A Xunta aborda con Ecos do Sur o I Plan Estatéxico de Galicia contra a trata co que se reforzarán os apoios ás vítimas da lacra
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, entrevistouse hoxe co director xeral de Ecos do Sur, Javier Crespán
A Xunta xa reuniu os equipos técnicos para o deseño do I Plan estratéxico de Galicia contra a trata que pretende completar neste primeiro semestre do ano
Galicia ofrece desde 2012 axudas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro coas que se ofreceu apoio a un total de 7.000 mulleres vítimas da trata
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo hoxe en Santiago de Compostela un encontro con representantes de Ecos do Sur que presta atención prioritaria, coas súas actuacións, ás vítimas da trata con fins de explotación sexual e/ou laboral, en especial persoas inmigrantes.
No encontro de hoxe, no que a secretaria xeral da Igualdade se entrevistou co novo director xeral de Ecos do Sur, Javier Crespán, abordáronse os avances que desde a Xunta se están a realizar para elaborar o I Plan Estratéxico de Galicia contra a trata.
Este Plan nace para combater a vulneración dos dereitos das mulleres vítimas de trata. Trátase de artellar medidas de apoio, atención, acompañamento e asesoramento integral -xurídico, psicolóxico, sanitario e formativo- ás vítimas. Tamén se pretende reforzar a rede de acollida para as mulleres dispostas a denunciar a coacción e a violencia da que son obxecto.
Para o deseño da iniciativa, que se espera completar neste semestre, especificou López Abella, a Xunta está a contar colaboración das ONGs especializadas nesta materia que forman parte dos grupos de traballo que xa se están a reunir.
O Plan estratéxico para combater a vulneración dos dereitos das vítimas de trata súmase a outras medidas que xa ten en marcha a Administración autonómica neste eido.
A Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, recolle no seu artigo 3, a trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual como unha forma de violencia de xénero.
Galicia é pioneira na implicación dunha Administración Autonómica na loita contra esta lacra coa sinatura en xaneiro de 2010, e actualizado en 2012, dun protocolo entre a Fiscalía Superior de Galicia e a Xunta sobre a adopción de medidas de prevención, investigación e tratamento ás mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual.
A Xunta de Galicia tamén ten articuladas desde 2012 axudas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de proxectos de atención social integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral. A Administración autonómica traballou con máis de 7.000 mulleres nesta situación desde entón.
A oenegué Ecos do Sur, membro da Rede Galega contra a Trata, recibiu desde 2010 un total de 314.600 euros para programas para axudar ás vítimas da trata con fins de explotación sexual e/ou laboral, en especial persoas inmigrantes.
Para este ano o Goberno galego xa activou este ano a liña de axuda para proxectos de atención social integral a vítimas de trata con 600.000 € comprometidos.