O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria participou en Lugo na entrega do premio Aresa de desenvolvemento rural
A Xunta salienta a aposta pola calidade e a innovación como a vía de futuro para o sector primario galego
José Luis Cabarcos, que estivo acompañado do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, fixo mención á futura Lei de calidade alimentaria como un fito para o rural galego, que se suma a outras medidas da Xunta a prol do agro, entre as que puxo en valor a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, destacou hoxe que a aposta pola calidade “será o camiño para Galicia, para sobrevivir, para posicionarse e para ter un futuro de éxito no seu sector primario”. Vinculou ademais esta idea coa futura Lei de calidade alimentaria, unha norma que, salientou, “terá a innovación como referente”.
José Luis Cabarcos, quen estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou esta tarde na entrega do XXII premio Aresa de desenvolvemento rural, que tivo lugar no auditorio da Facultade de Veterinaria da USC na capital luguesa. Na súa intervención, o director da Axencia puxo en valor o compromiso da Xunta a prol do rural, que se manifesta con iniciativas como a Lei de recuperación da terra agraria, aprobada hai agora un ano, e a devandita norma sobre calidade alimentaria “que aprobaremos neste curso”. Ambas, sinalou, “son dous exemplos de todas as medidas, normativas, accións e traballo constante” que desde o Goberno galego se desenvolven para o rural da nosa comunidade.
Ademais, Cabarcos celebrou os vinte e dous anos de historia deste prestixioso galardón e trasladou os seus parabéns á Escola Familiar Agraria (EFA) Fonteboa, premiada nesta edición. Definiu este centro como “un lugar onde formarse, onde innovar, onde coñecer o rural e aprender a amalo”.
Neste contexto, o director resaltou que a formación, a innovación, a proximidade, a sustentabilidade e a investigación “son conceptos importantes, pero que non significan nada sen accións de todos e cada un”, é dicir, sen o compromiso persoal “de todas e todos”. A maiores, José Luis Cabarcos indicou que este premio recoñece “o compromiso de diferentes organizacións con Galicia e a boa compatibilidade entre o sector público e privado” que conflúen na consecución dun “prometedor futuro” para o noso rural”.