Luis López destaca as accións de formación e inserción da Xunta como “motor do emprego” para rebaixar o paro nun 25% no que vai de ano no Salnés

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, acompañado da presidenta da Mancomunidade do Salnés, Marta Giráldez, e do alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, presidíu a clausura e entrega de diplomas do 9º Programa Integrado de Emprego da comarca

Esta iniciativa, financiada pola Consellería de Emprego e Igualdade con 250.000€, contou cun cento de participantes e desenvolveuse durante o último ano cun amplo itinerario formativo para mellorar a súa empregabilidade e habilidades profesionais

Sanxenxo, 11 de novembro de 2021.- O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, destacou que as accións de formación laboral, mellora da empregabilidade e fomento da inserción impulsadas polo Goberno galego na comarca do Salnés están a ser o “motor do emprego” que empuxan á rebaixa do paro en máis dun 25% nesta bisbarra no que vai do presente ano.

“O compromiso da Xunta coa creación de emprego é claro, visible e recoñecido, xa que temos en marcha accións que están a formar a 900 persoas no Salnés cun investimento de 3,6 millóns. Todo elo, que dá continuidade ao impulsado xa no ano anterior, está a xerar unha dinámica moi positiva no mercado laboral, porque cómpre lembrar que a comarca comezou este difícil ano con 9.350 persoas sen emprego e, grazas ao traballo de todos e a forte aposta da Xunta con obradoiros, cursos AFD, este programa e moitas outras accións, xa rebaixamos a cifra por debaixo dos 7.000 ao peche do pasado mes de outubro e queremos continuar nesta liña descendente”, sinalou o representante autonómico.

O delegado territorial fixo balance das accións laborais impulsadas pola Xunta e do descenso do paro no Salnés nestes primeiros dez meses do ano no acto de clausura e entrega de diplomas do 9º Programa Integrado de Emprego (PIE) da Mancomunidade do Salnés, celebrado no Real Clube Náutico de Sanxenxo e que tamén contou coa presenza da presidenta da entidade, Marta Giráldez, e do alcalde anfitrión, Telmo Martín, así como doutras autoridades, o profesorado e gran parte dos cen participantes.
Esta iniciativa laboral, que foi financiada pola Consellería de Emprego e Igualdade con 250.000 euros, desenvolveuse durante os últimos doce meses cun amplo itinerario formativo orientado a mellorar a empregabilidade e as habilidades profesionais dos participantes.

O PIE da Mancomunidade do Salnés “cumpríu sobradamente os obxectivos fixados pola Xunta grazas ao gran traballo de todos”, apostillou Luis López, que cifrou a inserción laboral acadada nun 91% malia que só computaban os contratos a xornada completa por un período mínimo de tres meses. As accións deseñadas distribuíronse nos ámbitos da orientación, con nove talleres; a formación, con 27 cursos; as prácticas, con 30 alumnos participando neste formato; e a prospección, xa que xestionáronse 844 ofertas de traballo e establecéronse contactos con 712 empresas.

Ademais, os itinerarios profesionais centráronse nas principais ramas empresariais da bisbarra do Salnés, como o viño, a soldadura, os traballos de almacén, a agricultura ecolóxica, o mar, os traballos de carretilleiro e excavadora, a prevención de riscos laborais ou a informática, entre outros. Paralelamente, concedéuselle gran importancia ás novas tecnoloxías no eido dos cursos formativos mentres que as prácticas empresariais apuntaron a sectores punteiros de renovables, enerxía eólica, loxística, metalurxia, almacén, mar, asesorías e adegas.

Imaxes relacionadas