A Xunta chama á comunidade escolar a facer un último esforzo para incrementar a recollida de pilas na terceira edición do concurso ‘Pilabot’

As actividades desta campaña de reciclaxe de pilas entra na súa recta final, xa que resta unha semana para depositar estes refugallos e para que os escolares se inscriban no concurso artístico #EuSonPilabot

Un 40% dos centros participantes xa esgotaron o prazo de seis semanas para recoller pilas e foron capaces de recuperar 24 toneladas de pilas, acumuladores e baterías

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2022

A Xunta de Galicia fai un último chamamento á comunidade escolar para dar un novo impulso á recollida de pilas no marco da terceira edición do concurso Pilabot e recorda que tan só resta unha semana —ata o 31 de marzo— para pechar a recolección deste tipo de refugallos.

Un total de 150 centros de ensino galegos participan na actual edición desta iniciativa, que ten por obxectivo concienciar á mocidade galega sobre a importancia da reciclaxe de pilas, acumuladores e baterías en desuso, que son dos residuos máis contaminantes que se xeran nos fogares.

Na actualidade un 40% dos centros participantes xa esgotaron o prazo de seis semanas para recoller estes refugallos e —segundo os datos provisionais— foron capaces de acumular 24 toneladas. Non obstante, preto de 90 colexios aínda dispoñen de sete días para dar un novo pulo á recollida.

Cómpre recordar que os catro centros que consigan recuperar o maior volume destes residuos repartiranse 7.500 euros, divididos en catro premios e dúas categorías, que deberán destinarse á compra de material escolar e deportivo ou a organizar actividades educativas.

O certame Pilabot, posto en marcha pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en colaboración cos xestores de pilas autorizados na Comunidade —Ecopilas, ERP e Ecolec—, busca fomentar a reciclaxe de pilas entre a comunidade escolar e as familias do alumnado, ao tempo que se facilita información e recursos didácticos para promover actitudes positivas que preveñan os problemas de contaminación que poden ser derivados se non se xestionan de forma adecuada.

Unha das novidades da presente edición foi o concurso artístico #EuSonPilabot, dirixido á totalidade do alumnado dos centros participantes, que tamén se mantén aberto ata o 31 de marzo. Os interesados en participar deben enviar unha obra artística en formato imaxe (debuxo, fotografía, mosaico, etc.) inspirada na reciclaxe das pilas e orientada aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible 2030 da ONU. Este ano poderase participar en cinco categorías, correspondentes a cada un dos ciclos das etapas educativas de primaria e secundaria, e fixaranse cinco premios, que se outorgarán á mellor obra de cada categoría, as cales recibirán unha tablet.

Imaxes relacionadas