A Xunta ten activas axudas por 7,4 M€ coas que garante a independencia económica das vítimas da violencia de xénero

O Goberno galego vén de convocar xa neste primeiro trimestre do ano as catro principais axudas para vítimas da violencia de xénero: de pago periódico, de pago único, indemnizacións e apoios a mulleres gravemente feridas e fillos e fillas orfos

A convocatoria está aberta durante todo o ano e os orzamentos pódense ampliar en función das necesidades detectadas

O ano pasado outorgáronse axudas a case 1.000 vítimas da violencia de xénero, o que supuxo un 30% máis que en 2019

O Goberno galego garante a atención e recursos de acollida e apoio ás mulleres vítimas co mantemento do Plan de reforzo activado pola covid-19
 

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2021.- A Xunta ten activas todas as convocatorias para este ano das axudas coas que apoia a independencia económica das mulleres vítimas da violencia de xénero e garante as indemnizacións correspondentes ás feridas de gravidade e ás fillas e fillos orfos por mor desta lacra.

O Goberno destina 7,4 millóns de euros en total en 2021 -aínda que estas contías poderían incrementarse en función das necesidades- a catro apoios fundamentais que sitúan á Comunidade en cabeza na axuda dispensada ás vítimas da violencia de xénero: axudas de pago periódico, de pago único, de indemnización e para mulleres feridas de gravidade e/ou fillas e fillos orfos.

O obxectivo do Goberno galego é o de garantir con estes apoios que as mulleres vítimas da violencia de xénero teñan unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor e que conten con ferramentas para dar o primeiro paso de ruptura cunha situación na que corren perigo e acompañalas para rachar coa violencia.

A Xunta outorgou o ano pasado axudas a case 1.000 vítimas da violencia de xénero, o que supuxo un 30% máis que en 2019.

Axudas periódicas e de pago único

Galicia é punta de lanza no apoio á independencia económica das vítimas da violencia de xénero ao se converter na primeira Comunidade en dispor dunha axuda económica mensual para as mulleres e ser a única que a mantén ininterrompida ao longo do ano.

Estes apoios supoñen pagamentos de entre 200 e 800 euros cada mes en función dos ingresos e circunstancias familiares. Poden acceder aos mesmos vítimas de violencia de xénero, de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e de violencia vicaria (as mulleres que perden os seus fillos a mans do maltratador).

En 2020, 639 vítimas resultaron beneficiarias da mesma, un 11% máis que en 2019.

As segundas das axudas, de pago único, teñen por obxecto apoiar ás mulleres con especiais dificultades para a busca de emprego e a súa inserción laboral. O Goberno galego entrega ás beneficiarias unha cantidade que oscila entre a equivalente a 6 meses ata 24 meses do subsidio por desemprego vixente (en 2021, 451€) nunha única achega.

Diríxese a vítimas de violencia de xénero que acrediten recursos insuficientes e dificultades especiais para acceder a un emprego. En 2020 concedéronse 341.

Indemnizacións e axudas a feridas de gravidade e orfas/orfos

A Xunta tamén garante a percepción das indemnizacións cando correspondan por sentenza, ás mulleres en situación de violencia sexista, previa constatación xudicial de que non están a percibilas. Con este mecanismo o Goberno galego asegura que as mulleres reciben as contías, independentemente das circunstancias económicas dos seus agresores. Un total de 11 mulleres percibiron estas indemnizacións o ano pasado.

As mulleres vítimas da violencia de xénero que resultan gravemente feridas e os seus descendentes que quedaron orfos a causa desta lacra poden optar, así mesmo, a unha liña específica que supón a percepción de 7.000 € acompañada dun programa completo de asistencia integral cara a súa recuperación. Sete persoas as percibiron o ano pasado.

Plan de reforzo pola covid-19

Ademais do mantemento das axudas, con orzamento ampliable en función das necesidades que poidan xurdir, o Goberno galego mantén activo o Plan de reforzo da atención ás vítimas da violencia de xénero desde a irrupción da pandemia. Pretende garantir a operatividade total dos servizos de apoio, dos centros de acollida e outras axudas complementarias en favor das mulleres.

As vítimas teñen asegurada, deste xeito, a atención telefónica 24X7 no número 900 400 273 e asesoramento xurídico en liña; apoio psicolóxico presencial e telemático (tamén dirixido a vítimas de violencia sexual) e garda psicolóxica; seguimento das ordes de protección desde o Punto de coordinación; apoio psicolóxico e social nas Oficinas de Atención ás Vítimas en sede xudicial; contacto permanente coas usuarias do Centro de recuperación integral; e funcionamento normalizado do Centro de emerxencia (situado en Vigo) para garantir o acceso das vítimas en Galicia.

Reforzouse, así mesmo, a Rede de centros de acollida, coa apertura dun novo recurso de acollida en Chantada ou a activación de recursos alternativos como albergues, hostais e pensións, con grupos especializados de intervención e apoio psicolóxico, social e de asesoramento xurídico.
 

Imaxes relacionadas