Conselleiros/as do Goberno Galego

Diego Calvo Pouso

CONSELLEIRO DE PRESIDENCIA, XUSTIZA E DEPORTES
Diego Calvo Pouso 

Naceu en San Sadurniño (A Coruña) en 1975. Licenciado en Ciencias Económicas (especialización en Facenda Pública e Sistema Fiscal) na Universidade de Santiago de Compostela. Máster en Desenvolvemento Local e Comarcal. 

Traballou como axente de desenvolvemento local en Ferrol e foi administrador da empresa familiar. 

Foi elixido por primeira vez deputado autonómico en febreiro de 2003, e mantivo o escano ata 2005 (VI Lexislatura) e tamén desde 2005 ata 2009 (VII Lexislatura). Nese ano foi nomeado delegado territorial da Xunta de Galicia na provincia da Coruña e en 2011, sendo concelleiro en Ferrol, foi elixido presidente da Deputación Provincial da Coruña, cargo que desempeñou ata 2015, momento no que regresou á Delegación da Xunta. 

Tras unha nova etapa no Parlamento de Galicia como vicepresidente primeiro da Mesa e voceiro da área de Infraestruturas e Mobilidade (2016-2022), en maio de 2022 foi nomeado Vicepresidente Segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes pasando en xuño de 2023 a Vicepresidente Primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes. Desde abril de 2024 ocupa o cargo de conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes. 

Forma parte dos Consellos de Administración das Autoridades Portuarias da Coruña e Vilagarcía de Arousa. 

Entre 2006 e 2009 foi vicesecretario xeral do Partido Popular de Galicia, de 2008 a 2016 desempeñou as funcións de secretario xeral no Partido Popular da provincia da Coruña, que preside desde 2016.

No Partido Popular nacional, foi secretario territorial entre 2018 e 2022. Desde 2022 é presidente do Comité Electoral Nacional.

Ángeles Vázquez Mejuto

CONSELLEIRA DE MEDIO AMBIENTE E CAMBIO CLIMÁTICO
Ángeles Vázquez Mejuto

Naceu en Melide en 1972. Acadou a licenciatura en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, coa especialidade en Xeografía Aplicada. Ademais é técnica en Información e cultura.

Foi alcaldesa de Melide desde o ano 2011 ata 2016, cargo que tamén ocupou entre os anos 2004 e 2007.

No ámbito municipal, previamente ás súas responsabilidades como rexedora, foi concelleira de Cultura, Deportes e Medios de Comunicación.

Tamén foi deputada provincial na Coruña entre 2007 e 2009 e, posteriormente, deputada no Congreso dos Deputados por esa mesma provincia.

Na súa traxectoria profesional tamén ten experiencia xornalística, como directora da radio municipal melidense e como correspondente en medios de comunicación.

Desde outubro de 2015 ata novembro de 2016 foi conselleira do Medio Rural e, desde ese ano, conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Román Rodríguez González

CONSELLEIRO DE EDUCACIÓN, CIENCIA, UNIVERSIDADES E FORMACIÓN PROFESIONAL 
Román Rodríguez González

Naceu no Vento, Lalín, en 1968. É licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela con premio extraordinario. Doutor en Xeografía, e cun máster en Desenvolvemento Local, foi profesor na Universidade de León e é profesor titular do Departamento de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela.

Autor dunha ducia de libros e coautor doutras case vinte publicacións da súa especialidade, amais de ter participado en corenta libros colectivos, Román Rodríguez dirixiu másteres e cursos de posgrao vinculados coa temática do ordenamento territorial en varias universidades.

Foi galardoado, ademais, co Premio da Crítica de Galicia (2000), no eido da investigación.

En 1999 foi elixido concelleiro polo PP en Lalín, con responsabilidades en Cultura, Medio Ambiente, Urbanismo, Desenvolvemento Local e Portavocía.

Nas eleccións de 2009 obtivo acta como deputado autonómico para ser designado posteriormente vicevoceiro do Grupo Popular e voceiro nos eidos de Educación, Urbanismo e Ordenación do Territorio.

Desde febreiro de 2015 ata setembro de 2018 foi conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Foi conselleiro de Cultura e Turismo desde setembro de 2018 ata setembro de 2020 e, seguidamente, conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Fabiola García Martínez

CONSELLEIRA DE POLÍTICA SOCIAL E IGUALDADE
Fabiola García Martínez

Naceu en Ribeira en 1985. É licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela.

Desde xuño de 2015 foi primeira tenente de alcalde do Concello de Ribeira, ademais de concelleira delegada de Administración, Transparencia, Atención e Participación Cidadá, Promoción e Dinamización Económica e Cultura.

Ao longo da súa carreira profesional formou parte dos gabinetes das consellerías de Facenda, Economía e Industria e Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Con anterioridade, traballou en prácticas no departamento de Dereito Fiscal nun despacho de avogados.

Como formación complementaria, ten un máster en Dereito Empresarial polo Centro de Estudios Garrigues e un diploma en EAP (English for Academic Purposes) pola University College London.

Desde decembro de 2016 ata setembro de 2018 foi directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade na Consellería de Política Social.

María Jesús Lorenzana Somoza

CONSELLEIRA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA 
María Jesús Lorenzana Somoza

Naceu na Coruña en 1981. É licenciada en Dereito pola Universidade da Coruña (2004), letrada da Xunta de Galicia dende o 2007, ten un curso superior de Dereito Autonómico polo Instituto de Dereito Público de Barcelona e é Colexiada de Honor do Consello Xeral de Graduados Sociais de España. Posúe o certificado CAE de inglés pola Universidade de Cambridge e o de francés B1 pola Alianza Francesa.

En 2007 entra a formar parte da escala de Letrados da Xunta de Galicia por oposición libre, ocupando distintos postos na área de Asesoría Xurídica, entre eles na Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e na Asesoría Xurídica Xeral.

Desde novembro de 2011 e ata febreiro de 2013 é asesora xurídica de Presidencia, data na que é nomeada secretaria xeral técnica da Consellería de Traballo e Benestar. En outubro de 2015 ponse á fronte da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, cargo que ostenta ata que en 2018 é nomeada secretaria xeral técnica da Consellería do Medio Rural.

En setembro de 2020 é nomeada conselleira de Emprego e Igualdade e en xuño de 2023 conselleira de Economía, Industria e Innovación. Tras as últimas eleccións autonómicas, en febreiro de 2024, Alfonso Rueda elíxea para dirixir a Consellería de Economía e Industria, cargo que ocupa na actualidade. 

Miguel Corgos López-Prado

CONSELLEIRO DE FACENDA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA
Miguel Corgos López-Prado

Nado na Coruña en 1971, é licenciado en Ciencias Económicas pola Universidade da Coruña, na especialidade de economía financeira. Ademais, conta cun posgraduado en Auditoría de Contas e un mestrado en Administración Financeira e Tributaria pola mesma universidade.

Desde o 2001 pertence á Escala Superior de Finanzas da Xunta de Galicia na especialidade de Intervención-auditoría e na de Inspección e xestión financeira e tributaria.

Desde o 2021 é conselleiro de Facenda e Administración Pública. Previamente exercía como director xeral de Planificación e Orzamentos na Consellería de Facenda e Administración Pública. Anteriormente, foi subdirector xeral de Control Financeiro Permanente na Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e subdirector xeral de Control Orzamentario de Gasto na Dirección Xeral de Orzamentos.

María Martínez Allegue

CONSELLEIRA DE VIVENDA E PLANIFICACIÓN DE INFRAESTRUTURAS 
María Martínez Allegue

Naceu en Pontevedra. É licenciada en Dereito e funcionaria de carreira de Administración local con habilitación de carácter nacional, na subescala de secretaría-intervención e subescala Secretaría de entrada. 

Exerceu como secretaria-interventora no Concello de Lousame, secretaria nos Concellos de Tui e Mos e tesoureira no Concello de Marín.

Entre 2010 e 2015 foi directora xeral da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), entre 2015 e 2023 xefa de área provincial do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) en Pontevedra e entre 2023 e 2024 xefa territorial de Infraestruturas e Mobilidade en Pontevedra. 

Antonio Gómez Caamaño

CONSELLEIRO DE SANIDADE
Antonio Gómez Caamaño

Nado en Ferrol en 1962, é licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Oviedo e especialista en Oncoloxía Radioterápica.

Desde 2013 é xefe de servizo de Oncoloxía Radioterápica do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, servizo no que levaba traballando desde o ano 2000. Entre 2021 e 2023 foi presidente da Sociedade Española de Oncoloxía Radioterápica.

A súa actividade asistencial e investigadora céntrase no cancro xenitourinario, no de pulmón e na radioxenómica. Ten publicados máis de 100 artigos en revistas científicas indexadas, 25 capítulos e máis de 200 comunicacións e pósters en congresos nacionais e internacionais. 

É profesor asociado na Universidade de Santiago de Compostela, docente en cursos en varias universidades españolas e relator en 250 eventos científicos.

Participou tanto dentro do Sergas como a nivel nacional no desenvolvemento de vías clínicas, guías clínicas, documentos de consenso e plans estratéxicos.

José López Campos

CONSELLEIRO DE CULTURA, LINGUA E XUVENTUDE
José López Campos

Naceu en 1974 na Estrada.

Directivo no sector da banca, a súa traxectoria política comeza en 2003 ao ser elixido concelleiro na Estrada e ocupar os cargos de concelleiro de Industria e Comercio e tenente de alcalde. Nas eleccións municipais de 2011 encabezou a candidatura do PP e foi elixido alcalde da Estrada por maioría absoluta, resultado que revalidou nas convocatorias de 2015 e 2019.

Neste tempo tamén foi deputado no Parlamento de Galicia entre 2009 e 2011 e deputado provincial entre 2011 e 2015 e a partir de xullo de 2019.

José González Vázquez

CONSELLEIRO DE EMPREGO, COMERCIO E EMIGRACIÓN
José González Vázquez

Naceu en Ourense en 1970. É licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. En 1997 ingresou no corpo superior de inspectores de Facenda do Estado, especializado en inspección financeira e tributaria e aduanas e impostos especiais.

Foi vogal nato do comité e do pleno do Consorcio da Zona Franca de Vigo desde 2009 a 2014; e representante da aduana española en diferentes comités de reforma do código aduaneiro comunitario en 2009. Ademais de membro de diferentes comisións da Autoridade Portuaria de Vigo para a coordinación dos controis do comercio exterior; profesor asociado do departamento de Dereito Financeiro, na Universidade de Vigo, desde 2002 a 2006; e docente especialista en materia de imposto sobre o valor engadido e comercio exterior e en contabilización de impostos.

Desde 2016 ata 2018, José González Vázquez foi deputado no Parlamento de Galicia, onde desempeñou funcións como voceiro de Medio Rural do GPP; membro da Comisión 7ª, Agricultura, Alimentación, Gandería e Montes; membro da Comisión 3ª, Economía, Facenda e Orzamentos; vicepresidente da Comisión Permanente non lexislativa para as relacións co Consello de Contas e membro da Comisión Especial de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais e do Plan forestal de Galicia. 

Desde 2018 foi conselleiro do Medio Rural.

María José Gómez Rodríguez

CONSELLEIRA DO MEDIO RURAL
María José Gómez Rodríguez

Naceu en Pradedo de Abaixo, Guntín (Lugo), en 1976. Licenciada en Filoloxía Inglesa e en Humanidades, desde 2008 é profesora de ensino secundario no ensino público, na especialidade de Inglés. 

Desde 2019 é alcaldesa de Guntín e, despois das eleccións xerais de xullo de 2023, senadora pola provincia de Lugo.

Entre 2014 e 2017 foi vicedirectora do IES de Monterroso, no que coordinou a sección bilingüe. Entre 2017 e 2022 foi xefa de coordinación de Cultura en Lugo e entre 2022 e 2023 xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades na mesma provincia.

Alfonso Villares Bermúdez

CONSELLEIRA DO MAR
Marta Villaverde Acuña

Naceu en Vilaboa (Pontevedra) en 1975. Licenciada en Veterinaria pola Universidade de Santiago de Compostela, é funcionaria de carreira do corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, grupo A, desde o 2006.

Traballou ata novembro de 2012 como inspectora veterinaria de Saúde Pública nos servizos centrais da Consellería de Sanidade. Foi subdirectora xeral de Valorización dos Produtos do Mar e, desde abril de 2024, directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

Desenvolveu a maior parte da súa carreira profesional vinculada ao sector primario galego, tanto no sector do mar como no medio rural, ocupando traballos vinculados como facultativa veterinaria entre o 2001 e o 2006 e como xefa da área de Seguridade Alimentaria de 2014 a 2016. Tamén desempeñou labores de Inspección Pesqueira no Servizo de Inspección e Control dos Recursos da Subdirección Xeral de Gardacostas de Galicia desde finais de 2012 ata abril de 2014.