DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81-Bis Martes, 29 de abril de 2025 Páx. 24598

III. Outras disposicións

Presidencia da Xunta de Galicia

RESOLUCIÓN do 29 de abril de 2025, da Secretaría Xeral da Presidencia, pola que se dá publicidade á Resolución da Presidencia da Xunta de Galicia do 29 de abril de 2025, pola que se dispón a ampliación xeral dos prazos nos procedementos administrativos a consecuencia da interrupción xeneralizada da subministración eléctrica acaecida o día 28 de abril de 2025.

O presidente da Xunta de Galicia, con data do vinte e nove de abril de dous mil vinte e cinco, aprobou a seguinte resolución:

«Resolución da Presidencia da Xunta de Galicia, do 29 de abril de 2025, pola que se dispón a ampliación xeral de prazos nos procedementos administrativos a consecuencia da interrupción xeneralizada da subministración eléctrica acaecida o día 28 de abril de 2025.

No día de onte, 28 de abril de 2025, a partir das 12.30 horas, produciuse unha interrupción xeneralizada da subministración eléctrica en todo o territorio peninsular que afectou o normal funcionamento dos servizos públicos e os sistemas utilizados na tramitación dos procedementos administrativos, incidindo no exercicio dos dereitos dos interesados. Así, debido ás circunstancias indicadas, non foi posible o acceso ordinario da cidadanía á sede electrónica da Xunta de Galicia e a outros sistemas e aplicacións, o que impediu a presentación electrónica de solicitudes, recursos administrativos, escritos, comunicacións e documentos. Tamén existiron graves dificultades para a presentación de solicitudes ou documentos de xeito presencial, dadas as circunstancias indicadas, que afectaron con carácter xeral diversos servizos públicos e a mobilidade da cidadanía.

Así mesmo, polas dificultades experimentadas, en moitos casos non puideron realizarse no prazo as correspondentes actuacións administrativas necesarias para a instrución ou resolución dos procedementos administrativos.

O artigo 32.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establece que cando se vexan gravemente afectados os servizos e sistemas utilizados para a tramitación dos procedementos e o exercicio dos dereitos dos interesados que prevé a normativa vixente, a Administración poida acordar a ampliación xeral dos prazos dos procedementos administrativos.

De acordo co establecido no artigo 3.2 do Decreto 25/2020, do 13 de febreiro, polo que se regula a ampliación dos prazos de presentación de solicitudes, recursos administrativos, escritos, comunicacións e documentos no caso de determinadas incidencias técnicas que imposibiliten o funcionamento ordinario da sede electrónica da Xunta de Galicia, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia procedeu xa á expedición do correspondente certificado de interrupción do servizo, no cal se constatou a incidencia establecida, o que determinou, de conformidade co número 1 do citado artigo, unha ampliación automática de vinte e catro horas hábiles dos prazos para a presentación de solicitudes, recursos administrativos, escritos, comunicacións e documentos cuxo vencemento tivo lugar no día da incidencia, o 28 de abril.

Porén, a referida ampliación automática afecta só determinados procedementos que vencían o propio día 28 de abril, co que non supón unha ampliación xeral de prazos de todos os procedementos. Así mesmo, debe terse en conta que as dificultades aludidas anteriormente se estenden en moitos casos ao día de hoxe, debido á recuperación progresiva da normalidade.

Polo exposto e sen prexuízo da ampliación automática xa aludida, faise preciso acordar unha ampliación xeral de maior extensión, en todos os procedementos e todos os prazos administrativos de que dispoñen as unidades administrativas e os interesados para levar a cabo os correspondentes trámites.

A ampliación xeral dos prazos será de dous días e aplicarase a todos os prazos administrativos que venzan os días 28 e 29 de abril de 2025. Esta ampliación de prazos entenderase sen prexuízo da ampliación automática dos prazos producida en aplicación do artigo 3.2 do Decreto 25/2020, do 13 de febreiro. Deste modo, a totalidade dos prazos que vencían o día 28 de abril, con independencia de que fosen obxecto ou non de ampliación automática de acordo coa norma indicada, quedarán ampliados ata o día 30 de abril; os prazos que venzan o día 29 de abril quedarán ampliados ata o día 1 maio, sen prexuízo de que polo seu carácter inhábil, de acordo co establecido na normativa de procedemento administrativo, o último día do prazo será o día seguinte hábil, isto é, o día 2 de maio.

De acordo cos números 3 e 5 do artigo 26 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, para a dirección e coordinación das actividades da Xunta, correspóndelle á persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia, entre outras funcións, dirixir e coordinar a acción de goberno e asegurar a súa continuidade, así como asegurar a coordinación entre as distintas consellerías.

Por todo iso,

RESOLVO:

Un. A ampliación xeral en dous días dos prazos dos procedementos administrativos da Administración autonómica e das entidades pertencentes ao seu sector público que venzan os días 28 e 29 de abril de 2025, incluídos os prazos dos procedementos de contratación dos poderes adxudicadores a que se aplica a lexislación de contratos do sector público.

Dous. A ampliación dos prazos establecida no número un desta resolución entenderase sen prexuízo da ampliación automática dos prazos producida en aplicación do artigo 3.2 do Decreto 25/2020, do 13 de febreiro, polo que se regula a ampliación dos prazos de presentación de solicitudes, recursos administrativos, escritos, comunicacións e documentos no caso de determinadas incidencias técnicas que imposibiliten o funcionamento ordinario da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Tres. As distintas consellerías e entidades da Administración autonómica adoptarán as medidas que sexan precisas para a aplicación do disposto na presente resolución.

Catro. Esta resolución producirá efectos desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia».

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2025

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral da Presidencia