A Xunta apoia con 240.000€ a contratación de 17 desempregados para a prevención de incendios en oito concellos de Deza e Tabeirós-Montes

A Consellería de Emprego e Igualdade vén de resolver a convocatoria do programa Aprol Rural para este ano, que permitirá a contratación de 505 persoas sen emprego en 284 concellos galegos grazas a un investimento de 7 M€

O obxectivo da iniciativa é impulsar o emprego rural na Comunidade Autónoma e contribuír ás medidas municipais de loita contra os lumes forestais na época de alto risco

Lalín, 28 de xuño de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego e Igualdade, vén de resolver a convocatoria de axudas deste ano do programa Aprol Rural para apoiar nos concellos galegos a contratación de persoas desempregadas para a realización de servizos municipais, principalmente os destinados ás medidas de prevención de lumes forestais.
Deste xeito, nas comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes beneficiaranse oito concellos, que recibirán unha achega global de case 240.000 euros para a contratación de 17 persoas desempregadas. En toda a comunidade vaise posibilitar, ao abeiro deste programa, a incorporación de 505 persoas sen traballo para o desenvolvemento destas tarefas en 284 municipios grazas a un investimento de 7 millóns de euros.
No que se refire á distribución das axudas nestas comarcas, Lalín recibirá 42.250 euros para a contratación de tres persoas; Cerdedo-Cotobade e Agolada disporán de 41.250 euros cada un para a incorporación tamén de tres traballadores; Vila de Cruces, Dozón e Silleda terán 27.500 euros, respectivamente, para incorporar a dous desempregados; Rodeiro contará con 17.294 euros para unha contratación; mentres que Forcarei disporá de 13.750 euros para un traballador.
As persoas contratadas realizarán tarefas relacionadas, maioritariamente, coa prevención de lumes nas faixas secundarias definidas pola Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. Na baremación da orde de axudas deuse preferencia aos concellos fusionados e emprendedores.
O obxectivo desta iniciativa, ademais de contribuír ás accións municipais de loita contra os lumes forestais na época de alto risco, é incrementar e mellorar as oportunidades laborais do rural de Galicia dando un impulso ao traballo nas zonas menos poboadas da Comunidade Autónoma e favorecer a creación de emprego de calidade mediante a contratación de persoas desempregadas. Por elo, os contratos terán unha duración de nove meses e serán a tempo completo.