A Xunta multiplicou por 10 a superficie forestal con selo FSC no ano 2021, pasando de menos de 3.000 a máis de 32.000 hectáreas certificadas

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural reuniuse con membros da xunta directiva de FSC España para estudar as perspectivas de futuro respecto das superficies certificadas baixo este selo en Galicia

O Goberno galego acadou esta certificación forestal en 77 montes baixo a súa xestión, que suman 32.220 ha

Santiago de Compostela, 10 de febreiro do 2022

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, mantivo un encontro con membros da xunta directiva de Forest Stewardship Council (FSC) España, onde abordaron a actual situación deste selo de certificación en Galicia. Así, a Xunta multiplicou por 10 a superficie forestal certificada FSC en montes galegos durante o ano 2021, pasando de menos de 3.000 a máis de 32.000 hectáreas certificadas.
Tal e como resaltou o director xeral, o Goberno galego foi o responsable de aproximadamente a metade do crecemento de FSC en España nese período, tendo como obxectivo para o presente ano consolidar este crecemento co incremento de superficie baixo a certificación FSC. Así, Galicia sitúase como a terceira comunidade autónoma con máis superficie baixo este selo de garantía, onde 32.220 hectáreas se rexistran en 77 montes xestionados pola propia Administración galega.
Ademais, na reunión acordouse incrementar outras tipoloxías de certificación máis aló da xestión forestal, como son os servizos ecosistémicos de absorción de CO2 -actualmente a Xunta ten tres montes con este tipo de certificado- e biodiversidade, que se incorporará proximamente.
Deste xeito, a certificación forestal sostible garante -ao máximo nivel, a través dun dos dous sistemas de certificación más implantados a nivel mundial- que a xestión dos montes dos que provén esta madeira é respectuosa co medio ambiente, ao mesmo tempo que cumpren outras funcións ecolóxicas, económicas e sociais.
Na reunión estiveron a presidenta de Bosques sin Fronteras e presidenta de FSC España, Susana Domínguez Lerena, a administradora de Asefor, grupo galego de certificación forestal, Raquel González Pérez, acompañadas polo director executivo da entidade, Gonzalo Anguita Alegret e Silvia Martínez Martínez, responsable de políticas, estándares e proxectos.

Compromiso da Xunta

A xestión forestal sostible certificada por terceiros independentes é un camiño ineludible para os xestores de propiedades forestais de cara a xustificar ante a sociedade que as súas accións non soamente non danarán senón que mellorarán o estado dos nosos montes. Amais, a madeira e outros produtos obtidos de montes certificados garanten ao consumidor -a través do selo que figura neles- a súa sustentabilidade.
Así, esta iniciativa enmárcase nunha sociedade europea que se atopa en vías de descarbonización, coa vista posta nos retos e oportunidades que están a demandar o Pacto Verde Europeo e a transición á bioeconomía.
Nese contexto, preséntase como clave o potencial de ecomateriais substitutivos baseados na madeira -en sectores como a construción, os téxtiles, os produtos químicos ou o envasado- seguindo o principio de “Reconstruír de novo facéndoo mellor” (“Building back better” BBB).
Ademais, no marco do Plan forestal de Galicia 2020-2040 “Cara a neutralidade carbónica” apóstase por incrementar esta certificación nos montes galegos. Así, búscase acadar que unhas 650.000 hectáreas dispoñan da certificación forestal mediante calquera dos sistemas recoñecidos internacionalmente de aquí ao fin dese período.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural