Un total de 173 beneficiarios percibirán preto de 5 M€ da Xunta para a creación de superficies forestais coa plantación de coníferas e frondosas en máis de 2.500 ha
Esta liña de achegas da Consellería do Medio Rural supón un investimento de preto de 5 millóns de euros
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural das axudas concedidas para a creación de superficies forestais. A Xunta concedeu estas achegas a todas aquelas solicitudes que cumprían cos requisitos requiridos. Así, un total de 173 beneficiarios plantarán coníferas e frondosas -tales como piñeiros, carballos, castiñeiros e nogueiras- en 2.527 hectáreas, a través dunha axuda de preto de 5 millóns de euros para as anualidades de 2021 e 2022 (correspondendo 1,2 millóns ao 2021 e os 3,5 restantes ao 2022).
Se analizamos as solicitudes por provincias, o 37% correspóndese á provincia de Ourense con 64 beneficiarios que crearán 1.311 hectáreas, seguida pola provincia de Lugo con 53 beneficiarios e 523 hectáreas. En Pontevedra son 42 os beneficiarios con 547 hectáreas e, finalmente, na Coruña serían 14 os beneficiarios que crearán 147 hectáreas. Doutra banda, se desagregamos os datos dos beneficiarios, das 173 solicitudes totais aprobadas, 149 correspóndense a comunidades de montes veciñais en man común, 14 a particulares e 10 a agrupacións.
O obxecto desta liña de subvencións é fomentar a creación de superficie forestal naqueles terreos que estean identificados no Sistema de Identificación Xeográfica de Parcelas Agrícolas (Sixpac) como forestal, pasto con arboredo ou pasto arbustivo. Así, no que respecta ás actuacións subvencionables, nesta liña de achegas inclúense os gastos de plantación forestal e da área de defensa contra incendios forestais, é dicir, o tratamento da vexetación preexistente, a preparación previa do terreo e a adquisición de planta. Así mesmo, tamén son susceptibles de subvención as infraestruturas de acompañamento e as obras complementarias.
Estas subvencións, que están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), van destinadas ás Sociedades de Fomento Forestal (Sofor), aos propietarios particulares de forma individual e ás asociacións e agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia. Tamén están incluídas as cooperativas agrarias, os proindivisos, os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens, as entidades locais, outras persoas xurídicas e as comunidades de montes veciñais en man común.
Pódese consultar a resolución na seguinte ligazón:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210817/AnuncioG0426-210721-0004_gl.html