O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal abriu unhas xornadas de formación sobre a certificación organizadas por FSC en colaboración coa Consellería do Medio Rural
A Xunta destaca a aposta do Plan Forestal de Galicia pola certificación como vía para consolidar a xestión sustentable dos montes na nosa comunidade
José Luis Chan destacou a importancia dos selos de certificación para garantir o acceso da madeira dos nosos montes aos mercados, á vez que se asegura tamén a propia sustentabilidade e xestión dos terreos forestais
A 1ª revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 (PFG) “Cara á neutralidade carbónica” -publicada o pasado luns no Diario Oficial de Galicia- ten como un dos seus obxectivos clave o fomento de proxectos de ordenación de montes e instrumentos equivalentes de xestión forestal sustentable. Así, márcase como obxectivo chegar a unha superficie total ordenada ao final do Plan de 850.000 hectáreas. Delas, procurarase que cando menos 650.000 dispoñan da certificación forestal mediante calquera dos sistemas recoñecidos internacionalmente.
Así o destacou hoxe o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, na apertura da xornada de formación on line e do obradoiro sobre grupos de xestión forestal organizados por FSC en colaboración coa Consellería do Medio Rural e que se desenvolven, respectivamente, no Pazo de Quián, en Sergude (Boqueixón) e na Escola Superior de Enxeñería da USC, ao longo de hoxe e mañá.
Na súa intervención, José Luis Chan destacou a importancia dos selos de certificación para garantir o acceso da madeira dos nosos montes aos mercados, á vez que se asegura tamén a propia sustentabilidade e a xestión dos terreos forestais. De aí, sinalou, que sexa necesario realizar un esforzo conxunto por incrementar as superficies forestais certificadas na nosa comunidade, co fin de asegurar a viabilidade dos aproveitamentos forestais en xeral e dos madeireiros en particular.
Montes certificados
O director xeral lembrou ademais que Galicia dispón de máis de 100.000 hectáreas baixo o sistema FSC dos que a Xunta achega unhas 32.000 (32%) a través de 76 montes de xestión pública. O incremento desta superficie certificada estase demostrando en datos como a próxima poxa de montes de xestión pública en Ourense, con 13 lotes de madeira con dobre certificación forestal (polos sistemas internacionais PEFC e FSC). Ademais, Chan salientou tamén que a Xunta foi a primeira entidade en toda España en ter o certificado de servizo ecosistémico por secuestro de carbono, vinculado á certificación forestal FSC.
Nesta webinar de hoxe en Sergude estanse a avaliar, entre outras cuestións, as últimas novidades en relación co estándar de grupo FSC, así como a súa aplicación a plantación forestais ou a súa posta en práctica. No obradoiro, que terá lugar mañá na USC, está prevista, precisamente, a presentación dun caso práctico de aplicación da certificación e o traballo en grupos, así como a posta en común, sobre as solucións ao devandito caso.