A Xunta habilita catro servizos directos de autobús co obxectivo de facilitar os desprazamentos a ‘Equiocio Ferrol 2024’
Crearase unha liña con catro expedicións, dúas de ida e dúas de volta, que funcionarán de xeito diario nos días do certame, do 1 ao 4 de agosto
A Xunta atende as demandas de mobilidade dun evento que acolle milleiros de visitantes en cada edición, reducindo os desprazamentos en vehículo privado e favorecendo a mobilidade sostible e segura
Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2024
A Xunta porá en marcha unha liña directa de autobús con catro servizos especiais para facilitar os desprazamentos ao certame Equiocio 2024 de Ferrol co obxectivo de garantir así unha accesibilidade óptima ao recinto e fomentar o uso de transporte público. O evento, que se celebrará do 1 ao 4 de agosto, prevé unha asistencia de milleiros de visitantes interesados no mundo da hípica.
En detalle, os novos servizos serán dous de ida e dous de volta cada día. Os servizos de ida partirán de Praza de Galicia ás 10,00 e 15,30 horas, chegando á Pedreira ás 10,30 e 16,00 horas, respectivamente. Pola súa banda, os servizos de volta sairán de Pedreira ás 16,00 e 21,00 horas, con chegada prevista á Praza de Galicia ás 16,30 e 21,30 horas.
Esta actuación da Xunta non só dará resposta ás necesidades de mobilidade dos asistentes ao Equiocio Ferrol 2024, senón que, unha vez máis, contribuirá á redución do tráfico nas estradas, favorecendo un transporte máis seguro e sostible, Deste xeito, o Goberno galego reafirma o seu compromiso coa seguridade viaria e a protección do medio ambiente.
As persoas usuarias poderán desfrutar dun evento que abrangue dende competicións ecuestres ata exhibicións e actividades de lecer para todas as idades sen preocuparse polos desprazamentos cun modo de transporte cómodo e eficiente como é o autobús.
A información relativa aos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.