O conselleiro do Medio Rural compareceu a petición propia no Parlamento para dar conta do balance de incendios forestais correspondente a 2021
O convenio de protección das aldeas fronte o lume completou a comprobación das faixas de 92 concellos e 685.000 parcelas cunha superficie xestionada do 65%
José González destacou que estas parcelas suman preto de 44.000 hectáreas, das cales están xestionadas case que 29.000 ha repartidas en 432.000 parcelas
Trasladou que se levan xeradas 35.326 notificacións e 33.129 publicacións en diarios oficiais, para advertir os propietarios das parcelas non xestionadas de que no caso de que non fagan a limpeza procederase á execución por parte da Administración
O convenio de protección das aldeas fronte os incendios forestais, asinado entre a Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e Seaga, está a dar os seus froitos, como amosan os seus principais datos. Así, completouse a comprobación da totalidade das faixas secundarias de 92 concellos galegos e comprobouse o estado de 685.000 parcelas, que suman case que 44.000 hectáreas, sendo a porcentaxe de superficie xestionada dun 65%, é dicir, preto de 29.000 hectáreas repartidas en 432.000 parcelas.
Estas cifras foron destacadas polo conselleiro do Medio Rural, José González, durante a súa comparecencia a petición propia no pleno do Parlamento galego, para dar conta do balance dos lumes forestais deste ano e dos labores preventivos desenvolvidos pola Consellería.
O titular de Medio Rural trasladou, ademais, que ao abeiro deste convenio, con datos de 30 de novembro, lévanse xeradas un total de 35.326 notificacións e 33.129 publicacións en diarios oficiais, para advertir os propietarios das parcelas non xestionadas de que no caso de que non fagan a limpeza procederase á execución por parte da Administración pública, coa conseguinte repercusión do custo e coa imposición da correspondente sanción.
Tamén en relación co convenio, José González lembrou que grazas a el xa se entregaron por parte da Consellería do Medio Rural 242 plans municipais anti incendios a outros tantos concellos. Deles, salientou, xa están aprobados un total de 158. A maiores, José González trasladou que neste ano 2021 decidiuse implantar un piloto de oito concellos nos que se acometen os traballos de limpeza por parte da Xunta e que está previsto estender estes labores a outros catro municipios nos vindeiros meses, para completar un total de 12 concellos, escollidos en base a criterios técnicos e de ocorrencia de incendios, coas súas franxas secundarias (as máis próximas ás vivendas) completamente xestionadas antes da tempada de máximo risco do vindeiro ano 2022.
Xestión do territorio
Na súa intervención, o conselleiro fixo especial fincapé no feito de que, en Galicia, a loita contra os incendios forestais pasa ineludiblemente pola xestión do territorio, partindo, iso si, da base de que o monte arde porque o queiman os incendiarios. Por iso defendeu un uso agrícola, gandeiro e forestal sustentable da terra, como fórmula de xeración de actividade económica, pero tamén como a mellor devasa natural fronte o lume. Neste ámbito de actuación, destacou, móvense tanto a Lei de recuperación da terra como o Plan forestal 2021-2040, uns instrumentos que -dixo o conselleiro- vanse completar no 2022 coas leis de loita integral contra os incendios forestais e de calidade alimentaria, esta última como mecanismo de valorización da produción agrogandeira galega.
Neste contexto, en relación co balance de lumes de 2021, José González trasladou que se rexistraron un total de 954 incendios en Galicia, cunha superficie afectada de 4.371,9 hectáreas, uns datos que, salientou, amosan unha tendencia positiva nos últimos exercicios, malia que insistiu en que “mentres en Galicia arda unha soa hectárea non estaremos conformes”. Así mesmo, canto o número de rexistros, destacou que é a primeira vez na serie histórica que se baixa de mil lumes e que só un 14% deles (135 en total) se converteron en incendios, mentres que o resto quedaron en conatos.
O conselleiro atribuíu estes bos resultados ao bo facer do dispositivo, á maior concienciación cidadá e ao efecto que están producindo medidas como a posta en marcha do teléfono de denuncias dos comportamentos incendiarios 900 81 50 85, o incremento dos medios técnicos -caso das cámaras de vídeo vixilancia o os drons- e a creación da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO). Así, destacou que a UIFO, formada por 15 membros da escala de axentes ambientais, está centrada especificamente na investigación dos lumes e na coordinación e colaboración co resto de Corpos e Forzas de seguridade do Estado e recordou tamén a ampliación da rede de cámaras de vixilancia, ata chegar a abarcar con elas arredor do 70% do territorio galego, así como a dotación de 12 drons para o servizo.
O conselleiro tamén lembrou -como outra das causas desta mellora nas cifras- que desde o ano 2018, tras os lumes do 2017, aumentouse o tempo anual de actividade do persoal fixo descontinuo, pasando así de tres meses de traballo en 2017 a seis meses na actualidade.
Nesta mesma liña, González mencionou ademais a creación da subdirección de prevención dentro da Dirección Xeral de Defensa do Monte, que permitiu o despregue dun importante traballo preventivo e de anticipación, coa presenza no territorio de 250 operarios, 41 tractores e outra maquinaria destinada a acondicionar as pistas de cara ao próximo verán.
En parecidos termos, o conselleiro puxo tamén en valor iniciativas como Interlumes, que permitirá a creación da primeira base aérea transfronteiriza anti incendios forestais entre Galicia e Portugal, ou o Centro integral de loita contra o lume que se está a desenvolver na localidade ourensá de Toén e no que xa se están iniciando as obras neste 2021.
Por outra banda, José González salientou que o seu departamento destina o 33% do orzamento global á prevención de incendios. Así, manifestou que, das contas de Medio Rural, máis de 207 millóns de euros corresponden a prevención, fronte aos case 91 millóns máis destinados á extinción.
Lei de loita integral contra os incendios
Ademais, o conselleiro debullou algúns dos principais contidos da futura Lei de loita integral contra os incendios forestais. Así, salientou que esta norma será froito dun proceso participativo coordinado pola Universidade Vigo no que interviñeron máis de 200 persoas. Este labor derivou nunhas directrices que servirán de punto de partida para a elaboración do anteproxecto de lei e que, anunciou, serán presentadas ao Consello Forestal do vindeiro 11 de xaneiro, como paso previo ao inicio da tramitación da norma, que entrará no Parlamento antes de que remate o 2022.
Estas directrices establecerán, entre outros principios, a distribución competencial na loita contra o lume. Neste sentido, o conselleiro afeou que nestes momentos só se estean entregando tractores para prevención aos concellos da provincia de Ourense, por parte desa Deputación, mentres o resto de deputacións galegas néganse a colaborar coa Xunta no financiamento destas máquinas.
Tamén en relación coa futura lei, o conselleiro sinalou que o sistema galego de loita integral contra os incendios debe basearse nunha estrutura profesionalizada, que debe estar composta principalmente por persoal propio da Consellería do Medio Rural, complementado con novas brigadas municipais tamén profesionais, cun mecanismo de selección uniforme a nivel autonómico e cun tempo de contratación mínima de seis meses. Algo no que -salientou González- tamén se require a implicación financeira das deputacións provinciais. Ademais, márcase a necesidade de configurar equipos especializados específicos para a intervención nos grandes incendios e na súa análise posterior, así como dunha definición máis pormenorizada da figura do director técnico de extinción, que debe contar cun equipo de apoio.
Do mesmo xeito, trasladou que as devanditas directrices que definen o sistema deben distinguir entre a planificación preventiva e a execución das tarefas de prevención en sentido estrito, e tamén deben contemplar a extinción e a restauración e recuperación dos terreos afectados polos lumes.
A maiores, o conselleiro indicou que esta norma debe tamén recoñecer o papel fundamental das brigadas específicas dedicadas a investigación, avalando deste xeito a creación da UIFO, e que ten que coordinar os seus contidos cos das leis de montes e de recuperación da terra agraria, tomando como concepto clave o da xestión do territorio, para acadar esa efectiva anticipación ao lume. Así, as directrices da lei integral fronte o lume definen figuras como as paisaxes cortalumes, que buscan a xeración de descontinuidades na biomasa e que inclúen as áreas e polígonos cortalume da Lei de recuperación, así como as agrupacións forestais de xestión conxunta ou as redes de faixas de xestión da biomasa. Tamén se contempla o concepto de paisaxe en mosaico, tan tradicional e vencellado ao territorio galego.
Pacto fronte os lumes
Por último, en relación coa tramitación desa lei integral, o conselleiro advertiu que pode ser o marco ideal para que todos os grupos parlamentarios acaden “un pacto da comunidade galega para poder levar a cabo unha estratexia conxunta nesta loita contra os incendios e contra a actividade incendiaria”, remarcou.
Nesta liña, animou a todos, “goberno, grupos parlamentarios, expertos e membros do servizo” a “afrontar os retos que nos supón estea loita e a ter a suficiente altura de miras para cumprir co mandato que nos deron os cidadáns que nos votaron: poñernos de acordo na solución dos seus problemas”.