O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias visitou a zona, en compañía do tenente de alcalde da Estrada e de membros da Asociación da Rapa

A Xunta rozou unhas 100 hectáreas en Sabucedo para facilitar a alimentación do gando cabalar

José Balseiros destacou que esta iniciativa se enmarca no plan de pastos que desenvolve a Consellería do Medio Rural e tamén no seu compromiso a prol do benestar animal

A Estrada (Pontevedra), 20 de agosto de 2021

A Xunta procedeu a rozar unha extensión aproximada de 100 hectáreas, a petición da Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, en terreos desta parroquia estradense, co fin de favorecer a produción de alimento para o gando cabalar.

Así o explicou hoxe o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, quen, acompañado polo tenente de alcalde da Estrada, Juan Constenla, e por membros deste colectivo, visitou hoxe a área forestal rozada en beneficio da asociación.

A roza fíxose no marco do plan de pastos que está a desenvolver en varias fases a Consellería do Medio Rural en diferentes concellos galegos e que prevé, no seu conxunto, actuar nunhas 2.250 hectáreas cun investimento total de arredor de 9,5 millóns de euros

Nesta visita, o director xeral salientou tamén que se atendeu a solicitude da asociación en coherencia coas medidas de salvagarda do benestar animal, xa que as condicións meteorolóxicas do pasado inverno foron especialmente adversas á hora de facilitar alimento para os cabalos no monte. Deste xeito, prevese que a roza levada agora a cabo en Sabucedo facilite a existencia de pasteiros na vindeira primavera que forneceran de sustento a este gando.

Ao tempo, José Balseiros puxo tamén en valor a ampla tradición cabalar de Sabucedo e os seus vencellos coa historia, a cultura e mesmo o turismo, xa que a Rapa anual que se vén celebrando nesta parroquia atrae a milleiros de afeccionados e mesmo a medios de comunicación de todo o mundo, o que incide de xeito moi positivo na imaxe da Estrada como destino turístico natural e sustentable.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural