O programa Es-Mentoring permite asesorar e mellorar as estratexias de negocio de 20 entidades de economía social

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe en Santiago de Compostela na xornada de resultados desta iniciativa conxunta de Agaca, EspazoCoop e Xunta


O proxecto piloto dirixiuse a negocios cunha necesidade específica, que se atoparan nun momento de crise ou proceso de cambio e estiveran interesados en recibir orientación sobre como enfocar a situación


O orzamento da Consellería destinado en 2023 á economía social increméntase nun 21% ata chegar aos 42 millóns de euros
 

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2022

  A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe en Santiago de Compostela na xornada de resultados do programa Es-Mentoring, unha nova iniciativa piloto que impulsaron de xeito conxunto este ano Agaca, EspazoCoop e o departamento autonómico. Trátase dun programa dirixido a negocios que teñan unha necesidade específica: deben atoparse nun momento de crise ou proceso de cambio e estar interesados en recibir asesoramento sobre como enfocar a situación.

Deste xeito, Es-Mentoring permitiu na súa primeira edición que 20 entidades de economía social, lideradas por 27 persoas, recibiran orientación para, entre outros, potenciar as súas relacións de intercooperación e mellorar as estratexias de identificación e resolución de problemas.

En palabras de Lorenzana, o programa pon o foco na economía social e en todas as entidades que a conforman, tecendo unha rede colaborativa que permite ás entidades mentorizadas implantar melloras desde a experiencia e a aprendizaxe doutras empresas cunha ampla traxectoria nesta fórmula empresarial. “É unha actuación que debe consolidarse, xa que é moi importante para o crecemento das cooperativas”, indicou.

A titular de Promoción do Emprego e Igualdade sinalou que o apoio autonómico á economía social é “firme”, xa que se trata dun modelo de negocio que supón un 7% do PIB galego e ten un impacto económico anual duns 850 millóns de euros.

O orzamento da Consellería para 2023, deste xeito, incrementa o investimento para a economía social nun 21%, ata chegar aos 42 millóns, para continuar visibilizando esta fórmula, impulsando a creación de postos laborais e promovendo o traballo inclusivo a través da colaboración público-privada que, en palabras de Lorenzana, é clave para seguir avanzando na creación de emprego. O vindeiro ano, ademais, aprobarase a nova Estratexia galega da economía social 2023-2026 e seguirase a despegar por toda a xeografía galega a Rede de polos de emprendemento e de apoio ao emprego que tamén potencia a economía social como unha fórmula máis de éxito para emprender.

Para rematar, Lorenzana puxo en valor o papel que desempeñan Agaca e EspazoCoop para impulsar en Galicia este modelo do que asegurou que se basea “en principios de éxito” poñendo ás persoas no centro e aproveitando o seu talento.

Imaxes relacionadas