A Xunta aumentará nun 15% os pagos aos colexios de avogados e procuradores pola asistencia xurídica gratuíta

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, reuniuse hoxe co decano do Colexio de Avogados de Lugo, Félix Mondelo, ao que lle trasladou que este incremento se aplicará nos próximos 3 anos e cun aumento en base ao IPC galego na última

A Xunta destinará 200.000€ ao convenio para dar cobertura a través da quenda de oficio a actuación da orde penal que non cumpren os requisitos da Lei de Asistencia Xurídica Gratuíta

Juan José Martín destacou o compromiso da Xunta con este servizo fundamental para garantir a igualdade de acceso á Xustiza da cidadanía coa mellora continuada desde 2009 dos baremos de compensación dacordo cos colexios de avogados e procuradores

Tamén incidiu en que o Goberno galego reforza a súa aposta pola quenda de oficio con 13,3M€ nos orzamentos de 2022
 

Lugo, 16 de novembro de 2021

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, reuniuse hoxe co decano do Colexio de Avogados de Lugo, Félix Mondelo, ao que trasladou a aprobación por parte da Xunta dun incremento dun 15% de media nas compensacións económicas aos colexios de avogados e procuradores polas actuacións no ámbito da asistencia xurídica gratuíta. As novas contías estarán vixentes desde o cuarto trimestre deste 2021 cun horizonte temporal de 4 anos.

Na visita de hoxe ao Colexio de Avogados de Lugo, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, o director xeral de Xustiza aclarou que no relativo aos avogados, supón un incremento do 15% nos baremos que perciben por atender a quenda de oficio que se acadaría nos tres próximos anos. Ademais, para o incremento da última anualidade previsto para 2025, a suba realizaríase en base ao IPC galego.

As melloras supoñen o incremento das contías en todos os procedementos, ademais de que tamén amplía a compensación a novos conceptos non contemplados ata agora como os de asistencia letrada ao detida aínda que non conleve declaración, as saídas para entradas e rexistros domiciliarios na orde penal, as ampliacións nas demandas de execución en materia de familia, as execucións civís con oposición, os procesos derivados doutros de división de patrimonio ou a retribución de xeito porcentual polos investigados que actúan baixo a mesma defensa no mesmo procedemento.

Ademais, equipararanse os importes do procedemento penal abreviado ao de xuízo rápido sen conformidade, os do proceso de modificación de medidas aos de familia contenciosos e na orde de protección igualaranse as contías dos avogados de ambas partes.
Juan José Martín destacou que o Goberno alego continúa avanzando así na mellora da asistencia xurídica gratuíta, un servizo fundamental para garantir a igualdade de acceso á Xustiza de toda a cidadanía e que se reflicte tamén nos orzamentos da Xunta para 2022 con 13,3 millóns de euros destinados á quenda de oficio.

A aposta da Xunta pola quenda de oficio sitúa actualmente a Galicia se sitúa actualmente entre os primeiros postos de España no referente ás compensacións aos profesionais por este servizo, sobre todo nalgúns procedementos da xurisdición Penal.

Por outra banda, a Xunta negocia a firma dun convenio para a retribución aos avogados designados xudicialmente de forma directa en supostos de orde penal aos que logo a Comisión de Asistencia Gratuíta denegaba o dereito por insuficiencia de documentación. O acordo, para o que a Xunta reservará en torno aos 200.000 euros, permitirá o pago compensatorio nestes asuntos penais nos que existan indicios obxectivos de insolvencia. Este convenio tamén permitirá o pago das actuacións dos letrados ás persoas xurídicas que non designen avogado propio, xa que na actualidade tampouco poden solicitar a quenda de oficio se son investigadas pola vía penal.

O director xeral de Xustiza lembrou que a Xunta acordou a partir do ano 2009 mellorar a prestación da xustiza gratuíta e actualizar os baremos de compensación aos letrados e procuradores, un acordo cos colexios de avogados e procuradores que se mantivo e que se foi actualizando ata o ano 2017, momento no que se revisaron á alza as cantidades indemnizadoras por cada procedemento.
 

Imaxes relacionadas