Extinguido o incendio de Vilariño de Conso-Chaguazoso e activos dous lumes en Muíños e Entrimo procedentes de Portugal e que afectan o Xurés

O lume de Vilariño de Conso afectou unha superficie de arredor de 40 hectáreas, todas elas de monte raso

Os dous incendios que afectan o Xurés entraron en territorio galego na pasada madrugada

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2022

A Consellería do Medio Rural informa de que o incendio forestal rexistrado no concello ourensán de Vilariño de Conso, parroquia de Chaguazoso, quedou extinguido ás 00,07 horas de hoxe.

Este lume iniciarase onte sábado ás 17,44 h. e, segundo as últimas estimacións, afectou arredor de 40 hectáreas, todas elas de monte raso. Para a súa extinción mobilizáronse 3 axentes, 6 brigadas e 1 motobomba.

Parque do Xurés

Por outra banda, permanecen activos arestora dous incendios que afectan o Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. Trátase dos localizados nos concellos de Muíños, na parroquia de Prado de Limia, e de Entrimo, na parroquia de Venceáns. Ambos proceden de Portugal e chegaron a territorio galego na pasada madrugada. Para o seu control, mobilizáronse polo de agora, en conxunto, 2 axentes e 2 brigadas.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Departamento:
C. del Medio Rural