A Xunta concede 4 M€ a máis de 400 beneficiarios das axudas para a prevención dos danos causados por incendios e desastres naturais
A través destas achegas contribúese a minorar as consecuencias e os impactos negativos que os lumes forestais poidan provocar sobre a capacidade potencial de desenvolvemento e produción dos montes
Esta orde conta con dúas liñas de subvención, unha para o control selectivo de combustible -con 356 beneficiarios e 3,3 millóns de euros- e outra para a construción de puntos de auga -con 58 beneficiarios e preto de 680.000 euros-
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural das subvencións para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e en sociedades de fomento forestal (Sofor). A través desta orde, a Consellería achegará preto de 4 millóns de euros a un total de 409 beneficiarios entre os que hai titulares de montes veciñais en man común, agrupacións e mancomunidades e sociedades de fomento forestal (Sofor).
Así, estas achegas -cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader)- contribúen a minorar as consecuencias e os impactos negativos que os incendios forestais poidan provocar sobre a capacidade potencial de desenvolvemento e produción dos montes e, en conxunto, sobre a fauna, a flora e a paisaxe de Galicia.
Neste senso, se analizamos os datos xenéricos por provincias, na da Coruña hai un total de 34 beneficiarios con case 300.000 euros de axuda, na de Lugo os beneficiarios son 87 cunha contía de case 800.000 euros, en Ourense son 169 as solicitudes aprobadas por un valor de case 1,9 millóns de euros e, finalmente, Pontevedra con 119 beneficiarios por unha axuda total de algo máis dun millón de euros.
Así mesmo, cabe sinalar que nesta orde de axudas establecéronse dúas liñas de subvencións: unha para o control selectivo de combustible e outra para a construción de puntos de auga. A primeira liña engloba todas aquelas accións encamiñadas a eliminar ou reducir os riscos que poden ser causa da ocorrencia de incendios forestais e da súa propagación. Así, as actuacións subvencionables consisten no control selectivo do combustible en áreas de devasas, faixas auxiliares de pista, faixas cortalumes existentes, rexenerado forestal natural así como na roza de penetración, rareo e eliminación de restos das entrefaixas de masas forestais, coa finalidade de reducir a carga de combustible presente no monte e crear zonas con descontinuidade horizontal e vertical, contribuíndo así á anticipación aos lumes.
En total, nesta liña hai 356 beneficiarios que recibirán 3,3 millóns de euros. No caso da construción de puntos de auga, hai 53 expedientes aprobados aos que corresponde unha axuda de case 680.000 euros.
O enlace á resolución do DOG é o seguinte:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20211110/AnuncioG0426-251021-0004_gl.html