Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29-Bis Venres, 11 de febreiro de 2022 Páx. 10910

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 11 de febreiro de 2022 pola que se prorroga e se modifica a Orde do 22 de outubro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, e se modifican a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia e a Orde do 29 de setembro pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia.

I

Mediante a Resolución do 21 de outubro de 2021, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, dáse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 21 de outubro de 2021, polo que se declara a finalización da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, declarada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

A finalización da aplicación dos mecanismos extraordinarios derivados da lexislación de protección civil debe entenderse, naturalmente, sen prexuízo de que continúen sendo necesarias, mentres permaneza a pandemia, medidas de prevención de acordo coa lexislación sanitaria en vigor.

Neste sentido, a Lei estatal 2/2021, do 29 de marzo, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, prevé no seu artigo 2.3 que as medidas contidas nos seus capítulos II, III, IV, V, VI e VII e na disposición adicional quinta serán de aplicación en todo o territorio nacional ata que o Goberno declare de maneira motivada e de acordo coa evidencia científica dispoñible, logo do informe do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, a finalización da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19. O Goberno consultará as comunidades autónomas no seo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde con carácter previo á finalización da situación de crise sanitaria a que se refire o parágrafo anterior.

Na actualidade, como se deduce do informe da Dirección Xeral de Saúde Pública que se cita posteriormente, segue existindo unha situación de crise sanitaria que determina, por exemplo, que siga sendo de aplicación o deber de cautela e de protección establecido no artigo 4 da lei, de tal xeito que todos os cidadáns deberán adoptar as medidas necesarias para evitar a xeración de riscos de propagación da enfermidade COVID-19, así como a propia exposición a eses riscos, conforme o que se establece nesta lei. Tal deber de cautela e protección será igualmente exixible aos titulares de calquera actividade regulada nesta lei.

Deste xeito, seguen sendo de aplicación as previsións desta lei sobre o uso obrigatorio de máscaras, a regulación das distintas actividades e a distancia de seguridade interpersoal mínima.

En particular, debe terse en conta que seguirán sendo de aplicación os mecanismos de tutela previstos na lexislación sanitaria. A Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública, conforma, xunto coa Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, a Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema nacional de saúde, e a Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, o corpo normativo fundamental da acción de tutela da saúde pública a nivel estatal, ao cal se debe unir a lexislación autonómica reguladora da protección da saúde pública no marco de competencias autonómico, como é o caso, na Comunidade Autónoma galega, da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia. En efecto, recóllense na devandita normativa medidas que as autoridades sanitarias poderán acordar para tutelar a saúde pública en situacións de risco, co fin de cumprir o mandato contido no artigo 43 da Constitución española que, despois de proclamar o dereito á protección da saúde, dispón que lles compete aos poderes públicos organizar e tutelar a saúde pública, a través de medidas preventivas e das prestacións e servizos necesarios, e que a lei establecerá os dereitos e deberes de todos ao respecto. Este marco normativo débese completar, unha vez atendida a posible afectación que tales medidas poden ter sobre os dereitos fundamentais, coa necesidade de intervención xudicial.

Malia o anterior, a crise da COVID-19 puxo de manifesto a necesidade de contar cunha maior densidade normativa no que respecta á articulación dos mecanismos extraordinarios que recolle a lexislación sanitaria para tutelar a saúde pública ante crises sanitarias.

Neste sentido, a Lei de saúde autonómica foi modificada pola Lei 8/2021, do 25 de febreiro, no exercicio da competencia autonómica en materia de sanidade interior, recollida no artigo 33 do Estatuto de autonomía de Galicia, para introducir na lei as modificacións necesarias co fin de facer fronte á necesidade de contar cun marco normativo claro na materia que ofreza a necesaria seguridade xurídica, tanto para quen debe intervir na adopción das medidas e na súa inspección, vixilancia, control e sanción como para as persoas destinatarias destas. En particular, unha das principais finalidades desta lei é, así, concretar as medidas que, tendo en conta o disposto na lexislación sanitaria estatal, de rango orgánico e ordinario, poden ser adoptadas polas autoridades sanitarias galegas para a protección da saúde pública, así como regular os requisitos que se deben cumprir para a súa correcta adopción, con especial atención ás exixencias de motivación e de proporcionalidade.

Resulta necesario un comportamento social de cautela e autoprotección asentado fundamentalmente nas premisas de hixiene frecuente das mans, de distancia interpersoal mínima, uso de máscaras cando non sexa posible manter a distancia mínima interpersoal, así como cando se estea en contornos con moita xente, especialmente en espazos pechados; de limpeza, hixiene e ventilación dos espazos utilizados e, especialmente, de adopción de medidas de illamento e comunicación cos servizos de saúde tan axiña como se teñan síntomas compatibles coa COVID-19.

II

Unha vez sentado o anterior, a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia fai necesario que as autoridades sanitarias autonómicas sigan adoptando determinadas medidas de prevención orientadas a conter a propagación da infección e dirixidas a facer fronte á crise sanitaria derivada da COVID-19.

De acordo co exposto, a persoa titular da Consellería de Sanidade, como autoridade sanitaria, debe continuar establecendo as intervencións públicas necesarias para garantir os dereitos e deberes sanitarios da cidadanía e, en particular, adoptar as medidas previstas no artigo 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, que sexan necesarias atendendo á evolución da pandemia.

Así, mediante a Orde do 22 de outubro de 2021, establecéronse medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia. Estas medidas consisten, en moitos casos, na fixación de capacidades máximas e na determinación de regras que se deben observar para o desenvolvemento das distintas actividades recollidas no seu anexo, xa que as evidencias científicas apoian as políticas de control de limitación e capacidades e a súa eficacia fronte a outras políticas sen esta limitación, pero con redución xeneralizada da mobilidade. Todo isto ampara a efectividade e a eficiencia das medidas de control focalizadas nos sectores de maior risco. A isto únese que a maior parte dos gromos se producen nun contexto social, como consecuencia de exposicións prolongadas ás secrecións respiratorias que se emiten en forma de aerosois que conteñen o virus. Nesta liña hai estudos que proban que, dentro das intervencións non farmacolóxicas, as relacionadas coa diminución dos contactos sociais no interior de establecementos teñen a capacidade de minorar a velocidade de transmisión.

A Orde do 26 de outubro de 2021 modificou a Orde do 22 de outubro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se modifica a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia. A finalidade desta modificación era a de adaptar á evolución da situación epidemiolóxica as medidas contidas nela que regulaban as actividades desenvolvidas en cines, teatros, auditorios e espazos similares, así como en establecementos destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas. Tamén foron obxecto de modificación mediante a citada orde as regras sanitarias aplicables á realización de procesos selectivos por parte das administracións públicas e das entidades do sector público.

Así mesmo, mediante a Orde do 26 de outubro de 2021 pola que se prorroga e se modifica a Orde do 26 de outubro de 2021 pola que se aproba a exixencia de determinadas medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia no que se refire á actividade dos albergues turísticos, introducíase unha nova modificación na Orde do 22 de outubro, coa finalidade de adaptar a regulación dos albergues contida nela ás modificacións introducidas na referida orde, que permitían que a ocupación chegase ao 100 % no caso do cumprimento da medida preventiva de seguridade sanitaria consistente na exhibición de documentación que acredite o cumprimento de determinados requisitos para a ampliación ata un 100 % das prazas nos espazos de aloxamento compartido nos albergues turísticos.

Mediante a Orde do 25 de novembro de 2021, prorrogouse e modificouse a Orde do 22 de outubro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se modifica a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia. As modificacións introducidas tiñan por obxecto adaptar as medidas recollidas na devandita orde á realidade do momento, establecéndose limitacións ao número máximo de persoas en cócteles e tamén nas mesas ou agrupacións de mesas nos establecementos de hostalaría e restauración, de lecer nocturno e locais de xogo e apostas.

A continuación, mediante a Orde do 15 de decembro de 2021 volveuse prorrogar a Orde do 22 de outubro de 2021 e introducíronse modificacións, eliminándose así a posibilidade de realización de cócteles e actos de recepción con aperitivo e público de pé, tendo en conta a situación epidemiolóxica actual e a evolución dos casos activos, e limitándose a interacción persoal nun tipo de actos en que os participantes simultanean a inxesta de alimentos e/ou bebidas e, polo tanto, están sen máscara nese momento, coa interacción grupal en espazos limitados.

Pola súa banda, cabe citar a Orde do 29 de decembro de 2021 pola que se modifican a Orde do 22 de outubro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade. A Orde do 29 de decembro tiña por obxecto adaptar a regulación relativa ao uso de máscaras ao disposto no citado Real decreto lei 30/2021, do 23 de decembro. Tamén establece que o público deberá permanecer sentado nas actividades desenvolvidas en cines, teatros, auditorios e espazos similares, así como en establecementos destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas. A mesma regra será de aplicación aos espectáculos musicais e artísticos desenvolvidos ao aire libre. Ademais, reduce a dez persoas por mesa ou agrupación de mesas o número máximo de persoas que poderán permanecer nas terrazas dos establecementos de hostalaría, restauración e lecer nocturno. Recóllense, por outra banda, medidas especiais de aplicación durante o período de Nadal.

Mediante a Orde do 13 de xaneiro de 2022 prorrogouse a eficacia das medidas contidas na Orde do 22 de outubro de 2021 ata as 00.00 horas do día 12 de febreiro de 2022.

Polo que atinxe ás actividades de hostalaría, restauración e lecer nocturno, débese salientar que a regulación destas, que se contén na Orde do 22 de outubro, se completa coa recollida na Orde do 14 de setembro de 2021, pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, e na Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia. As ordes indicadas foron obxecto de sucesivas modificacións coa finalidade de adaptar o seu contido á evolución da situación epidemiolóxica na Comunidade Autónoma.

Finalmente, mediante a Orde do 27 de xaneiro de 2022 modificáronse a Orde do 22 de outubro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, e a Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así, modificouse a Orde do 22 de outubro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, no sentido de permitir expresamente a celebración de cócteles e actos de recepción con aperitivo e público de pé, establecendo un máximo de 8 persoas por grupo no interior e quince no exterior. Eliminouse a exixencia de que o público permaneza sentado en todo caso durante o desenvolvemento de actividades en cines, teatros, auditorios e espazos similares, así como en establecementos destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas e en espectáculos musicais/artísticos ao aire libre. Finalmente, ampliouse o número máximo de persoas por mesa ou agrupación de mesas nas terrazas dos establecementos de hostalaría ou restauración e de lecer nocturno, que pasa de dez a quince.

Por outra banda, modificáronse a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia e a Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de permitir o consumo en barra nos establecementos de hostalaría e restauración e nos de lecer nocturno. Tamén se ampliaron os horarios de funcionamento dos referidos establecementos, de tal xeito que o horario límite de peche ao público nos establecementos de hostalaría e restauración se estableceu á 1.00 horas, agás as noites do venres ao sábado, as noites do sábado ao domingo e as vésperas de festivos, que será ás 1.30 horas. No caso dos establecementos de lecer nocturno, o horario límite de peche ao público estableceuse ás 4.00 horas para os establecementos que teñan título habilitante de pubs e de cafés espectáculo, agás as noites do venres ao sábado, do sábado ao domingo e as vésperas de festivos, en que o horario límite será ás 4.30 horas. O horario límite de peche ao público será ás 5.00 horas para os establecementos que teñan título habilitante de salas de festa ou discotecas.

III

De conformidade co exposto, a prórroga das medidas establecidas nas disposicións citadas anteriormente, na súa redación vixente, vén determinada pola evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria da Comunidade Autónoma.

Así, do Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 5 de febreiro de 2022, destácanse os seguintes datos:

A análise da tendencia diaria mostra, desde o 21 de xullo, catro tramos con diferente tendencia. Nos dous primeiros esta tendencia é decrecente, aínda que con diferentes velocidades de decrecemento. Posteriormente, desde o 10 de outubro, obsérvase un claro cambio na tendencia, que pasa a ser crecente cunha porcentaxe de cambio diaria de 6,9 %. Esta situación mantense ata o 10 de xaneiro, data en que se pode apreciar outro cambio na tendencia, que pasa a ser decrecente, cunha porcentaxe de cambio diaria de -2,3 % .

O día 5 de febreiro, a taxa de incidencia a 14 días é de 2.652,9 casos por 100.000 habitantes, valores inferiores aos observados na semana previa, en que era de 2.945,0 casos por 100.000 habitantes. Apréciase tamén un descenso na taxa de incidencia a 7 días, que pasa de 1.430,5 o día 29 de xaneiro a 1.222,7 o día 5 de febreiro.

A porcentaxe de positividade das probas diagnósticas superou o 3 % establecido en Galicia como nivel deste indicador de seguimento, e o 5 de febreiro está no 14,8 % en 7 días. Do 2 ao 5 de febreiro notificáronse un total de 17.299 casos novos de COVID-19.

No que atinxe á incidencia acumulada a 14 días por grupos de idade, os menores de 19 anos son os que presentan a incidencia máis elevada, seguidos do grupo de 20 a 29 anos.

En canto á taxa de hospitalización en unidades de agudos nos últimos 7 días, aumentou de 14,43 ingresos por 100.000 habitantes o 29 de xaneiro a 16,91 o día 5 de febreiro. No que atinxe ás unidades de críticos (UCI), a taxa de hospitalización tamén aumentou con respecto á semana anterior, xa que o 29 de xaneiro a taxa de ingresos por 100.000 habitantes era de 0,78 e o día 5 de febreiro foi de 1,22.

Segundo a última actualización do Ministerio de Sanidade (Actualización nº 558. Enfermidade polo coronavirus (COVID-19), cos últimos datos dispoñibles ás 15.30 horas do 7 de febreiro, o número de persoas hospitalizadas en Galicia ascende a 627 e, na UCI, a 39.

Como resumo, os indicadores epidemiolóxicos parecen amosar unha tendencia descendente, tanto da taxa a 7 días como da taxa a 14 días. Non obstante, estes valores seguen a ser elevados, o que indica que o virus continúa tendo unha elevada circulación.

Debido a isto, é importante que as autoridades sanitarias autonómicas manteñan determinadas medidas cualificadas de prevención orientadas a conter a propagación da infección e dirixidas a facer fronte á crise sanitaria derivada da COVID-19, co fin de manter no tempo esta tendencia descendente.

O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública compara os datos da terceira e quinta ondas cos datos actuais da sexta onda e observa, para o total de Galicia, un descenso progresivo das porcentaxes de hospitalización en planta e na UCI, así como das defuncións, o cal pode reflectir a efectividade da vacina na prevención de casos graves de enfermidade e de falecemento pola COVID-19.

Porén, cómpre ter en conta que o informe tamén pondera os cálculos do número de ingresos posibles por semana partindo do risco de ingreso nos últimos 14 días en planta e na UCI para o total de Galicia, tendo en conta distintos supostos de número de casos diarios. Así mesmo, considéranse outros escenarios en que aumenta o risco de hospitalización. Estes datos e a súa evolución débense ter en conta para a protección do sistema sanitario.

Pola súa parte, en canto á porcentaxe de ingresos dos casos dos últimos 7 e 14 días, é de 1,19 % e 1,22 %, respectivamente, nas unidades de agudos, e de 0,10 % e 0,08 %, a 7 e 14 días, nas unidades de críticos. Estas taxas de ingresos por número de casos son sensiblemente inferiores ás das ondas anteriores, pero debe tamén ponderarse o factor da idade dos infectados. Así, nos últimos 7 días, os casos de COVID-19 no grupo de idade de máis de 65 anos presentaron unha porcentaxe de ingreso en unidade de hospitalización do 6,95 %, inferior con respecto á semana anterior (7,5 %). A porcentaxe de ingreso na UCI ascendeu, e pasou do 0,0 % ao 0,38 %. Nos últimos 14 días, a porcentaxe de hospitalización deste grupo de idade ascendeu en planta (do 6,45 % ao 7,52 %) e na UCI (do 0,20 % ao 0,38 %) con respecto á semana previa.

Ante a situación actual, coas actuais taxas de incidencia a 7 e a 14 días, cunha elevada porcentaxe de positividade das probas diagnósticas realizadas e cun aumento da prevalencia da variante Ómicron, que xa é do 99,8 %, que ten unha transmisibilidade superior á da variante Delta, predominante ata o de agora, está xustificada a necesidade de manter as medidas adoptadas para facer fronte a esta situación, malia a tendencia descendente antes indicada e co fin de consolidala.

A evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia fai necesario, polo tanto, que as autoridades sanitarias autonómicas manteñan determinadas medidas de prevención orientadas a conter a propagación da infección e dirixidas a facer fronte á crise sanitaria derivada da COVID-19.

IV

Segundo o exposto, resulta procedente e indispensable desde o punto de vista sanitario manter e prorrogar as medidas establecidas, non só pola situación epidemiolóxica senón pola necesidade de dar estabilidade aos mecanismos e ás regras que contribúan a asegurar a incipiente mellora da situación epidémica que estamos vivindo, partindo da experiencia previa adquirida ao abeiro das medidas adoptadas, e que teñen contribuído adecuadamente á seguridade sanitaria da poboación.

Cómpre salientar que, en cumprimento do disposto no artigo 38.ter.4 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, as medidas cuxa vixencia se prorroga terán unha duración que se estenderá ata as 00.00 horas do día 26 de febreiro de 2022 e que, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, serán obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser prorrogadas, modificadas ou levantadas mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Ademais, o recente Real decreto 115/2022, do 8 de febreiro, polo que se modifica a obrigatoriedade do uso de máscaras durante a situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, modifica os números 1 e 2 do artigo 6 da Lei 2/2021, do 29 de marzo. O citado real decreto modula o uso da máscara no exterior, eliminando a obrigatoriedade nos ditos espazos. Esta obrigatoriedade do uso da máscara mantense en eventos multitudinarios que teñen lugar en espazos ao aire libre cando os asistentes estean de pé ou, se están sentados, cando non se poida manter unha distancia de seguridade de, polo menos, 1,5 metros entre persoas ou grupos de conviventes. Tamén segue sendo obrigatorio o uso de máscara nos medios de transporte público.

Coa finalidade de adaptar a regulación relativa ao uso de máscaras ao disposto no citado Real decreto lei 30/2021, do 23 de decembro, mediante esta orde modifícase o punto 1.4 da Orde do 22 de outubro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se modifica a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, revísanse distintos puntos da orde citada nos cales se facían referencias ou se recollía a obriga de uso de máscaras no desenvolvemento de actividades concretas coa finalidade de adaptalos á nova regulación desta materia.

En particular, atendendo á recomendación do Pleno extraordinario do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde do 7 de febreiro de 2022 e do Subcomité Clínico da Consellería de Sanidade, recoméndase o uso da máscara na vía pública e en espazos ao aire libre cando existan aglomeracións de persoas nun espazo limitado, especialmente para a poboación de máis idade ou inmunocomprometida e máis vulnerable, así como para os nenos e nenas mentres non teñan a pauta completa de vacinación. Entenderase que hai aglomeracións de persoas cando se produza unha reunión numerosa e desordenada de persoas na cal, ademais, non sexa posible garantir a distancia de seguridade entre non conviventes, como, entre outros supostos, nas entradas e saídas de centros de traballo, educativos, sociais ou comerciais, rúas máis concorridas ou manifestacións. Así, debe terse en conta que nestes momentos está en marcha o proceso de administración da dobre pauta de vacinación para os menores de entre 5 e 11 anos, e que a incidencia nos grupos de idade de 0 a 11 anos e de 12 a 19 é, nestes momentos, moi superior á doutros grupos de idade e, nalgúns casos, chega a ser varias veces maior.

Así mesmo, modifícanse a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia e a Orde do 29 de setembro pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia, no sentido de eliminar os límites de horario de peche ao público en vigor ata este momento. Nese sentido, serán aplicables agora os establecidos na Orde do 23 de outubro de 2020 pola que se determina o horario de apertura e peche dos establecementos abertos ao público e de inicio e finalización dos espectáculos públicos e das actividades recreativas.

As medidas aplicadas ata este momento seguen a resultar necesarias, adecuadas e proporcionadas para o fin perseguido, que non é outro que asegurar a incipiente mellora da situación epidemiolóxica e evitar a maior difusión dunha enfermidade altamente contaxiosa respecto da cal a diferenza entre persoas enfermas e sas resulta difusa, dada a posible asintomatoloxía ou levidade dos síntomas e a existencia dun período no cal non hai indicios externos da enfermidade.

V

As medidas que se establecen e prorrogan nesta orde teñen o seu fundamento normativo no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 a 38.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Prórroga da eficacia das medidas previstas na Orde do 22 de outubro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se modifica a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia

Atendendo á evolución da situación epidemiolóxica, prorrógase ata as 00.00 horas do día 26 de febreiro de 2022 a eficacia das medidas previstas na Orde do 22 de outubro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se modifica a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, na súa redacción vixente.

Segundo. Modificación da Orde do 22 de outubro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se modifica a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia

Un. Modifícase o punto 1.3 do anexo da Orde do 22 de outubro de 2021, que queda redactado como segue:

«1.3. Distancia de seguridade interpersoal.

Na organización das distintas actividades deberanse adoptar as medidas necesarias para garantir a distancia interpersoal mínima de 1,5 metros, establecida pola Lei 2/2021, do 29 de marzo, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, entre grupos de persoas non conviventes».

Dous. Modifícase o punto 1.4 do anexo da Orde do 22 de outubro de 2021, que queda redactado como segue:

«1.4. Obrigatoriedade do uso de máscaras.

Será obrigatorio o uso da máscara nas seguintes condicións:

a) Regras xerais.

Para as persoas de seis ou máis anos, será obrigatorio o uso da máscara en todo momento, nos seguintes supostos:

1º) Cando estean en espazos pechados de uso público ou que se encontren abertos ao público.

2º) Nos eventos multitudinarios que teñen lugar en espazos ao aire libre, cando os asistentes estean de pé. Se están sentados, será obrigatorio cando non se poida manter 1,5 metros de distancia entre persoas, salvo grupos de conviventes.

3º) Nos medios de transporte aéreo, marítimo, en autobús e por ferrocarril, incluídas as estacións de viaxeiros e as súas plataformas, así como nos transportes públicos e privados complementarios de viaxeiros en vehículos de ata 9 prazas, incluído o condutor. Nos espazos pechados de buques e embarcacións, cando non se poida manter a distancia de seguridade de 1,5 metros, salvo grupos de conviventes.

b) Regras específicas.

1ª) Na realización de adestramentos e na celebración de competicións en espazos pechados dentro da actividade deportiva federada de competencia autonómica aplicarase, respecto do uso da máscara, o recollido especificamente no protocolo das federacións deportivas respectivas.

2ª) Co obxecto de evitar a propagación de contaxios e asegurar o mantemento dos servizos, na prestación de asistencia ou axuda no fogar a persoas dependentes será obrigatorio o uso de máscara tanto por parte do persoal prestador do servizo como por parte das persoas dependentes e daquelas que se encontren no seu domicilio. A dita obriga non será exixible cando se trate de persoas dependentes que presenten algún tipo de enfermidade ou dificultade respiratoria que se poida ver agravada polo uso da máscara ou que, pola súa situación de discapacidade ou dependencia, non dispoñan de autonomía para quitar a máscara, ou ben presenten alteracións de conduta que fagan inviable a súa utilización.

3ª) Nas actividades no ámbito laboral desenvolvidas en espazos comúns ou de uso colectivo pechados ou en calquera outra dependencia en que estean varios traballadores/as ou traballadores/as e/ou clientes será obrigatorio o uso da máscara.

4ª) Non será exixible o uso de máscara naqueles lugares ou espazos pechados de uso público que formen parte do lugar de residencia dos colectivos que alí se reúnan, como son as institucións para a atención de persoas maiores ou con diversidade funcional, as dependencias destinadas a residencia colectiva de traballadores esenciais ou outros colectivos que reúnan características similares, sempre e cando os ditos colectivos e os traballadores que alí exerzan as súas funcións teñan coberturas de vacinación contra o SARS-CoV-2 superiores ao 80 % con pauta completa e da dose de reforzo, acreditada pola autoridade sanitaria competente.

Esta última excepción non será de aplicación aos visitantes externos nin aos traballadores dos centros residenciais de persoas maiores ou con diversidade funcional, xa que neste caso si é obrigatorio o uso da máscara.

c) Condicións de uso da máscara.

Deberase dar un uso adecuado á máscara, é dicir, esta deberá cubrir desde parte do tabique nasal ata o queixo, incluído.

Ademais, a máscara que se debe empregar non deberá estar provista de válvula exhalatoria, agás nos usos profesionais para os cales este tipo de máscara poida estar recomendada.

d) Excepcións á obriga de uso da máscara.

A obriga de uso de máscara non será exixible nos seguintes supostos:

1º) Cando se trate de persoas que presenten algún tipo de enfermidade ou dificultade respiratoria que se poida ver agravada polo uso da máscara ou que, pola súa situación de discapacidade ou dependencia, non dispoñan de autonomía para quitar a máscara, ou ben presenten alteracións de conduta que fagan inviable a súa utilización.

2º) Nos vehículos de turismo, cando todas as persoas ocupantes convivan no mesmo domicilio.

3º) No interior dos establecementos de hostalaría e restauración, por parte dos clientes do establecemento exclusivamente nos momentos estritamente necesarios de comer ou beber.

4º) No interior dos cuartos de establecementos de aloxamento turístico e outros espazos similares, cando unicamente se encontren neles persoas que se aloxen no cuarto.

5º) En supostos de forza maior ou situación de necesidade ou cando, pola propia natureza das actividades, o uso da máscara resulte incompatible, conforme as indicacións das autoridades sanitarias.

e) Recomendacións sobre o uso da máscara.

Atendendo á recomendación do Pleno extraordinario do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde do 7 de febreiro de 2022 e do Subcomité Clínico da Consellería de Sanidade, recoméndase o uso da máscara na vía pública e en espazos ao aire libre cando existan aglomeracións de persoas nun espazo limitado, especialmente para a poboación de máis idade ou inmunocomprometida e máis vulnerable, así como para os nenos e nenas mentres non teñan a pauta completa de vacinación.

Entenderase que hai aglomeracións de persoas cando se produza unha reunión numerosa e desordenada de persoas na cal, ademais, non sexa posible garantir a distancia de seguridade entre non conviventes, como, entre outros supostos, nas entradas e saídas de centros de traballo, educativos, sociais ou comerciais, rúas máis concorridas ou manifestacións».

Tres. Modifícase o parágrafo 2 do punto 3.3 do anexo da Orde do 22 de outubro de 2021, que queda redactado como segue:

«2. Deberanse establecer as medidas necesarias para procurar manter a distancia de seguridade interpersoal nas instalacións, de acordo co establecido no punto 1.3».

Catro. Modifícase o parágrafo 6 do punto 3.4 do anexo da Orde do 22 de outubro de 2021, que queda redactado como segue:

«6. A utilización do exterior dos edificios ou da vía pública para a celebración de actos de culto con acompañamento de público deberase desenvolver nas condicións que determine a autoridade municipal á cal lle corresponde a súa autorización. Nestes casos, con carácter previo á celebración, delimitarase o espazo ou itinerario. Procurarase manter a distancia de seguridade interpersoal entre os participantes entre si e co público asistente».

Cinco. Modifícase o parágrafo 1 do punto 3.8 do anexo da Orde do 22 de outubro de 2021, que queda redactado como segue:

«1. No caso dos mercados que desenvolven a súa actividade na vía pública ao aire libre ou de venda non sedentaria, coñecidos como feiras, poderán dispor do 100 % dos postos habituais ou autorizados.

En todo caso, limitarán a afluencia de clientes de maneira que se asegure o mantemento da distancia de seguridade interpersoal.

Os concellos poderán aumentar a superficie habilitada ou habilitar novos días para o exercicio desta actividade para compensar as limitacións previstas anteriormente, e prestarán especial atención á vixilancia do cumprimento das medidas sanitarias e dos protocolos aplicables nestes contornos.

Os concellos establecerán requisitos de distanciamento entre os postos e as condicións de delimitación do mercado, co obxectivo de procurar manter a distancia de seguridade interpersoal entre traballadores, clientes e viandantes, de acordo co establecido no punto 1.3».

Seis. Modifícase parágrafo 2 do punto 3.13 do anexo da Orde do 22 de outubro de 2021, que queda redactado como segue:

«2. Deberanse establecer as medidas necesarias para procurar manter a distancia de seguridade interpersoal nas instalacións, de acordo co establecido no punto 1.3».

Sete. Modifícase a alínea a) do parágrafo 1 do punto 3.15 do anexo da Orde do 22 de outubro de 2021, que queda redactada como segue:

«a) A práctica da actividade física e deportiva non federada poderase realizar ao aire libre ou en instalacións deportivas ao aire libre, sen que sexa precisa a utilización de máscara, de acordo co disposto no punto 1.4».

Oito. Modifícase o parágrafo 2 do punto 3.21 do anexo da Orde do 22 de outubro de 2021, que queda redactado como segue:

«2. As actividades en cines, teatros, auditorios e espazos similares, e en establecementos destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas, poderanse desenvolver co 100 % da capacidade máxima permitida.

En todo caso, deberanse establecer as medidas necesarias para procurar manter a distancia de seguridade interpersoal nas instalacións, de acordo co establecido no punto 1.3».

Nove. Modifícase o parágrafo 1 do punto 3.30 do anexo da Orde do 22 de outubro de 2021, que queda redactado como segue:

«1. A celebración de eventos deportivos recollidos no artigo 22 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, poderase desenvolver cunha ocupación máxima do oitenta por cento en interior e do cen por cento no exterior, sempre que o público asistente permaneza sentado e se garantan as medidas establecidas no punto 1.3.

En todo caso, deberanse establecer as medidas necesarias para procurar manter a distancia de seguridade interpersoal nas instalacións, de acordo co establecido no punto 1.3».

Dez. Modifícase o parágrafo 2 do punto 3.31 do anexo da Orde do 22 de outubro de 2021, que queda redactado como segue:

«2. 2. En particular, serán de aplicación os niveis dos establecementos, capacidades máximas e medidas adicionais para cumprir en cada nivel, establecidos no novo Plan de hostalaría segura. O réxime de horarios axustarase ao previsto na Orde do 23 de outubro de 2020 pola que se determina o horario de apertura e peche dos establecementos abertos ao público e de inicio e finalización dos espectáculos públicos e das actividades recreativas».

Once. Déixase sen contido a alínea f) e modifícanse as alíneas d) e e) do parágrafo 1 do punto 3.38 do anexo da Orde do 22 de outubro de 2021, que quedan redactadas como segue:

«d) Pódese bailar.

e) Poderase prever o servizo de comida e bebidas se se realiza en espazos habilitados (que cumprirán as normas de hostalaría e restauración), debidamente dimensionados para o público que reciban. O consumo realizarase fóra da zona de baile. Os organizadores tomarán as precaucións oportunas para evitar a formación de aglomeracións».

Doce. Modifícase o parágrafo 2 do punto 3.38 do anexo da Orde do 22 de outubro de 2021, que queda redactado como segue:

«2. A celebración de romarías, desfiles, exhibicións de música ou baile, ou actividades similares en espazos abertos e con acompañamento de público na vía pública deberase desenvolver nas condicións que deberá determinar a autoridade municipal correspondente. Nestes casos, con carácter previo á celebración, delimitarase o espazo ou o itinerario. Procurarase manter a distancia de seguridade interpersoal entre os participantes entre si e co público asistente».

Terceiro. Modificación da Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia

Un. Modifícase o parágrafo 3 do punto 3.1 do anexo I da Orde do 14 de setembro de 2021, que queda redactado como segue:

«3. O horario límite de peche ao público será o establecido na Orde do 23 de outubro de 2020 pola que se determina o horario de apertura e peche dos establecementos abertos ao público e de inicio e finalización dos espectáculos públicos e das actividades recreativas».

Dous. Modifícase o parágrafo 4 do punto 3.2 do anexo I da Orde do 14 de setembro de 2021, que queda redactado como segue:

«4. O horario límite de peche ao público será o establecido na Orde do 23 de outubro de 2020 pola que se determina o horario de apertura e peche dos establecementos abertos ao público e de inicio e finalización dos espectáculos públicos e das actividades recreativas».

Cuarto. Modificación da Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia

Un. Modifícase o parágrafo 3 do punto 4.1 do anexo da Orde do 29 de setembro de 2021, que queda redactado como segue:

«3. O horario límite de peche ao público será o establecido na Orde do 23 de outubro de 2020 pola que se determina o horario de apertura e peche dos establecementos abertos ao público e de inicio e finalización dos espectáculos públicos e das actividades recreativas».

Dous. Modifícase o parágrafo 3 do punto 4.2 do Anexo da Orde do 29 de setembro de 2021, que queda redactado como segue:

«3. O horario límite de peche ao público será o establecido na Orde do 23 de outubro de 2020 pola que se determina o horario de apertura e peche dos establecementos abertos ao público e de inicio e finalización dos espectáculos públicos e das actividades recreativas».

Quinto. Eficacia

1. As medidas previstas nesta orde terán efectos desde as 00.00 horas do día seguinte ao da súa publicación ata as 00.00 horas do 26 de febreiro de 2022.

2. En cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas cuxa eficacia se prorroga serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser prorrogadas, modificadas ou levantadas mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2022

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade