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia fai necesario que as autoridades sanitarias autonómicas sigan adoptando determinadas medidas de prevención orientadas a conter a propagación da infección e dirixidas a facer fronte á crise sanitaria derivada da COVID-19.

De acordo co exposto, a persoa titular da Consellería de Sanidade, como autoridade sanitaria, debe continuar establecendo as intervencións públicas necesarias para garantir os dereitos e deberes sanitarios da cidadanía e, en particular, adoptar as medidas previstas no artigo 38 da Lei  8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, que sexan necesarias atendendo á evolución da pandemia.

Neste sentido, o informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 8 de febreiro de 2022 indica que na actualidade a situación epidemiolóxica se pode resumir da seguinte forma:

A análise da tendencia diaria mostra, desde o 21 de xullo, catro tramos con diferente tendencia. Nos dous primeiros esta tendencia é decrecente, aínda que con diferentes velocidades de decrecemento. Posteriormente, desde o 10 de outubro, obsérvase un claro cambio na tendencia, que pasa a ser crecente cunha porcentaxe de cambio diaria de 6,9 %. Esta situación mantense ata o 10 de xaneiro, data en que se pode apreciar outro cambio na tendencia que pasa a ser decrecente cunha porcentaxe de cambio diaria de -2,3 %.

O día 5 de febreiro, a taxa de incidencia a 14 días é de 2.652,9 casos por 100.000 habitantes, valores inferiores aos observados na semana previa, onde era de 2.945 casos por 100.000 habitantes. Apréciase tamén un descenso na taxa de incidencia a 7 días, que pasa de 1.430,5 o día 29 de xaneiro a 1.222,7 o día 5 de febreiro.

A porcentaxe de positividade das probas diagnósticas superou o 3 % establecido en Galicia como nivel deste indicador de seguimento, e o 5 de outubro está no 14,8 % en 7 días. Desde o 2 ao 5 de febreiro notificáronse un total de 17.299 casos novos da COVID-19.

No que atinxe á incidencia acumulada a 14 días por grupos de idade, os menores de 19 anos son os que presentan a incidencia máis elevada, seguido do grupo de 20 a 29 anos.

En canto á taxa de hospitalización en unidades de agudos nos últimos 7 días, aumentou de 14,43 ingresos por 100.000 habitantes o 29 de xaneiro a 16,91 o día 5 de febreiro. No que atinxe ás unidades de críticos (UCI), a taxa de hospitalización tamén aumentou con respecto á semana anterior, xa que o 29 de xaneiro a taxa de ingresos por 100.000 habitantes era de 0,78 e o día 5 de febreiro é de 1,22.

Segundo a última actualización do Ministerio de Sanidade (actualización nº 558. Enfermidade polo coronavirus (COVID-19), cos últimos datos dispoñibles ás 15.30 horas do 7 de febreiro, o número de persoas hospitalizadas en Galicia ascende a 627 e na UCI a 39.

Como resumo, os indicadores epidemiolóxicos parecen amosar unha tendencia descendente, tanto da taxa a 7 días como da taxa a 14 días. Non obstante, estes valores seguen a ser elevados, o que indica que o virus continúa tendo unha elevada circulación.

Debido a isto, é importante que as autoridades sanitarias autonómicas manteñan determinadas medidas cualificadas de prevención orientadas a conter a propagación da infección e dirixidas a facer fronte á crise sanitaria derivada da COVID-19 co fin de manter no tempo esta tendencia descendente.

O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública compara os datos da terceira e quinta ondas cos datos actuais da sexta onda e observa, para o total de Galicia, un descenso progresivo das porcentaxes de hospitalización en planta e na UCI, así como das defuncións, o cal pode reflectir a efectividade da vacina na prevención de casos graves de enfermidade e de falecemento pola COVID-19.

Porén, debe terse en conta que o informe tamén pondera os cálculos do número de ingresos posibles por semana partindo do risco de ingreso nos últimos 14 días en planta e na UCI para o total de Galicia, tendo en conta distintos supostos de número de casos diarios. Así mesmo, considéranse outros escenarios en que aumenta o risco de hospitalización. Estes datos e a súa evolución deben terse en conta para a protección do sistema sanitario.

Pola súa parte, a porcentaxe de ingresos dos casos dos últimos 7 e 14 días é de 1,19 % e 1,22 %, respectivamente, nas unidades de agudos, e de 0,10 % e 0,08 %, a 7 e 14 días nas unidades de críticos. Estas taxas de ingresos por número de casos son sensiblemente inferiores ás das ondas anteriores, pero debe tamén ponderarse o factor da idade dos infectados. Así, nos últimos 7 días, os casos da COVID-19 no grupo de idade de máis de 65 anos presentaron unha porcentaxe de ingreso en unidade de hospitalización do 6,95 %, inferior con respecto á semana anterior (7,5 %). A porcentaxe de ingresos en UCI ascendeu e pasou de 0,0 % a 0,38 %. Nos últimos 14 días a porcentaxe de hospitalización deste grupo de idade ascendeu en planta (de 6,45 % a 7,52 %) e na UCI (de 0,20 % a 0,38 %) con respecto á semana previa.

Ante a situación actual, coas taxas actuais de incidencia a 7 e a 14 días, cunha elevada porcentaxe de positividade das probas diagnósticas realizadas e cun aumento da prevalencia da variante Ómicron, que xa é do 99,8 %, que ten unha transmisibilidade superior á da variante Delta, predominante ata o de agora, está xustificada a necesidade de manter as medidas adoptadas para facer fronte a esta situación, malia a tendencia descendente antes indicada e co fin de consolidala.

A evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia fai necesario, polo tanto, que as autoridades sanitarias autonómicas manteñan determinadas medidas de prevención orientadas a conter a propagación da infección e dirixidas a facer fronte á crise sanitaria derivada da COVID-19.

III

Tendo en conta os antecedentes referidos, o obxecto desta orde é a prórroga da eficacia das medidas recollidas en diversas ordes polas que se estableceron medidas cualificadas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Así, mediante a Orde do 26 de xaneiro de 2022, que foi autorizada polo Auto 11/2022, do 28 de xaneiro, da Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, prorrogáronse diversas ordes da Consellería de Sanidade nas cales se establecían medidas cualificadas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia. A eficacia das medidas contidas na Orde do 26 de xaneiro esténdese ata as 00.00 horas do día 12 de febreiro de 2022.

O obxecto desta orde é, polo tanto, prorrogar ata as 00.00 horas do día 26 de febreiro de 2022 as seguintes ordes, na súa redacción vixente:

– A Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia.

– A Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia.

– A Orde do 6 de outubro de 2021 pola que se aproba a exixencia de determinadas medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia no que se refire á actividade dos albergues turísticos.

– A Orde do 16 de novembro de 2021 pola que se aproba a exixencia de determinadas medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia no que se refire aos centros hospitalarios.

– A Orde do 14 de decembro de 2021 pola que se establecen medidas preventivas de seguridade sanitaria consistentes na exhibición de documentación que acredite o cumprimento de determinados requisitos para o acceso a certos establecementos e se prorrogan diversas ordes como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, cuxos puntos primeiro, segundo e terceiro recollen a obriga de exhibición de determinada documentación para a práctica da actividade física e deportiva non federada nas instalacións e nos centros deportivos pechados, así como nas piscinas cubertas, para o acceso de visitantes e acompañantes a centros sociosanitarios residenciais de maiores e de persoas con discapacidade e para o acceso a eventos multitudinarios realizados ou a aqueles que teñan autorizada a venda de alimentos e bebida para o seu consumo durante eles.

O mantemento destas medidas cualificadas continúa a resultar necesario, adecuado e proporcionado ao fin perseguido, que non é outro que o de controlar e evitar a maior difusión dunha enfermidade como a COVID-19, altamente contaxiosa, respecto da cal a diferenza entre persoas enfermas e sas resulta difusa, dada a posible asintomatoloxía ou levidade dos síntomas e a existencia dun período no cal non hai indicios externos da enfermidade.

Na situación actual seguen a concorrer, en definitiva, determinadas circunstancias que aconsellan o mantemento dun conxunto de medidas que se orientan, por un lado, a reducir o risco de transmisión naquelas actividades de maior risco e, por outro, a diminuír as interaccións sociais e evitar as aglomeracións de persoas co fin de garantir o mantemento en todo momento da distancia de seguridade e de reducir o contacto físico en condicións favorecedoras do contaxio.

Así, en primeiro lugar, prorrógase a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia.

En efecto, mediante a Orde do 14 de setembro de 2021 aprobouse o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, coa natureza de medidas preventivas de acordo co disposto no artigo 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e de plan sanitario para os efectos do previsto no artigo 80 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia. A Xunta de Galicia, consciente da importancia do sector e da necesidade de manter a súa viabilidade, acordou cos representantes do sector hostaleiro de Galicia o compromiso de seguir apostando por unha hostalaría segura. Co obxectivo de continuar garantindo a máxima seguridade, tanto para as persoas traballadoras coma para as persoas usuarias, foi necesario incidir no control dos niveis de ocupación e na necesidade de manter en todo momento as normas hixiénico-sanitarias básicas de limpeza das mans e superficies, as distancias de seguridade interpersoal, o uso da máscara, as medidas de ventilación dos espazos e a limitación dos tempos de contacto. Na parte expositiva desta orde sinalábase que os establecementos de hostalaría e restauración son ámbitos que favorecen os encontros entre persoas que comparten un mesmo espazo con proximidade e durante os cales se produce o consumo de alimentos ou de bebidas e a consecuente necesidade de retirar a máscara nese instante. Así, fíxose necesario continuar velando polo cumprimento das medidas na totalidade dos locais de hostalaría da nosa Comunidade, dado o seu carácter de lugares de convivencia e interacción social, e seguir establecendo controis por parte dos corpos de inspección sanitarios e dos corpos e forzas de seguridade que operan en Galicia. Todo isto completouse tamén coa necesaria información que se lles debe transmitir ás persoas usuarias, lembrándolles en todo momento a necesidade de observar as medidas básicas de prevención. Este plan permitiu acadar unha estabilidade nas condicións de apertura dos establecementos de hostalaría con independencia dos niveis de restrición de cada concello.

Cómpre indicar que a citada orde foi obxecto de varias modificacións. A primeira modificación, realizada mediante a Orde do 23 de setembro de 2021, consistiu na habilitación dun prazo de dous meses para que o persoal do sector puidese acreditar a formación necesaria, cuxo contido se incorporou como un novo anexo II á xa citada Orde do 14 de setembro. Posteriormente, realizouse unha segunda modificación, que tivo lugar mediante a Orde do 7 de outubro de 2021 pola que se estableceron medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se modificaron a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aprobou o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia e a Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aprobou o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia. O obxecto desta segunda modificación referiuse a aspectos da sinalética dos establecementos e ás zonas ou espazos de autoservizo. Finalmente, a terceira modificación realizouse mediante a Orde do 22 de outubro de 2021 pola que se estableceron medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se modificou a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aprobaba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia. Esta terceira modificación tivo por obxecto ampliar a ocupación e os horarios aplicables en función dos tipos de establecementos, así como habilitar novamente o uso das barras.

Mediante a Orde do 25 de novembro de 2021 modificouse a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia e introducíronse determinadas medidas de prevención, consistentes na exhibición de determinada documentación para o acceso ao interior dos establecementos de hostalaría (restaurantes, bares, cafetarías, furanchos...), así como para o acceso ao interior dos establecementos de xogo que conten con servizos de hostalaría e restauración, coa finalidade de que a actividade se poida desenvolver en condicións de seguridade, tanto para o persoal traballador como para os clientes.

A referida Orde do 25 de novembro tamén modificaba a do 14 de setembro, ao indicar que a comprobación da validez dos certificados presentados só poderá ser efectuada polos establecementos a través da lectura do código QR que figura en cada un dos deles, e que empregarían para tal fin a aplicación Passcovid da Comunidade Autónoma de Galicia, dispoñible nas plataformas Android e iOS. Tamén sinalaba que non se poderían conservar os datos persoais ou crear ficheiros con eles nin realizar operacións de tratamento sobre datos persoais.

Mediante a Orde do 14 de decembro de 2021, pola que se establecen medidas preventivas de seguridade sanitaria consistentes na exhibición de documentación que acredite o cumprimento de determinados requisitos para o acceso a certos establecementos e pola que se prorrogan diversas ordes como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, prorrogábase a Orde do 14 de setembro de 2021, na súa redacción vixente, ata o 18 de xaneiro de 2022.

Pola súa banda, a Orde do 29 de decembro de 2021, pola que se establecen medidas cualificadas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se modifica a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, ampliou a obriga de exhibición do certificado, estendéndoa durante o horario completo de funcionamento dos distintos establecementos, con independencia de se o seu título habilitante é de restaurante, salón de banquetes, bar, cafetaría ou furancho. Na mesma liña, a exixencia do certificado tamén será aplicable aos establecementos de xogo que conten con servizos de hostalaría e restauración durante todo o seu horario.

En canto ao risco asociado aos establecementos de restauración, hostalaría e de xogo que contan con servizos de hostalaría e restauración, como xa se sinalou en anteriores ocasións, cómpre indicar que se trata de espazos pechados nos cales se establecen contactos próximos e prolongados entre as persoas, con escasa renovación do aire no interior, nalgúns casos, e onde se realizan actividades nas cales é necesaria a retirada de máscara (ao comer ou beber) e accións que ocasionan unha maior xeración de aerosois (falar, en ocasións cun ton de voz maior do normal, ou cantar). Ademais, son espazos de socialización que favorecen a relaxación da atención necesaria para manter as medidas individuais de prevención (o uso da máscara e o mantemento da distancia de seguridade interpersoal), ao cal pode contribuír o consumo de alcohol.

A continuación, mediante a Orde do 26 de xaneiro de 2022 acometeuse unha nova prórroga da Orde do 14 de setembro de 2021, na súa redacción vixente, estendendo a eficacia das medidas contidas nela até as 00.00 horas do día 12 de febreiro de 2022.

Finalmente, mediante a presente orde, prorrógase a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, na súa redacción vixente derivada das modificacións introducidas polas ordes antes citadas.

En segundo lugar, prorrógase a Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia.

A mesma medida de exhibición de documentación para o acceso ao interior dos establecementos foi aplicada no ámbito do lecer nocturno mediante a citada orde e foi ampliada para todos os establecementos de lecer nocturno pola Orde do 21 de outubro de 2021 pola que se prorroga e se modifica a Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia, con fundamento na protección da saúde pública, ao abeiro do establecido nas letras g) e k) do número 1 do artigo 38.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Segundo se recollía na exposición de motivos da Orde do 21 de outubro de 2021, a exixencia de exhibición de documentación para o acceso aos establecementos de lecer nocturno débese a que neste sector concorren unhas características peculiares que pasamos a expor detidamente:

– Nestes locais prodúcese a retirada da máscara por parte dos clientes para o consumo de bebida ou, nos casos en que resulta posible segundo o título habilitante do establecemento, os servizos de restauración.

– Resulta posible nestes establecementos a permanencia e o consumo de pé, ademais de sentado, o que presenta problemas particulares de maior risco de existencia de aglomeracións de persoas e fai moi dificultoso na práctica o mantemento da distancia de seguridade interpersoal, ao estaren os usuarios circulando polo establecemento.

– As condicións de desenvolvemento da actividade comportan a existencia de música alta, o que fai que as persoas levanten a voz e se acheguen para falar, o que comporta a emisión de máis gotas e aerosois respiratorios con maior risco de contaxio da COVID-19.

– O feito de que se trata dunha actividade de lecer e recreativa en que se produce consumo de bebidas alcohólicas e o horario nocturno en que se realiza a actividade determinan unha relaxación por parte dos usuarios das medidas de seguridade aplicables, o que xoga en contra do desenvolvemento ordenado e seguro da actividade.

Por outro lado, e a diferenza dos locais da hostalaría, os establecementos de lecer nocturno teñen, con frecuencia, a complicación engadida de non realizaren unha renovación do aire de xeito natural, o que provoca que se poida facilitar a transmisión vía aeróxena de xeito máis doado, tal como pon de manifesto o estudo realizado por Jialei Shen e os seus colaboradores, no cal estudan a transmisión aeróxena ligada a determinados ambientes interiores, e os gromos que se relacionaron con eles, en que a ventilación se ve dificultada. Nestes ámbitos, como o do lecer nocturno, é onde máis gromos se produciron, xa que á dificultade de realizar unha boa ventilación se xunta unha maior eliminación de partículas virais debido á forma de falar, por exemplo, e, en determinados espazos, a un número máis elevado de persoas.

Así mesmo, mediante a Orde do 14 de decembro de 2021, pola que se establecen medidas preventivas de seguridade sanitaria consistentes na exhibición de documentación que acredite o cumprimento de determinados requisitos para o acceso a certos establecementos e se prorrogan diversas ordes como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, prorrogábase a Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno tamén ata as 00.00 horas do día 18 de xaneiro de 2022 e, posteriormente, mediante a Orde do 26 de xaneiro de 2022, estableceuse unha nova prórroga das disposicións indicadas até as 00.00 horas do día 12 de febreiro de 2022.

En terceiro lugar, prorrógase a Orde do 6 de outubro de 2021 pola que se aproba a exixencia de determinadas medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia no que se refire á actividade dos albergues turísticos.

Así, mediante a Orde do 26 de outubro de 2021 prorrogouse e modificouse a Orde do 6 de outubro de 2021 pola que se aproba a exixencia de determinadas medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia no que se refire á actividade dos albergues turísticos. A modificación operada introduciu a medida preventiva de seguridade sanitaria consistente na exhibición da documentación que acredite o cumprimento de determinados requisitos para a ampliación ata un 100 % das prazas nos espazos de aloxamento compartido nos albergues turísticos. A citada medida de exhibición do certificado estableceuse como requisito necesario para incrementar a capacidade máxima permitida e foi ratificada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Nestes establecementos hai circunstancias en que o cumprimento do uso da máscara por parte dos usuarios non é posible, xa que non hai exixencia de que esta se leve posta no momento de durmir. Igualmente, compartir un espazo interior pechado, onde ás veces a ventilación non é a adecuada, aumentaría este risco, de existir unha persoa infectada compartindo o espazo con outros usuarios.

Debe terse en conta que nos espazos de aloxamento compartido dos albergues concorren unhas características peculiares:

– Neles alóxanse persoas que non teñen que estar ligadas por unha relación de convivencia.

– Estas persoas poden provir de moi diversos países e destinos, o que incrementa os riscos de exposición ás diversas variantes do virus, tendo en conta, ademais, que os niveis de cobertura vacinal en moitos países son moi diferentes e inferiores, en moitos casos, aos existentes en Galicia e en España.

– A pernoctación en cuartos de uso compartido incrementa a exposición aos aerosois respiratorios durante varias horas seguidas, con maior risco de contaxio da COVID-19.

– A pernoctación dificulta a utilización dunha medida de seguridade fundamental, como é a máscara e o seu control.

– O incremento da capacidade máxima produce unha redución das distancias interpersoais entre os usuarios.

Tal como sinala tamén o informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, nestes establecementos, onde se poden dar eventos de supertransmisión (22,23), a exhibición do certificado COVID preséntase como unha medida de seguridade exixible para permitir a capacidade do 100 % dos espazos de aloxamento compartido, por existir nestes casos un maior risco de transmisión.

Desta maneira, estes establecementos terían unha garantía engadida na seguridade da súa actividade no tocante á transmisión do virus, dado que presentan un risco adicional debido á confluencia de persoas procedentes de puntos xeográficos con diferente cobertura vacinal, á falta de uso da máscara á hora de durmir e ao elevado risco de mala ventilación do espazo, en parte a causa da que, aínda que os usuarios teñen os lectores á vista e as indicacións de abrir as ventás, na práctica non se fai de maneira que se asegure unha boa ventilación, cuestión que se complica durante a noite.

Ademais, cómpre ter en conta que esta mestura de persoas de diferentes orixes, e de lugares con coberturas vacinais menores que as de Galicia determina que se considere que a exixencia dos certificados COVID-19 é unha ferramenta útil para o control da aparición de casos novos, e mesmo de novas variantes do virus.

Así mesmo, de conformidade coa Orde do 14 de decembro de 2021, pola que se establecen medidas preventivas de seguridade sanitaria consistentes na exhibición de documentación que acredite o cumprimento de determinados requisitos para o acceso a certos establecementos e se prorrogan diversas ordes como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, a medida sanitaria exixida nos albergues prorrogouse ata as 00.00 horas do día 18 de xaneiro de 2022 e, mediante a Orde do 26 de xaneiro de 2022, estableceuse unha prórroga da Orde do 29 de setembro de 2021, na súa redacción vixente, até as 00.00 horas do día 12 de febreiro de 2022.

En cuarto lugar, prorrógase a Orde do 16 de novembro de 2021 pola que se aproba a exixencia de determinadas medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia no que se refire aos centros hospitalarios, e establécese a medida preventiva de seguridade sanitaria consistente na exhibición de documentación que acredite o cumprimento de determinados requisitos para o acceso aos centros hospitalarios das visitas e dos acompañantes dos pacientes hospitalizados.

Posteriormente, mediante a Orde do 14 de decembro de 2021, estendeuse a exixencia para o acceso das visitas e dos acompañantes dos pacientes aos hoteis de pacientes e hospitais de día, para tratamentos oncolóxicos ou de diálise, tanto públicos como privados.

Esta medida de seguridade estableceuse por se tratar de espazos nos cales se poden agrupar factores que aumentan o risco de transmisión do SARS-CoV-2 e de enfermidade grave, son espazos pechados nos cales se establecen contactos próximos e prolongados entre as persoas, en que se realizan actividades en que é necesario retirar a máscara ou hai dificultade para o seu uso correcto (axuda na alimentación do enfermo, realización de procedementos xeradores de aerosois, etc.), e existe maior vulnerabilidade das persoas ingresadas (inmunodeprimidos, enfermos con patoloxías crónicas, idade avanzada ou pertenza a grupos non susceptibles de vacinación ou persoas non vacinadas). Polo tanto, o feito de non estar vacinado cando se accede a un centro hospitalario non só supón un maior risco para as persoas hospitalizadas e os traballadores, ao aumentar o risco de transmisión, senón tamén para a propia persoa que accede a el, pola posibilidade de se daren contactos con persoas asintomáticas transmisoras.

Así mesmo, mediante a Orde do 14 de decembro de 2021, pola que se establecen medidas preventivas de seguridade sanitaria consistentes na exhibición de documentación que acredite o cumprimento de determinados requisitos para o acceso a certos establecementos e se prorrogan diversas ordes como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, prorrogouse a citada orde ata as 00.00 horas do día 18 de xaneiro de 2022 e, a continuación, mediante a Orde do 26 de xaneiro de 2022, estableceuse unha nova prórroga desta até as 00.00 horas do día 12 de febreiro de 2022.

En quinto lugar, prorróganse as medidas previstas nos puntos primeiro, segundo e terceiro da Orde do 14 de decembro de 2021 pola que se establecen medidas preventivas de seguridade sanitaria consistentes na exhibición de documentación que acredite o cumprimento de determinados requisitos para o acceso a certos establecementos e se prorrogan diversas ordes como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Así, a medida de seguridade sanitaria consistente na exhibición de documentación que acredite o cumprimento de determinados requisitos para o acceso a certos establecementos foi implantada tamén para o acceso aos centros sociosanitarios residenciais de maiores e de persoas con discapacidade, para a práctica de actividade física ou deportiva non federada nos centros ou nas instalacións deportivas pechadas ou nas piscinas cubertas e para o acceso a eventos multitudinarios ou a aqueles que teñan autorizada a venda de alimentos ou bebidas para o seu consumo durante eles.

En relación cos centros sociosanitarios residenciais de maiores e persoas con discapacidade (centros sociosanitarios), o primeiro caso da COVID-19 notificouse o 15 de marzo de 2020, e entre o período comprendido entre o 16 e o 30 de marzo diagnosticáronse 596 casos (o 34,7 % do total de casos notificados na primeira onda), o 37,2 % deles en residentes. Tendo en conta que o 26 de marzo se estableceu a prohibición das visitas e que o período de incubación máximo da enfermidade é de 14 días, é plausible que algúns dos casos ocorridos nas residencias fosen ocasionados a partir das visitas.

Na quinta onda pandémica notificáronse 28 gromos nos centros sociosanitarios residenciais de maiores e persoas con discapacidade (centros sociosanitarios), coa afectación de 419 persoas (o 69,5 % de todos os casos). No 43 % dos gromos, o caso índice foi persoal traballador da residencia, polo que o risco de que unha persoa que se contaxia na comunidade poida ocasionar un gromo nun centro destas características é moi elevado. Exemplo disto sería o gromo ocorrido nun centro sociosanitario da provincia de Ourense, que afectou 15 persoas e cuxo caso fonte foi unha persoa procedente de Madrid, ou o gromo acontecido en Vigo, que afectou seis persoas e do cal se sospeita que o caso fonte foi un familiar dun residente.

Así mesmo, de acordo co informe da Dirección Xeral de Saúde pública, os centros hospitalarios, hospitais de día, hoteis de pacientes e centros sociosanitarios residenciais de maiores e de persoas con discapacidade preséntanse como ámbitos de elevado risco epidemiolóxico por varios motivos. Por un lado, trátase de ambientes pechados nos cales o propio nivel de dependencia das persoas ingresadas ou residentes (dificultade para a alimentación, de mobilidade, etc.) favorece o establecemento de contactos próximos e prolongados cos coidadores, o que aumenta o risco de transmisión e de contaxio. Outro factor que pode contribuír ao aumento do risco de transmisión, fundamentalmente nos centros sociosanitarios, é o feito de que con frecuencia os residentes presentan algún grao de discapacidade ou deterioración cognitiva que pode dificultar o mantemento das medidas de prevención, como son a hixiene das mans e respiratoria ou o uso adecuado da máscara.

A todo o anterior é preciso engadir o feito da maior vulnerabilidade das persoas que residen ou ingresan nestes centros, por se tratar de persoas con patoloxías crónicas ou de idade avanzada (factor que aumenta a susceptibilidade ás infeccións pola propia senescencia do sistema inmune), que poden estar a tratamento con fármacos que deprimen o sistema inmune ou que pertencen a grupos non susceptibles de vacinación.

Polo tanto, o aumento da incidencia na poboación, que aumenta a probabilidade de que acudan aos hospitais persoas non vacinadas e infectadas, o contorno de alto risco de transmisión e a presenza de persoas especialmente vulnerables fan que se considere necesario establecer medidas de prevención adicionais e específicas para as persoas que visitan ou acompañan as persoas ingresadas nos centros hospitalarios, igual que se fixo en Francia, e as que visitan os residentes dos centros sociosanitarios, como así se fixo recentemente en Cataluña.

Por outro lado, ben que a exhibición do certificado non se aplicaría aos acompañantes de pacientes que acoden ás consultas externas e ao servizo de urxencias hospitalarias, si se incluirían os acompañantes das persoas que precisan atención nos hospitais de día para tratamentos oncolóxicos ou de diálise, por se tratar de pacientes cunha vulnerabilidade especial e que precisan dun tratamento intensivo e prolongado que, no caso dos hospitais de día, se realiza en réxime de hospitalización parcial.

Existe evidencia de que a vacinación diminúe o risco de transmisión da infección de enfermidade grave e de hospitalización, polo que é importante que, ademais de manter todas as medidas de prevención actualmente recomendadas (o uso da máscara, a distancia interpersoal de seguridade, a hixiene das mans e respiratoria), se considere necesaria a exixencia dos certificados COVID de forma adicional, para aumentar a seguridade nestes ámbitos. O feito de non estar vacinado cando se accede a un centro hospitalario ou sociosanitario non só supón un maior risco para as persoas alí ingresadas e para os traballadores, ao aumentar o risco de transmisión, senón tamén para a propia persoa que accede ao centro, pola posibilidade de establecer contactos con persoas asintomáticas transmisoras.

No que atinxe ao risco asociado ás instalacións e aos centros deportivos pechados e ás piscinas cubertas, cómpre indicar que as instalacións deportivas interiores demostraron ser un ámbito que facilita a transmisión do SARS-CoV-2, debido non só ás características dos establecementos (pechados e, nalgúns casos, mal ventilados), senón tamén polas actividades que alí se desenvolven e que implican habitualmente esforzo vigoroso e respiración profunda ou con dificultade, o que provoca unha maior emisión de aerosois.

Hai estudos científicos que calculan a taxa de emisión do SARS-CoV-2 en función da carga viral e amosan que durante o exercicio intenso se pode acadar unha taxa elevada de emisión viral durante a respiración pola boca, polo cal, se hai presente un/unha infectado/a, pode emitir un elevado número de partículas virais ao ambiente e, consecuentemente, provocar a infección das persoas alí presentes.

Ademais, cómpre ter en conta que estas actividades desenvolvidas en espazos pechados, con dificultade para realizar un uso correcto da máscara cando se realiza exercicio, ou a imposibilidade de usala, como é o caso das piscinas no momento do baño, aumentan a probabilidade de transmisión mesmo mantendo a distancia de seguridade entre os usuarios e monitores. O informe relaciona diversos estudos sobre esta cuestión e pódese destacar que, nunha revisión sistemática que tratou de identificar os potenciais ámbitos de transmisión do SAR-CoV-2 e de ocorrencia de gromos, os investigadores atoparon que, nas instalacións deportivas interiores, se producían gromos que provocaban entre 50 e 100 casos, polo que esta actividade podería considerarse como unha das de risco para a transmisión do virus. Igualmente, noutra investigación na cal se estuda o papel que diferentes ámbitos teñen na transmisión da COVID-19 atoparon que a práctica do deporte en espazos pechados tiña un risco relativo de 1,36, é dicir, un 36 % de risco engadido de infectarse polo SARS-CoV-2.

Tamén se destaca que en Galicia se produciron varios gromos asociados a ximnasios, entre os cales cabe destacar un gromo producido na provincia da Coruña que afectou un total de 60 persoas, ben de xeito directo dentro da instalación, ben pola xeración de casos secundarios, terciarios e cuaternarios nos ámbitos familiar, laboral e social. Destaca tamén outro gromo, con 127 casos, que se iniciou nun centro deportivo e que, igual que no anterior, produciu varias xeracións de casos no ámbito laboral e familiar. Ademais, desde o 1 de maio de 2021 identificáronse un total de 53 gromos relacionados coa actividade deportiva, nos cales a maior proporción ten que ver con deportes practicados no interior.

O aumento da incidencia na poboación, que incrementa a probabilidade de que acudan aos centros deportivos persoas non vacinadas e infectadas, o ámbito de alto risco de transmisión polas propias características destes establecementos e das actividades que alí se desenvolven, así como os grupos de idade que habitualmente acoden a este tipo de establecementos, fai que se considere necesario establecer medidas de prevención adicionais e específicas para acceder a este tipo de instalacións: o certificado COVID.

En relación co risco asociado aos eventos multitudinarios ou a aqueles que teñan autorizada a venda de alimentos ou bebidas para o seu consumo durante eles, cómpre indicar que os eventos de masas se caracterizan por unha alta concentración de persoas, de diferentes familias e grupos sociais non relacionados, nunha localización específica para unha actividade concreta e nun período de tempo determinado.

Existen diversos estudos sobre as transmisións do SARS-CoV-2 en eventos de masas que avalan a necesidade do mantemento de medidas como as que acabamos de indicar.

Entre os estudos podemos destacar un estudo clínico aleatorio realizado en Cataluña. Antes da vacinación analizaron o risco de transmisión se se implantaban estritas medidas de seguridade (que incluían, entre outras, o control da ventilación, a hixiene das mans, o uso obrigatorio da máscara e a realización dun test antes de entrar ao evento nunha actuación musical no interior). Os investigadores concluíron que, de se aplicaren todas estas medidas, o risco de transmisión diminuía notablemente e que a realización dun test previamente á entrada fortalecía as outras medidas.

Por outra banda, se temos en consideración que neste tipo de actividades, con capacidades do 100 % e, nalgúns casos, co público de pé, é difícil o mantemento da distancia de seguridade, hai que avaliar o risco engadido destas actividades e, así, o Centro para o Control e Prevención de Enfermidades dos Estados Unidos de América, despois de analizar a evidencia do risco que supoñen estes eventos, considera que, cando se organizan, hai que ter en consideración unha serie de parámetros que poden aumentar o risco de transmisión, como a incidencia na comunidade; o lugar do evento, xa que o risco en eventos de interior é máis elevado que nos de exterior; a duración do evento, xa que, a maior duración, maior risco de estar en contacto cun/cunha infectado/a a menos de 2 metros durante máis de 15 minutos; o número e a aglomeración de persoas no evento, xa que, cantas máis persoas, máis aumenta a probabilidade de estar exposto/a a un/unha infectado/a, e o comportamento dos asistentes, xa que, cando se adoptan comportamentos como interactuar con persoas alleas ao seu círculo íntimo, cantar, falar alto, non manter a distancia ou non usar a máscara de maneira constante e correctamente, aumenta o risco.

Así mesmo, cómpre ter en conta que nalgúns eventos, aínda que poidan non ser multitudinarios, o feito de se realizaren en establecementos ou locais abertos ao público con autorización de venda de alimentos ou bebidas para o seu consumo nos espazos que os conforman (cines, teatros, establecementos que celebren espectáculos deportivos, etc.) comporta un maior risco de transmisión por non poder asegurar o uso continuado da máscara. Por outro lado, hai que ter en conta que este tipo de eventos, pola alta concentración de persoas que supoñen, pode orixinar gromos cun número elevado de casos que, ademais, son complicados de estudar pola dificultade que pode supor o rastrexo de contactos.

Por todo o anterior, dado o risco de transmisión do SARS-CoV-2 que teñen estes eventos, hai que ter en conta múltiples factores para minimizar o risco, polo que se estableceu a petición dos certificados COVID como medida adicional de seguridade nestes eventos.

IV

Cómpre destacar que a prórroga das medidas contidas nas ordes que acabamos de citar require a necesaria garantía xudicial conforme o disposto no artigo 10.8 da Lei  29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Debe insistirse en que, de acordo co establecido na Sentenza do Tribunal Supremo 719/2021, a ratificación das medidas limitativas de dereitos fundamentais debe ser previa, de tal xeito que estas medidas non despregan efectos nin son aplicables mentres non sexan ratificadas xudicialmente.

Finalmente, debemos destacar que a eficacia das medidas adoptadas se estende durante un período temporal concreto, desde o día seguinte ao da data de publicación da orde, que será posterior á súa autorización xudicial, ata as 00.00 horas do día 26 de febreiro de 2022, sen prexuízo de que, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, estas medidas sexan obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria, e que poidan ser prorrogadas, modificadas ou levantadas por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

V

Por último, en relación co ata o de agora exposto, cabe destacar que a regulación aprobada respecto dos certificados, nas condicións en que se efectúa, cumpre os requisitos establecidos polo Tribunal Supremo para as medidas sanitarias que afectan dereitos fundamentais, tendo en conta a ponderación efectuada entre os dereitos fundamentais que o Tribunal Supremo considera na Sentenza 1112/2021, da Sección Cuarta da Sala do Contencioso-Administrativo, e que se poden ver afectados dereitos que, atendendo ao carácter tenue ou livián desa afectación, non se poden considerar prevalentes cos dereitos fundamentais e bens constitucionalmente protexidos que amparan a implantación da medida examinada.

Así, cabe lembrar que a sentenza expresada do Tribunal Supremo avala, no caso considerado, a procedencia da medida partindo da confrontación da «tenue limitación que podería ter a medida examinada sobre os dereitos fundamentais á igualdade (artigo 14) e á intimidade (artigo 18.1) co dereito fundamental á vida (artigo 15), coa protección da saúde (artigo 43) en situacións de pandemia como a COVID-19 e co interese xeral de todos por sobrevivir nestas gravísimas circunstancias».

Polo demais, o Tribunal Supremo entendeu, no caso considerado, que «a exhibición da documentación sinalada non vulnera o dereito á igualdade, pois non se produce discriminación entre aqueles que están vacinados e os que non o están. Lembremos que a documentación reviste unha tripla modalidade, que resulta accesible a todos, de xeito que quen non quere mostrar se foi ou non vacinado, tendo en conta o seu carácter voluntario, pode presentar o resultado da proba PDIA ou o test de antíxenos e, desde logo, o certificado de recuperación da COVID-19 se pasou a infección».

En definitiva, para o Tribunal Supremo concorre unha xustificación obxectiva e razoable para permitir ou non o acceso ao correspondente establecemento, segundo se cumpra tal exixencia, pois trátase da protección da saúde e da vida das persoas, mediante unha medida que evita ou restrinxe a propagación da pandemia, tendo en conta que tales diferenzas de trato, para seren discriminatorias, deben carecer desa xustificación obxectiva e razoable, de acordo con criterios xurídicos atendibles, ao se basearen en razóns que resulten xuridicamente relevantes, como é o caso de que as situacións comparables non resultan homoxéneas polos seus graves efectos con respecto á salvagarda do dereito á vida, á integridade física e á protección da saúde.

O Tribunal Supremo, en particular no caso considerado, pon en relación a idoneidade da medida coas características propias dos establecementos en que se exixe.

Por último, como exixe o Tribunal Supremo, a medida reviste tamén un carácter temporal, segundo os principios científicos, as probas científicas e a información dispoñible en cada momento. Así, recóllese expresamente este carácter temporal e establécese que, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas previstas serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser prorrogadas, modificadas ou levantadas mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Como expresa o Tribunal Supremo, «como é natural, as medidas deben adecuarse, como sinalamos, á realidade necesariamente cambiante, atendida a evolución da enfermidade e o estado da ciencia en cada momento, e deben mediar a adecuada correspondencia e a necesaria vinculación entre a realidade sobre a cal se actúa, a finalidade que se persegue e o medio adecuado para a súa consecución».

Co obxecto de reforzar a idea de temporalidade e de adecuación establécese, respecto da medida de exixencia de exhibición de certificados, unha eficacia ata as 00.00 horas do día 26 de febreiro de 2022, desde o día seguinte ao da publicación desta orde, unha vez autorizada xudicialmente a aplicación das medidas contidas nela. Isto é, débese establecer unha duración adecuada e limitada no tempo da medida de exixencia da exhibición de certificados, pola súa afectación, aínda que tenue, aos dereitos fundamentais, sen prexuízo da súa posible prórroga.

Así mesmo, a Sentenza 1412/2021, do Tribunal Supremo (Sala do Contencioso-Administrativo, Sección Cuarta), referida á exixencia de certificados no País Vasco, remítese á doutrina sentada na súa sentenza anterior e insiste en que a distinta gravidade actual da pandemia, a menor agresividade da enfermidade en moitos casos e a máis reducida ocupación hospitalaria e das unidades de coidados intensivos ca en ocasións precedentes non xustifican prescindir das prevencións necesarias para evitar que se reproduzan os momentos críticos do pasado. Por outra banda, a moi elevada cifra de vacinados non está a impedir o incremento dos contaxios mentres non se coñeza durante canto tempo será efectiva a súa inmunización, e non hai dúbida da existencia dun número de non vacinados maiores de 12 anos suficiente para facilitar a propagación do virus e, polo tanto, da enfermidade non só entre eles mesmos.

Esta sentenza afirma tamén o razoamento de que non se exixa a presentación do certificado a quen traballa nos establecementos concernidos e aos menores de 12 anos. Os primeiros deben utilizar permanentemente as máscaras, mentres que os que accedan a estes locais de esparexemento e restauración deben quitalas, polo menos, todas as veces que beban ou coman, e é previsible que o fagan tamén cando queiran cantar. A diferenza é sinalada, do mesmo xeito que o é a situación dos menores de 12 de anos pola sinxela razón de que non foron vacinados.

A extensión territorial das medidas recollidas nesta orde refírese a todo o territorio da Comunidade Autónoma. A razón disto é a análise e a ponderación efectuada das características das diferentes actividades recollidas nesta orde, así como a especial vulnerabilidade dos pacientes e usuarios de cuxa protección se trata, no caso das medidas referidas a centros hospitalarios e sociosanitarios. Tense en conta, en particular, a existencia no momento actual dunha incidencia homoxénea da pandemia en todo o territorio da Comunidade Autónoma. Unha razón engadida consiste na inexistencia de restricións á liberdade de movemento, polo que as persoas clientes ou usuarias das actividades obxecto desta orde poden proceder de localidades e puntos de orixe moi diversos. Por isto non se pode circunscribir o uso do certificado a localidades concretas, porque a poboación destas localidades pódese trasladar a outras con motivo das actividades mencionadas.

Neste sentido, na Sentenza 1412/2021, do Tribunal Supremo, considérase razoable, no caso que analiza, a extensión da medida a toda a Comunidade Autónoma, tendo en conta os niveis de contaxios existentes nela, a posibilidade de traslados da poboación e o incremento xeneralizado das infeccións. En concreto, os datos considerados nese caso polo Tribunal Supremo eran iguais ou superiores aos 150 casos por cada 100.000 habitantes a 14 días. Na nosa Comunidade Autónoma a incidencia acumulada a 14 días o día 5 de febreiro é de 2.652,9 casos por 100.000 habitantes. A dimensión desta taxa obsérvase se a comparamos coa incidencia do día 29 de outubro, de 18,17 casos por cada 100.000 habitantes, ao inicio da sexta onda.

Polo tanto, tendo en conta todo o exposto, considérase que as medidas previstas nesta orde resultan xustificadas con respecto á súa idoneidade, necesidade e proporcionalidade, nos termos recollidos na sentenza do Tribunal Supremo.

VI

As medidas recollidas nesta orde teñen o seu fundamento na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

En particular, o artigo 34 da Lei de saúde de Galicia, relativo ás intervencións públicas sobre actividades, centros e bens, expresa:

«As intervencións públicas que poderán exercer as autoridades sanitarias competentes sobre as actividades públicas e privadas que, directa ou indirectamente, poidan ter consecuencias para a saúde son: (…) 6. Establecer, controlar e inspeccionar as condicións hixiénico-sanitarias, de funcionamento e desenvolvemento de actividades que poidan ter repercusión sobre a saúde das persoas».

Así mesmo, polo que atinxe ás medidas relativas á exhibición de certificados, o artigo 38.1 de medidas preventivas en materia de saúde pública (redactado pola Lei 8/2021), establece:

«1. Co obxecto de protexer a saúde pública, as autoridades sanitarias autonómicas e locais, dentro do ámbito das súas competencias, poderán adoptar medidas preventivas de obrigado cumprimento cando exista ou se sospeite razoablemente a existencia dun risco inminente e grave para a saúde da poboación. Estas medidas poderán consistir:

(…) g) En medidas de seguridade sanitaria e hixiene en determinados lugares e/ou para o desenvolvemento de actividades».

Do mesmo xeito, tamén ofrece base legal á medida o contido da letra k) deste artigo 38.1, dado que permite o establecemento por parte das autoridades sanitarias dunha obriga de subministración de datos necesarios para o control e a contención de riscos para a saúde pública.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente, no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Prórroga da eficacia das medidas previstas na Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia

Atendendo á evolución da situación epidemiolóxica, prorrógase ata as 00.00 horas do día 26 de febreiro de 2022 a eficacia das medidas previstas na Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, na súa redacción vixente.

Segundo. Prórroga da eficacia das medidas previstas na Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia

Atendendo á evolución da situación epidemiolóxica, prorrógase ata as 00.00 horas do día 26 de febreiro de 2022 a eficacia das medidas previstas na Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia, na súa redacción vixente.

Terceiro. Prórroga da Orde do 6 de outubro de 2021 pola que se aproba a exixencia de determinadas medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia no que se refire á actividade dos albergues turísticos

Atendendo á evolución da situación epidemiolóxica, prorrógase ata as 00.00 horas do día 26 de febreiro de 2022 a eficacia das medidas previstas na Orde do 6 de outubro de 2021 pola que se aproba a exixencia de determinadas medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia no que se refire á actividade dos albergues turísticos, na súa redacción vixente.

Cuarto. Prórroga da Orde do 16 de novembro de 2021 pola que se aproba a exixencia de determinadas medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia no que se refire aos centros hospitalarios

Atendendo á evolución da situación epidemiolóxica, prorrógase ata as 00.00 horas do día 26 de febreiro de 2022 a eficacia das medidas previstas na Orde do 16 de novembro de 2021 pola que se aproba a exixencia de determinadas medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia no que se refire aos centros hospitalarios, na súa redacción vixente.

Quinto. Prórroga das medidas previstas nos puntos primeiro, segundo e terceiro da Orde do 14 de decembro de 2021 pola que se establecen medidas preventivas de seguridade sanitaria consistentes na exhibición de documentación que acredite o cumprimento de determinados requisitos para o acceso a certos establecementos e se prorrogan diversas ordes como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

Atendendo á evolución da situación epidemiolóxica, prorrógase ata as 00.00 horas do día 26 de febreiro de 2022 a eficacia das medidas preventivas de seguridade sanitaria consistentes na exhibición de documentación que acredite o cumprimento de determinados requisitos para o acceso aos centros sociosanitarios residenciais de maiores e de persoas con discapacidade, para a práctica de actividade física ou deportiva non federada nos centros ou nas instalacións deportivas pechadas ou nas piscinas cubertas, e para o acceso a eventos multitudinarios ou a aqueles que teñan autorizada a venda de alimentos ou bebidas para o seu consumo durante eles, previstos nos puntos primeiro, segundo e terceiro da Orde do 14 de decembro de 2021 pola que se establecen medidas preventivas de seguridade sanitaria consistentes na exhibición de documentación que acredite o cumprimento de determinados requisitos para o acceso a certos establecementos e se prorrogan diversas ordes como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Sexto. Autorización xudicial, publicación e eficacia

1. Solicitarase a autorización xudicial respecto da prórroga das medidas consistentes na exhibición de documentación e limitación de grupos de persoas previstas nos puntos anteriores desta orde, en canto poden implicar limitación ou restrición de dereitos fundamentais, de acordo co disposto na redacción vixente do número 8 do artigo 10 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e publicarase a orde unha vez obtida a referida autorización.

2. A prórroga das medidas previstas nesta orde producirá efectos desde as 00.00 horas do día seguinte ao da súa publicación e ata as 00.00 horas do día 26 de febreiro de 2022.

3. En cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas previstas nesta orde serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser prorrogadas, modificadas ou levantadas mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2022

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade