A Xunta inxectou 4,5 M€ ás 42 agrupacións de Protección Civil da provincia na última década para reforzar a atención cidadá de proximidade
O delegado territorial, Luis López, reafirma o apoio do Goberno galego a estes servizos nun encontro co presidente da asociación provincial destas entidades, Víctor Otero, e a súa xunta directiva no edificio administrativo de Campolongo
A asociación, que recibe anualmente unha achega da Xunta de 5.500€ para o seu funcionamento, celebra mañá o seu encontro anual en Cangas do Morrazo
“Protección Civil fai un labor impagable a prol da sociedade, cheo de altruísmo e sacrificio, e por iso debemos agradecer o seu traballo e amosar todo o noso apoio aos 1.324 voluntarios da provincia que nos coidan cada día”, destacou Luis López
A Xunta de Galicia inxectou, a través da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, 4,5 millóns de euros para equipamentos, materiais e gastos de funcionamento nas 42 agrupacións de Protección Civil existentes na provincia de Pontevedra ao longo da última década para reforzar a resolución de incidencias e a atención cidadá de proximidade.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou deste “gran apoio” do Goberno galego nunha reunión mantida este mediodía, xunto ao xefe provincial de Emerxencias, Miguel Ángel Pérez Dubois, co presidente da Asociación Provincial de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil e máximo responsable da entidade do Grove, Víctor Otero, e a súa xunta directiva no edificio administrativo de Campolongo.
“Quixemos manter un encontro de contacto para amosarlles o total respaldo da Xunta de Galicia e para escoitar as súas inquedanzas e necesidades nas vésperas do seu encontro anual, que vai ter lugar mañá en Cangas do Morrazo e que vai contar coa presenza dunhas quince agrupacións e preto dun cento de persoas”, detallou o representante autonómico, que revelou que a Xunta outorga anualmente unha achega de 5.500 euros a esta entidade provincial a través dun convenio para gastos de funcionamento e destinados a actividades de prevención, promoción, divulgación, información, formación e socorro.
“Protección Civil fai un labor impagable, a través destas 42 agrupacións, en practicamente os 61 concellos da provincia, xa que bastantes destas entidades abranguen territorios intermunicipais. E dito traballo está cheo de altruísmo e de sacrificio, adicando tempo a axudar aos demais no canto de estar coa familia e cos amigos, polo que, dende a Xunta, queremos agradecer este esforzo e amosar todo o noso respaldo e colaboración aos 1.324 voluntarios de Protección Civil da provincia de Pontevedra que coidan de todos nós cada día”, concluíu o delegado territorial.
Ao remate do encontro, Víctor Otero impúxolle a insignia de honra da asociación provincial ao delegado territorial, que agradeceu o detalle e amosouse moi honrado polo xesto.