A Xunta concede a 118 Anpas as axudas para a xestión de comedores escolares

Resolve a convocatoria dotada cun orzamento total de 1,2M, o dobre respecto do ano anterior

A finalidade é sufragar parte dos gastos nos que incorreron estas entidades na prestación do servizo durante o pasado curso

Santiago de Compostela, 25 de decembro de 2021

A Xunta de Galicia vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se conceden as axudas destinadas ao cofinanciamento dos servizos de comedor escolar xestionados polas asociacións de nais e pais do alumnado (anpas).

Son en total 118 as entidades beneficiadas desta convocatoria, para a que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade duplicou este ano o orzamento, elevándoo ata os 1,2M€. A finalidade destas axudas é sufragar parte dos gastos nos que incorreron estas entidades na prestación do servizo durante o pasado curso. A relación de anpas adxudicatarias pode consultarse no Diario Oficial de Galicia.

O Goberno galego xa blindou o pasado ano estas axudas, concedendo o seu importe íntegro (553.000€), malia que en boa parte do curso 2019/20 non se prestou o servizo por mor da suspensión das clases presenciais. O incremento desta partida foi un compromiso adquirido pola Consellería, Educación e Universidade.

A convocatoria de axudas a anpas que xestionan comedores prestou especial atención aos sobrecustos que supuxo a pandemia. Neste sentido, o orzamento total dividiuse en dous conceptos: un dirixido ao custo diario do menú, mantemento, persoal e limpeza e aos gastos ocasionados pola contratación de pólizas de seguro para a prestación do servizos; e outro destinado a sufragar gastos relacionados coa covid-19 (máscaras, material de desinfección e protección, etc).

Para o cálculo da axuda tívose en conta, en ambos casos, a media de usuarios diarios do comedor escolar, e o seu importe poderá sufragar o 100% do gasto xustificado. Estas subvencións son compatibles con outras axudas para a mesma finalidade.