A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda mantivo unha reunión coas impulsoras desta acción divulgativa

A Xunta coñece un proxecto innovador para frear o cambio climático que conecta os obxectivos institucionais e as ferramentas sociais

Ángeles Vázquez interesouse por Gal2050, unha iniciativa que busca crear unha comunidade con conciencia e implicada na loita contra oeste fenómeno

Salienta a implicación da xente moza que, non só se implica na acción para evitar o quecemento global, senón tamén para artellar negocios de carácter ambiental
 

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2021

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, interesouse por unha iniciativa innovadora que conecta obxectivos institucionais con ferramentas sociais para aumentar a posición referente de Galicia fronte ao fenómeno global de cambio climático.

A conselleira de Medio Ambiente mantivo unha reunión con Lucía Cancela, Carme Domínguez e Cinthya Martínez, promotoras de Gal2050 , unha iniciativa que constitúe o seu traballo de fin de máster. Trátase un proxecto de comunicación sobre o cambio climático, co que concienciar á sociedade de como está a mudar o planeta e as consecuencias que se poden rexistrar no futuro, no 2050.

Tal e como lle explicaron as impulsoras á conselleira, búscase crear unha comunidade con conciencia sobre este fenómeno global e definir un modelo de divulgación e comunicación que se poida extrapolar a outro territorios, tendo como base as novas tecnoloxías.

A conselleira sinalou que esta iniciativa é unha oportunidade para difundir as accións que levan a cabo as distintas institucións, así como os obxectivos que marca Europa e España e que precisan da colaboración individual e colectiva de todos e cada un de nós.

En base a este proxecto instálanse códigos QR en lugares estratéxicos da xeografía galega polos que pasan moitas persoas, como a Praza do Obradoiro ou as Illas Cíes, co que acceder a información visual sobre o impacto do cambio climático neste puntos concretos. A modo de exemplo, na praia das Catedrais, en Ribadeo, o código QR que se consulta permitirá ver en realidade aumentada como actuaría a subida do nivel do mar na praia e na paisaxe.

Coincidiron na necesidade de impactar e replantexarse as accións presentes e, en consecuencia, as futuras e, sobre todo, facer ver que ante unha situación de perigo, hai solucións; polo que é imprescindible que os cidadáns coñezan os aspectos específicos do cambio climático, e os seus efectos.

Ángeles Vázquez felicitou unha vez máis ás promotoras polo seu proxecto e indicoulles que son un exemplo da importancia que ten a implicación da xente moza na loita contra o cambio climático, xa que son a xeración que herdará o planeta, polo que a súa participación e voz neste reto é importante imprescindible; Asemade, salientou que esta iniciativa serve como mostra das oportunidades de negocio e de economía verde que se abren para os mozos neste eido.

Imaxes relacionadas