A Xunta celebra que a superficie galega baixo instrumentos de xestión ou ordenación forestais aumentou un 65% desde 2018, pasando dunhas 233.000 hectáreas a máis de 385.000 ha
O DOG publica hoxe a orde de axudas de 2022 que destina máis de 6 millóns de euros a seguir facilitándolles aos propietarios que dispoñan dunha ferramenta técnica coa que organizar os seus recursos forestais e garantir unha xestión sustentable do monte
A convocatoria enmárcase no contexto de transición verde que establece o Pacto Verde e a nova Estratexia forestal europea, así como no cumprimento do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”
O prazo para presentar solicitudes será de 45 días hábiles contados a partir de mañá
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan en 2022 as axudas para apoiar a elaboración de instrumentos de ordenación ou xestión forestais. Cofinanciada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, a nova convocatoria conta cun orzamento de 6.010.000 euros para este ano e o vindeiro.
A nova convocatoria publícase tras constatar que a superficie galega baixo instrumentos de xestión ou ordenación forestais se incrementou un 65% desde o ano 2018. Deste xeito, pasou de roldar as 233.000 hectáreas ordenadas a superar as 385.000 ha no pasado exercicio grazas, en boa parte, ao impulso promovido por estas achegas, que se convocaran en 2018 e en 2020.
Así, a finalidade desta orde é facilitarlles aos propietarios que dispoñan dunha ferramenta técnica coa que organizar os seus recursos forestais e que garanta unha xestión sustentable do monte. Nesa liña, estes fondos permitirán subvencionar a redacción dos instrumentos de ordenación tales como proxectos de ordenación, documentos simples de xestión, documentos compartidos de xestión e as comunicacións de adhesión expresa a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas ou outros modelos de xestión forestal, como os sistemas silvopastorís.
Cabe destacar que as comunicacións de adhesión a modelos silvícolas ou de xestión forestal son imprescindibles para a realización de aproveitamentos forestais naqueles montes de menos de 15 hectáreas, mentres para o resto de montes o serán a partir do 31 de decembro de 2028. Polo tanto, existe unha necesidade de impulsar de xeito decidido este tipo de ferramentas que se adaptan ao tamaño destas propiedades e á súa intensidade de uso.
O prazo de presentación de solicitudes será de 45 días hábiles contados a partir de mañá, día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Asemade, e co fin de fomentar a certificación forestal, todos os instrumentos obxecto de axuda disporán do prazo dun ano -unha vez elaborados- para certificarse mediante, cando menos, un sistema internacionalmente recoñecido (ou dous anos, no caso de ser necesaria a avaliación de impacto ambiental).
Beneficiarios
Poderán beneficiarse destas achegas as entidades locais e as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda. Entenderase por titulares tanto propietarios como arrendatarios ou xestores dos montes ou terreos forestais e/ou dos seus aproveitamentos, que actúen mediante arrendamentos ou contratos plurianuais coa propiedade cuxo obxecto sexa inequivocamente a xestión do monte ou terreo forestal e/ou dos seus aproveitamentos.
En concreto, poderán ser beneficiarias as sociedades de fomento forestal, os propietarios particulares de forma individual, as asociacións e agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia, as cooperativas agrarias, os proindivisos, os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens, outras persoas xurídicas, as entidades locais e as comunidades de montes veciñais en man común que cumpran o establecido.
Cumprimento do Plan Forestal de Galicia
Con estas axudas tramitadas desde a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal cúmprese o disposto na Lei de montes de Galicia, que establece que os terreos forestais deberán dispoñer dun instrumento de ordenación ou xestión forestal. Desta forma, poténciase o desenvolvemento da potencialidade multifuncional dos montes nos seus valores económicos, sociais e ambientais.
Ao tempo, cúmprense os obxectivos fixados no Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica” que pretende ter, ao remate do seu período de vixencia, unhas 850.000 hectáreas de monte baixo con instrumentos de ordenación ou xestión forestal e de 650.000 hectáreas baixo sistemas de certificación forestal.
Ademais, cabe sinalar que estes instrumentos de ordenación promoven os servizos ecosistémicos, tales como o secuestro de carbono, a protección dos solos, da auga, o mantemento da biodiversidade ou a preservación da calidade paisaxística. Asemade, afondan na posta en valor e multifuncionalidade de todos os recursos forestais que provén os montes, como a madeira, a biomasa, a resina, os cogomelos, os pasteiros ou a cortiza, así como a creación das infraestruturas verdes e a execución das actuacións necesarias para a prevención contra os incendios forestais.