Luis López destaca a oferta formativa laboral da Xunta no Salnés, con 900 prazas e un investimento de 3,6 M€, na clausura do obradoiro de emprego ‘Labora Xove 2020’ de Vilagarcía

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra presidiu o acto de peche desta iniciativa profesional xuvenil, impulsada pola Consellería de Emprego e Igualdade e que formou a 16 mozas e mozos cun investimento de 370.000€

Os participantes, de ata 30 anos de idade, recibiron formación durante doce meses con prácticas profesionais nos módulos de Socorrismo Acuático e Goberno de Embarcacións de Salvamento e Instalación e Mantemento de Zonas Verdes e Aproveitamento Forestal

O representante autonómico destacou o “bo traballo” do obradoiro e felicitou aos participantes, “xa que mellorastes moito a vosa empregabilidade en sectores con boas saídas profesionais e índices de ocupación na comarca do Salnés”

A Xunta financia na actualidade cinco novos obradoiros de emprego, 47 cursos AFD de formación para desempregados e un Programa Integrado na comarca arousana

Vilagarcía de Arousa, 3 de novembro de 2021

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, destacou esta mañá a ampla oferta formativa laboral que está a desenvolver e impulsar na actualidade o Goberno galego na comarca do Salnés, con 900 prazas e un investimento de 3,6 millóns de euros, durante o acto de clausura oficial do obradoiro de emprego xuvenil Labora Xove 2020, concedido ao Concello de Vilagarcía de Arousa.
Neste intre, a Xunta de Galicia está a financiar máis de medio cento de iniciativas laborais para 900 persoas desempregadas na comarca arousana a través dos cinco novos obradoiros de emprego outorgados a Vilanova (2), Vilagarcía, O Grove e a Mancomunidade do Salnés, dos 47 cursos AFD de formación para desempregados que están comezando a impartir unha ducia de entidades, empresas ou institucións e do Programa Integrado de Emprego (PIE) da mancomunidade.
“Temos un enorme compromiso co emprego e por iso dende a Xunta despregamos numerosas e variadas accións, adaptadas ás necesidades das distintas persoas que buscan un traballo e orientadas a mellorar a súa empregabilidade e favorecer a súa inserción no mercado laboral. Ademais, a comarca do Salnés é un dos espazos de actuación prioritarios e de aí a elevada oferta para aprender oficios moi diversos”, sinalou o representante autonómico.
Luis López revelou a posta en marcha destas iniciativas formativas para Arousa no acto de peche e entrega de diplomas e certificados de profesionalidade do obradoiro de emprego Labora Xove 2020, que presidíu xunto á concelleira Alba Briones e a xefa territorial de Emprego e Igualdade, Marta Mariño.
Este programa xuvenil formou a 16 mozos e mozas de ata 30 anos de idade durante os últimos doce meses nos módulos de Socorrismo Acuático e Goberno de Embarcacións de Salvamento e Instalación e Mantemento de Zonas Verdes e Aproveitamento Forestal. Esta iniciativa laboral, que incluíu ensinanzas teóricas e prácticas profesionais cunha carga lectiva global de 1.920 horas, foi impulsada pola Consellería de Emprego e Igualdade cun investimento de 370.000 euros.
O delegado territorial quixo destacar o “bo traballo” realizado neste obradoiro e ademais felicitou aos 16 participantes, “xa que aproveitastes este ano de formación e mellorastes moito a vosa empregabilidade en sectores que rexistran boas saídas laborais e índices de ocupación en xeral en toda Galicia e, por suposto, na comarca do Salnés”. “Tedes toda a vida por diante, coñecementos e certa experiencia para traballar nestes oficios e moitas posibilidades de acadar un emprego na vosa zona e todo isto fan que este obradoiro pague moito a pena”, concluíu Luis López.

Imaxes relacionadas