A Xunta destaca a AGASP como centro de referencia en Galicia na formación das forzas de seguridade e dos servizos de emerxencias

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou esta mañá na Academia na inauguración da segunda das xornadas do “III Congreso Internacional de Criminalística Aplicada. Intelixencia Criminal e Terrorismo”

O evento clausurarase mañá na Cidade da Cultura coa entrega das Medallas ao Mérito Profesional e Académico que recibirán, entre outros, o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o director xeral de Emerxencias e Interior

A Estrada (Pontevedra), 16 de novembro de 2021

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe na inauguración da segunda das xornadas do III Congreso Internacional de Criminalística Aplicada que se inaugurou onte no Hispanic American College (HAC) da Coruña e continúa hoxe nas instalacións da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).
Na súa intervención antes de dar paso á ponencia O perigo do terrorismo xihadista para España do exxefe de Contraintelixencia e Xeguridade do Exército Europeo en Estrasburgo, Pedro Baños, o director xeral de Emerxencias e Interior agradeceu ao Instituto Internacional de Criminalística Aplicada (INICA) que escollese un ano máis a Academia como unha das sedes deste evento con expertos de relevancia internacional no ámbito da intelixencia criminal e o terrorismo, os temas sobre os que se centra esta edición.
Santiago Villanueva destacou que a AGASP supón un punto de encontro para acoller congresos coma estes que inciden na actividade diaria das forzas de corpos de seguridade e dos servizos de emerxencias que traballan en Galicia ao que asistirán neste caso axentes de policía.
Co obxectivo de ofrecer un servizo de calidade á cidadanía, axentes da Policía Autonómica, Policía Nacional, Policía Local e Garda Civil xunto con efectivos dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais e dos servizos de Protección Civil dos concellos reciben na AGASP cursos da formación continua para actualizar os seus coñecementos.
O director xeral de Emerxencias e Interior salientou o importante labor que desempeñan cada día os efectivos que traballan por garantir na comunidade a seguridade dos cidadáns e o papel clave da AGASP como centro de referencia na súa formación. Cada semana
-sinalou- polas aulas da Academia pasan máis de 500 profesionais para formarse en materias de aplicación práctica no seu traballo diario.
Deste xeito, través do convenio asinado en 2015 entre o Ministerio do Interior e a Xunta para a colaboración na formación e actualización do persoal da Garda Civil e a Policía Nacional que traballa na comunidade, a AGASP pon á disposición as súas instalacións para distintas actividades formativas, que se mantiveron de forma online durante a pandemia do coronavirus recuperándose neste último trimestre de forma presencial.
A AGASP está a formar tamén aos 97 alumnos da 13ª promoción de Policía Local para cubrir prazas en 35 municipios e 53 da 8ª promoción de oficial de Policía Local que prestarán servizo en 19 concellos. A Xunta colabora desde 2017 cos concellos galegos na selección e formación dos membros da Policía Local, a través dun convenio asinado coa FEGAMP, ao que se adheriron 89 municipios dos 129 con corpo de Policía Local para delegar no Goberno galego a selección dos seus policías locais mediante oposicións unificadas.

Clausura do congreso e entrega de medallas

Tras as xornadas de onte na Coruña e hoxe na AGASP, o III Congreso de Criminalística Aplicada clausurarase hoxe na Cidade da Cultura coa entrega das Medallas ao Mérito Profesional e Académico que, por parte da Xunta, recibirán o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva.

Tamén recibirán a condecoración Rosario Martín, secretaria do Tesouro de EEUU; Javier Sánchez Fernández, xeneral de División; o coronel José Luis Sales Blanco, xefe de Estado Maior da misión da UE en Mogadisco para o adestramento das forzas somalíes na loita contra o terrorismo; José Miguel Gaona, psiquiatra forense e membro da Academia de Ciencias de Nova York; Ray Cazorla, presidente do Hispanic American College; o tenente coronel Scott Smitson, exxefe da rama de Estratexia Militar do Comando Sur de EEUU; o comandante Bryan Thomas Rozman, estratega de dirección no Pentágono e servizos en Bosnia, Irak e Afganistán e William Rodríguez, que supervivente do 11S.

Imaxes relacionadas