A Xunta avanza na revalorización e na recuperación de terreos abandonados en zonas de alta incidencia de incendios no marco do proxecto europeo Forvalue

Técnicos do Centro de Investigación Forestal de Lourizán e da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal veñen de participar en senllas xornadas de intercambio nos concellos de Arbo, As Neves e Carballeda de Avia, onde se debateu como poñer en valor as terras en estado de abandono

Ao abeiro da iniciativa europea Forvalue, búscase avanzar en modelos que melloren a resiliencia fronte aos lumes con visión transfronteiriza e xerar unha interacción de aprendizaxe mutua entre os técnicos e as Administracións galega e portuguesa

A partir das cuestións presentadas, seguirase elaborando un proxecto de xestión de cada zona piloto que volverá ser debatido nun taller técnico que se celebrará no próximo mes de febreiro
 

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2021

Técnicos do Centro de Investigación Forestal, dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, e da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal veñen de participar en senllas xornadas de intercambio nas áreas piloto dos concellos pontevedreses de Arbo e As Neves e do ourensán de Carballeda de Avia, establecidas no marco do proxecto europeo Forvalue que busca mellorar a resiliencia fronte aos lumes forestais. Nos encontros, debatéronse medidas para revalorizar e recuperar os terreos abandonados nesas zonas, seleccionadas pola alta incidencia de incendios.

Coordinadas pola Dirección Xeral, nas xornadas participaron integrantes da mencionada iniciativa europea xunto cos alcaldes de cada un dos municipios, percorrendo as zonas e tratando tanto as problemáticas como as oportunidades que ofrece cada caso para a revalorización e recuperación dos terreos que están abandonados. A partir das cuestións presentadas, seguirase elaborando un proxecto de xestión de cada zona piloto que volverá ser debatido nun taller técnico que se celebrará no próximo mes de febreiro.

Cabe destacar que estas áreas piloto de Arbo, As Neves e Carballeda de Avia foron seleccionadas pola súa alta incidencia histórica de incendios forestais. Así, o obxectivo é aportar coñecementos técnicos que axuden a unha xestión máis eficiente desas zonas favorecendo a xestión conxunta do territorio. En definitiva, preténdese avanzar na práctica en modelos que melloren a resiliencia con visión transfronteiriza e xerar unha interacción entre marcos técnicos e institucionais (galego e portugués) de aprendizaxe mutua.

O proxecto Forvalue

O proxecto Forvalue constitúe un marco de colaboración transfronteriza, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (Poctep) 2014-2020, para compartir experiencias e xerar ferramentas que favorezan a resiliencia do territorio fronte aos incendios.

A iniciativa está coordinada pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria -dependente da Consellería do Medio Rural- a través do Centro de Investigación Forestal de Lourizán. Tamén participan a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, o Instituto de Estudos do Territorio, a Universidade de Santiago de Compostela, a Asociación Forestal de Galicia, o Instituto Politécnico de Viana do Castelo, Forestis - Associação Florestal de Portugal e a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho.
 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural